culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Rosa Pons i Fábregas

Por unha escola galega e catalá orientadas cara a Europa



Barcelona 1902 - Parada de Sil 1988

Ámbitos de ocupación...
Docente
Doméstico

O destino fixo que unha mestra catalá viñese destinada á Ribeira Sacra en 1925. Lonxe de ser un castigo, que a ditadura de Primo de Rivera lle trataba de impor polo seu catalanismo, acabou por ser un premio para Parada de Sil e unha nova patria para ela. Aquí casou, tivo crianzas, viviu a súa xubilación e foi enterrada. En 2009, recibiu unha homenaxe por parte do Concello, déuselle o seu nome a unha praza e promoveuse a edición dunha biografía que tiven a honra de escribir.

Resulta curioso encontrar un traballo tan renovador en anos anteriores á propia República. Mais Rosa Pons, nunha escola rural, pouco comunicada cos centros de poder e de control, puido pór en práctica, a mediados dos anos vinte, a mellor pedagoxía do momento, prohibida no Estado español, pero estendida por toda Europa e outros puntos do planeta: a pedagoxía da Escola Nova.

A súa formación na Escola Normal de Barcelona, pensada para un sistema educativo moderno, deulle unha bagaxe teórica e práctica para o exercicio da profesión, que, agás nalgúns casos de autodidactismo con experiencias illadas moi meritorias, non abundaba moito por Galicia. A súa foi unha experiencia renovadora que xerou entusiasmo nas nenas e na sociedade de arredor. Iso é o que fixo aínda máis meritorio o seu traballo.

A súa estadía en Galicia vaise prolongar ata 1933. E serán os anos que van desde 1925 ata 1928 os máis frutíferos da súa carreira profesional en Parada de Sil. Durante uns anos non temos noticias súas, pero reaparece en 1932 e 1933. Isto pode ser explicado tomando en conta aspectos da súa propia vida privada que probablemente supuxeron unha paréntese na súa traxectoria profesional; casa en 1927, ten a súa filla Rosa en 1928 e o seu fillo Camilo en 1930.

Entre 1925 e 1928 encontramos evidencias dunha práctica escolar que pode estar á altura das experiencias coñecidas dos grandes autores da Escola Nova. Coñecedora a fondo de Montessori e Decroly, Rosa Pons non deixa de adaptar estas ideas e métodos ao contexto concreto das súas nenas de Parada de Sil. Xogando con elas na neve, demostroulles aos poderes fácticos que as decisións pedagóxicas lle correspondían á mestra. Toda unha revolución, tanto polos métodos pedagóxicos, como polo feito de ser muller.

O xogo non sería a única novidade integrada na práctica da súa forma de ensino. Como boa discípula da Escola Nova, utilizou as técnicas que mellores resultados estaban a dar por Europa: os cadernos de rotación, os centros de interese de Decroly, as saídas pola comarca para estudar o medio da contorna, a interdisciplinariedade, a correspondencia escolar con escolas de Catalunya, as exposicións e festas escolares, as cuestións ambientais, etc., todo tiña un espazo e un tempo no seu plan pedagóxico ao longo do curso.

En 1932 e 1933 organiza as Misións Pedagóxicas, xunto co mestre Alfonso G. Rojo. Xuntan as dúas escolas, para tentar a graduación e a coeducación, como vantaxes pedagóxicas, inda rexeitadas en contextos rurais.

En xuño de 1933, probablemente pensando no futuro da filla e do fillo, decide trasladarse a Barcelona. As crianzas ían ter a posibilidade de coñecer a nova realidade dunha gran cidade. A ela abríaselle a posibilidade de ver medrar os proxectos escolares do Padroado Escolar de Barcelona, nun contexto democrático favorable, cos dereitos lingüísticos recoñecidos. No Ramón Llull, primeiro, e no Isaac Albéniz, máis tarde, onde chegou a xubilarse como directora, tivo a oportunidade de vivir a educación como ela a soñara.

Consérvanse uns extraordinarios cadernos de aulas, escritos en catalán polo seu alumnado durante os anos 1934 e 1936. No novo contexto de represión e censura do franquismo, traballou aqueles aspectos que o réxime non acada a ver como perigosos: o teatro foi o gran recurso de traballo non só escolar, senón tamén comunitario.

Unha vez xubilada e de novo en Parada de Sil, fai traballo comunitario. Xuntou a veciñanza no gozo e preservación das festas e tradicións populares a través do Teleclube. Este foi premiado polo Goberno, por este motivo Manuel Fraga Iribarne, entón ministro da Gobernación, visitou Parada de Sil.


OBRA:
1925: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil
1926: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil
1927: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil
1934: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona
1935: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona
1936: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona

AGRADECEMENTOS
Camilo Yáñez Pons
Francisco Magide (Alcalde de Parada de Sil)
Enrique García Cao
Fillos de Alfonso García Rojo




Autor/a da biobibliografía: Xosé Manuel Cid Fernández (2012)

gal_261_01.jpg
gal_261_01.jpg
gal_261_02.jpg
gal_261_02.jpg
gal_261_03.jpg
gal_261_03.jpg
gal_261_04.jpg
gal_261_04.jpg
gal_261_05.jpg
gal_261_05.jpg
gal_261_06.jpg
gal_261_06.jpg

Bibliografía...

Untitled Document