culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Buenaventura Andreu Morera

Primeiro director do Laboratorio de Vigo do Instituto de Investigaciones Pesqueras

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 05/07/2014

Extras de Buenaventura Andreu Morera: 

Extras sobre Buenaventura Andreu Morera:

Galeria


Buenaventura Andreu examinando ao microscopio unha preparación de ovocitos de sardiña en fresco (1958).
AndreuMoreraBuenaventura2.jpg
AndreuMoreraBuenaventura2.jpg
AndreuMoreraBuenaventura3.jpg
AndreuMoreraBuenaventura3.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Buenaventura Andreu Morera”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1007
Untitled Document

Buenaventura Andreu examinando ao microscopio unha preparación de ovocitos de sardiña en fresco (1958).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Albalate de Cinca (Huesca) 1920
  • Falecemento: Albalate de Cinca (Huesca) 2001
Formación

Realizou os seus estudos secundarios en Huesca e Barcelona. Con dezaoito anos participou na Guerra Civil e ao remate da mesma obtivo, aproveitando as facilidades legais que concedía o novo Réxime, o título de Maxisterio, e iniciou a carreira de Ciencias Naturais na Universidade de Barcelona, que finalizou en Madrid no curso 1945-46. O catedrático de Zooloxía de Barcelona, Francisco García del Cid, director do Instituto de Biología Aplicada (IBA), precisaba de especialistas en Bioloxía mariña e escolleu a Andreu para que se formase, desde que era estudante de terceiro curso da carreira, nos laboratorios do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Así, traballou como bolseiro nos laboratorios de Baleares e de Santander e en 1946, ao remate dos seus estudos universitarios, obtivo unha nova bolsa do IBA e acudiu a Galicia, ao laboratorio do IEO en Vigo. Acadou o doutoramento en ciencias biolóxicas pola Universidade de Barcelona en 1967 cunha memoria sobre “Las branquiespinas en la caracterización de las poblaciones de Sardina pilchardus, Walb”.

Relevante papel na creación do Instituto de Investigaciones Pesqueras

No reparto entre as diferentes “familias” que sustentaban o novo réxime saído do golpe de Estado de 1936, Franco deixou en mans da Igrexa e grupos afíns ao control da Educación e a investigación. A Junta para Ampliación de Estudios (JAE) foi identificada polos franquistas co réxime republicano, polo que o Ministro de Educación José Ibáñez Martín decidiu crear un novo organismo que centralizara o conxunto da investigación científica. E para esa misión botou man dun vello amigo e correlixionario, José María Albareda Herrera. Ibáñez encargoulle ao vello camarada a elaboración dun borrador dun centro nacional de investigación. Posteriormente, en base a esa proposta, crearía o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) por lei de 24 de novembro de 1939.

Albareda, Secretario Xeral do CSIC, xogaría un papel decisivo na institución e na penetración do “Opus” nos medios académicos. En 1943 decidiu crear o Instituto de Biología Aplicada (IBA) a partir da cátedra de Zooloxía (especialidade en Artrópodos) de García del Cid na Universidade de Barcelona. Desde o principio visualízase un claro interese pola Bioloxía mariña, se ben o IBA carecía de especialistas na materia. O 18 de febreiro de 1949, o CSIC crearía a Sección de Bioloxía mariña dentro do IBA. Andreu integrase no novo centro e García de Cid encárgalle a organización dun curso sobre “La introducción a las investigaciones pesqueras” (a elaboración do programa e o contacto cos profesores que impartirán as clases). No laboratorio de Zooloxía da Universidade de Barcelona desenvolveuse a parte teórica entre o 15 de marzo e o 15 de xullo, a cargo de Miguel Massutí e Andreu, auxiliados por Ramón Margalef e José María Camp. Entre os alumnos figuraban Manuel Gómez Larrañeta, Miguel Durán Ordiyana, Carlos Bas Peired, Julio Rodríguez-Roda Comparired, Pedro Arté Gratacós e José Antonio Fernández Polo. A parte práctica tivo lugar en Blanes, en instalacións cedidas polo filántropo alemán Karl Faust no seu xardín botánico “Mar i Murtra” e en barcos pesqueiros. Á Sección ficaron adscritos Andreu, Margalef, Larrañeta e Julio Rodríguez-Roda, como colaboradores científicos do CSIC, e Durán, Arté, Camp e Bas como bolseiros. No contexto do curso montouse un modesto laboratorio do IBA en Blanes e en xullo Andreu foi nomeado director. Máis tarde el mesmo escolleu El Grao, en Castellón, como lugar para emprazar o laboratorio levantino do que foi designado director en novembro dese ano, pasando Bas a ocupar a dirección de Blanes; asemade, Andreu colaborou co laboratorio de titularidade mixta (CSIC- PYBSA), en Vinaroz.

