- Biobibliografias:
- Por orde alfabética
- Por ámbitos de ocupación
- Busca libre:
Comisión de Igualdade
xenero@consellodacultura.org
+34 981 957 202
Indice alfabético
- abadesas de Sobrado de Trives
- Syra Alonso
- Amparo Alvajar
- Francisca Álvarez
- Amalia Álvarez Gallego
- Ángeles Alvariño
- Carme Alvariño Alejandro
- Nicolasa Añón Paz
- Antigas Galaicas
- María Araújo
- Concepción Arenal
- Xela Arias
- Carmen Arias ''Mimina''
- As espontáneas de San Xoán de Río
- As Marías: irmás Fandiño Ricart
- Felicia Auber
- María Balteira
- María Barbeito
- Dorotea Bárcena
- Rosa Bassave Roibal
- Beatriz Benavides
- Josefina Blanco Tejerina
- Maruxa Boga
- María Brey Mariño
- Begoña Caamaño Rascado
- María Cagiao
- Emilia Calé
- Juana Capdevielle
- Sofía Casanova
- María Casares
- María Castaña
- Placeres Castellanos
- Pilar Castillo Sánchez
- Beatriz de Castro
- Inés de Castro
- Rosalía de Castro
- Constanza de Castro
- Rosa María de Castro y Centurión
- Concha Castroviejo
- Micaela Chao Maciñeira
- Colectivo Feminista Independente Galego (CFIG)
- Carmen Cornes
- Clara Corral Aller
- María Corredoyra
- Maruxa das Cortellas
- Luisa Cuesta Gutiérrez
- María Antonia Dans
- As mulleres das Encrobas
- Filomena Dato
- María Dios
- Emilia Docet
- Joaquina Dorado Pita
- Ilduara Eriz
- Exeria
- Nieves Fariza Alonso
- Belén Feliú
- Rita Fernández Queimadelos
- Antonia Ferrín Moreiras
- Olga Gallego Domínguez
- Irene González Basanta
- Corona González Estévez
- Daría González García
- Grupo Saudade
- Ángeles Gulín
- Francisca Herrera
- María Antonia Iglesias González
- Xosefa Iglesias Vilarelle
- María Francisca de Isla y Losada
- Ana Kiro
- María do Carme Kruckenberg Sanjurjo
- Hortensia Landeira Pontijas
- Aurora e Manuela Liste Forján
- Andrea López Chao
- Rosa López Comunión
- Rita Amparo López Jeán
- Pura Lorenzana
- Maruja Mallo
- Marcela e Elisa
- María Mariño
- María Mazás
- Meigas
- Urania Mella
- Xulia Minguillón
- María Miramontes
- Anisia Miranda
- Monxas de Ramirás
- María Luz Morales
- María Victoria Moreno
- Francisca Morlán
- Movemento Democrático de Mulleres en Galicia
- Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid
- Mulleres na olería de Buño
- María Muñoz de Quevedo
- Carmen Muñoz Manzano
- Ofelia Nieto
- Pepa Noia
- Mercedes Núñez
- Antonia Ortiz
- Enriqueta Otero
- La Bella Otero
- Ernestina Elena Otero Sestelo
- María del Portal Panisse
- Emilia Pardo Bazán
- Pepa a Loba
- María Antonia Pereira de Andrade
- Narcisa Pérez Reoyo
- Elena Piñeiro Castro
- María Pita
- Rosa Pons i Fábregas
- Jesusa Prado
- Concepción Ramón Amat
- María Reguera
- Manuela Rey
- M.ª Dolores del Río
- Isabel Ríos
- Dolores Rodeiro Boado
- María Aurea Rodríguez
- Aurora Rodríguez Carballeira
- Hildegart Rodríguez Carballeira
- Carme Rodríguez de Legísima
- Mercedes Ruibal
- Ángela Ruíz Robles
- Concepción Sáiz Otero
- María Antonina Sanjurjo Aranaz
- Elvira Santiso García
- Mulleres no Seminario de Estudos Galegos
- María Soliña
- Marisa Soto
- María Tobío
- Urraca l de León e Castela
- Teresa Vaamonde Valencia
- Olimpia Valencia
- Avelina Valladares
- Maria Valverde
- Concha Vázquez
- Pura Vázquez Iglesias
- María Vázquez Suárez
- Juana María de Vega Martínez
- Engracia Vérez Puentes
- Mercedes Vieito
- Luísa Villalta
- Maruxa Villanueva
- Marisa Villardefrancos
- María Vinyals
- Isabel de Zendal Gómez
Ambitos de ocupación
Rosalía de Castro
"Mollo na propia sangre a dura pruma"
De “¡Silencio!”, Follas novas

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Doméstico
