culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Fausto Garagarza y Dugiols

Química analítica de augas e alimentos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 21/06/2014

Extras de Fausto Garagarza y Dugiols: 

Extras sobre Fausto Garagarza y Dugiols:

Galeria


Fausto Garagarza. Arquivo Fotográfico Rafael Roldán. Biblioteca Virtual da Real Academia Nacional de Farmacia.
)."> garagarza_2.jpg
garagarza_2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2014], “Fausto Garagarza y Dugiols”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 01/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1004
Untitled Document

Fausto Garagarza. Arquivo Fotográfico Rafael Roldán. Biblioteca Virtual da Real Academia Nacional de Farmacia.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Hondarribia (Guipúscoa) 1833
  • Falecemento: Madrid 1905
Primeiros anos

Pasou a súa nenez en Francia, a onde tivera que emigrar o pai polo seu ideario e actividade política liberal. De volta a España, viviu en Tolosa, cidade na que cursou a segunda ensinanza, que rematou en Madrid. Alí realizou prácticas na Botica do Buen Suceso, que era propiedade de Guillermo Caballero. Na traseira da botica tivo trato e conversa, entre outros, co fillo do dono, Francisco Caballero y Barba, que se doutorou en Ciencias Naturais, en 1850, cun discurso sobre as causas do diluvio, con Manuel María José de Galdo y López Neira, tamén doutor en Ciencias Naturais e autor dun recoñecido texto desa disciplina (1848) con máis de dez edicións, e con Santiago de Olózaga, doutor en Farmacia, en 1853, e posteriormente catedrático en Madrid e alcalde dun dos seus distritos. Semella que nese ambiente, científico e liberal, naceu a súa vocación pola química e as ciencias naturais que o levou a estudar a carreira de Farmacia, na que se doutorou en 1856, apadriñado por Olózaga, que viña de ser nomeado catedrático supernumerario da Facultade de Farmacia. Estudou tamén Ciencias, aínda que non semella que rematara esta carreira.

No ano 1854 foi nomeado axudante da Ampliación de Física da Facultade de Filosofía da Universidade de Madrid, compaxinando esta docencia coa actividade privada. En Cienpozuelos estableceu unha empresa para a obtención de “barrilla”. Este material procedía da incineración de determinado tipo de plantas que medraban en saladares, era moi rico en sosa e polo mesmo, usábase nas industrias dos xabróns e vidro. A obtención química da sosa polo método Leblanc (1787) e sobre todo a partir do procedemento Solvay (1838), desprazou definitivamente os procedemento tradicionais con base nas barrillas. Isto foi o que lle sucedeu a Galagarza coa súa empresa, que pouco despois tivo que pechar pola competencia coas sosas estranxeiras. Logo deste episodio, montou un laboratorio químico en Madrid, no que se dedicou as análises de augas e outros produtos. Desta época son as análises que realizou das augas minerais vascas de Nanclares de la Oca (1864) e de Arechavaleta (1864), así como a de Vaciamadrid (1864).

En 1867 obtivo o doutoramento en Farmacia coa tese Demostrar si satisface o no las necesidades de la Química la teoría atomística, hoy generalmente recibida y, en caso contrario mostrar así mismo la conveniencia o inconveniencia de las reformas que han hecho algunos químicos (1867). Neste folleto de 27 paxinas fai unha demorada revisión da historia do atomismo desde Dalton a Gerharalt, deténdose fundamentalmente nas consideracións de Berzelius, así como nas obxeccións máis actuais que se lle fan as súas teorías sobre os átomos. Fai tamén unha decidida defensa do método experimental («si la experiencia no acompaña a las especulaciones filosóficas, si la razón camina de hipótesis, sin su poderoso auxilio, nunca podrán adquirir las teorías la verdadera forma de teorías de aplicación»). Nese mesmo ano obtivo a cátedra de “Práctica de Operaciones farmacéuticas” da Facultade de Farmacia de Santiago.