Albareda decidiu crear cun perfil ben definido un centro de investigación pesqueira dentro do CSIC. Consultou co seu estreito colaborador García del Cid, quen lle recomendou a Andreu, que Albareda coñecera nun curso de verán de 1946 na Universidade Menéndez Pelayo (Guerra & Prego, 2003), para que elaborara un borrador. Así fixo o Secretario Xeral do CSIC e Andreu, persoa que compartía posicións ideolóxicas cos seus mentores (científicos “nacional-católicos”), redactou o documento que serviu de punto de partida para a creación do Instituto de Investigaciones Pesqueras (IIP), «Proyecto para la creación de un Centro de Investigaciones Pesqueras dependiente del CSIC» (reproducido integro en Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003), datado en Vinaroz, o 14 de xaneiro de 1949. Ese documento foi a base para a creación en 1951 do Instituto de Investigaciones Pesqueras por transformación da Sección de Bioloxía Mariña do IBA, asumindo, de novo, García del Cid a dirección. Tiña como obxectivo unir a investigación e os intereses pesqueiros, ou sexa, desenvolver investigación vinculada á pesca e formar especialistas. Desde 1914 existía un Instituto Español de Oceanografía que tiña entre os seus obxectivos e práctica o estudo científico do mundo da pesca, polo que sorprende a duplicación de institucións públicas que supuxo a creación do IIP. Quizás na decisión xogou un papel relevante o interese do CSIC (Albareda) de controlar toda a investigación científica e as posibles dificultades atopadas para ese fin no caso do IEO, que formaba parte do Ministerio de Mariña. O certo é que esa duplicidade daría lugar a unha competencia gremialista na investigación mariña.

Labor no Laboratorio de Vigo do IIP. Estudos sobre a sardiña

A sede central do IIP estaba en Barcelona, onde se atopaban a dirección, administración, servizos de información bibliográfica e un pequeno laboratorio. A institución contaba con laboratorios costeiros en distintos puntos de España. O grupo científico instalado en Castellón tiña claro que unha das súas prioridades era adestrarse para afrontar o reto da creación do laboratorio atlántico (galego). Parecía que A Coruña sería o emprazamento escollido, pois non contaba con outro centro de investigación mariña, como acontecía no caso de Vigo co Laboratorio do IEO. Ao final o lugar elixido foi a cidade olívica, que contaba cunha instalación axeitada, o edificio e finca do antigo “Colegio Alemán” (posteriormente ocuparía outra na rúa Beiramar, antes de pasar a Bouzas). Franco inaugurou en setembro de 1952 o Laboratorio de Vigo do IIP (hoxe Instituto de Investigaciones Marinas de Vigo) e Andreu foi nomeado director.

Buenaventura Andreu exercería a dirección do laboratorio vigués ata 1967. Nese período compatibilizaría o seu labor de xestión coa actividade investigadora. Publicou preto de sesenta estudos, sobre todo en Publicaciones del Instituto de Biología Aplicada e Investigación Pesquera. Os seus principais temas de traballo foron a bioloxía e pesca da sardiña e os cultivos de moluscos bivalvos. No período previo á chegada a Vigo publicou varios artigos sobre a sardiña. Analizou, brevemente, a fecundidade do peixe no Boletín del Instituto Español de Oceanografía (Andreu, 1948), con outros colegas abordou as características morfolóxicas da sardiña da costa levantina (Andreu; Rodriguez-Roda & G. Larrañeta, 1950) e estudou o comportamento do ovario do peixe de novo no Boletín del Instituto Español de Oceanografía (Andreu, 1951).

