culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángela Ruiz Robles

A inventora da “enciclopedia mecánica”

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 02/11/2014

Extras sobre Ángela Ruiz Robles:

Galeria



RuizRoblesAngela2.jpg
RuizRoblesAngela2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Ángela Ruiz Robles”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 01/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1014
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Villamanín (León) 1895
  • Falecemento: Ferrol (A Coruña) 1975
Formación e percorrido profesional

Realizou estudos de Maxisterio na Escola de León, onde impartiu clases de Taquigrafía, Mecanografía e Contabilidade Mercantil entre 1915 e 1916. Tras un breve paso pola escola de Gordón (León), en 1918 acadou por oposición a praza de mestra en Santa Uxía de Mandía, Ferrol. En 1934 pasou a ocupar a xerencia da Escuela Nacional de Niñas del Hospicio de Ferrol. A subscrición de 50 céntimos mensuais para o fondo de axuda ás familias dos mestres presos na revolución de outubro de 1934 en Asturias fixo que cando tivo lugar o trunfo do fascismo, en 1936, se lle abrirá un expediente na Comisión Depuradora del Magisterio, que rematou sen sanción. Entre 1945 e 1975 foi profesora do Colexio Ibáñez Martín, actividade que compaxinaba coa docencia nocturna na Escuela obrera gratuita, e na súa Academia de adultos Elmaca. Obtivo o recoñecemento da súa actividade profesional co ingreso na Orde civil de Afonso X, o Sabio, con categoría de Cruz (22 de setembro de 1947).

Publicista e premiada inventora

Ángela Ruíz afirmaba que comezou o seu labor como inventora en 1916. Desde 1940 deu á luz diversas publicacións con fins docentes sobre Mecanografía, Taquigrafía e Gramática. Neses anos desenvolveu varios proxectos de clara aplicación educativa, o “Atlas Científico Gramatical”, a “Máquina taquimecanográfica” e a “Enciclopedia mecánica”.

Ocupou un papel salientable na comunidade dos inventores españois, pois no seu tempo foi a única muller cun certo protagonismo dentro dese colectivo. Cos seus inventos obtivo abondosos recoñecementos e premios en diversos certames celebrados nas cidades de Zaragoza, Xixón, Sevilla, Barcelona, Madrid, Bruxelas, París e Xenebra. Desde xuño de 1959 foi delegada da Agrupación Sindical de Inventores Españois (ASIE) en Galicia e, desde setembro de 1973, xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional.

En outubro de 2011 a Universidade de Granada (Facultade de Informática) fíxolle unha homenaxe como precursora do e-book. En 2013, os ministerios de Economía e Competitividade e de Educación, Cultura e Deporte editaron unha monografía: Ángela Ruiz Robles y la invención del libro mecánico (Anónimo, 2013). Tamén en 2013, os informáticos agrupados na Sociedad Científica Informática de España (SCIE) e no Congreso Nacional de Informática (CEDI) decidiron crear para a oitava edición dos seus “Premios Nacionales de Informática” o Premio Ángela Ruíz Robles ás actividades institucionais, corporativas ou individuais que potencien o emprendemento na área das tecnoloxías da información e que estimulen a innovación, a transferencia de coñecemento, a creación de emprego, a apertura de novos mercados, a relevancia e impacto internacional, etc.

A “Enciclopedia Mecánica”

A elaboración de “libros mecánicos” foi o proxecto técnico máis relevante abordado por Ángela Ruíz Robles. A súa primeira formulación corresponde á patente que rexistrou o 7 de decembro de 1949, expediente número 190698, de “Un procedimiento mecánico, eléctrico, y a presión de aire para lectura de libros”. O público ao que estaba dirixido, alumnado de primaria, podía interactuar co “libro mecánico” mediante pulsadores que, cun sistema de palancas, permitía elixir a lección e vela nunha pantalla, e acceder así a disciplinas fragmentadas, de xeito visual e ameno. Un produto doado de manexar, lixeiro, coa posibilidade de aumentar o tamaño dos contidos, utilizar tintas luminescentes e a electricidade a efectos de iluminación.

A inventora deseñou diversos modelos de “libros mecánicos”, que podían fabricarse en moi variados formatos e tamaños e para diferentes niveis de ensino. O máis sofisticado foi o da “Enciclopedia Mecánica”, que comezou a definir nos primeiros anos 50 e do que rexistrou a súa patente o 10 de abril de 1962, co expediente número 276346, de “Un aparato para lecturas y ejercicios diversos”. O modelo, construído baixo a súa dirección no Parque de Artillería de Ferrol, sufriría novos cambios nos anos posteriores. Un prototipo da “Enciclopedia” formou parte da Exposición do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago ata o 4 de maio de 2012 que pasou á Exposición permanente do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (A Coruña).

O obxectivo principal da “Enciclopedia Mecánica” era, en palabras da autora: “Aliviar la enseñanza, con el mínimo esfuerzo conseguir los máximos conocimientos”. Pretendía facer máis atractiva para o alumnado a aprendizaxe e adaptar o ensino ao nivel de cada estudante, polo que entendía que supuña un paso notable na pedagoxía. O produto, cando estaba pecho era coma unha carteira, e cando aberto coma un libro; o seu escaso peso, menos de 150 gramos, axudaba a alixeirar as carteiras do alumnado.

