culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Constanza de  Castro

A filla rebelde do Mariscal Pardo de Cela


Autora do retrato de Constanza de Castro: Zelia García Parra
Probablemente no actual concello de Alfoz. 1454 - Castelo de Vilaxoán ou Caldaloba, parroquia de San Martiño de Pino. 1485

Ámbitos de ocupación...
Político - Institucional

A semellanza da do seu pai, a vida de Constanza de Castro é un mundo de incógnitas difíciles de resolver. Aínda así, abondan as certezas que dela temos para lle facer un espazo na galería de mulleres singulares de Galiza.

Filla de Pedro Pardo de Cela, o Mariscal, e de Isabel de Castro, era neta por vía materna de don Pedro Álvarez Osorio e de dona Beatriz de Castro, condes de Lemos, e bisneta do Duque de Arjona. Foi descendente de reis, de Mestre de Santiago, de Condestable de Castela e do conde de Trastamara, así como parente do rei don Fernando e de Isabel a Católica.
Casou Constanza de Castro en primeiras nupcias con Galaor Osorio. O conde de Lemos refírese a el como primo na cesión que lle fai en 1460 da vila de Castro de Rei pola súa vida e a dun fillo, «en calidade de feudo e de servilo coa súa xente, para que casase con Constanza, filla de Pedro Pardo de Cela, e declarou Galaor que aos dous meses de casado llo volvería porque só se trataba de que casase con mellor partido», como informa Amor Meilán. Mais son moitos os autores que colixen que era fillo bastardo do conde, polo tanto tío da filla do Mariscal. Sempre estará de parte do conde, mesmo en contra da causa do sogro, tal como aconteceu cando este apoiou a Fernán Díaz de Ribadeneira, home da súa filla Beatriz, na construción do castelo de Sobrada de Aguiar en Outeiro de Rei. Pola oposición do conde de Lemos, prodúcese unha loita armada en que o Mariscal é feito prisioneiro polo propio xenro. Nada se sabe da postura adoptada por Constanza, mais podemos supoñer as dificultades do seu matrimonio, que, pola vía que fose, foi disolvido. O arquivo da Casa de Alba garda o testamento outorgado por Galaor Osorio en Ponferrada o 13 de maio de 1480, no que fai referencia á cesión que lle fixera o conde de Lemos das terras de Castro de Rei por mor de que casara coa filla do Mariscal e dá a orde de que, tras a súa morte, lle sexan restituídas ao devandito conde. Pardo de Guevara sinala a posibilidade de que, xa de idade avanzada, abrazara o estado relixioso na década dos noventa; porque un homónimo seu, vinculado á Casa de Lemos, figura como arcediago do Bierzo, na igrexa de Astorga.
En segundas nupcias Constanza de Castro casa co seu sobriño Fernán Ares de Saavedra. Este era fillo de don Ares Vázquez de Parga e de dona Constanza López de Saavedra, sobriña esta última do Mariscal. Con el tivo unha filla, Constanza de Saavedra, que había casar con don Pedro de Miranda. Dela descende a maioría da nobreza galega.

Axustizado o Mariscal o 17 de decembro de 1483 tras unha longa resistencia fronte aos mandados dos Reis Católicos, a súa dona, Isabel, e mais Beatriz, a outra filla, emprenderon toda unha serie de accións legais para recuperar os bens de que foran desposuídas. Dona Constanza decidiu apoiar o seu home, continuando a loita iniciada polo seu pai. Na torre do Castelo de Vilaxoán, tamén chamado Caldaloba, resistiron o asedio de Diego López de Haro un ano máis ou menos. Cegados os mananciais que abastecían o castelo, beberon a auga contaminada dun alxibe e enfermaron todos. Dona Constanza morreu e Fernán Ares foi ferido pola pedra dun trabuco. El e os seus homes serían axustizados de non mediar Diego de Andrade. Como outros nobres galegos, salvou a vida a cambio de ir loitar contra os mouros en Málaga.

Cómpre non caer no erro bastante divulgado (por exemplo, nos perfís de Constanza de Castro publicados na Wikipedia ou en Pangalaica) de identificar a filla do Mariscal cunha homónima súa e contemporánea, a Beata Constanza de Castro, soterrada no convento de San Francisco en Viveiro. Esta estivo casada con Rui Díaz de Andrade, señor de San Pantaleón das Viñas (Betanzos), morto na toma de Granada.


Autor/a da biobibliografía: Marica Campo (2010)

Extras sobre Constanza de

constanza_de_castro_1.jpg
constanza_de_castro_1.jpg
constanza_de_castro_2.jpg
constanza_de_castro_2.jpg
constanza_de_castro_3.jpg
constanza_de_castro_3.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document