Na xénese do IIP xogou un certo papel a demanda do sector pesqueiro vigués, preocupado pola crise na explotación deste peixe, que desde 1948 afectaba aos peiraos atlánticos e de xeito especial ao de Vigo, por ser o principal receptor das capturas. A causa do fenómeno era explicada pola sobrepesca, pero tamén se relacionaría cos intercambios de auga entre o exterior e interior da ría (Durán; Sáiz; López-Benito & Margalef, 1956). En todo caso, o estudo do ciclo vital e desprazamento deste peixe supoñía unha especial dificultade. Andreu desenvolveu varias pescudas sobre a sardiña na súa estadía viguesa, que deron lugar a diversos artigos: “Sobre la relación entre el numero de branquispinas y la talla en la sardina (Sardina pilchardus Walb.)” española (Andreu, 1953b), “Un nuevo caso de hermafroditismo en Sardina pilchardus Walb. de la ría de Vigo” (Andreu, 1955a), “The sexuallity of sardines” (Andreu, 1955b), “Algunos aspectos del desarrollo inicial del ovario de sardina (Sardina pilchardus Walb.)” (Pinto & Andreu, 1956), “Características histológicas y biométricas del ovario de sardina (Sardina pilchardus Walb.) en la maduración, puesta y recuperación. Origen de los ovocitos” (Andreu & Pinto, 1957), “Fecundidad de la sardina europea (Sardina pilchardus Walb.)” (Andreu, 1962), “Estudio de la edad y crecimiento de la sardina (Sardina pilchardus Walb.) del NW de España” (Andreu & Fúster de Plaza, 1962a) e “Sobre la relación longitud pez-longitud escama y su disarmonía cíclica estacional, en la sardina (Sardina pilchardus Walb.) del NW de España” (Andreu & Fúster de Plaza, 1962b).

En 1958 publicaría con Ramón Margalef un importante artigo: “Componente vertical de los movimientos del agua en la Ría de Vigo y su posible relación con la entrada de la sardina” (Margalef & Andreu, 1958). Partían da crise da pesca da sardiña, mais ao fácelo, estudando a circulación da auga, identificaron a importancia do fenómeno de upwelling ou “afloramento” na produtividade biolóxica das rías galegas. Na parte práctica realizaron unha determinación cuantitativa da velocidade de ascensión da auga dentro da ría e a relacionaron coa presenza do fitoplancto e entrada da sardiña, e se ben indican que non chegaron a conclusións definitivas, xa afirman que «la relación entre la intensidad de entrada de agua atlántica subsuperficial y la cantidad de sardina que aparece en la Ría se perfila cada ver mejor» (Margalef & Andreu, 1958: 109).

