culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Faustino Miranda González

A súa contribución ao coñecemento das algas da costa galega

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. & Cremades Ugarte, Javier
  • Data de alta: 14/06/2014

Extras sobre Faustino Miranda González:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. & Cremades Ugarte, Javier ([2014], “Faustino Miranda González”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1003
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Gijón (Asturias) 1905
  • Falecemento: México, D.F. 1964
Este botánico desenvolveu o seu labor en dous eidos independentes, marcados polo obrigado exilio en México ao final da Guerra Civil española (1936-1939). No primeiro período (1926-1939), adicouse ao estudo das algas, principalmente do Cantábrico e das Rías galegas. Xa en México (1939-1964), dirixiu as súas investigacións cara a vexetación terrestre, principalmente do Estado de Chiapas.

Formación

Iniciou os seus estudos en Gijón, primeiro na Escola Primaria (1910-1915) e despois no Instituto “Jovellanos” de Segunda Ensinanza (1915-1920), onde o seu pai era catedrático de Matemáticas e secretario do centro, obtendo ao seu remate o premio extraordinario “Jovellanos-Habana”.

Desde moi novo definiu a súa vocación pola natureza. No 1921 trasladouse a Madrid para estudar Ciencias Naturais na Universidade Central, licenciándose en 1925. Inmediatamente iniciou os cursos de doutoramento (1925-26), e entre 1926 e 1929 realizou a tese sobre as algas bentónicas mariñas da costa do Cantábrico, dirixida por Arturo Caballero, catedrático e director do Laboratorio de Ficoloxía do Jardín Botánico. Concédenlle ao seu remate o Premio Extraordinario de Doutoramento (1929). Durante os tres anos de tese, Miranda tivo unha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios(JAE). A mesma institución encargouse da publicación da memoria final e subvencionoulle unha estadía de seis meses no laboratorio marítimo do Museum d´Histoire Naturelle de París (1931).

Percorrido profesional

Interesado en compaxinar as investigacións coa docencia, o 9 de agosto de 1932 obtivo a cátedra por oposición no Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo (1932). Ao curso seguinte trasladouse ao de Pontevedra, co principal interese de continuar os estudos ficolóxicos preto do mar.

A instalación da Misión Biolóxica de Galicia, a partir de 1926, en Pontevedra, favoreceu que algúns profesores das áreas científicas do Instituto local estableceran unha frutífera e continuada colaboración coa institución e, posteriormente, coa Estación de Bioloxía mariña que se montou en Marín. Entre eses profesores, todos bolseiros da JAE, hai que salientar o labor de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. O seu colega Ramón Sobrino Buhigas, tamén socio activo do Seminario de Estudos Galegos como Osorio-Tafall, marchou para o Instituto de Santiago en 1931, pero colaborou para o establecemento e actividades da Estación. Faustino Miranda desenvolveu un papel relevante na actividade docente e investigadora da antedita Estación na súa estadía no Instituto (1933-1935). Outro profesor que colaborou en diversas iniciativas foi Ernesto Caballero y Bellido, catedrático de Física do Instituto e experto en micrografía, que axudou a Sobrino e Osorio-Tafall nos seus traballos microscópicos.

Un novo concurso de traslado permitiulle, en 1936, regresar a Gijón, reincorporándose ao Instituto Jovellanos como catedrático e director do centro. No xardín da casa do seu pai construíu un pavillón que sería un pequeno pero completo laboratorio de Ficoloxía, con todo o preciso para proseguir as súas investigacións: un microscopio, unha boa biblioteca, un cuarto escuro onde revelar as fotografías e unha cubeta para lavar as plantas estudadas.

Ao pouco de comezar a Guerra Civil española, o Instituto Jovellanos quedou destruído, pois estaba preto do Cuartel do Rexemento de Infantería de Montaña nº 40 “Simancas”, especialmente afectado nos primeiros enfrontamentos. Miranda permaneceu na casa do seu pai e impartiu clases no Instituto ata que as tropas “nacionais” tomaron a capital, o que aconteceu o 21 de outubro de 1937. Entón pechou o seu laboratorio e nunha pequena embarcación navegou ata un buque inglés que o levou a Francia. Posteriormente, dirixiuse en tren a Puigcerdá (Girona), onde xa chegaran os seus pais, e tras varios días de recuperación continuou a viaxe ata Barcelona, onde estivo impartindo clases como catedrático de Ciencias Naturais nun Instituto ata 1939.

