culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Xosefa Iglesias Vilarelle

Autora do primeiro texto didáctico escrito en galego



Santiago de Compostela -

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Docente
Investigación / Científico

No transcorrer da terceira década do século XX e da man da efervescencia cultural e social impulsada polo galeguismo da época, nace en 1932 o primeiro texto didáctico escrito en galego. Este Método de lectura, que ten como honra inaugurar este tipo de publicacións escolares en galego, nace da pluma dunha muller que imparte escola en Pontevedra; a "Mestra de Mourente", Xosefa Iglesias Vilarelle.

Nada en 1883, esta compostelá de nacemento estará profundamente ligada á cidade de Pontevedra, posto que viviu nela desde a infancia e cursou alí o estudos de Maxisterio, nivel elemental. Rematounos en 1901 e non tardou moito en acadar a praza (en 1908) e pasar a exercer o seu labor transitoriamente na vila de Carnota. Anos despois volveu preto de Pontevedra, ao lugar de Mourente. Lembramos tamén o seu nome canda o desta localidade por ter formado parte como tesoureira da directiva na Dereita Galeguista, logo da escisión do PG en 1935. A presenza de Xosefa Iglesias Vilarelle entre as filas deste partido non debe sorprendernos se temos en conta a súa ideoloxía: conservadora, sumamente católica, de dereitas e galeguista. Non obstante, a súa actividade política non semella que fose profusa posto que non se topa o seu nome noutros documentos ou manifestos, mais si resulta excepcional a colaboración nunha formación política por se tratar dunha muller. É salientable, ademais, a súa presenza nunha época da que resulta difícil rescatar as voces públicas de mulleres, entre as que tamén destaca María Pura Lorenzana, dentro da política nacionalista. Porén, a adhesión do seu nome pode deberse en boa medida a unha necesidade puramente simbólica, que non vai máis alá da aparente integración da muller para tal causa e motivada tamén pola filiación do seu irmán Antón Iglesias Vilarelle. A este respecto, cómpre lembrar unhas palabras contra o final do seu Método: "aínda que non metía baza no asunto porqu’eles falaban de política, e a min, dito sexa de camiño, dame noxo", que dan conta dos valores difundidos entre as mulleres naquela altura.

Por outra banda, a súa integración no nacionalismo e a prol do idioma galego parece moito máis definida coa publicación no ano 1932 do seu Método de lectura, que é á vez o primeiro texto didáctico elaborado por unha muller pero, sobre todo, o primeiro manual para a aprendizaxe do galego. Recordemos que habería que esperar ao 1969 para que saíse o Catón Galego de Ben-Cho-Sey, R. Fernández Oxea, que quedara adiado desde o 1936 e cuxas páxinas preceden as obras doutras dúas mulleres dedicadas ao labor didáctico, a de Antía Cal "Enciclopedia do neno galego" (inédita) e as Verbas galegas (1973) de Victoria Armesto. O seu Método foi o resultado dun encargo para as Publicacións Escolares do Seminario de Estudos Galegos. Neste senso, cabe indicar que o seu irmán Antonio estivo a cargo da Sección de Pedagoxía e do Laboratorio de Psicotecnia do SEG e que na terceira asemblea nacionalista do ano 1921 Risco asumira o reto de elaborar un "Plan Pedagóxico pr’a galeguización d’as escolas". O mesmo Risco saíu ao paso das críticas feitas contra ao Método para defender á súa autora na revista Nós. É clara, pois, a colaboración da Mestra de Mourente co Seminario na liña de traballo que marcaba o grupo galeguista. Máis aínda se temos en conta o debuxo que forma parte da cuberta do seu manual, da autoría de Castelao e publicado no número 12 da revista Nós (ano 1922) canda un texto crítico coa castelanización dos cativos na fidalguía. Asemade, a pegada do Seminario latexa forte na súa obra, posto que transmite a ideoloxía que o galeguismo tiña ao respecto e que deriva das investigacións feitas por algunhas seccións do SEG. Así pois, as preocupacións desta mestra ían encamiñadas cara aos problemas do idioma no ensino, as escolas rurais e a historia da pedagoxía.

A filosofía pedagóxica seguida por Iglesias Vilarelle, que entronca cos tradicionais "catóns" escolares, foi obxecto de crítica por parte da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense, en concreto Herrero Fuentes. Este mestre consideraba que o Método non supuña un avance nas publicacións escolares do momento por se basear en procedementos xa vellos sen ter en conta a renovación metodolóxica que naquela altura defendían outras mulleres como a pedagoga María Barbeito, seguidora en Galicia das tendencias marcadas por M. Montessori. En concreto, o método de aprendizaxe seguido é o silábico, indo así desde a sílaba ata a palabra e as oracións simples. Porén, e como o propio Risco se encargara de apuntar, a obra de Vilarelle acerta coa introdución da xeografía e do medio natural galegos, presentando con eles elementos da vida e da realidade galegas, ademais de propoñer exercicios baseados no noso folclore. Daquela, podemos pensar que a querencia cara ás metodoloxías tradicionais na elaboración deste material didáctico responde á máxima de orientar a aprendizaxe dos nenos galegos desde o xa coñecido e ofrecer a lingua galega e a nosa realidade como nova contribución. Do mesmo xeito, a autora presenta uns textos breves de claro matiz galeguista e reivindicativo baseados na defensa da lingua, da terra e do pobo, e pon o ramo coa inclusión dun fragmento do himno galego. Así mesmo, non debemos omitir outros valores transversais que transmiten un carácter conservador, católico e patriarcal.

Finalmente, cómpre sinalar a escaseza de datos e notas que fagan referencia a esta autora que colaborou nos estudos do SEG e que dotou a lingua galega cun pioneiro manual para súa aprendizaxe. Podemos pensar, xa que logo, que se debe a unha actividade pedagóxica que foi pouco valorada, ao igual ca de moitas mulleres coetáneas a ela.


Obra de Xosefa Iglesias Vilarelle
 
IGLESIAS VILARELLE, X., Método de lectura, Pontevedra, Seminario de Estudos Galegos, 1932


Autor/a da biobibliografía: Xandra Santos Palmou (2007)

Extras sobre Xosefa

80_01.jpg
80_01.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document