Dese xeito, sitúan o tema do upwelling ou «afloramento» como elemento central para o coñecemento da Bioloxía da Ría de Vigo, e por extensión do resto das rías galegas. Este fenómeno facilita unha visión unificada da Oceanografía física e biolóxica e consiste na elevación de auga desde profundidades comprendidas entre 100 e 300 metros, e polo tanto moi ricas en sales nutrientes (fosfatos e nitratos) que serven de alimento ao fitoplancto. Este “abonado” natural das augas xera un transvase de materia biolóxica na cadea trófica desde os niveis tróficos inferiores (fito e zooplancto) aos superiores (sardiña, xurelo, xarda, etc.) e é o responsable da grande riqueza das rías. A base teórica para a explicación científica do fenómeno de upwelling débese ao oceanógrafo sueco Vagn Walfrid Ekman (1905), quen estudou como afectaba a forza de Coriolis ás correntes oceánicas, analizando o efecto do vento sobre as correntes superficiais e a interacción destas coas profundas. Harald Sverdurp aplicou estas ideas para explicar o upwelling (1938). Este oceanógrafo noruegués dirixiu o Instituto Scripps de Oceanografía e con Martin W. Johnson e Richard H. Fleming publicou o valioso libro The Oceans: Their Physics, Chemistry and General Biology (1942), texto ao que fan referencia no seu artigo Margalef e Andreu (edición de 1946). Posteriormente afondaría no tema nun artigo posterior (Sverdrup, 1953). No caso do upwelling no Oeste da Península Ibérica, o portugués Boto (1945) describiu o fenómeno, que denominou «afloraçao». Desde 1959 Fernando Fraga (IIP de Vigo) tomaría relevo de Margalef no estudo da oceanografía das rías, incluído o fenómeno do afloramento.

Andreu tamén prestou atención á bioloxía doutros peixes, como foi o caso da pescada, “Observaciones sobre el ovario de merluza (Merluccius merluccius L.) y características del mecanismo de la puesta” (Andreu, 1956), e do «espadín» ou trancho, “Fecundidad del espadín atlántico (Sprattus sprattus) del NO de España” (Andreu, 1966).

Moluscos e cultivos mariños

No Laboratorio de Vigo do IIP Andreu iniciou os traballos sobre a bioloxía dos Moluscos e cultivos mariños. Nos anos trinta, cando aínda os bancos naturais de ostras producían en abundancia, houbo un primeiro intento de fixación de larvas de ostra na enseada de San Simón (Sánchez, 1936). En 1939, José María Navaz, director do Laboratorio de Vigo do IEO iniciou as experiencias de recolección de semente de ostra, levando a cabo as primeiras experiencias que desenvolveu o IEO de cultivos de Moluscos en Galicia, con parques experimentais, principalmente na Ría de Vigo, de cultivos ostreícolas, de ameixa e berberecho, concretamente en Cesantes, en 1940, e Montegordo, en 1941 (Pérez Rubín. 2008: 157). Navaz publicaría un amplo e documentado artigo sobre os bancos de moluscos, “Estudio de los yacimientos de moluscos comestibles en la ría de Vigo” (Navaz, 1942) e “La “Panopea glycimeris” (Born) (Bivalba, Saxicavidae), en la Ría de Vigo” (Navaz, 1945). Máis tarde estudaríanse os bancos ostreícolas da ría de Noia: “Ensayo de sistemática biocenótica aplicada al estudio de los yacimientos de moluscos, con un estudio inicial de los yacimientos de la ría de Noya” (Amengual-Ferragut, 1949).

Os bancos naturais de ostras de Galicia a mediados dos cincuenta estaban en plena decadencia. Para Andreu e Arté as causa posibles serían o marisqueo excesivo e a instalación indiscriminada de bateas, se ben os bancos desapareceran antes de que proliferaran nas rías as bateas de mexillón. A viaxe de estudos destes dous especialistas en 1953 aos parques ostreícolas e de mexillón franceses foi cualificada de «hito fundamental para el desarrollo de la investigación sobre moluscos bivalvos, sobre todo ostrícolas, en nuestro país» (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003: 105-106), se ben, como veremos, os dous proxectos de parque emprendidos finalizaron sen éxito. O Laboratorio de Vigo pasou a aplicar eses coñecementos co obxecto de implantar un parque ostreícola modelo. Andreu e colaboradores do Laboratorio elaboraron un proxecto de “Parque Modelo de Ostricultura” nunha parcela de 4,5 Ha na Praia de Cesantes. Aos poucos días da sinalización do Parque, as instalacións foron atacadas por mariscadores da zona e o proxecto tivo que seren abandonado (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003). O acontecido lembra á experiencia de Mariano de la Paz Graells na creación do “Parque-Escuela de Ostreicultura de Santa Marta de Ortigueira” (1876-1887).