A poeta e narradora Rosalía de Castro é, con certeza, a escritora máis canónica da literatura galega. A súa canonicidade é o resultado dun proceso historiográfico que ten a súa orixe pouco despois da súa morte e que se veu prolongando de xeito ininterrompido até o presente. Aínda que, especialmente en Galicia, a apreciación crítica da súa obra se fundamente no inaugural Cantares gallegos (1863) e en Follas novas (1880), é tamén autora dos libros de poemas en castelán La flor (1857), A mi madre (1863) e En las orillas del Sar (1884).
Á súa traxectoria como poeta, cabe sumar a súa dedicación á narrativa, que non foi un empeño ocasional, senón continuado e en ocasións vinculado á práctica xornalística. Así o demostra a secuencia das novelas La hija del mar (1859), Flavio (1861), Ruinas (1866), El caballero de las botas azules (1867) ou El primer loco (1880), mais tamén a presenza no seu corpus de pezas breves, artigos e cadros de costumes como o hoxe desaparecido El Codio (1864), El Cadiceño (1866), El domingo de Ramos (1881), Costumbres gallegas (1881) e Conto gallego (1903) e doutras incursións prosísticas, como Lieders (1858) ou Las literatas (1866).
Malia o dito, e mesmo tendo en conta o valor dalgunhas edicións e estudos modernos das súas novelas e contos, a obra non poética de Rosalía de Castro segue a ser insuficientemente coñecida e valorada. Sen dúbida, contribuíu a iso a función atribuída á autora –en consonancia coa tendencia organicista do Romanticismo europeo- como “cantora” da alma popular galega. Debido á aplicación restritiva do criterio lingüístico na caracterización das literaturas nacionais, os autores bilingües do espazo ibérico viñeron adquirindo un estatuto en certa medida intersticial entre as diferentes culturas da Península. No caso de Rosalía de Castro, o seu carácter bilingüe semella situala na fronteira entre dúas tradicións literarias. Mais a diferenza de que acontece con outros autores bilingües do século XIX, na súa produción non sempre se verifica unha relación entre a lingua e o xénero literario. Como estamos a ver, escribiu a maioría da súa obra poética en lingua galega e a maioría da súa obra narrativa en lingua castelá, pero pezas como o poemario En las orillas del Sar ou Conto gallego operan como contraexemplos elocuentes do dito.
O propio percurso biográfico de Rosalía de Castro debúxaa como unha muller en tránsito entre distintos espazos sociais, culturais e xeográficos. Como escritora foi quen de cultivar xéneros tan diversos como o teatro, a novela, o ensaio, o manifesto, o conto ou o artigo. Ademais, a súa obra testemuña a recepción da literatura galega, hispánica, europea e americana da época e a súa familiaridade con modas literarias de carácter internacional como o romanticismo, a literatura fantástica, o naturalismo e o realismo, o simbolismo, o dandysmo ou o gótico. Ao carácter dialóxico e plural da súa traxectoria como escritora, habería que sumar outras tensións identitarias. Entre elas, os conflitos derivados da súa posición como muller que tenta dedicarse á escrita profesional, a súa complexa adscrición ideolóxica e/ou de clase. En relación con este último parámetro resulta moi elocuente, e case un símbolo en si mesma, a súa complexa xenealoxía familiar. A orixe familiar da escritora vincúlaa, en efecto, con dous estamentos (a Igrexa por parte do pai e a aristocracia pola banda materna) que houberon de xogar un papel determinante no tránsito do Antigo Réxime á sociedade moderna. Podería afirmarse que a totalidade da súa produción escrita está cruzada por tensións coma estas, ás que adoito a autora deu resposta dun xeito sorprendente, sobre todo se temos en conta as coordenadas sociais da época.
