culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Gómez Larrañeta

Especialista en pesqueiras, director do Laboratorio de Vigo do Instituto de Investigaciones Pesqueras

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 30/08/2014

Extras de Manuel Gómez Larrañeta: 

Extras sobre Manuel Gómez Larrañeta:

Galeria



gomezlarranetamanuel2.jpg
gomezlarranetamanuel2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Manuel Gómez Larrañeta”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1010
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Tolosa (Guipúscoa) 1924
  • Falecemento: Vigo (Pontevedra) 2012
No grupo fundacional do Instituto de Investigaciones Pesqueras

Licenciado en Ciencias Naturais (1946) e doutor pola Universidade de Barcelona (1965), en 1949 foi adscrito á Sección de Bioloxía mariña do Instituto de Biología Aplicada (IBA), precedente do Instituto de Investigaciones Pesqueras (IIP), como colaborador científico do CSIC. Experto na localización, estudo e xestión das pesqueiras —cualificábase a si mesmo como «biólogo de flota lejana»—, publicou numerosos traballos sobre o tema e formou a bastantes biólogos pesqueiros.

No reparto entre as diferentes “familias” que sustentaban o novo réxime saído do golpe de Estado de 1936, Franco deixou en mans da Igrexa e grupos afíns o control da educación e a investigación. A Junta para Ampliación de Estudios (JAE) foi identificada polos franquistas co réxime republicano, polo que o Ministro de Educación José Ibáñez Martín decidiu crear un novo organismo que centralizara o conxunto da investigación científica. E para esa misión botou man dun vello amigo e correlixionario, José María Albareda Herrera, creando en 1939 o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Albareda xogaría un papel decisivo no CSIC, na selección de persoal e na penetración do Opus Dei nos medios académicos. En 1943 decidiu crear o Instituto de Biología Aplicada (IBA) a partir da cátedra de Zooloxía (especialidade en Artrópodos) da Universidade de Barcelona. Nomeou ao responsable desta, Francisco García del Cid, director da nova institución. Desde o principio visualízase un claro interese pola Bioloxía mariña, se ben o IBA carecía de especialistas na materia. Desde 1914 existía o Instituto Español de Oceanografía, que tiña entre os seus obxectivos o estudo científico do mundo da pesca. Probablemente a decisión de Albareda, secundado por García del Cid e Buenaventura Andreu, de estruturar un novo organismo estivo condicionada polas dificultades que atoparía para controlar o IEO, dependente do Ministerio de Mariña. O certo é que esa duplicidade daría lugar a unha competencia gremialista moi pouco frutífera para a investigación mariña.

O interese por dispoñer dun centro dedicado á investigación pesqueira tiña que ver coa petición realizada polo Concello de Vigo a Franco de que se instalara un instituto dedicado a esa cuestión na cidade olívica para atender, entre outros temas, ao da crise da sardiña. O 18 de febreiro de 1949, o CSIC crearía a Sección de Bioloxía mariña dentro do IBA, vinculada administrativamente a esa institución e economicamente ao Patronato Juan de la Cierva do CSIC. Ese mesmo ano tivo lugar o curso “La introducción a las investigaciones pesqueras”, proxectado por Andreu e Ramón Margalef. Entre os alumnos atopábanse algúns dos que anos despois xogarían un relevante papel na investigación pesqueira, como o propio Gómez Larrañeta e Miguel Durán Ordiyana, Carlos Bas Peired, Julio Rodríguez-Roda Compaired, etc. A parte práctica do curso tiña lugar en Blanes, en instalacións cedidas polo xardín botánico “Mar i murtra” de Faust. Á Sección ficaron adscritos Andreu, Margalef, Larrañeta, Julio Rodríguez-Roda como colaboradores científicos do CSIC, e Durán, Arté, Camp e Bas como bolseiros.

Andreu, a solicitude de Albareda, elaborou un documento, “Proyecto para la creación de un Centro de Investigaciones Pesqueras dependiente del CSIC”, que foi a base para a creación en 1951 do Instituto de Investigaciones Pesqueras(IIP) por transformación da Sección de Bioloxía mariña do IBA, asumindo, de novo, García del Cid a dirección. A nova institución contaba con catro laboratorios, un en Blanes, outro en Castellón, un terceiro (de titularidade mixta) en Vinaroz e o cuarto en Vigo. Larrañeta, que formou parte do grupo inicial do Laboratorio de Castellón, con Andreu, Rodríguez Roda e Ricardo Toll, encaixaba ben coa visión xeral, política e ideolóxica do grupo de científicos “nacional-católicos” promotores do IIP (Albareda, García del Cid e Andreu), quen depositarían nel a súa confianza. Así, en1954 foi nomeado director do Laboratorio de Castellón, cargo no que permaneceu ata 1967.

Director en Vigo

O laboratorio castellonense estaba previsto como un centro de adestramento cara a afrontar o problema da crise da sardiña no Atlántico. De feito, cando se constituíu o Laboratorio de Vigo do IIP estaba previsto que o levantino pechara, porén non foi así; ao parecer na decisión influíu que Larrañeta casara (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003). En todo caso, en 1967 Andreu accedeu á dirección do IIP, deixou a do laboratorio vigués, e Larrañeta foi nomeado o seu substituto, ocupando o cargo ata 1979.