Sobre o tema publicaron: “Experiencias previas sobre fijación de larvas y crecimiento de la ostra (Ostrea edulis) joven en las rías gallegas (NW de España) (Andreu & Arté, 1955a), “Incógnitas de la ostricultura en Galicia” (Andreu & Arté, 1955b) e “Expériences préalables sur la fixation des larves et la croissance hivernale des jeunes huîtres O.edulis dans les rias galiciennes” (Andreu & Arté, 1956).

Antonio Figueras Monfort pasou a colaborar con Andreu nestas cuestións. Nos anos sesenta, en 1964, a Confraría de Pescadores de Vilaxoán (Arousa) solicitou ao IIP a instalación dun parque ostreícola nunha parcela de 4 Ha ao sur da Praia de Barreiras. Andreu presentou un proxecto e figurou como Director Técnico do Parque, axudado por Figueras. A pesar dos esforzos non se acadaron ostras adultas reprodutoras. En xeral os bancos naturais de ostras de Galicia seguiron decaendo ata case desaparecer a fins dos anos sesenta. En relación á recuperación de bancos publicarían: “Experiencias sobre la recuperación de los bancos naturales de ostra plana (Ostrea edulis) en el Bao (Cambados, Ría de Arosa): Siembra de conchas colectoras” (Andreu & Figueras Monfort, 1966).

O cultivo de mexillón experimentou un gran desenvolvemento en Galicia a mediados dos 40, proceso no que interveu o Laboratorio do IEO de Vigo. Andreu solicitou á Administración que se implantase a depuración dos moluscos, redactou o primeiro proxecto para a construción dunha planta depuradora en Aguiño, a primeira de España (Figueras Monfort, 2001), e contribuíu ao auxe do cultivo do mexillón nas rías galegas. Asemade, prestou atención aos efectos negativos do parasito Mytilicola intestinalis sobre os mexillóns, “Propagación del copépodo parásito Mytilicola intestinalis en el mejillón cultivado de las rías gallegas (NW de España)” (Andreu, 1963).

A dirección do IIP

En 1967, Ramón Margalef deixou a dirección do IIP e Andreu foi nomeado polas autoridades como novo director, cargo que ocuparía ata 1983, período de imporante desenvolvemento da institución. Trasladouse a Barcelona e Manuel Gómez Larrañeta ocupou a dirección do Laboratorio vigués. A visión de Andreu da investigación mariña en España estaba centrada en cuestións aplicadas relacionadas coa pesca, en contraposición á postura de Margalef, partidario do estudo do funcionamento dos ecosistemas mariños, polo que Andreu defendía unha potenciación dos centros atlánticos (Vigo e Cádiz) do IIP (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003).

A instauración da democracia xerou cambios no CSIC. En 1979, a institución aprobou a reestruturación do Instituto de Investigaciones Pesqueras (IIP) que, logo de ter sido gobernado durante 40 anos desde Barcelona, pasou a a desmembrase en catro centros con autonomía propia e só dependentes da sede central do CSIC, en Madrid. O IIP desapareceu como tal e creáronse os Institutos de Investigaciones Pesqueras de Barcelona, Cádiz e Vigo e a Estación de Investigación Pesquera de Torre de la Sal (Castellón), que pouco tempo despois pasaría a ser tamén un Instituto. Para coordinar as liñas xerais e obxectivos científicos da investigación pesqueira do CSIC, o desenvolvemento, emprego e mantemento dos servizos aínda comúns, xestionar o reparto do patrimonio común e levar a cabo un desenvolvemento equilibrado de todos os institutos e coordinar accións científicas nacionais e internacionais, creouse o Centro Nacional de Investigaciones Pesqueras (CENIP), sen sede física pero dotado dun órgano representativo constituído por un presidente e dous representantes de cada Instituto ou Estación, un dos cales exerce como director. Xa como centro autónomo desde 1979, o Instituto de Investigaciones Pesqueras de Vigo cambiaría en 1986 a súa denominación pola de Instituto de Investigaciones Marinas de Vigo (CSIC).