Resulta asemade moi significativo o pouso que deixaron na súa obra as constantes mudanzas de residencia e as viaxes, tanto pola xeografía galega (viviu coa súa nai en Padrón e en Santiago, e con Murguía na Coruña e quizais en Lugo) como polo resto do Estado (Madrid, Simancas). Estes desprazamentos, e especialmente os que a afastaron de Galicia, determinaron en boa medida, ademais, a interpretación posterior de elementos como a expresión da “morriña” ou da “saudade”. Ao mesmo tempo, a apropiación destas chaves de lectura por parte das comunidades galegas emigrantes –do que resulta moi elocuente o feito de que Follas novas fose patrocinado pola Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia na Habana-, reforzou notablemente a súa interpretación como a poeta da emigración galega.
Mais non cómpre esquecer que a representación de América na súa obra non emana só da incorporación do tipo do emigrante na poesía, senón tamén da emerxencia de personaxes, relativamente insólitos na narrativa daquela altura, como o traficante de escravos de La hija del mar, a poetisa crioula de El caballero de las botas azules, os indianos de El Cadiceño ou o ianqui de El primer loco. Todos estes elementos, aos que cumpriría sumar o que Edward Said denominou orientalismo (moi presente en La hija del mar, Flavio e El caballero de las botas azules), informan da pertinencia de lecturas en clave transatlántica e poscolonial. Así mesmo, inciden na pertinencia de adscribir a obra de Rosalía de Castro ao contexto dunha literatura global emerxente, da que en ningún caso é posible desatender o seu compoñente comercial e os conflitos en que o novo estatuto da literatura impresa situou aos profesionais da escritura. Aspectos coma os sinalados prometen deitar luz, nos vindeiros anos, sobre a interpretación do complexo corpus da autora.
Considerada pola historiografía literaria galega como a poeta máis relevante do Rexurdimento, a capacidade de Rosalía de Castro para representar a totalidade da nosa cultura deu pé a un relato case mítico sobre o seu estatuto de nai fundadora. A condición canónica da autora chegou mesmo a lle valer un tratamento relixioso por parte do ámbito cultural –foi denominada “Santiña” polos pais do galeguismo, e o poeta portugués Teixeira de Pascoaes, dirixiuse a ela coa invocación inequívoca de “Nossa Senhora da Saudade e da Melancolia”. Este tratamento atópase en aberta contradición co sentido da súa obra, anticlerical no seu ataque á institución católica e heterodoxo no ámbito das crenzas relixiosas, como o demostran moitos poemas e pezas como “El domingo de Ramos” e “Costumbres gallegas”. Aínda así, permite ilustrar o xeito en que a conformación da imaxe social da escritora se atopa a miúdo moi afastada do que cabe deducir da análise dos documentos literarios e históricos.
A este respecto, resulta ben revelador que aínda non dispoñamos dunha biografía canónica nin dunha edición crítica definitiva do total da súa produción. Grazas ao traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, nos últimos anos avanzouse no esclarecemento dalgúns aspectos antes escuros da súa vida, tales como as circunstancias do seu nacemento, a relación con seu pai e con súa nai, a polémica derivada da publicación de El Codio ou a súa primeira vocación de actriz. No que atinxe ao coñecemento da biografía da autora, cumpriría ter moi en conta a pegada que na súa formación intelectual houbo de desempeñar a súa primeira mocidade en Santiago de Compostela, onde trabou relación cos círculos do Liceo de la Juventud, activamente implicados en acontecementos tan decisivos como o Banquete de Conxo.