Despois da batalla do Ebro, sendo inminente a entrada do exército franquista en Cataluña, cruzou a pé e sen equipaxe os Pirineos e, xa en Francia, albergouse con outros refuxiados nun campo de concentración. Pouco despois, e co apoio económico dunha amiga francesa da familia, permitíuselle o traslado a París, onde se reincorporou por un tempo ao Museum d´Histoire Naturelle. En maio de 1939, como consecuencia da derrota republicana, Miranda, con 34 anos, exiliouse en México. Formou parte dun grupo de emigrantes de esmerada preparación, que incluía a plana maior da intelectualidade e da ciencia española. É sabido que atoparon un amábel recebimento, tanto do Goberno mexicano como dos cidadáns en xeral, e moitos deles acadaron postos relevantes en diversas institucións académicas. Na capital mexicana, Miranda comenzou publicando libros de divulgación e abandonou os estudos ficolóxicos, centrando as súas investigacións na vexetación terrestre mexicana (Dosil Mancilla, 2007c).

Labor na Estación de Bioloxía Mariña de Marín

Durante os veráns dos anos 1933 e 1934, Miranda impartiu nos laboratorios da Estación senllos cursos de Ficoloxía a alumnos de Ciencias Naturais da Universidade Central; aínda que carecemos de datos do ano 1935, é probable que continuase a súa colaboración. En 1933, o curso estendeuse do 8 ao 20 de agosto e participaron once alumnos; todos eles repetiron a experiencia ao ano seguinte. Por certo, entre os seus alumnos atopábanse dous mozos que tamén se exiliarían en México e desenvolverían un labor sobresaínte no desterro: o entomólogo Dionisio Peláez e a bioquímica María Roldán. O curso incluía unha parte teórica e outra práctica. Logo dunha introdución teórica sobre aspectos básicos das algas e a súa clasificación, realizaban recoleccións no intermareal e no infralitoral, por medio de dragados en barca, en localidades diversas da ría de Pontevedra: illa de Tambo, Vilagarcía de Arousa, illa de Ons, Cortegada... Posteriormente estudaban o material colectado no laboratorio, procedendo á súa identificación, conservación e prensado, guiando as observacións coas explicacións do profesor. Esta é a descrición dunha xornada laboral, en palabras do propio Miranda (en carta a Ignacio Bolívar, director do Museo Nacional de Ciencias Naturales, 13.VIII.1933):
«Desde el día 8 [de agosto de 1933] me encuentro en el laboratorio de Marín con los becarios. El trabajo marcha normalmente. Se desayuna a las 8 de la mañana, a las 8 y ½ salimos a recoger material por mar o por tierra, se come a la 1 y 1 ½ de la tarde, a las 4 estudiamos y preparamos el material de la mañana hasta las 8 menos ¼; cenamos a las 8. El trabajo, como Vd. me indicó, versa casi exclusivamente sobre algas. Ya van aprendiendo a reconocer las especies más conspicuas y frecuentes. Les he dado también algunas explicaciones teóricas sobre la división en grupos. Por ahora, los Sres. becarios se conducen con bastante corrección.»

En ocasións realizaban cos exemplares de algas, convenientemente preparadas sobre cartolina, bonitas tarxetas postais, similares ás que facían na Estación de Biología de Santander e noutros laboratorios marítimos europeos, como o de Mónaco. Os alumnos e membros do Museo mostraron unha gran satisfacción polo labor docente desenvolvido por Miranda.

Unha vez finalizados os cursos de verán e os alumnos regresado ás súas casas, a Estación marítima quedaba ao coidado de Miranda, que se estableceu en Marín e realizaba as súas investigacións tomando como centro os laboratorios da instalación. Tan só ocasionalmente recibía a visita doutros investigadores que asistían ao laboratorio para realizar recoleccións para os seus traballos. Con estas palabras expresa convencido o director da estación o interese da presenza de Miranda nos seus laboratorios (en carta de José Rioja a Ignacio Bolívar, 16.IX.1933): «La luz no se ha cortado a menos que V. lo desee dado que el Sr. Miranda seguirá entrando con su llave y trabajando y es posible que hasta se venga a vivir a Marín (aunque fuera de la Estación, por serle más práctico ahora). Es un excelente trabajador y le gusta más la vida de Marín que la de Pontevedra. Creo es un gran bien para la Estación su presencia en ella. A mi se me ha ocurrido si las 6 u 8 veces que el utiliza al mes al marinero y su lancha (que las ha pagado él anteriormente) se las pagare la Junta o el Museo. Vd. lo dirá para saber el régimen que ha de seguir.»

Tomando como base a Estación e empregando os medios que esta lle ofrecía, como a barca e a draga, Miranda levou a cabo o primeiro estudo das comunidades de algas en España e foi pioneiro no estudo das algas do infralitoral no noroeste peninsular, a través do seu traballo “Materiales para una flora marina de las rías bajas gallegas” (Miranda, 1934).

