culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Lojo Batalla

Primeiro catedrático de Pediatría da Universidade de Santiago

comparte esta páxina:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia; Pascual Bueno, José.
  • Data de alta: 19/10/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando; González Castroagudín, Sonia; Pascual Bueno, José. ([2014], “Juan Lojo Batalla”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1013
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ames (A Coruña) 1822
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1896
Pediatría: Antecedentes, Hospitais de nenos e dotación de cátedras

A atención médica aos nenos estivo moito tempo vinculada, tanto dende o punto de vista asistencial como docente, aos tocoxinecólogos. A materia na Facultade de Medicina era “Teoría y clínica de partos, enfermedades de las mujeres y de los niños”. As cátedras de pediatría datan dun Real Decreto de 16 de Setembro de 1886, no que a raiña Rexente, María Cristina de Habsburgo-Lorena, firma a proposta do compostelán Ministro de Fomento, Eugenio Montero Ríos, que ademais de deseñar os novos plans de estudo de Medicina, establecendo os tres períodos de Preparatorio, Licenciatura e Doutorado, modificaba o do 16 de Xaneiro de 1884, no sentido de, entre outras cousas, crear as cátedras de Enfermidades da Infancia coa sua clínica: «Justificada por la especialidad y suma importancia de los tiernos seres que estudia, tan necesitados de toda atención y preferencia, así como por el desenvolvimiento extraordinario alcanzado en esta clase de conocimientos».

Curiosamente, os Hospitais para Nenos precederon á creación destas cátedras e da mesma especialidade, fundándose o do Niño Jesús de Madrid en 1877. Foi dirixido durante uns meses por Manuel Arnús Fortuny quen, por azares da vida e familiares, marchou a traballar á banca de Barcelona, onde tivo gran éxito financieiro, sendo ademáis deputado e accionista de grandes empresas, e deixando profunda impresión polo seu alto nivel científico, ao dicir do sabio Dr. Espina y Capo, compañeiro seu. Arnús Fortuna foi substituído por Mariano Benavente, pai do que logo sería Premio Nobel de Literatura, Jacinto Benavente. Mariano Benavente, que proviña de Medicina interna e de cirurxía, pois cursara as dúas carreiras, entón separadas, deixou unha impronta extraordinaria, persoal e profesionalmente, ao falecer en 1885, e considérase o primeiro pediatra español.

Posto en marcha o proceso de dotación das primeiras cátedras, nunha primeira fase de concurso, en 1887, Francisco Criado y Aguilar pasa da súa cátedra de Patoloxía Xeral en Zaragoza, por concurso, á de Enfermidades da Infancia de Madrid. No mesmo ano e páxina da Gaceta de Madrid (o B.O.E. de por entón) publicáronse as prazas de dous composteláns, Juan Lojo Batalla, para a Universidade de Santiago, dato non mencionado nos tratados de historia da pediatría española publicados ata agora, e Patricio Borobio, médico militar, para a de Zaragoza. É, polo tanto, Juan Lojo, o segundo catedrático efectivo de Pediatría de España e o primeiro de Galicia.

Posteriormente a estes concursos, poñeríanse en marcha as primeiras oposicións ás cátedras de Pediatría de Valencia, Barcelona e Granada, que ganarían, respectivamente, Ramón Gómez Ferrer, Juan Enrique Iranzo Simón (que pouco despois marchou á de Obstetricia de Zaragoza) e Andrés Martínez Vargas (1861-1948), que catro anos máis tarde trasladouse a Barcelona, constituindose no gran mestre da pediatría española.

Primeiros estudos e licenciaturas

Juan Bernardo Lojo y Batalla naceu na Parroquia de San Lorenzo de Agrón, no arciprestazgo da Mahía, municipio de Ames, Partido Xudicial de Negreira, nas inmediacións de Santiago de Compostela. Foi bautizado e administráronselle os santos óleos, o mesmo día do seu nacemento. Era fillo lexítimo de Cayetano Lojo Batalla e de Ignacia Pays. De 1835 a 1838 cursou tres anos de Filosofía en Santiago; en 1838-1839 o curso de Física experimental e química, posteriormente, Anatomía e Lingua Grega, e logo comezou os seus estudos de Medicina.

