culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Aurea  Rodríguez

A raíña da gaita galega



Muntián - Lugar de falecemento descoñecido

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Doméstico
Empresarial / Prof. Liberais
Musical

Nota: Para a elaboración desta entrada biobibliográfica consultáronse fontes documentais depositadas na Biblioteca da Deputación de Pontevedra, no Arquivo do Concello de Pontevedra, no Xulgado de paz de Cartelle, no Concello de Cartelle na Biblioteca da Deputación de Ourense e no Seminario Maior de Ourense


María Aurea Rodríguez Rodríguez pode ser considerada unha pioneira entre as intérpretes da gaita en Galicia ao ser a primeira muller documentada neste sentido e que ademais liderou o grupo de gaitas Os Maravillas de Cartelle, que se converteu no seu medio de subsistencia. Haberían de pasar uns vinte anos para atopar outra muller destas características, referímonos á gaiteira do cuarteto Os Celtas de Maside, de Ourense. E outros tantos para que tomase forma, en Ribadeo, o primeiro grupo composto só por mulleres, coñecido como Saudade, Gaiteiras de Saudade ou Meniñas de Saudade (pódese consultar a entrada biobibliografica do grupo Saudade neste mesmo Álbum de mulleres).


Aurea nace o 16 de novembro de 1897 en Muntián, unha poboación do concello de Cartelle, na provincia de Ourense, cuns cen quilómetros cadrados de extensión e que, a comezos de século XX, conta con pouco máis de sete mil habitantes. Estes, polo xeral e ao igual que a familia de Aurea, centran a súa actividade na gandaría e na agricultura.

Os poucos datos de que se dispón sobre a súa familia permiten afirmar que os seus avós paternos eran Ramón Rodríguez e Francisca Fernández, naturais de Muntián, que os maternos eran José Rodríguez, natural da Lama Grande, e Vicenta García, natural de Augalevada (poboación próxima a Muntián), que Aurea é a primeira das seis crianzas nacidas do matrimonio entre José Rodríguez e Hermelinda Rodríguez e que os seus irmáns eran Castor (nacido en 1899), Felisindo (nacido en 1902), Manuel (nacido en 1905), Eliseo José (nacido en 1907) e Benigno, do que non coñecemos a súa data de nacemento.

Aurea comeza a tocar a gaita arredor de 1907, á idade de dez años. Inda que non o podemos confirmar, é moi probable que en 1910, tras o falecemento do seu pai e a súa nai e como medio de vida para ela e os seus irmáns, formase, xunto con Castor, Felisindo, Manuel e Eliseo, o grupo Os Maravillas. Este toma o seu nome da poboación das Marabillas (parroquia situada a un par de quilómetros de Muntián e coñecida pola súa igrexa de século XVIII e pola súa romaría).

A composición do grupo nos inicios é de dúas gaitas, requinto, tambor e bombo. Tal e como se pode comprobar no anuncio que insiren na páxina de La Región reproducida na galería fotográfica desta entrada, en 1920 o grupo mantén a dita composición inicial e Aurea é a mánager. Non obstante, as novas publicadas a partir de 1926 en lugar de falar de quinteto refírense ao grupo como cuarteto. Isto leva a pensar que é moi posible que, naquela altura, Felisindo, que fundará nos anos trinta o cuarteto Os Irmáns Gaiteiros de Muntián, tamén coñecidos como Os Músicos ou Os Señeras, xa non formase parte do conxunto.

As fontes hemerográficas da época permiten dar conta do enorme éxito do grupo, en xeral, e de Aurea, en concreto, en toda a xeografía galega durante toda a década de 1920. Así, en La Integridad (15-07-1921), con motivo das festas do Carme, podíase ler: “A las diez de la mañana harán su entrada en el parque del Establecimiento, que estará engalanado con profusión de banderas y gallardetes, los célebres artistas ‘Los Maravillas’ de Montian que dirige la enxebre gaitera Srta. Áurea Rodríguez (...)”.