Concibiu a Enciclopedia diferenciando dúas partes temáticas. Unha para adquisición de coñecementos básicos (lectura, escritura, numeración e cálculo) e outra para o estudo das disciplinas. Para a primeira utilizaba unha serie de cilindros de bronce (con números, letras, signos), que xiraban arredor dun eixo horizontal e que se visualizaban parcialmente a través dunhas “fiestras”. Cunha lixeira presión sobre un pulsador aparecían as letras desexadas, formando palabras, frases, etc. No caso das disciplinas utilizaba unha serie de “carretes” ou bobinas situadas nos laterais da peza, nas que figuraban diversos contidos das diferentes materias. A parte inferior estaba pensada para dispoñer dun dispositivo magnetofónico; tamén tiña unha placa para debuxar, operar, escribir, etc., e estaba prevista a incorporación de luz para ler e a presenza de son. Todas as pezas eran recambiables.

O Ministerio de Educación aprobou a “Enciclopedia Mecánica” para o seu uso no ensino. En 1971, Ángela Ruíz estivo a punto de acadar a comercialización, grazas á colaboración do Instituto Técnico de Especialistas en Mecánica Aplicada, S.A. (ITEMA, S.A.), porén os custes non permitiron executar o proxecto.

Segundo algúns especialistas as patentes “presentaban novedad frente al estado de la técnica” do momento (Rojas Romero & Vera Roa, 2013: 62). Estes autores subliñan o mérito das propostas nun contexto como o español, con grandes dificultades para o acceso á tecnoloxía punta, pois ofrecían un produto que integraba nun único dispositivo elementos e mecanismos diferentes con numerosas posibilidades.

Os “libros mecánicos” de Ángela Ruíz coinciden co actual e-book no seu enfoque funcional, aposta pola portabilidade e reutilización e no obxectivo de superar o libro de papel convencional, facilitando o acceso ao lector de diferentes contidos e recorrendo a diversos dispositivos técnicos. Porén estes inventos utilizaron procedementos baseados na mecánica, uns medios tecnolóxicos que difiren moito dos empregados nos caso do e-book, que emprega a electrónica, unha disciplina que entre 1948 e 1970 creou o transistor, o circuíto integrado e o primeiro microprocesador. En todo caso, a falta de incidencia práctica dos novos modelos de Ángela Ruíz dificulta valorar a súa posible repercusión e evolución posterior na dirección dos futuros libros electrónicos ou na de libros educativos con partes móbiles.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente Nº 19069 (1949). Memoria descriptiva de la patente de invención a favor de Ángela Ruíz Robles por “Un procedimiento mecánico, eléctrico, y a presión de aire para lectura de libros”, Archivo Histórico. Oficina Española de Patentes y Marcas, Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

Expediente Nº 276346 (1962). Memoria descriptiva de la patente de invención a favor de Ángela Ruíz Robles por “Un aparato para lecturas y ejercicios diversos”, Archivo Histórico. Oficina Española de Patentes y Marcas, Ministerio de Industria, Energía y Turismo.


Fontes impresas:

RUÍZ ROBLES, A. (1944): Mapa científico gramatical, A Coruña: Moret.

RUÍZ ROBLES, A. (1970): Libros mecánicos, Madrid: Burotel.

RUÍZ ROBLES, A. (1970): Taquigrafía aplicada a la máquina taquimecanográfica, Madrid: Burotel.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (2013): Ángela Ruíz Robles y la invención del libro mecánico, Madrid: Ministerio de Economía y Competitividad / Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

GÓMEZ, F. (1953): Al margen del Congreso, El mundo taquigráfico. Órgano de la Federación Taquigráfica Española adscrita al Servicio Español del Profesorado de Enseñanzas Técnicas, Madrid, nº 481, p. 1.

LAGO BAGÜÉS, R. (2013): La importancia del concepto de invención, Ángela Ruíz Robles y la invención del libro mecánico, Madrid: Ministerio de Economía y competitividad / Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; p. 63-66.

MARTÍN LATORRE, R. M. (2013): Procedimientos pedagógicos mecánicos para la enseñanza general. Los libros mecánicos y la Enciclopedia Mécanica de Ángela Ruíz Robles, Ángela Ruíz Robles y la invención del libro mecánico, Madrid: Ministerio de Economía y Competitividad / Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; p. 7-13.

MENAYA MORENO, M. J. (2013): Ángela Ruíz Robles: la maestra que imaginó los libros del futuro, Ángela Ruíz Robles y la invención del libro mecánico, Madrid: Ministerio de Economía y Competitividad / Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; p. 41-54.

ROJAS ROMERO, E. & VERA ROA, J. (2013): Estado de la técnica en el momento de la presentación de las patentes de Ángela Ruíz Robles referidas a sistemas de libros mecánicos, Ángela Ruíz Robles y la invención del libro mecánico, Madrid: Ministerio de Economía y Competitividad / Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; p. 59-62.