O 27 de Xuño 1842 obtivo o grao de Bachiller en Medicina, «A Claustro pleno», desenvolvendo o tema: La gastroenteritis crónica es la causa de los infartos en obstrucciones hepáticas, coa cualificación de Némine discrepante. Dous anos despois, tras cursar 5º e 6º, presentouse para o grao de Licenciado en Medicina, que obtivo o 15 de Xullo de 1844, desenvolvendo na capela da Universidade o tema: La inspiración es un estado verdaderamente activo, un esfuerzo de los órganos contráctiles que cesa cuando estos se relajan. Conseguiu así mesmo o aprobado Némine discrepante, e, tras depositar 1.500 reais de vellón, expediúselle o título, extremos ambos que acredita no seu expediente, obrante no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, o Secretario Xeral da Universidade, Francisco Otero Porras. Anos máis tarde, en 1857-58, cursará estudos de cirurxía, obtendo o 22 de setembro de 1858 o título, tralo oportuno xuramento, de Licenciado en Cirurxía.

Vida profesional

Durante un tempo foi médico militar, con carácter honorífico, pois consta como médico graduado de entrada na Sanidade Militar en 1862. Tras elevar instancia solicitándollo á Raiña Isabel II, o 22 de Abril de 1860, nunha petición na que amosa un grande amor ao exército, concédeuselle o 28 de Xullo de 1862.

Nos anos 1863 e 1864 pasou, en Santiago, os recoñecementos médicos dos mozos que sentaron praza no Banderín de Ultramar para Cuba e Filipinas e, en 1865, con motivo do falecemento do Médico Honorario Ramón Novoa Gayoso, encoméndaselle prestar os servicios médicos castrenses que viña desempeñando este en Santiago. O 12 de Xuño de 1865 foi nomeado Cabaleiro da Orde de Carlos III.

En 1868-1869 cursou tamén en Santiago, Análisis Químico e Historia da Medicina, disciplinas do doutorado, grao que culminará o 28 de Xuño de 1869, lendo a memoria ¿Preserva de la viruela indefinidamente la vacuna?, ante un Tribunal composto polos profesores José Andrey Sierra, Ramón Otero Acuña, Maximino Teijeiro Fernández, Juan García Baeza e Timoteo Sánchez Freire, ainda cando este último debeu ser substituido pois firma a acta como secretario Jesús Novoa López. Foille posible ler a tese en Santiago porque trala Revolución Gloriosa de 1868; dende 1869 a 1875, foi posible cursar o doutorado completo nas Universidades de distrito, sendo esta unha breve paréntese no longo período no que foi potestade restrinxida á Universidade Central de Madrid, ata máis que mediados do século XX.

As conclusións da súa tese son tremendamente atinadas pois, entre outras, recomenda a revacinación aos dez anos e reformar a lexislación no sentido de facer obrigatoria dita profilaxe, ademáis de soster que a enfermidade é moito máis atenuada en aqueles que foron vacinados. Obtivo a calificación de aprobado e foi investido de doutor ao día seguinte, o 29 de Xuño, tras pagar os dereitos de 3.000 reais de vellón.

O 28 de novembro de 1872 foi nomeado polo claustro Auxiliar de Patoloxía Xeral e Anatomía Patolóxica. Confirmado como tal por Real Orden de 27 de Agosto de 1875, neses anos actuou múltiples veces como substituto de varias disciplinas, con frecuencia por ausencia ou enfermidade dos seus titulares: de Hixiene Pública e de Terapéutica, en 1875 e 76; de Medicina Legal, en 1876 (ano en que tamén se lle nomea encargado de cátedra de Patoloxía Xeral e Anatomía Patolóxica); de Patoloxía Médica, en 1877; e dende o 7 de Outubro de 1886, encargado de enfermidades da infancia e da súa clínica.