Casada desde o ano 1858 co escritor, político e historiador galego Manuel Murguía, en Madrid os dous frecuentaron aos intelectuais, escritores e políticos comprometidos coa democracia revolucionaria, moi activa no Estado español durante o decenio anterior á Revolución liberal de 1868. Xa de volta a Galicia, e debido á destacada posición de Murguía como líder intelectual do Rexurdimento, a recepción da súa obra viuse sometida ás fortunas e infortunios do provincialismo e do rexionalismo. Pouco antes do seu matrimonio, Murguía publicara no xornal La Iberia unha recensión sobre La flor, a obra prima de Rosalía de Castro. E, como é sabido, na fin da vida dela, dedicaralle dous capítulos do seu ensaio Los precursores (1885). Neste libro, colección de descricións dalgúns dos membros da xeración de 1854, Murguía concederalles moita máis entidade ás obras poéticas de Rosalía que ás narrativas e, dentro das primeiras, ás escritas en lingua galega. Outra proba da función activa de Manuel Murguía na fabricación da imaxe literaria da autora é a súa participación activa na reedición de En las orillas del Sar (1909), con notables variacións que afectan, entre outros aspectos, o contido relixioso do poemario.
Aspectos como os comentados permiten comprender mellor o lugar sensible ocupado pola autora no campo cultural e político da Galicia decimonónica, así como o feito de que as inimizades políticas de Murguía fosen con frecuencia transferidas á interpretación da obra de Rosalía por parte dos axentes culturais non vencellados ao Rexionalismo. Informa inequivocamente disto o célebre “Discurso sobre la poesía regional gallega” de dona Emilia Pardo Bazán, pronunciado no acto de Homenaxe que o Liceo de Artesáns da Coruña organizou en 1886, pouco despois de finada Rosalía. A peza de Pardo Bazán inaugura o proceso de canonización de Rosalía de Castro, pero tamén constitúe o punto de partida de certas deformacións interpretativas que afectaron á obra rosaliana até épocas máis ou menos recentes. Así, entre Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880), Pardo Bazán posiciónase claramente a favor do primeiro, por entender que o seu ton popular e a súa temática campesiña se compadecerían mellor coas aspiracións da literatura rexional. En cambio, o intimismo, o carácter elexíaco e a orientación conceptual do segundo non atoparían, segundo Pardo Bazán, acomodo na literatura de expresión galega. Contrariamente a esta posición, desde o século XX na crítica galega prevaleceu a apreciación das Follas novas sobre os Cantares gallegos, frecuentemente ao fío do postulado dunha caste de preexistencialismo ontolóxico no poemario. Desde comezos do século XXI, o rosalianismo está a emprender un proceso de actualización crítica dos Cantares, reavaliando a súa contribución á construción discursiva da paisaxe galega, tal e como amosan algunhas das investigacións recollidas no libro colectivo Rosalía XXI (2008). E, neste esteiro, resulta obrigado facer mención de proxectos de tradución anovadores como o da poeta canadense Erín Moure (2013), xurdido ao fío do sesquicentenario da publicación.
O proceso de conversión de Rosalía de Castro en “representante” dun suxeito colectivo verifícase cando menos en tres planos: a) o nacional-identitario, claramente predominante no campo literario galego debido á importancia do nacionalismo na articulación das formacións culturais da periferia europea (Pilar García Negro, Francisco Rodríguez); b) o do xénero, que a situaría na órbita das primeiras profesionais da escritura na España decimonónica (Kathleen March, Carmen Blanco, Lou Charnon-Deutsch); e c) o sociolóxico ou de clase, que a convertería en portavoz dunha colectividade marxinal á que na súa obra denomina con frecuencia “os desherdados” (Xesús Alonso Montero, Catherine Davies). A partir da segunda metade do século XX, as tradicións interpretativas derivadas destas chaves entraron en tensión (sobre todo o nacionalismo e o feminismo), aínda que non faltan tampouco visións que tentan conciliar as tres perspectivas.