Andreu recibiu o Premio Juan Antonio Suanzes de investigación do Patronato Juan de la Cierva en 1974 e o Premio Nacional Francisco Franco de Investigación Técnica do CSIC en 1975. En 1999 foi nomeado académico correspondente da Real Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona e “Hijo Predilecto” de Albalate de Cinca.




Bibliografía:




Fontes impresas:

ANDREU, B. (1948): Algunos datos sobre la fecundidad de la sardina, Boletín del Instituto Español de Oceanografía, 4.

ANDREU, B. (1949): Sobre la presencia de dos cercarias en el ovario de la almeja (Tapes aureus Gmelin) en relación con el proceso de maduración y de freza, Boletín del Instituto Español de Oceanografía, 22: 1-7.

ANDREU, B. (1951): Consideraciones sobre el comportamiento del ovario de sardina (Sardina pilchardus Walb.) en relación con el proceso de maduración y de freza, Boletín del Instituto Español de Oceanografía, 41.

ANDREU, B. (1953a): El Instituto de Investigaciones Pesqueras, Barcelona: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Patronato Juan de la Cierva.

ANDREU, B. (1953b): Sobre la relación entre el numero de branquispinas y la talla en la sardina (Sardina pilchardus Walb.) española, Boletín del Instituto Español de Oceanografía, 62.

ANDREU, B. (1955a): Un nuevo caso de hermafroditismo en Sardina pilchardus Walb. de la ría de Vigo, Inv. Pesq., II: 3-8.

ANDREU, B. (1955b): The sexuallity of sardines, Proc. and Tech. Papers Gen. Fish com. Medit. FAO, 3: 45-60.

ANDREU, B. (1956): Observaciones sobre el ovario de merluza (Merluccius merluccius L.) y características del mecanismo de la puesta, < i>Inv. Pesq., IV: 49-66.

ANDREU, B. (1962): Fecundidad de la sardina europea (Sardina pilchardus Walb., Public. do XXVI Congr. Luso-Espanhol p. Progresso das Ciencias, 26 (1).

ANDREU, B. (1963): Propagación del copépodo parásito Mytilicola intestinalis en el mejillón cultivado de las rías gallegas (NW de España), Inv. Pesq., XXIV: 3-20.

ANDREU, B. (1966): Fecundidad del espadín atlántico (Sprattus sprattus) del NO de España, Inv. Pesq., XXX: 589-602.

ANDREU, B. & ARTÉ, P. (1955a): Experiencias previas sobre fijación de larvas y crecimiento de la ostra (Ostrea edulis) joven en las rías gallegas (NW de España), Publicaciones Instituto Biología Aplicada, 19: 115-129.

ANDREU, B. & ARTÉ, P. (1955b): Incógnitas de la ostricultura en Galicia, Rev. Ind. Pesq., 7: 30-33.

ANDREU, B. & ARTÉ, P. (1956): Expériences préalables sur la fixation des larves et la croissance hivernale des jeunes huîtres O.edulis dans les rias galiciennes, Rapp. Cons. Explor. Mer, 14: 17-22.

ANDREU, B. & FIGUERAS MONFORT, A. (1966): Experiencias sobre al recuperación de los bancos naturales de ostra plana (Ostrea edulis) en el Bao (Cambados, Ría de Arosa): Siembra de conchas colectoras, Publ. Tec. J. Est. Pesc., 5: 213-224.

ANDREU, B. & FUSTER DE PLAZA, Ma. L. (1962a): Estudio de la edad y crecimiento de la sardina (Sardina pilchardus Walb.) del NW de España, Inv. Pesq., XXI: 49-95.

ANDREU, B. & FUSTER DE PLAZA, Ma. L. (1962b): Sobre la relación longitud pez-longitud escama y su disarmonía cíclica estacional, en la sardina (Sardina pilchardus Walb.) del NW de España, Inv. Pesq., XXI: 113-144.

