culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

As mulleres das Encrobas

Lembranzas das movilizacións das Encrobas



As Encrobas 1975 - As Encrobas 1979

Ámbitos de ocupación...

No ano 1975 iniciouse na parroquia rural das Encrobas, situada no concello coruñés de Cerceda, un conflito agrario que, polo significado que acadou no contexto da fin do franquismo e dos primeiros momentos da transición democrática española, tivo unha gran repercusión en Galicia. Nel reflíctense as peculiaridades e características daquel momento histórico, cheo de expectativas de liberdade e transformación social, tamén en relación aos problemas específicos das mulleres.

A empresa eléctrica de orixe galega, denominada entón Unión Fenosa, pretendeu explotar un xacemento de lignito pardo depositado no subsolo do val agrícola sobre o que se asentaba unha gran parte da poboación desta parroquia, que roldaba naquel momento os mil cincocentos habitantes. O procedemento elixido, de extracción a ceo aberto, esixía o desaloxo de aproximadamente catrocentas familias campesiñas ou “casas”, entendendo esta expresión no sentido específico que ten en Galicia: unidades produtivas dedicadas total ou parcialmente á agricultura e a gandaría sobre a base dunha pequena propiedade e do traballo dos e das súas membros, pertencentes nunha gran parte dos casos a tres xeracións.

Baseándose na declaración de interese público do proxecto, en xullo de 1975 o último Consello de Ministros presidido por Franco aprobou un expediente de expropiación forzosa para que a empresa, se non chegaba a acordos de compravenda cos afectados, puidese facerse cos terreos polo procedemento de urxencia.

Foron precisamente os enfrontamentos aos que deron lugar os intentos de ocupación dos terreos, fotografados e narrados polos periódicos con forte dramatismo, os que outorgaron protagonismo ás mulleres das Encrobas e suscitaron o apoio masivo da sociedade, que sería decisivo para o abandono do procedemento expropiatorio e a apertura de negociacións entre a empresa e as persoas afectadas. O último destes intentos de ocupación, que se prolongou durante toda unha fría mañá do mes de febreiro de 1977 e deu como resultado desmaios, agresións e detencións, ocupou portadas e páxinas interiores de varios periódicos e revistas, nas que podiamos ver mulleres situadas na primeira liña da resistencia, enfrontándose con decisión ao embate da Garda Civil.

O mundo urbano, politizado e intelectualizado, interpretaba aquelas imaxes desde os estereotipos idealizadores do mundo campesiño herdados da tradición nacionalista galega e asumidos tamén por un feminismo inxenuo propio daquela época. O protagonismo das mulleres das Encrobas era visto como unha expresión do “matriarcado” que algúns teóricos do nacionalismo presentaron como característico da sociedade galega tradicional, substrato básico da identidade de Galicia.

Un coñecemento máis profundo das claves da sociedade campesiña en xeral e da encrobesa en particular permite entender doutra maneira o protagonismo destas mulleres. Trátase dun “protagonismo de relevo” que se produce ante a ausencia do home e é perfectamente coherente co papel convencional de esposas, nais e coidadoras e co status subordinado e dependente con respecto á autoridade dos varóns.

Isto reflíctese con claridade dentro da “casa” e na xerarquía interna e distribución de papeis dentro da familia extensa. Nela, a estruturación do poder está marcada polo criterio xeracional, pola adscrición das mulleres ao espazo doméstico e dos homes ao público. O matrimonio máis vello “patróns” ocupa o cumio na xerarquía. Os homes representan a “casa” e correspóndelles a eles a toma de decisións sobre as cuestións económicas máis importantes relacionadas coa compravenda de terras ou gando. A cargo das mulleres estaban, ademais dos traballos domésticos cotiáns e a atención de crianzas, anciáns e doentes, os cultivos da horta e o coidado dos animais. A economía de subsistencia característica destas familias campesiñas facía que, en moitos casos, os homes buscasen traballos complementarios non agrícolas no exterior, mentres as mulleres asumían moitas das tarefas asignadas a eles.

No conflito das Encrobas o que estaba en xogo era a representación e defensa da “casa” e das propiedades no espazo público, algo que, en principio, lles correspondía aos homes. A presenza de moitas mulleres e anciáns nos enfrontamentos explícase polo feito de que os homes de moitas casas estaban cumprindo co seu horario laboral fóra da unidade doméstica. Ademais, situar as mulleres en primeira fila da resistencia no enfrontamento é unha estratexia que aproveita a representación machista delas como “sexo débil” e coa que se espera minimizar a forza represora da Garda Civil.

Esta interpretación do protagonismo das mulleres das Encrobas, oposta a calquera idea de matriarcado, non pode ir en detrimento do recoñecemento da súa valentía e da importancia do seu papel no conflito. Máis ben é esta interpretación a que permite atopar no seu exemplo as verdadeiras razóns que lexitiman as reivindicacións feministas de igualdade cos homes. Porque a súa loita foi un exemplo, coma tantos outros, da capacidade das mulleres de asumir e levar a cabo tarefas asignadas en exclusiva aos homes.

As mulleres das Encrobas demostraron esta capacidade non unicamente durante o conflito, senón tamén durante o longo período de convivencia coa minaría, que levou a que moitas familias mantivesen as explotacións como complemento ao traballo dos homes na mina. A articulación entre agricultura e industria mineira fíxose aquí grazas á capacidade de adaptación característica das unidades domésticas campesiñas e, de maneira fundamental, polo traballo das mulleres, na súa permanencia na casa e na continuidade, por tanto, do seu papel tradicional. Coma no pasado, a ausencia dos homes foi suplida pola atención delas ás tarefas máis urxentes e inaprazables e polo traballo compartido cando así o permitía o sistema de quendas na mina.

O traballo dos homes na mina converteuse na base fundamental das economías domésticas e gañou prestixio e recoñecemento. Un traballo que, segundo moitos recoñecen, representou para eles “unha oportunidade” e unha gran mellora respecto ás condicións económicas e laborais da agricultura, e ao que elas non puideron optar. Porque ao tempo que se recoñeceu que defenderon as terras “como homes”, ninguén pensou, nin sequera elas mesmas, que tamén tiñan a capacidade e o dereito a traballar coma eles na mina.



Autor/a da biobibliografía: Nieves Herrero Pérez (2011)

Extras sobre As mulleres

Video...

imaxe_228_01.jpg
imaxe_228_01.jpg
imaxe_228_02.jpg
imaxe_228_02.jpg
imaxe_228_03.jpg
imaxe_228_03.jpg
imaxe_228_04.jpg
imaxe_228_04.jpg
imaxe_228_05.jpg
imaxe_228_05.jpg
imaxe_228_06.jpg
imaxe_228_06.jpg
imaxe_228_07.jpg
imaxe_228_07.jpg
imaxe_228_08.jpg
imaxe_228_08.jpg
imaxe_228_09.jpg
imaxe_228_09.jpg
imaxe_228_10.jpg
imaxe_228_10.jpg
imaxe_228_11.jpg
imaxe_228_11.jpg
imaxe_228_12.jpg
imaxe_228_12.jpg
imaxe_228_13.jpg
imaxe_228_13.jpg
imaxe_228_14.jpg
imaxe_228_14.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document