Sen dúbida, o principal punto de inflexión na bibliografía contemporánea sobre a autora é o “Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo”, organizado en colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura da Galega (Santiago de Compostela, 15-20 de xullo de 1985). Editadas ao ano seguinte, as Actas conteñen achegas moi valiosas para o estudo da súa obra poética e narrativa, así como para a análise do campo histórico, sociolingüístico e político no que a autora desenvolveu a súa produción literaria. Até o ano 1993, o amplísimo corpus de estudos sobre a obra de Rosalía de Castro é accesible nun repertorio bibliográfico elaborado por Andrés Pociña e Aurora López (1991-1993). Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (2002) contribuíu a actualizar o catálogo con todas as publicacións producidas entre 1999 e 2002.
Nos últimos anos, produciuse unha crecente internacionalización do interese crítico por Rosalía de Castro, do que constitúen notables precedentes, no campo académico, autores como Machado da Rosa, Claude Poullain, Stevens Shelley, Kathleen Kulp, Catherine Davies, Susan Kirkpatrick e Kathleen March. Desde comezos do século XXI, unha nova xeración de especialistas nos estudos galegos traballan no Reino Unido. Entre elas, cómpre aludir aos traballos de Helena Miguélez sobre a obra de Rosalía de Castro no contexto dos debates decimonónicos sobre a muller galega, os de Olga Castro sobre as traducións de Rosalía de Castro ao inglés ou ás investigacións de Kirsty Hooper sobre as viaxeiras inglesas por Galicia. Como no caso de Annette Meakin ou da antropóloga e fotógrafa Ruth Mathilda Anderson, en realidade estas viaxeiras foron as primeiras difusoras internacionais da obra de Rosalía.
Queda aínda moito por pescudar no eido das relacións literarias de Rosalía de Castro, tanto no que atinxe á súa amizade con outros escritores galegos e españois (Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Ventura Ruiz Aguilera, Roberto Robert, Gustavo Adolfo Bécquer, Gertrudis Gómez Avellaneda ou Fernán Caballero...) como no que garda relación coa pegada da literatura de ámbito global na súa obra. Unha análise detallada da sociabilidade literaria de Rosalía de Castro permitiría comprender mellor o carácter deliberadamente metaliterario da súa produción. Tanto o seu epistolario como os testemuños murguianos e a consulta do Fondo Gala da Real Academia Galega permiten documentar con detalle a súa recepción de Wolfgang Goethe, Edgar Allan Poe, E. T. A. Hoffmann, Lermontov, Fernán Caballero, Germaine de Staël, Rousseau, Voltaire e George Sand. Na reconstrución da súa biblioteca habería que contar, ademais, con fontes historiográficas como Eugène Léotard e fontes políticas como o anarquista Proudhon (traducido ao castelán polo amigo catalán de Rosalía de Castro Roberto Robert), ademais das derivadas da Internacional Socialista.
