culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Isabel de Zendal Gómez

A primeira enfermeira de saúde pública internacional


Autora do retrato de Isabel de Zendala: Marije Díaz
A Coruña -

Ámbitos de ocupación...
Docente
Doméstico
Médico / Sanitario

Son escasos os datos rexistrados sobre esta muller, incluso existen diverxencias documentais no que se refire ao seu verdadeiro nome. Aparece como Isabel Sendalles e Isabel López Gandaría en diferentes documentos da época. Non se ten constancia tampouco do ano do seu nacemento nin do lugar exacto onde morreu.

Os únicos testemuños documentais que fan referencia a Isabel son os relacionados coa súa participación na Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola. Foi a única muller que fixo parte desta empresa e, a pesar de constituír un dos piares esenciais no desenvolvemento e éxito desta expedición, é a grande esquecida nunha historia escrita por e para homes.

A comezos do século XIX, a enfermidade da varíola era unha das epidemias máis virulentas e terribles que afectan a toda a humanidade. Neste contexto, exactamente o 30 de novembro de 1803, prodúcese un dos feitos máis importantes da saúde pública a nivel mundial, a Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola. Foi alentada e patrocinada por Carlos IV e dirixida polo médico alacantino Francisco Javier Balmis. Tal expedición ten o obxectivo de levar a vacina ás colonias españolas en América. Parte do porto da Coruña a bordo da corveta María Pita, conta cun equipo médico e con 22 crianzas expósitas do hospicio da Coruña, no que Isabel ocupaba o cargo de reitora.

A vacina foi transportada nos brazos destas 22 crianzas, denominadas na época como «niños vacuníferos», de entre 8 e 10 anos, que, formando unha cadea humana de vacinación brazo a brazo, mantiveron con vida o virus sen que este perdera o seu poder profiláctico.

O papel de Isabel nesta expedición de saúde pública, a máis extraordinaria de toda a historia de humanidade, foi crucial e definitorio para o seu éxito. O seu traballo comezou coa selección das 22 crianzas, que inicialmente participarían nesta viaxe, tendo especial coidado de que estas non padecesen ningunha enfermidade e presentasen as suficientes características físicas para asegurar o éxito da expedición. Isabel deixa a súa ocupación na casa de expósitos da Coruña para acompañar estas crianzas na expedición, responsabilizándose do seu coidado e atención. Xa en América, Isabel tamén será a encargada da elección e coidado dos nenos e nenas que se foron incorporando á cadea humana da conservación da vacina.

O seu gran labor sanitario foi eloxiado con frecuencia polo Dr. Balmis e pódese constatar a través de testemuños escritos como o que segue:

A reitora, que con excesivo traballo e rigor dos diferentes climas percorridos, perdeu completamente a súa saúde, infatigablemente día e noite derramou todas as tenruras da máis sensible nai sobre os 26 anxos que ten ao seu coidado, do mesmo xeito que o fixera na Coruña, e en todas as viaxes tenos atendido de calquera mal e enfermidade.

No transcurso da viaxe, a opinión de Isabel sobre o doutor tórnase ben diferente:

Estaba desesperanzada, cansada da envidida dos funcionarios que obstaculizaban o noso labor; enfastiada da importancia que se daba a si mesmo o noso director, quen confundía a vacina coa súa propia estima.

Ademais do antedito, existen documentos escritos por Isabel (máis concretamente o seu diario persoal) que evidencian a súa capacidade crítica respecto das formas en que se levou a cabo a expedición, especialmente as adoptadas polos médicos unha vez comprobado o seu éxito nos primeiros territorios. Desde o momento en que intúe o negocio que se estaba a xerar arredor da vacina, Isabel manifesta a súa desconformidade coa falta de altruísmo e espírito caritativo da expedición. Dá conta, ademais, dos abusos dos que son obxecto as crianzas; unha vez cumprido o fin para o que foron elixidas, deixan de ter interese para os responsables da expedición. Este tipo de posicionamentos permiten definir a Isabel como unha muller valente, aventureira, atrevida, ousada e rexia.

Isabel nunca retornou desta expedición e suponse que morreu en México. Curiosamente, neste país o premio ao mérito en enfermaría instituído polo Goberno leva o seu nome e apelidos desde 1975. Este galardón é o máis alto recoñecemento ao que pode aspirar calquera profesional da enfermaría en México.

Máis unha vez, topámonos cunha mostra de recoñecemento internacional dunha muller totalmente esquecida na historia de Galiza, a pesar de ser este o seu país natal.



Autor/a da biobibliografía: Ester Mariño Costales (2008)

Extras sobre Isabel de

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document