culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Carlos Rodríguez Baltar

Tecnoloxía para o aproveitamento de recursos minerais

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Varela, Andrés
  • Data de alta: 23/11/2014

Extras de Carlos Rodríguez Baltar: 

Extras sobre Carlos Rodríguez Baltar:

Galeria



baltar.jpg
baltar.jpg

Como citar esta páxina:

  • Varela, Andrés ([2014], “Carlos Rodríguez Baltar”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1017
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1922
  • Falecemento: A Coruña 1988
Carlos Rodríguez Baltar naceu no seo dunha prestixiosa familia compostelá de médicos e cirurxiáns, e neste ambiente foi onde , aínda de neno, deu xa mostras dunhas precoces dotes para a mecánica e a electrónica. Estudou o bacharelato en Santiago e, despois da Guerra Civil, cando escaseaban os repostos para os aparellos de raios-X, seus tíos deixábanlle desarmalos e, empregando o material que tiña máis a man, conseguía reparalos e mantelos en funcionamento. Aínda non cumprira os vinte anos cando era representante de tres importantes firmas alemás do sector (entre elas a Siemens). Cara a 1955 montou pola súa conta un taller en Santiago de Compostela, no que durante unha década chegou a montar e vender preto de oitocentos aparellos de raios-X.

En 1949 compaxinou estas actividades co inicio da carreira de Química na Universidade compostelá, pero xa desde os seus primeiros momentos puido máis a súa afección pola invención e o desenvolvemento tecnolóxico que a disciplina que esixía unha carreira universitaria (carreira que remataría en 1960 na Universidade de Oviedo). Comezou a colaborar na Cátedra de Química-Física dirixida polo prestixioso profesor Tomás Batuecas.

Cando xa non foi rendible a montaxe de aparellos de raios-X, aplicou estas experiencias e coñecementos na minería metálica, maiormente coa utilización das altas intensidades eléctricas para a concentración de minerais. A minería metálica estaba en auxe nesa altura pola alta demanda de minerais estratéxicos como o volframio, titanio, estaño, etc., que en Galicia tiñan relativa importancia. A súa explotación só era rendible si se dispuña das técnicas e equipos axeitados para unha boa separación e concentración de minerais. Destes traballos, xurdiron unha serie de patentes que atoparon aplicación non só en España, senón tamén en Sudamérica e os Estados Unidos.

En 1973 a firma mineira W.R. Grace and Co. de Nova York, unha das quince primeiras do mundo, quixo contratalo como técnico da empresa, posto que rexeitou. Como alternativa, puxo ao seu servizo un equipo de especialistas para estudar as “patentes Baltar”, ás que lles atoparon aplicación nos campos máis insospeitados da minería. En 1974 iniciou a súa colaboración co Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, como asesor en proxectos de investigación na mellora e aproveitamento das materias primas galegas de aplicación na industria cerámica. Ademais, empregouse a súa separadora magnética de alta intensidade para a explotación e purificación industrial das pegmatitas de Silán (Muras, Lugo). Fabricáronse tamén hidrociclóns de porcelana, unha planta ciclonar para traballos de campo, así como sistemas pulsantes de separación de minerais. Os seus enxeños e inventiva chegaron ata os máis afastados campos de aplicación. Os seus amigos, maiormente desde as universidades e institutos de investigación, acudían ao seu taller de Santiago –que nunca abandonou e que semellaba máis a cova dun alquimista que unha dependencia de investigación técnica– en demanda de todo tipo de solución tecnolóxicas aos seus problemas.

Ameno conversador, provisto dunha fina ironía e sentido do humor, impartiu numerosas conferencias, publicou diversos traballos en revistas españolas e internacionais, asesorou a diferentes empresas mineiras e colaborou con distintas universidades e institutos de investigación en proxectos relacionados co aproveitamento dos recursos minerais.

En 1978 influíu de forma decisiva para que Isidro Parga Pondal lle confiara a custodia do Laboratorio Xeolóxico de Laxe ao Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos e, ao ano seguinte, foi un dos membros fundadores da Área de Xeoloxía e Minería do novo Seminario de Estudos Galegos.

O carácter bohemio e iconoclasta de Carlos Baltar defínese moi ben pola súa persoal decisión de incluírse no Directorio profesional da Coruña como “electricista”.



Bibliografía:




Fontes impresas:

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1962): Modificaciones introducidas en los dispositivos de concentración gravimétrica, electrostática y magnética de minerales de playa, Memoria de Licenciatura, Universidade de Santiago, Facultade de Ciencias, Departamento de Química Inorgánica.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1966): Beneficiación de minerales densos en las playas de Galicia: nuevas técnicas y dispositivos, Leidse Geologische Mededelingen, 36: 305-318.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1966): Dispositivo para Extracción por disolución Hidrodinámica de las Menas, Servicios Geológicos de Portugal.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1970): Separación magnética de Alta Intensidad de Lecho Fluidizado, Congreso Internacional de Mineiría.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1980): Recientes progresos en la separación hidrogravimétrica industrial de minerales, Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 01: 311-317.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1981): Aprovechamiento de yacimientos de media y pequeña potencia mediante equipos de concentración móviles integrados por módulos, Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 2.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1982): Proceso “Baltar” de flotación manolaminar. Fundamento y carcaterísticas, Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 3: 461-470.

RODRÍGUEZ BALTAR, C. (1987): Medidas de potencial y determinación de movilidad iónica en elementos galvánicos constituidos por materiales silicatados, Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 11: 183-188.


Bibliografía secundaria:

COLLINS, N. (1974): Aplication of the Baltar Processing to Separation of Tin and Tugsten Values termo Concentrates Produced at Bolivia, Warren Srping Lab. London.

MARIACHER, C. (1975): Aplication to the Baltar Pulsator to Neutralization of Acid- mine Water using Limestone, Colorado School of Mines Reasearch Insitute.

RAU, L. (1973): Testing of the Baltar Pulsator, Colorado of Mines Research Insitute.

VARELA, A. “Carlos Rodriguez Baltar”. Gran Enciclopedia Gallega. Lugo, 2003.

VARELA, A. (2007): O Seminario de Sargadelos: Departamento de Tecnología e Instituto de Minerais “Carlos R. Baltar”. A investigación cerámica en Galicia, Grial, 175: 60-71.

WAGNER, E. (1974): Aplication to the Baltar Pulsator to Coal Washing, Colorado School of Mines Research Insitute.