En vista destas circunstancias e polos méritos contraídos, o 18 de Xullo de 1877 solicitou ao Ministerio de Fomento que se lle nomeara catedrático supernumerario, o que se lle concedeu por R. O. de 30 de Xaneiro de 1879, tomando posesión o 12 de Febreiro. O 23 de Agosto de 1887 solicitou a Cátedra de Enfermidades da Infancia que saíra a concurso na Gaceta do 12 de Agosto, lográndoa por R.O. do 2 de Decembro 1887, á vez que o gran Patricio Borobio, tamén compostelán e, este si, médico militar efectivo co nº 1 da súa promoción, conseguía a de Zaragoza por oposición. En dita orde establécense os seguintes méritos e servicios de Juan Lojo Batalla:
Doutor en Medicina e Cirurxía.
Honores de Médico de entrada graduado do Corpo da Sanidade Militar o 18 de Xullo de 1862.
Encargado do servizo médico militar do hospital de Santiago o 12 de Febreiro de 1865.
Xurado de exames en Maio de 1870 e Setembro de 1872.
Auxiliar polo Claustro de Santiago en Novembro de 1872.
Auxiliar por concurso o 27 de Agosto de 1875.
Catedrático supernumerario o 30 de Xaneiro de 1879.
Dende o 7 de Outubro de 1886 encargado da cátedra de enfermidades da infancia e a súa clínica.
Secretario da Facultade de Medicina de Santiago dende 14 de setembro de 1881.
Cabaleiro da Real e distinguida Orde de Carlos III.
A tales efectos, recoñéceselle que leva catorce anos once meses e once días de servizo, e de desempeño de cátedras, once cursos e nove días.

Na Gaceta de Madrid do 14 de Decembro de 1887, posibilítase que os alumnos anteriormente matriculados da asignatura cando se atopaba vinculada á obstetricia e xinecoloxía, se consideren alumnos oficiais da nova. Igual sucedía con Anatomía Patolóxica, antes vinculada á Patoloxía Xeral —con obrigación de asistir á clase. A nova asignatura encadrábase en 4º Curso e foi trasladada a 5º Curso a petición razoada do ministro compostelán Aureliano Linares Rivas (1841-1903) publicada na Gaceta de Madrid do 26 de setembro de 1896, expoñendo que así, ao chegar á mesma xa tiñan os alumnos coñecementos xerais de Patoloxía Médica e Cirúrxica. Para equilibrar o conxunto, trasladaban a 4º a Anatomía Topográfica e a Mediciña Operatoria, segundo o ministro, como o estiveron sempre.

Ideas e crenzas

Juan Lojo militou no Partido Liberal-conservador de Cánovas del Castillo. Foi concelleiro monterista varios anos e asistiu con regularidade ás sesións municipais. Por exemplo, na Corporación de 1890 era membro das Comisións de Abastos, Augas e Incendios e quinto tenente de Alcalde; tamén foi Alcalde interino en varias ocasións. Isto levouno a participar en actividades de todo tipo, algunhas peculiares, como a que recolle a prensa o 12 de Marzo de 1890, na que informa de que a Comisión Municipal encargada de informar sobre o inodoro inventado polo ínclito Sr. Pontanari, auténtico personaxe do Santiago da época, composta polos Sres. Sánchez Freire, Lojo Batalla, Gil Villanueva e Santaló, tivo unha impresión favorable do mesmo, sobre o que fixo atinadas observacións o arquitecto Señor Vaamonde, tamén asistente.

O 31 de Marzo de 1879 aparece nunha lista de doantes a favor das familias duns náufragos do Son. En 1885, o 23 de xuño, foi admitido como socio de número na Real Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago, e en marzo de 1890, nomeado irmán-confrade da Confraría do Rosario.

