culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Urania Mella

Presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo



Vigo 1900 - Lugo 1945

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Artístico
Doméstico
Docente

No Vigo dos anos trinta Urania Mella Serrano erixíase como a presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, sección española de "Mulleres contra a guerra e o fascismo" creada pola Internacional Comunista tralo triunfo hitleriano en Alemaña. Urania viñera á vida nos albores do século XX, no seo dunha familia de profunda raigame anarquista, filla de Ricardo Mella Cea (periodista, teórico do anarquismo e fundador do Sindicato tranviario en Vigo) e de Esperanza Serrano (filla de Juan Serrano Oteiza, notario anarquista e director da Revista Social).
De familia numerosa, tería doce irmáns, Urania foi educada en valores progresistas, modernos e non relixiosos. Adquiriu unha formación elevada que lle serviu para ser mestra de piano e estudar na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Culta e comprometida socialmente empezou dende moi cedo ensinando a ler e escribir ás mulleres analfabetas na Casa do Pobo. Xa entrados nos anos trinta dirixiu como presidenta a organización feminina española máis importante do momento: a UMA (Unión de Mulleres Antifascistas), que contaba en xullo do 1936 con 50 000 afiliadas en España.

Casada con Humberto Solleiro Rivera e tendo catro pequenos: Humberto, Raúl, Alicia e Conchita, mantivo intactos os seus principios de participación pública ao longo dos anos 20 e 30, inculcándolles ao mesmo tempo as súas máximas de educación laica e toma de contacto cos movementos sociais máis representativos, como era a asistencia ás manifestacións dos primeiros de maio engalanados con garabatas vermellas.

A activa labor de Urania á fronte da UMA veríase truncada coa chegada do golpe militar en xullo do 1936. Ela principalmente era o obxectivo das autoridades rebeldes pola traxectoria progresista dos seus apelidos unida á súa incansable tarefa socio-política dende o barrio de Lavadores.

Despois de fuxir a parella a Redondela nun intento desesperado de salvar as súas vidas, serían detidos e condenados cada un dos dous á pena de morte, sentencia que se cumpriu con Humberto Solleiro Rivera (Presidente da Sociedade Cultural e Deportiva de Lavadores), pero que se conmutou para Urania en doce anos de prisión.

Xa como viúva e deixando catro cativos en Vigo, foi enviada á cárcere de Saturrarán (en Guipúzcoa) onde estivo presa nove anos. Alí estableceu unha profunda amizade coa primeira alcaldesa da República en Galicia, Mª Purificación Gómez González, coa que compartiu a ardua experiencia do encerro.

Fisicamente esgotada e cun tumor cerebral que levaba anos xestando no presidio, voltou a Vigo para recuperar o afecto da súa familia pero, atopándose un ambiente hostil e pouco afectivo, trasladouse a Lugo co seu fillo Raúl e coa familia de María Gómez. Alí faleceu aos 45 anos, despois de librar duras loitas na súa vida contra o fascismo, o franquismo e finalmente contra a enfermidade. Había un mes que recuperara a liberdade total.




Autor/a da biobibliografía: Eva Vieites Salmonte (2007)

Extras sobre Urania

41_01.jpg
41_01.jpg
41_02.jpg
41_02.jpg
41_03.jpg
41_03.jpg
41_04.jpg
41_04.jpg
41_05.jpg
41_05.jpg
41_06.jpg
41_06.jpg
41_07.jpg
41_07.jpg
41_08.jpg
41_08.jpg
41_09.jpg
41_09.jpg
41_10.jpg
41_10.jpg
41_11.jpg
41_11.jpg

Ligazóns...

Untitled Document