Moitos dos poemas de Rosalía de Castro (especialmente os de
A interpretación de El caballero de las botas azules como sátira literaria, e o seu propósito socialmente reformador, fixérona merecente de case tantas aproximacións críticas como a obra poética da autora. Nos últimos anos, proliferan os posicionamentos que atopan na novela de Castro un interese polo funcionamento comercial e pola socioloxía da lectura, aspectos considerados por Pierre Bourdieu como unha das cuestións fundamentais para a comprensión da literatura do século XIX. Publicada case ao mesmo tempo, e en certo sentido o seu reverso, a novela Ruinas despraza o foco da capitalidade madrileña ao ámbito periférico. O libro contextualiza, no marco das peculiaridades locais, as problemáticas arredor da emerxencia de novas linguaxes e valores asociados á Modernidade. Entre eles, e dun xeito que fai pensar inevitablemente na obra do coetáneo Charles Baudelaire, os que atinxen ao ámbito da moda. E a corrente de alusións literarias non se deterá até El primer loco (1881), a súa derradeira novela, que resulta moi reveladora do diálogo contraído pola autora coas obras do alemán Hoffman ou do estadounidense Poe, sobre todo nos conceptos de “estrañeza”, “terror” e “fantasía”. Todos estes elementos confirman, en suma, o diálogo intenso e frutífero da obra rosaliana coa modernidade literaria máis radical.
![]() ![]() |
Autor/a da biobibliografía: Grupo de investigación Rosalía de Castro (2008)
Extras de Rosalía de
“Lieders”
“Las literatas. Carta a Eduarda”
“Prólogo” de La Hija del mar
Escolma de textos de Rosalía de Castro
Extras sobre Rosalía de
Velada-homenaxe solemne
Fragmento de Women Poets of Spain. 1860-1990
POZO GARZA,L. Diálogos con Rosalía.
Selección de poemas dedicados
No centenario da morte de Rosalía de Castro, o xornal Faro de Vigo publica un monográfico dedicado a escritora. Interveñen na súa elaboración Carmen Blanco, Manuel Moldes, Clodio González Pérez e A.T.R. (13-7-1985).
No centenario da morte de Rosalía de Castro, o xornal La Voz de Galicia publica un monográfico dedicado a escritora e coordinado por Arturo Lezcano. Interveñen na súa elaboración Mauro Armiño, M.A., Fermín Bouza Brey, Dionisio Gamallo Fierros, Ángel López, Basilio Bernárdez e Mario Couceiro (18-7-1985)
Documentos históricos
-
“La Precusora”
-
“Unha afirmación inxusta”
-
Rosalía
-
Ano conmemorativo do centenario do pasamento de Rosalía de Castro
Novas achegas
-
“Rosalía de Castro: a inauguradora da modernidade galega
-
‘Señores da terra e fillas do mar: o feminismo de Rosalía de Castro’.
-
Flavio ou a democracia feminina
Video...
Multimedia...
- Maio longo
- A xusticia pola man
- Airiños, aires
- Rosalía 1: Maruxa Villanueva recitando a Rosalía
- Negra sombra
- Rosalía 2: Maruxa Villanueva recitando a Rosalía












Ligazóns...
- Achegas ao libro Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, Icaria, 2012.
- Rosalía de Castro na mediateca do CCG
- Rosalía de Castro no portal culturagalega.org
- Web da Fundación Rosalía de Castro
- Catálogo da biblioteca da USC
- Cervantes Virtual. (numerosos documentos sonoros)
- Biblioteca Virtual Galega
Bibliografía...
- DAVIES, C., "Rosalía de Castro. Criticism 1950-1980: the Need for a New Approach", Bulletin of Spanish Studies, LX, nº 3, p. 211-220.
- VV.AA.: Actas do congreso de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, Universidade, 3 v.
- LÓPEZ, A. E POCIÑA, A., Rosalía de Castro. Documentación biográfica y bibliografía crítica (1837/1990). A Coruña, Fundación Barrié, 3 v.
- LÓPEZ, A. EPOCIÑA, A., "Notas sobre a pervivencia e difusión da obra rosaliana, edicións e traduccións de Rosalía dende 1991 a 1998", en RODRÍGUEZ, J.L. (ed.), Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia, Universidade, p. 619-638.
- ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA, V., "Bibliografía rosaliana 1999-2002", Revista de estudios rosalianos, 2, p. 179-235.