Cando o novo director chegou a Vigo o centro contaba con seis titulados universitarios, tres axudantes e unha pequena embarcación. Nos anos seguintes o Laboratorio incrementaría substancialmente o seu persoal e recursos e Larrañeta poñería en marcha o novo edificio do IIP en Bouzas. No seu período mantívose a tradicional disputa co IEO sobre o protagonismo de cada institución, un enfrontamento personificado en Larrañeta e o director do Laboratorio de Vigo do IEO, Rafael Robles Pariente, e cualificado de «enconado, desafortunado e infructífero» (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003: 190). A pesar diso, desenvolveuse algunha acción conxunta entre os dous centros de investigación mariña, como foi o caso do programa patrocinado pola Dirección General de Pesca, Investigaciones Pesqueras de la Plataforma Gallega(IPPG), coordinado por Larrañeta, co obxectivo de aconsellar á Administración sobre a explotación racional dos recursos de fondo da plataforma continental galega.

Labor investigador e de xestión científica

En Castellón estudara diversas pesqueiras da zona, unha actividade que se concretou en artigos como “El crecimiento de la sardina (Sardina pilchardus Walb.) de las costas de Alicante” (Rodríguez-Roda & G. Larrañeta, 1955) ou “Contribución al conocimiento de la pesquería del salmonete de fango (Mullus barbatus L.) de las costas de Castellón” (Rodríguez-Roda & G. Larrañeta, 1956). Nese tempo asistiu, único español, ao curso internacional patrocinado pola FAO en Lowestoft (Inglaterra, 1957), no que se presentaron os métodos analíticos máis avanzados na dinámica de poboacións de peixes. Aplicaría esa metodoloxía no “Plan Experimental de Pesca de Arrastre de Castellón” (PEPAC) (1961–1967), acadando mellores rendementos pesqueiros. E tamén presentou, en 1965, a súa tese de doutoramento: “Crecimiento de Pagellus erythrinus, L. de las costas de Castellón, con García del Cid como director da memoria.

Ao chegar a Vigo pasou a estudar as pesqueiras do Atlántico porén sen abandonar os traballos sobre as das costas levantinas (en traballos como, por exemplo, “Sobre la alimentación, la madurez sexual y la talla de la primera captura de Merluccius merluccius (L.)”, Larrañeta, 1970). Entre 1961 e 1967 a flota pesqueira española cuadriplicouse, polo que a pesca adquiriu unha maior importancia. Moitos barcos actuaban en diversos caladoiros de diferentes mares, polo que as relacións internacionais en comités científicos e políticos cobraron unha nova dimensión. Esas circunstancias coincidiron con Larrañeta en postos de responsabilidade e axudaron a que adquirira un importante protagonismo. Por iso, desde Vigo asumiu, ademais do estudo da pesca do litoral do Noroeste peninsular, a do Grande Sole e da área da da ICNAF (Comisión internacional para as pesqueiras do Atlántico Noroeste), participando no seu Consello Científico.

Pescadores galegos localizaran en augas de Namibia un novo e importante caladoiro e en 1966 Pescanova convidou a Larrañeta a desenvolver unha campaña de investigación no buque factoría Galicia nos caladoiros de Africa austral. Os datos obtidos facilitaron un plan de traballo para a pesca da pescada de pesqueiros españois, sobre todo galegos. A pesar deses estudos e do feito de que a maior parte dos barcos que explotaban o caladoiro tiñan a súa base en Galicia, a Dirección General de Pesca decidiu encargar as novas campañas ao Laboratorio de Barcelona do IIP.

En medio do enfrontamento sinalado entre o IEO e o IIP, en 1970 tivo lugar a interesante experiencia colaboradora entre ambas institucións que xa anunciamos. Larrañeta coordinou o equipo de pesqueiras dos laboratorios de Vigo do IIP e do IEO que puxo en marcha o programa “Investigaciones Pesqueras de la Plataforma Gallega”. Un plan que tiña como obxectivo aconsellar á Administración para realizar unha explotación racional dos recursos do fondo da plataforma continental de Galicia. Fronte a pretensión de Larrañeta dun plan similar ao que desenvolvera en Castellón (PEPAC), as campañas “GALICIA” ao bordo do B/O Cornide de Saavedra e en diversos pesqueiros e lonxas, amosaron que as pesqueiras galegas eran moito máis complexas que as de Levante e «no fue posible realizar un plan de ordenación tan completo como el llevado a cabo en Castellón años atrás» (Guerra Sierra & Prego Reboredo, 2003: 194).