Contribución á Ficoloxía de Galicia e do Cantábrico

No verán de 1926, Miranda iniciou, con só 21 anos, as súas primeiras recoleccións de algas na costa asturiana, integradas no traballo da tese. Deste xeito, orientou as súas investigacións cara o eido da ficoloxía. En dez anos colectou e estudou numerosas localidades do norte peninsular, de Galicia (rías de Arousa e de Pontevedra) e, principalmente, do Cantábrico (sobre todo de Asturias).

Resultado destas investigacións publicou 14 artigos: catro son minuciosas observacións sobre a morfoloxía, anatomía e bioloxía de diversos taxons, nove tratan da vexetación e das súa relacións ecolóxicas. Elaborou tamén un curioso estudo sobre as algas coralináceas fósiles do Cantábrico.

A calidade dos primeiros estudos é xa sorprendente, tanto pola capacidade de observación como polos coñecementos adquiridos: debuta, nada menos, que coa descrición dunha nova especie para a ciencia, Strepsithalia liebmanniae, diminuto endófito pertencente a un dos grupos de algas máis difíciles desde o punto de vista taxonómico (as Ectocarpales), que ademais escapara ao minucioso estudo do grupo que levara a cabo recentemente, e nas mesmas costas, o destacado ficólogo francés Camile Sauvageau (Cremades et al., 1996). Sobresaen tamén os seus estudos das Ceramiáceas, sendo o primeiro autor en decatarse das diferencias na disposición das células das ramas carpogoniales en Aglaothamnion e Callithamnion; feito que é salientado na actual literatura ficolóxica.

A aparición nas recoleccións de especies e asociacións con certo carácter setentrional lévano a soster a interesante conclusión, emitida antes por Sauvageau (1896), de que a costa Norte de España, desde o punto de vista florístico, pertence á mesma rexión natural que a costa francesa da Bretaña. Nos resultados da tese, cita gran número de taxons novos para a flora peninsular e describe interesantes observacións das comunidades, establecendo precisos modelos de zonación en función de factores como o tipo de substrato e a exposición á ondaxe. Neste período adicouse tamén a ordenar e revisar taxonómicamente algúns herbarios antigos depositados no Museo de Ciencias Naturales de Madrid, en especial o de Lázaro-Ibiza do norte e noroeste da península, pola relación coa materia da súa tese.

Durante o período que pasou en Galicia (1933-36), empregando os medios dispoñibles na Estación Biolóxica de Marín, foi pioneiro no estudo das profundidades mariñas das costas atlánticas peninsulares, ata entón limitado á observación dos arribazóns, mediante dragados de ata 20 metros de profundidade (e aínda 40 en casos puntuais), sendo o primeiro en describer as comunidades infralitorais máis características das rías galegas.

Entre ambos períodos, cómpre mencionar as recoleccións que levou a cabo no Canal da Mancha, durante os seis meses de estadía no laboratorio marítimo do Museum d´Histoire Naturelle (París). Publicou os resultados en 1932, con observacións sobre a bioloxía dos diferentes taxons encontrados. Ademais, no Museo puido consultar o herbario e a biblioteca Thuret-Bornet.

Desde unha perspectiva histórica, Miranda estableceu na década dos trinta a primeira flora mariña do norte de España. Con anterioridade esa flora recibira unha discreta atención por parte dos botánicos; merecen sinalarse os traballos de dous ficólogos estranxeiros: o estudo que realizou C. Sauvageau, en 1897, para comprobar as diferencias de vexetación do norte de España co Golfo de Vizcaya, e as recoleccións de Hamel (1929) na ría de Vigo. Despois da guerra, o labor de Miranda apenas terá continuidade ata o derradeiro cuarto deste século. A súa contribución foi de gran axuda, sentando as bases para os que retomaban estes estudos, e aínda hoxe segue nutrindo aos ficólogos de coñecementos básicos das nosas costas. Unha análise detallada sobre a obra ficolóxica de Miranda pode consultarse en Cremades Ugarte (2007).

O herbario de algas de Miranda é o herbario ficolóxico histórico máis importante de Galicia. Consta de máis de trescentos pregos, colectados e determinados entre 1925 e 1936, e foi obxecto dunha primeira catalogación (Valenzuela-Miranda, 1979). Posteriormente, depositouse no laboratorio de Ficoloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Desde a recente reforma do laboratorio o herbario non se atopa na instalación, polo que supoñemos que, temporalmente, está en paradeiro descoñecido.

A guerra interrompeu o labor ficolóxico de Miranda, que establecera as bases sólidas para a elaboración dunha flora mariña do Cantábrico e para o desenvolvemento dunha escola ficolóxica en España, que nunca chegou a crearse polos sucesos posteriores. No exilio, Miranda publicaría (1943) unha enumeración, a xeito de testamento ficolóxico, dos resultados completos dos estudos realizados en España (Dosil Mancilla & Cremades Ugarte, 1998).