Pola súa parte o Diario de Vigo (05-08-1922) anuncia a actuación do grupo en Ponte Caldelas: “Para los días 26, 27 y 28 tienen ya contratada (...) y los populares Maravillas, que con tanto acierto dirige la señorita Áurea Rodríguez”.

O mesmo xornal fala, ademais, da presenza de Os Maravillas nas festas máis importantes da cidade de Pontevedra, as da Peregrina: “Por la comisión de festejos municipal han sido contratados los célebres gaiteiros ‘Los Maravillas’ de Espino (Celanova) que dirige la inteligente y simpática Srta. Áurea Rodríguez. Darán conciertos los días 12, 13 y 14 del corriente. De Pontevedra saldrán para las fiestas de Lugo”.

Referíndose tamén ás festas de Pontevedra de 1922, o Diario de Pontevedra di: “Es la primera vez que vemos una moza -guapa y garrida por cierto- que toca el enxebre instrumento”.

O Correo de Galicia do 24 de marzo de 1929, referíndose ás festas de Fornelos de Montes, anuncia: “A última hora nos enteramos de que además de la charanga de Pesegueiro tocará los tres días de Carnaval en este barrio, la afamada gaitera Áurea Rodríguez de Orense, la que a sus excelentes cualidades artísticas une la de ser toda una real moza, por lo que no dudamos gustará tanto en una como en otra condición. (...) El lunes visitará S. Miguel, Tabagón y Goyán y el martes a la Guardia”.

Será na altura de 1929 cando as xiras do grupo comecen a traspasar as fronteiras de Galicia. Realizan actuacións por Madrid, que, recollidas na prensa da época, coroan a Aurea como “La reina de la gaita Gallega”, e por Arxentina no mes de novembro.

El Correo de Galicia do último ano citado di do grupo: “Os maravillas son cuatro hermanos -tres muchachos y una muchacha- que con dos gaitas bombo y tamboril han recorrido romerías y fiestas de toda Galicia portadores de la pura tradición nativa. (...) Además dos de los muchachos cantan maravillosos alalás y ‘pispuntean’ la tradicional muiñeira con sus múltiples aspectos y matices de montaña, valle y orilla de mar”.

E na Revista Técnica de la Guardia Civil lemos a seguinte recensión: “Como es natural he asistido a las típicas romerías, donde lucen su donaire las mociñas, tan hermosas como robustas (...) sin que falte la famosa gaiteira de Celanova u otra de menos alcurnia”.

Sabemos, polos veciños de Cartelle, que a comezos da década de 1930, Eliseo deixa o grupo, fai carreira no Exército e trasládase a vivir á Coruña. Pola súa parte Castor, Benigno e Aurea constitúen un novo grupo, Os Menores, e emigran a Arxentina. Pensamos que, cando menos ata este momento, Aurea era solteira. Apoian esta suposición a continua repetición de termos como “señorita”, “muchacha” ou “real moza” para referirse a ela nas novas de prensa revisadas e a facilidade que se lle supón para se desprazar para as súas actuacións.

Polo de agora pouco máis podemos engadir sobre Aurea. A última nova que coñecemos sobre ela remítenos a unha actuación que tivo lugar en Venezuela en 1945.

Descoñecemos que fixo a partir deste momento, se volveu a Galicia ou onde faleceu. E, dado que temos liñas de investigación abertas, no futuro esperamos poder actualizar os datos achegados ata aquí.

AGRADECEMENTOS
Miguel Martínez
José Vilachá



Autor/a da biobibliografía: Milagros Bará Viñas (2014)

Extras de María Aurea  

gal_999_01.jpg
gal_999_01.jpg
gal_999_02.jpg
gal_999_02.jpg
gal_999_03.jpg
gal_999_03.jpg
gal_999_04.jpg
gal_999_04.jpg
gal_999_05.jpg
gal_999_05.jpg

Untitled Document