Publicacións

A polémica da pelagra. Pedro Pena, discípulo e substituto na cátedra de Patoloxía Xeral de Nóvoa Santos, nun traballo sobre a Pelagra en Galicia, nas Xornadas Médicas Galaico-Portuguesas de Ourense de 1935, cita os traballos de López Prior e o de Lojo Batalla de 1859: “Consideraciones acerca de las cosas frecuentes de la enfermedad conocida con el nombre de Pellagra; su causa más favorable; terminación funesta y modo de reducirla en Galicia”, no que recomendaban para o tratamento da pelagra a modificación da dieta que debería conter carne fresca, leite e ovos, o que se consideraba moi eficaz naquel entón, 76 anos despois. A este traballo tamén fai referencia un libro máis recente do recordado profesor García Guerra: Lepra Asturiensis: La contribución asturiana en la historia de la pelagra (siglos XVIII y XIX).

Non obstante o acertado do tratamento indicado por Lojo, este inscribiuse na chamada doutrina zeísta, que atribuía a enfermidade ao exclusivo consumo de millo propio de grandes capas rurais galegas e veuse inmerso nunha notable polémica internacional. A cuestión non se refería só ao millo, senón ao consumo deste cereal en condicións de presenza dun fitoparasito funxoide (Sporysorium maydis) vinculado á mala conservación en ambientes de humidade que foi denominado verderrame en Italia, Cardenillo en España, segundo a teoría do profesor Ludovico Ballardini. Explicábase que o fitoparasito era ao millo o que o cornizó ao centeo. Algúns autores condearon o zeísmo para defender os intereses da agricultura italiana pero, no Congreso de Nápoles de 1845, figuras como Roussel e Costallat, franceses, ou o famoso psiquiatra italiano Cesare Lombroso, que tamén dedicou enerxías ao estudo deste cadro (porque cursa con demencia), plantexaron a teoría fitoparasitaria con notable solidez.

Por outra parte, en zonas de Castilla e Aragón alleas ao consumo de millo aparecía un cadro análogo chamado «flema salada», que fixo que se tomase en consideración polo propio Costallat, que viaxou a España en dúas ocasións mostrando a súa discrepancia nun principio e logo establecendo un paralelismo case idéntico nunha carta ao famoso neurólogo Landouzy, que tamén veu a España. Está claro que si se tratase do mesmo cadro clínico sen consumo de millo, a teoría zeísta, non tería sentido.

Sabemos, di García Guerra, que o consumo de millo non é imperativo para a pelagra e poidera ser que a «flema salada» fose unha variedade da pelagra na que a malnutrición proteica fose determinante. O caso é que Lojo foi criticado con virulencia por Nicasio Mariscal, ao referirse ao episodio de 1859, no seu traballo de 1924, no que afirma que o traballo do profesor compostelán foi «a espoleta que fixo estoupar a granada» e recolle a postura de «mi venerado amigo y paisano», Dr. Juan Bautista Calmarza, quen, certamente, demostrou con bastante solidez a teoría carencial e non infectoparasitaria da pelagra, conquistando o premio, convocado a tal efecto pola Real Academia de Medicina. Sobre este tema disertaron figuras médicas españolas do momento como Santero, Olavide e, especialmente, Méndez Alvaro.

Acertado ou non, Lojo estaba na mesma líña que as referidas figuras médicas internacionais, sendo como era moi difícil, cos medios do seu tempo, proceder ao esclarecemento definitivo da cuestión que, dende logo, enmarcábase nas teorías etiolóxicas en boga nese momento.

Juan Lojo tivo certo prestixio no campo da dermatoloxía, pois no seu recordo necrolóxico falouse de «Sus tareas e investigaciones científicas que le granjearon la estimación y el aplauso de los dermatólogos extranjeros». A día de hoxe, descoñecemos esta parte da súa obra, non sendo o traballo citado sobre a pelagra.

Ademáis da súa tese doctoral, só se localizou ata o momento un traballo netamente pediátrico de Lojo: Observación de un feto de todo tiempo, que al nacer carecía de la pared anterior del abdomen, y que murió à los cuatro días de su nacimiento.

Unha publicación curiosa á que chegamos tras consultar o Giornale Veneto di Scienze Mediche, de Abril-Maio de 1859, que o cita expresamente, é o que resume La Iberia Médica: Tumor de la región inguinal derecha que contenía lombrices, curación, no que describe este curioso caso.

