Na cultura popular galega a expresión dar trela alude á confianza que unha persoa outorga a outra para falar abundante e libremente.
Concertista de piano, crítica musical, docente, arquiveira... Mercedes Goicoa (A Coruña, 1928) soubo dar trela ao seu tempo e talento para que estes tamén lle proporcionasen a experiencia, o autocoñecemento, o legado, o medio de vida. A perseveranza no oficio da música levouna desde a natal cidade da Coruña a Madrid ou París; de recibir ensinanzas doutras músicas coma Pilar Castillo Sánchez ou a súa tía Honoria Goicoa, a compartir escena e formación con tan eminentes nomes coma Narciso Yepes ou Lazare Lévy; das clases de piano que ofreceu a un numerosísimo alumnado á presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, sendo a primeira muller no Estado Español en poñerse á fronte dunha Real Academia.
Quen interpreta un tempo e non unicamente o executa deixa unha porta aberta que nunca máis se volve pechar. A través da interpretación, a composición ou a produción, as profesionais da música en Galicia aprendemos a vivir conscientes do legado que como mulleres recollemos e podemos achegar ás seguintes xeracións. Desde a música, as músicas demos e damos trela ao presente para que este fale e viva, para que nós e as seguintes poidamos seguir falando e vivindo dela.
Mercedes Goicoa: Músicas para vivir
|