Catedrático en Santiago

As condicións para o traballo experimental que atopou ao chegar ao Pazo de Fonseca, onde estaba instalada a Facultade de Farmacia xunto coa de Medicina, eran lamentables. Carracido, que fora alumno del, as describía así: «En un rincón abovedado de ambiente húmedo y sombrío, que con su recia chimenea y pesada construcción y con los alambiques de arcaicas figuras parecía la reproducción del tenebroso recinto en que Goethe colocó al protagonista de su poema». O trunfo da revolución do 68 debeu mantelo moi ocupado en actividades diferentes a do seu destino docente, «organizando con toda vehemencia de su carácter asociaciones políticas y trabajos electorales, sin retroceder en su empeño ante la hostilidad del medio social de la vieja Compostela» (Carracido, 1906). A fidelidade ao ideario político progresista democrático de Montero Ríos levouno a ocupar os postos de gobernador civil e presidente da Deputación (daquela estaba asociado seu exercicio) de Pontevedra (1870-1872) e A Coruña (1872-1873).

De volta de novo a cátedra, en 1873, tivo ao seu cargo o discurso inaugural do curso 1873-74, que versou sobre Influencia de las doctrinas en el desenvolvimiento de la química. Exerceu a súa docencia (a xuízo de Carracido) con unha excepcional vocación, dedicándolle aos mellores alumnos horas extras despois de rematada as clases reguladas, congregándoos «como para un acto de devoción, y en la larga serie de conferencias nos iba exponiendo el proceso de las doctrinas químicas, desde la berzeliana, hasta la entonces novísima de los esquemas estructurales trazados en vista de las supuestas valencias de los átomos».

Desta época son tamén as análises que realizou , en Mondariz, do manancial de Gándara, acabado de descubrir, ademais do de Troncoso, analizado por Casares en 1864. Tamén publicou as análises das augas de Alsasua (Vitoria, 1969) e de Fortuna-Cadiz (Murcia, 1870) que, probablemente, foran realizados nos laboratorios de Santiago. Pouco máis se coñece da estancia de nove anos de Garagarza nesta cidade, agás os poucos meses que pasou como decano da facultade de Farmacia, en 1876, antes do seu traslado a Madrid.

Catedrático de Farmacia e director do Laboratorio Químico Municipal, en Madrid

Trasladado por concurso á Facultade de Farmacia de Madrid, en 1876, explicou nela “Materia Farmacéutica animal e mineral” e, despois, Análise Químico. Coa reforma do plan de estudos pasou a explicar “Técnica Física” xunto coa disciplina anterior. Foi decano da Facultade de 1883 a-1884 e de 1887 a 1900, xubilándose nese mesmo ano. Tivo o encargo de ler o discurso inaugural do curso 1882-83 na Universidade Central sobre Desarrollo del método experimental en las ciencias (1882), no que, cunha clara proxección pedagóxica, defende a importancia do método indutivo e o concepto de evolución na adquisición de coñecementos e a aprendizaxe. Tamén publicou unha Memoria resumen de la Exposición Farmacéutica Nacional (Madrid, 1883), un voluminoso Programa de la asignatura de instrumentos y aparatos de física de aplicación a la farmacia (1892), de 230 paxinas, as análises das augas do manancial de Aramayona (1878) e un opúsculo sobre as pragas da vide (1886).

O seu labor máis salientable na etapa madrileña foi o que exerceu como director do Laboratorio Químico Municipal de Madrid de 1880 a 1896. Creado este laboratorio en 1878, a semellanza do de Barcelona e seguindo o modelo dos franceses, tivo ao seu cargo actividades de carácter hixiénico sanitario e de control de establecementos e produtos fabrís. Creou o Gabinete Micrográfico para o recoñecemento de carnes e derivados e, sobre todo, o Servizo de Desinfección, que tivo a súa máxima proxección cando a epidemia de cólera do ano 1885.

