culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Ana Kiro

Raíña da canción lixeira en galego; apaixonada vocación, rigoroso traballo



A Castañeda. Arzúa 1942 - Mera. Oleiros 2010

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Empresarial / Prof. Liberais
Musical

Con apenas dezaseis anos, María Dolores marchou clandestinamente a unha emisora en Sant Feliu de Llobregat para participar nun concurso de canto. Gañou. A ledicia foi inmensa, pero ao chegar á casa atopouse coa radio acesa, a súa roupa empaquetada e a súa nai ameazándoa con “partirlle as pernas”. A finais dos cincuenta, dedicarse “ao espectáculo” era un desexo impronunciable para a filla dun garda civil. Foi a primeira batalla dunha muller forte disposta a abrirse camiño por si nun contorno tan fondamente machista como a industria discográfica. Acadouno con inmenso éxito.

Ana Kiro, a menor de tres irmás, naceu na parroquia da Castañeda, Arzúa. Emigrou a Barcelona meses despois, pero aos seis anos enfermou de tuberculose e regresou á aldea para recuperarse lonxe da polución. Pasou un ano enteiro nesta zona, algo que deixou nela unha fonda pegada, ao aprender da súa avoa todas as tarefas dunha casa de labranza no rural galego.

De volta en Cataluña, casou aos dezanove anos, aos vinte foi nai e aos vinte e tres decidiu separarse, nunha época en que o divorcio era aínda unha entelequia. Atravesa severas dificultades económicas; traballa nunha tenda de roupa e vende xabóns a domicilio antes de, por fin, dedicarse á súa única vocación: cantar. Son inicios difíciles nos que procura persoalmente actuacións “onde se puidera” por todo o Levante ata que en 1966, xa Ana Kiro, firma contrato co selo Belter.

É a súa primeira etapa, inserida no movemento “ye-yé”, con temas como El Apartamento ou El ulelule. En 1969 participou no proceso de selección da canción de RTVE para o festival de Eurovisión. O xurado escolleu a canción que presentaba Ana, Vivo cantando, pero preferiu como intérprete a Salomé.
A principios dos setenta, incorpora ao seu repertorio unha canción popular das Rías Baixas con arranxos de Manuel Muñiz. As ovacións do público catalán fan que Ana considere gravala no seu próximo disco. Belter pon moitísimas reticencias; segundo lle din, incluír un só tema en galego dificultaría moito a difusión do disco. “Para eles é un negocio como outro calquera”, di, pero persevera e a industria claudica. Galicia Terra Meiga acabaría dando título ao LP completo e en 1974 vendería máis de 100 000 copias.

É un sinal que a leva a dar forma ao seu estilo inconfundible: a canción lixeira en galego, coa melodía como protagonista, apoiada nunha potente sección de vento-metal. Naquel momento a verbena popular mudaba radicalmente a súa fasquía, tras a represión cultural franquista e a chegada das orquestras amplificadas. Só ela, e en menor medida Pucho Boedo, sería pioneira en abrir un espazo para a nosa lingua nese difícil contexto dende formas musicais non tradicionais. Éxito entre o pobo, que a recibe cun forte sentimento de pertenza, e indiferenza entre a intelectualidade, que a despacha coa etiqueta da “folclorada”, a pesar de temas como Galicia Ceibe, no que denuncia que “aínda quedan moitos caciques, e temos que acabar con todos eles”.

Percorre a diáspora galega, onde a adoran a través das súas casetes. En Caracas o seu concerto reuniu 24 000 persoas. Na comunidade de Berna dicían que “só había Dios e Ana Kiro”. De volta a Galicia, “patea” o país festa por festa e convértese na raíña absoluta da súa disciplina artística. O seu público abrangue dende anciáns ata “drag-queens”, coas que intercambia perrucas e vestidos. Coñece a Carlos; “marido, representante e cociñeiro”, e funda a súa propia orquestra e selo.

Dende 1984 grava xa exclusivamente en galego, e lega algúns dos seus temas máis memorables: Galega traballadora, Arrastráche-lo cú polas pallas, A Banana ou Pídechas o corpo, imprescindible himno da comunidade homosexual galega. Entre os seus méritos cómpre incluír dende a tradución ao galego de clásicos como Toda una vida ou Something stupid ata auténticas reactualizacións das cantigas de escarnio, como A Santiago Pemán.

A súa presenza na TVG marca a súa madureza. Convértese na “madriña” de Luar. Faise cargo do “talk-show” Tardes con Ana, emitido entre 1999 e 2001, e proba como actriz varios cameos, ata protagonizar a serie A miña sogra e mais eu en 2004.

En 2010, un cancro apagou a súa voz, tras corenta anos de carreira, máis de trinta discos gravados e logo de recibir unha multitudinaria homenaxe na súa Arzúa natal.

DISCOGRAFÍA
Por última vez, Belter, Barcelona, 1967
Vivo Cantando (single), Belter, Barcelona, 1969
Galicia Terra Meiga, Belter, Barcelona, 1974
Recordando a Galicia, Belter, Barcelona, 1976
Canta o galego Manuel Muñiz, Olympo, Barcelona, 1978
A miña aldea, Olympo, Barcelona, 1978
Que digan misa, Olympo, Barcelona, 1979
Neno, neno, Olympo, Barcelona, 1979
Unha emigrante máis, Olympo, Barcelona, 1980
Galega traballadora, Oympo, Barcelona, 1982
A Bamba, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1988
Arrastráche-lo cú polas pallas, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1989
A flor do toxo, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1992
A Banana, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1994
Pídechas o corpo, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1995
Coa miña xente, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1996
Toda unha vida, Edita Ana Kiro, Oleiros, 1998



Autor/a da biobibliografía: Luís Miguel Alonso e Xabier Vieiro (2011)

Video...

gal_230_01.jpg
gal_230_01.jpg
gal_230_02.jpg
gal_230_02.jpg
gal_230_03.jpg
gal_230_03.jpg
gal_230_04.jpg
gal_230_04.jpg
gal_230_05.jpg
gal_230_05.jpg
gal_230_06.jpg
gal_230_06.jpg
gal_230_07.jpg
gal_230_07.jpg
gal_230_08.jpg
gal_230_08.jpg
gal_230_09.jpg
gal_230_09.jpg
gal_230_10.jpg
gal_230_10.jpg
gal_230_11.jpg
gal_230_11.jpg
gal_230_12.jpg
gal_230_12.jpg
gal_230_13.jpg
gal_230_13.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document