As novas necesidades favoreceron o desenvolvemento dos equipos de Bioloxía pesqueira en Barcelona, baixo a dirección de Carles Bas, e en Vigo, con Larrañeta ao mando. Dese xeito fóronse incorporándose ao centro vigués novos biólogos, sobre todo procedentes da Universidade de Santiago de Compostela (por exemplo, Antonio Vázquez, Uxío Labarta, Javier Tourón, Henrique López Veiga, José Ramón Fuertes). Nese contexto realizáronse as teses de licenciatura sobre a castañeta (Vázquez, 1972), sobre varias especies de “rubios” (Labarta, 1974), sobre bioloxía pesqueira do espadín na Ría de Vigo (López Veiga, 1977) e sobre a bioloxía pesqueira da cigala na costa galega, (Alonso-Allende, 1978). Con posterioridade, a falta de perspectivas profesionais fixo, entre outras cousas, que parte do equipo marchara a traballar coas asociacións de armadores (Veiga e Fuertes) ou ao ensino (Tourón).

Nos seus estudos sobre as pesqueiras e a interrelación coa pesca e os factores ambientais prestou especial atención ás curvas de reprodución. Así, en “Una crítica de las curvas de reproducción” (Larrañeta, 1979a) examinou o efecto da pesca sobre esas curvas, preocupado pola aplicación práctica destas. En “Estudio de recursos pesqueros. I. Variaciones” (Larrañeta, 1979b) sinalaba o atraso da Bioloxía pesqueira con relación á Tecnoloxía. Un desfase que entendía como unha grande ameaza. Analizaba as causas das crises pesqueiras diferenciando as especies peláxicas e bentónicas e as opinións dos pescadores e dos biólogos.

O colapso das pesqueiras foi un dos temas que atraeron o seu interese. A atención aos datos estatísticos non evitou que tivera unha visión dinámica das pesqueiras, que considerara a ecoloxía das poboacións. Estudoso da avaliación e explotación dos recursos pesqueiros, discutiu o efecto da sobrepesca e a influencia do ambiente, no que as interrelacións entre especies ocupan un lugar notable. A súa visión ecolóxica era innovadora, se ben partía dalgún concepto de difícil verificación, como a idea de que o medio mariño tende aos equilibrios compensatorios. E a referencia a factores ambientais non controlables nun contexto de sobrepesca resulta interesante pero tamén abre unha discutible vía de xustificación á continuación do esforzo pesqueiro.

Xogou un importante papel na posta en marcha da pesqueira do fletán. En outubro de 1987 publicou en Industrias Pesqueras un artigo sobre o fletán de Grenlandia. E poucos anos despois armadores como o galego Juan Manuel Oya Pérez fixeron do fletán negro unha alternativa para a flota expulsada de Namibia. No terreo das súas contribucións figura a súa «teoría de dos estados de equilibrio de la curva de producción», cualificada como «... un noble intento para explicar la evolución de las pesquerías de bacalao» (Vázquez, 2013: 78).

Na parte final do seu percorrido profesional custoulle adaptarse ás novas técnicas estatísticas e á informática. Xubilado, traballou a relación stock-recrutamento en peixes, cuestión sobre a que publicou “Ecología de la relación stock-reclutamiento en los peces marinos” (Larrañeta, 1996). Recibiu a Medalla de Galicia en 1992.



Bibliografía:




Fontes impresas:

Unha parte notable da produción científica de Larrañeta pode consultarse no extra que incluimos da revista Investigaciones Pesqueras.

ANDREU, B., RODRIGUEZ-RODA, J. & LARRAÑETA, M. G. (1950): Contribución al estudio de la talla, edad y crecimiento de la sardina de las costas españolas de Levante, Publ. Inst. Biol. Aplic., 7: 159–189.

RODRIGUEZ-RODA, J. & LARRAÑETA, M. G. (1955): El crecimiento de la sardina (Sardina pilchardus Walb.) de las costas de Alicante, Inv. Pesq., II: 9-20.

LARRAÑETA, M. G. & RODRIGUEZ-RODA, J. (1956): Contribución al conocimiento de la pesquería del salmonete de fango (Mullus barbatus L.) de las costas de Castellón, Investigación Pesquera, III: 45-68.

LARRAÑETA, M. G. (1970): Sobre la alimentación, la madurez sexual y la talla de la primera captura de Merluccius merluccius (L.), Investigación Pesquera, 34(2): 267-280.

LARRAÑETA, M. G. (1979a): Una crítica de las curvas de reproducción, Investigación Pesquera, 43(3): 667-688.

LARRAÑETA, M. G. (1979b): Estudio de recursos pesqueros. I. Variaciones, Estudio y explotación del mar en Galicia , Santiago de Compostela: Universidad; p. 215-236.

LARRAÑETA, M. G. (1990): El colapso de las pesquerías, Investigación Pesquera, LXII: 31-33.

LARRAÑETA, M. G. (1996): Ecología de la relación stock-reclutamiento en los peces marinos, Océanides, 11 (2): 55-187.


Bibliografía secundaria:

GUERRA SIERRA, A. & PREGO REBOREDO, R. (2003): El Instituto de Investigaciones Pes- queras. Tres décadas de historia de la investigación marina española, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

VÁZQUEZ, A. (2013): Manuel Gómez Larrañeta, J. Northw. Atl. Fish. Sci., 44: 77–78.