ANDREU, B. & PINTO, J. dos Santos (1957): Características histológicas y biométricas del ovario de sardina (Sardina pilchardus Walb.) en la maduración, puesta y recuperación. Origen de los ovocitos, Inv. Pesq., VI: 3-38.

ANDREU, B., RODRIGUEZ-RODA, J. & LARRAÑEETA, M. G. (1950): Contribution al estudio de la talla, edad y crecimiento de la sardina, de las costas espanolas de Levante. Publ.Inst.Biol.Aplic., 7:159-189.

MARGALEF, R. & ANDREU, B (1958): Componente vertical de los movimientos del agua en la Ría de Vigo y su posible relación con la entrada de la sardina, Inv. Pesq., XI: 105-126.

PINTO, J. dos Santos & ANDREU, B. (1956): Algunos aspectos del desarrollo inicial del ovario de sardina (Sardina pilchardus Walb.), < i>Inv. Pesq., V: 3-12


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ SALGADO, X. A. (2006): A investigación na oceanografía das rías galegas. Perspectiva histórica e oportunidades de futuro, Grial, 171: 170-179.

AMENGUAL-FERRAGUT, J. (1949): Ensayo de sistemática biocenótica aplicada al estudio de los yacimientos de moluscos, con un estudio inicial de los yacimientos de la ría de Noya, Boí. Inst. Esp. Oceanogr., 20.

BAS, C. (2001): Obituary: Buenaventura Andreu Morera (1920-2001). Scientia Marina, 65: 403-404.

BOTO, R.G. (1945): Contribuição para os estudos de oceanografia ao longo da costa de Portugal — fosfatos e nitratos, Trav. St. Biol. Marit. Lisboa, 49: 1–102.

DURÁN, M.; SAIZ, F.; LÓPEZ-BENITO, M & MARGALEF, R. (1956): El fitoplancton de la Ría de Vigo de abril de 1954 a junio de 1955, Inv. Pesq., IV: 67-96.

EKMAN, V. W. (1905): On the influence of the earth’s rotation on the ocean currents, Arkiv för Mathematik, Astronomi och Fysik, 2 (11).

FIGUERAS MONFORT, A. (2001): Nota necrológica, Faro de Vigo, 30 maio 2001.

GUERRA SIERRA, A. (2012): Buenaventura Andreu Morera, Scientia Marina, 76 (2): 221-224.

GUERRA SIERRA, A. & PREGO REBOREDO, R. (2003): El Instituto de Investigaciones Pesqueras. Tres décadas de historia de la investigación marina española, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

NAVAZ, J.M. (1942): Estudio de los yacimientos de moluscos comestibles en la ría de Vigo, Trabajos del Instituto Español de Oceanografía, 16.

NAVAZ, J.M. (1945): La “Panopea glycimeris” (Born) (Bivalba, Saxicavidae), en la Ría de Vigo, Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, XLIII, 7-8: 365-368.

PÉREZ DE RUBÍN Y FEIGL, J. A. (2008): Un siglo de historia oceanográfica del Golfo de Vizcaya (1850-1950): ciencia, técnica y vida en sus aguas y costas, San Sebastián: Aquarium, Fundación Oceanográfica de Guipúzcoa.

REIMAT, P & OJEDA FERNÁNDEZ, I. (2000): Semblanza humana y científica de Buenaventura Andreu Morera, hijo predilecto de Albalate de Cinca. Excmo. Ayuntamiento de Albalate de Cinca.

SÁNCHEZ, M. (1936): La ostricultura en la Ría de Vigo, Industrias Pesqueras, 230.

SVERDURP, H. U. (1938): On the process of upwelling, J. Mar. Res., 1: 155-164.

SVERDRUP, H. U. (1953): On conditions for the vernal bloomimg of phytoplankton, Journal Cons. Perm. Int. Explor. Mer., 18: 287-295.

SVERDRUP, H. U.; JOHNSON, M. W. & FLEMING, R. H. (1942): The Oceans: Their Physics, Chemistry.