Bibliografía:




Fontes impresas:

Só reseñamos aquí a súa primeira publicación, a tese de doutoramento e os traballos relacionados con Galicia. A produción bibliográfica completa pode consultarse en DOSIL MANCILLA & CREMADES UGARTE (1998). Asemade, en BUTANDA (2007) figura a lista máis completa e fidedigna de todas as contribucións de Miranda en España e en México.

MIRANDA, F. (1928): Sobre una nueva especie de Strepsithalia Sauv., Bol. Real Soc. Esp. Hist. Nat., 28: 457-462.

MIRANDA, F. (1931): Algas y Cianofíceas del Cantábrico, especialmente de Gijón, Trabajos del Museo de de Ciencias naturales de Madrid, Serie Botánica, 25: 1-106 (Tese doutoral).

MIRANDA, F. (1934): Materiales para una flora marina de las rías bajas gallegas, Bol. Real Soc. Esp. Hist. Nat., 34: 165-180

MIRANDA, F. (1936): Nuevas localidades de algas de las costas septentrionales y occidentales de España y otras contribuciones ficológicas, Bol. Real Soc. Esp. Hist. Nat., 36: 367-381.

MIRANDA, F. (1943): Enumeración de las algas marinas del norte y noroeste de España, Ciencia, 1: 17-20; 2: 111-126; 3: 156-161; 4: 219-224.


Bibliografía secundaria:

BUTANDA, A. (2007): Biblio-hemerografía (1928-1969) de Faustino Miranda, Dosil Mancilla F.J. (Coord.), Faustino Miranda. Una vida dedicada a la Botánica, Morelia: Instituto de Investigaciones Históricas, Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo / CSIC; p. 343-361.

CREMADES UGARTE, J. (2007): La Ficología marina escrita por Faustino Miranda, Dosil Mancilla F.J. (Coord.), Faustino Miranda. Una vida dedicada a la Botánica, Morelia: Instituto de Investigaciones Históricas, Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo / CSIC; p. 121-171.

CREMADES, J. & I. BÁRBARA (1996): Nuestros algólogos: Faustino Miranda (1905-1964), Bol. Inf. Soc. Esp. Ficol., 15:4-6.

DOSIL MANCILLA, F. J. (2007a): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia.

DOSIL MANCILLA, F.J., coordinador (2007b): Faustino Miranda. Una vida dedicada a la Botánica, Morelia: Instituto de Investigaciones Históricas, Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo / CSIC.

DOSIL MANCILLA, F.J. (2007c): Faustino Miranda. Avance para una biografía pendiente, Dosil Mancilla F.J. (Coord.), Faustino Miranda. Una vida dedicada a la Botánica, Morelia: Instituto de Investigaciones Históricas, Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo / CSIC; p. 13-89.

DOSIL MANCILLA, F.J. & CREMADES UGARTE, J. (1998): Un botánico no exilio: Faustino Miranda (1905-1964), Ingenium, 6: 107-123.

DOSIL MANCILLA, F.J. & CREMADES UGARTE, J. (2003): Contribución de los exiliados españoles al desarrollo de la Botánica mexicana, Tzintzun. Revista de Estudios Históricos, 37: 91-124.

DOSIL MANCILLA, F.J., CREMADES UGARTE, J. & FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2001): Faustino Miranda (1905-1964). Nuevos datos relacionados con su formación botánica en España y su contribución a la Ficología marina, Botánica Complutensis, 25: 191-205.

DOSIL MANCILLA, F. J. & FRAGA, X.A. (2001): Constitución de la Estación de Biología marina de Marín (Pontevedra), Estudios de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Pontevedra: Deputación Provincial; v. I, p. 185-192.

FRAGA, X. A. & GURRIARÁN, R. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Navarra: CSIC.

HAMEL, G. (1929): Les algues de Vigo, Revue Algologique, 4: 81-95.

MARTÍNEZ, M. (1958): “Curriculum vitae” del Dr. Faustino Miranda, Bol. Soc. Bot. México, 23:1-9.

LANGMAN, I. (1966): Faustino Miranda, Ciencia México, 24 (5-6): 177-180.

RZEDOWSKY, J. (1966): Datos biográficos de Faustino Miranda, Ciencia México, 24: 171-175.

RZEDOWSKY, J. (1967): Faustino Miranda (1905-1964), Brittonia, 19 (1): 95-98.

SAUVAGEAU, C. (1897): Note préliminaire sur les algues du Golfe de Gascogne, J. de Bot., 11: 166-311.

VALENZUELA MIRANDA, S. (1979): El herbario de Faustino Miranda. Tese de Licenciatura inédita.

VALENZUELA, S. & PÉREZ CIRERA, J. L. (1982): El herbario de algas marinas españolas de F. Miranda, Collectanea Botanica, 13 (2): 945-975.