A única obra que non é un artigo que lle coñecemos, a ciencia certa, é o traballo de 1884, Programa de Terapéutica, Materia médica y Arte de recetar: con una idea general de aguas minerales, publicado pola Universidade de Santiago.

Vése que Juan Lojo padecía esa estendida enfermidade entre os clínicos da chamada Escola Médica Compostelá, que consistía en ser bos clínicos pero publicar pouco ou nada dos seus coñecementos, e que, como contamos no libro La Locura y el Bisturí, Juan Barcia Caballero chamaba: «La idiosincrasia antipublicista de mis compañeros de claustro».

Juan Lojo Batalla faleceu aos 74 anos. Unha nota un pouco macabra é que por un erro administrativo foi convocado como suplente para o tribunal da sua propia cátedra, despois de ter falecido, na Gaceta de Instrucción Púbica do 15 de marzo de 1897.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente de D. Juan Lojo Batalla, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, leg. 697, expte. 9.

Expediente de D. Juan Lojo Batalla, Archivo General Militar de Segovia.


Fontes impresas:

LOJO BATALLA, Juan (1859): Consideraciones acerca de las cosas frecuentes de la enfermedad conocida con el nombre de Pellagra; su causa más favorable; terminación funesta y modo de reducirla en Galicia, El Siglo Médico, VI, 281, de 22 de Mayo de 1859, p.176.

LOJO BATALLA, Juan. (1859): Tumor de la región inguinal derecha que contenía lombrices: curación, La Iberia Médica, 15, 15 de marzo de 1859, p. 208.

LOJO BATALLA, Juan. (1884): Programa de Terapéutica, Materia médica y Arte de recetar: con una idea general de aguas minerales. Santiago: Universidad.


Bibliografía secundaria:

Gaceta de Galicia, 16 de Febrero y 16 de Octubre de 1886, 17 Diciembre 1887, 29 de Marzo y 23 de Septiembre de 1890.

Gaceta de Madrid, de 19 de Septiembre de 1886, 14 y 18 de Diciembre de 1887, 26 de Septiembre de 1896.

GARCÍA FERREIRO, Víctor (1930): D. Juan Lojo Batalla (Catedrático de Pediatría), Boletín del Colegio de Practicantes de Santiago, 3, 22 (jun. 1930); p. 339-340.

GARCÍA GUERRA, D. (1993): Lepra Asturiensis: La contribución asturiana en la historia de la pelagra (siglos XVIII y XIX) , Oviedo: Universidad; Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

El Lucense, de 17 de diciembre de 1887.

MARISCAL, N (1924:) Relaciones Históricas de la medicina española con la Italiana, Madrid: Real Academia de Medicina / Imp. Cosano; p.53-54.

MARTÍN ESPÍLDORA, Mª N. (1996): Patricio Borobio y los inicios de la Pediatría en Zaragoza, Zaragoza: Institución Fernando el Católico.

PENA PÉREZ, P. (1936): La Pelagra en Galicia, Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas de 26-30 de septiembre de 1935, Orense: Imp.y Enc. La Industrial. T. I., p.103-106.

PONTE HERNANDO, F; REGO LIJÓ, I. (2012): La Locura y el Bisturí: I Centenario de D. Timoteo Sánchez Freire, Santiago: Seminario Mayor / Universidade; p. 122.

PONTE HERNANDO, F; ZAFRA ANTA, M; FERNÁNDEZ MENÉNDEZ, J. M.; GORROTXATEGI GORROTXATEGI, P; BASSAT, Q; FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. ARANA AMURRIO, J. I. de; GARCÍA NIETO, V (Grupo de Historia y Documentación Pediátricas de la Asociación Española de Pediatría) (2014): Tal como éramos. En el Centenario del primer Congreso Español de Pediatría de Palma de Mallorca (1914-2014), Anales de Pediatría, (Barcelona), 80(6):404.e1 - 404.e8.