culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Juana Capdevielle

A activa e brillante intelectual republicana Juana Capdevielle, paseada en 1936.



Madrid 1905 - Monte da Gándara 1936

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Investigación / Científico

Juana Capdevielle San Martín naceu en Madrid o 12 de agosto de 1905 no seo dunha familia de pai francés. Fixo estudos de ensinanza media en Pamplona, onde destacou xa pola súa intelixencia. Con posterioridade cursou Filosofía e Letras en Madrid e entrou a formar parte do corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios. Tamén na capital madrileña exerceu a súa profesión na Facultade de Filosofía e Letras e no Ateneo, onde potenciou a cooperación entre ambas institucións. Como bibliotecaria universitaria gozou dunha licenza de estudos para pasar catro meses en Francia, Bélxica, Suíza e Alemaña.

Foi tesoureira da Asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos e colaborou como vogal nos traballos de preparación do II Congreso Internacional de Bibliotecas y Bibliografía, celebrado en Madrid e Barcelona do 20 ao 30 de maio de 1935, no que ela mesma presentou un relatorio sobre as bibliotecas de hospital con intelixentes e humanitarias aportacións derivadas das súas prácticas voluntarias nese medio. Así mesmo, participou nas Primeras Jornadas Eugénicas Españolas de Genética, Eugenesia y Pedagogía Sexual, que tiveron lugar en Madrid en 1934 e contaron con intelectuais como Roberto Nóvoa Santos, Pío Baroja, Ramón J. Sender ou Hildegart. A súa conferencia versou sobre o problema do amor no ambiente universitario e nela rebateu as teorías de Nóvoa Santos e Sender, ao tempo que expuxo unha concepción do amor asentada sobre os postulados da valentía e da sinceridade, da liberdade e da consciencia que caracterizan a súa sinxela e forte personalidade.

Con esta traxectoria de muller culta e progresista, vencellada formativamente a José Ortega y Gasset, de quen foi alumna, e a María Zambrano, de quen foi compañeira de estudos, casa polo civil en Madrid o 23 de marzo de 1936 con Francisco Pérez Carballo, brillante profesor universitario e político de Izquierda Republicana. Ao mes seguinte o seu home foi nomeado gobernador civil da Coruña e o matrimonio trasladouse a Galicia.

Cando tivo lugar o levantamento militar, permaneceu xunto ao seu home ata o 20 de xullo, día en que se prepara a digna resistencia do goberno civil. Ela, debido ao seu embarazo, refúxiase na casa dos López Abente, onde a manteñen incomunicada co exterior. O 24 de xullo foi asasinado o gobernador e, con posterioridade e sen ter coñecemento do feito, chamou ao goberno civil para ter noticias súas, facilitando deste modo ao inimigo o seu enderezo baixo o engano de que a irían buscar para levala xunto ao seu marido. Así foi detida e encarcerada na Coruña. A primeiros do mes de agosto saíu do cárcere coa prohibición de permanecer na Coruña e foi recollida en Vilaboa (Culleredo), na casa do deputado de Izquierda Republicana Vitorino Veiga. Aí recibiu o 18 de agosto a orde de deportación que non lle deu tempo a cumprir, pois esa mesma noite foi buscala a Garda Civil e á mañá seguinte apareceu o seu cadáver no Km. 526 da estrada Madrid-A Coruña, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (Lugo).


Obra de Juana Capdevielle
 
CAPDEVIELLE, J., "El problema del amor en el ambiente universitario" , en NOGUERA, E., HUERTA, L. (dir.), Libro de las Primeras Jornadas Eugénicas Españolas. Genética, eugenesia y pedagogía sexual, Madrid, Javier Morata, 1934, v. II, p. 274-292.

CAPDEVIELLE, J., "Bibliotecas de hospital" extracto en GASCÓN GARCÍA, J. "El congrés de l´IFLA de 1935 (Madrid, Barcelona, etc.): història i textos", Item. Revista de Biblioteconomía i Documentació, 12 (Gener-Juny 1993), p. 37-61.


Autor/a da biobibliografía: Carmen Blanco (2006)

Extras sobre Juana

j_capdevielle_01.jpg
j_capdevielle_01.jpg
j_capdevielle_02.jpg
j_capdevielle_02.jpg

Ligazóns...

Untitled Document