Valoración científica

Como ocorreu con moitos destacados profesionais farmacéuticos desta época, o seu labor científico centrouse fundamentalmente na aplicación da química na caracterización e control de moitos produtos utilizados na alimentación, na agricultura e na industria. As augas minerais e potables foi un dos máis sinalados campos de aplicación, sendo Garagarza naquela altura, un reputado analista de mananciais. Tamén ao fronte do Laboratorio Químico Municipal de Madrid acadou grande notoriedade e recoñecemento.

O seu labor docente, a xulgar polo testemuño de Carracido, debeu ser salientable polo interese, vocación e novidade das súas clases. Politicamente era de ideario progresista liberal, pero tamén seu pensamento científico estaba aliñado coas correntes máis progresistas do momento, aceptando o darwinismo e o organicismo como a forma máis acaída para entendela natureza e o inductismo como base da educación e do ensino.



Bibliografía:




Fontes impresas:

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1864): Análisis del agua mineral de la propiedad de D. Bernabé de Otálora en Arechavaleta (Guipúzcoa) , Vitoria: Est. Tip. de D. Mateo Sanz y Gómez.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1867): Discurso leído en la Universidad Central por el licenciado D. Fausto Garagarza, en el acto solemne de recibir la investidura del Grado de Doctor en la Facultad de Farmacia, Madrid: Imp. de los Señores Gasset y Loma.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1870): Análisis cualitativo y cuantitativo del agua mineral-termal de Fortuna, provincia de Murcia, Murcia. Establ. Tip. de La Paz.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1873): Influencia de las doctrinas en el desenvolvimiento de la química, Discurso leído en la solemne inauguración del Curso académico 1873-1874 en la Universidad de Santiago, Santiago: Universidad.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1882): Desarrollo del método experimental en las ciencias, Discurso leído en la Universidad Central de Madrid en la inauguración del Curso Académico 1882-1883, Madrid: Universidad Central.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1883): Memoria resumen de la Exposición Farmacéutica Nacional leída... por el Dr. D. Fausto Garagarza y Dugiols, Madrid: Est. Tip. del Hospicio.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1886): Opúsculo sobre las plagas de la vid conocidas con los nombres de mildew, antracnosis,... y algunas enfermedades de la vid que interesa distinguir de las invasiones parasitarias, Madrid: Imp. de José Perales y Martínez.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1888): Análisis químico de las aguas minero-medicinales cloruro-sódicas-bicarbonatadas-nitrogenadas de Molinar de Carranza (Vizcaya), Bilbao: Imp. de la Casa de Misericordia.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1892): Programa de la asignatura de instrumentos y aparatos de física de aplicación a la farmacia con los principios fundamentales para el conocimiento de la asignatura, Madrid: Lib. de la Viuda de Hernando.

GARAGARZA Y DUGIOLS, F. (1903): Nociones fundamentales de técnica física: aplicada a la farmacia con la descripción de aparatos y el programa de la asignatura, Madrid: Librería de Perlado.


Bibliografía secundaria:

CASTILLO CAMPOS, M. J. del (1992): Historia del balneario de Mondariz hasta 1936. Tese de Doctoramento. UCP.

MUÑOZ CALVO, S. (1984): Contribución de Garagarza y Dugiols al conocimiento del evolucionismo en España, Actas II Congr. Soc. Española Hist. Ciencias (Jaca, 1982) , M. Hormigón (Coord.), Madrid: Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas; vol 1, p. 465-472.

PUERTO, F. J. e COBO, J. (1983): El Laboratorio Municipal de Madrid en el último tercio del siglo XIX, Acta Hispanica ad Medicinae Scientiarumque Historiam Ilustrandam, 3: 149-172.

RODRIGUEZ CARRACIDO, J.: Confesiones (12-VII-1927).

RODRIGUEZ CARRACIDO, J. (1906): Discurso del Académico Electo Ilmo. Sr. Doctor D. José R. carracido sobre el tema “Farmacodinamia de los modificadores de la oxidación orgánica”, El Restaurador Farmacéutico,LXI, 6: 85-88; 7: 105-108.

ROLDÁN, R. (1975): Diccionario Biográfico y Bibliográfico de Autores Farmacéuticos españoles, Vol. II. Madrid: Impr. P.H.O.E.