culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Goyanes Álvarez

Un brillante investigador ao que o franquismo truncou a carreira

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xose A.
  • Data de alta: 12/01/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xose A. ([2016], “José Goyanes Álvarez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1034
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontedeume (A Coruña) 1906
  • Falecemento: A Coruña 1988
Os Goyanes, unha saga de médicos

Nun curto tramo temporal na familia Goyanes houbo numerosos médicos. O noso protagonista foi fillo de José Goyanes Cedrón, médico destinado en Pontedeume, de onde era orixinaria a nai, Dolores Álvarez Pardo. José tivo seis irmáns, os cinco varóns, Ramón, José, Rodrigo, Vicente e Joaquín, estudaron Medicina. Un tío del, Vicente Goyanes Cedrón (1865-1954), desempeñou, desde 1926, a cátedra de Histoloxía e Anatomía patolóxica da Facultade de Medicina de Santiago e outro parente, José Goyanes Capdevila (1876-1964), estaba considerado o mellor cirurxián de Madrid e dirixiu, desde 1922, o Instituto Nacional del Cáncer.

Formación

José Goyanes iniciou os seus estudos secundarios no Instituto de A Coruña e rematounos en Lugo (interno nos Maristas). Cursou, con excelentes calificacións, a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, que comezou no curso 1923-24 e rematou no 1928-29. En outono de 1929 trasladouse a Madrid, onde se matriculou para realizar o doutorado. Alí incorporouse ao equipo de Gustavo Pittaluga Fatorini (1876-1958), profesor de orixe italiana, catedrático de Parasitoloxía e Patoloxía Tropical e investigador con grande proxección internacional en Hematoloxía e Parasitoloxía. No laboratorio de Pittaluga, “Laboratorio Central de Investigaciones clínicas y la consulta pública de enfermedades de la sangre”, Goyanes aprendeu co mellor experto do momento en España. O seu irmán Vicente Goyanes Álvarez (1909-1990), chegou a Madrid en outono de 1932 e traballaría como auxiliar de Patoloxía, encargado das clases prácticas, desde o curso 1933-34 ata o inicio da Guerra civil. O catedrático era Roberto Nóvoa Santos (1885-1933), profesor de José en Santiago e de Vicente en Madrid, a onde se trasladou en 1928; á súa morte ocupou a cátedra José Casas Sánchez.

A Junta para Ampliación de Estudios (JAE) concedeulle, en xuño de 1932, unha bolsa de cinco meses para ampliar estudos en Francia e Italia, porén a Memoria da JAE do curso 1931-1932 indica que «no hizo uso de la pensión». A asignación para traballar en Estrasburgo, con Masson (Gurriarán, 2006), choca co feito de que Pierre Masson (1880-1959) deixou a capital alsaciana en 1927, cara a Montreal, e, por outra banda, a referencia na Memoria ao tema de traballo, «enfermedades tropicales», non encaixa coa especialidade de Masson (salientable experto en técnicas histolóxicas e patoloxía oncolóxica). Se gozou en 1933 dunha bolsa concedida pola Fundación Conde de Cartagena (fondo filantrópico dirixido a proxectos de diversas academias), podería ter acudido a formarse en Milán con Adolfo Ferrata (1880-1946), pai da Hematoloxía en Italia, pioneiro na teoría sobre a orixe común, do hemocitoblasto, de todas as células do sangue.

Intenso labor investigador

Os resultados das investigacións de Goyanes, preto de 20 artigos publicados nun breve período, apareceron, basicamente, en dúas publicacións, na que desde 1932 recollía os traballos do equipo de Pittaluga, Trabajos del Laboratorio, e nos Archivos de Cardiología y Hematología, revista creada en 1920 polo propio Pittaluga e Luis Calandre (1890-1961), pioneiro da Cardioloxía en España, unha publicación que recollía contribucións de salientables especialistas europeos e latinoamericanos, traballos de especial calidade. Asemade, axudou ao seu irmán Vicente na elaboración da tese, “Influjo experimental sobre la acción cromagoga y péxica del hígado (pruebas con rojo congo)” (1935).

Nos Archivos de Cardiología y Hematología figura o primeiro artigo de Goyanes, “Contribución al estudio de la hipervitaminosis”, un traballo no que colaborou cun compañeiro do Laboratorio, Luis Fanjul Álvarez de Santullano. Con Pedro de la Cámara, experto na investigación sobre paludismo no equipo de Pittaluga, publicou tres artigos sobre o sangue in vitro. Na revista Trabajos del Laboratorio, apareceu un artigo seu con Valentín de la Loma Fernández, do laboratorio de Anatomía microscópica de Luis Calandre, “Demostración microquímica del oro”. Con Juan Rof Carballo e con Pedro Tena Ybarra fixo un con cada un e asinou varios con Carlos Mac Lellan Godoy. O derradeiro foi con Alonso Burón, encargado da Sección de Seroloxía do Laboratorio Central de Investigaciones Clínicas da Facultade de Medicina, experto en grupos sanguíneos: “Alteraciones hematológicas producidas por el neuro-virus y dermo-virus vacunal. La granulación patológica”.

O Sistema Fagocítico Mononuclear

Goyanes publicou sobre a morfoloxía e características dos compoñentes celulares do sangue e cambios na mesma. Mais, sobre todo, o seu principal obxectivo investigador estivo constituído polas pescudas que realizou sobre o Sistema Retículo Endotelial (SRE), hoxe chamado Sistema Fagocítico Mononuclear (SFM), tema moi conectado co propio estudo do sangue, da súa xénese celular e de elementos dela e, mesmo, pola común característica de estar ambos os dous elementos localizados por todo o corpo. O sistema fagocítico mononuclear (SFM) intervén no proceso inmune e, polo tanto, protexe fronte a organismos patóxenos. Un labor que realiza fagocitándoos, eliminándoos nun proceso no que a célula rodea o elemento, introdúceo no seu interior e dixíreo. Tamén participa no proceso de renovación do sangue, ao eliminar por fagocitose as células sanguíneas que xa desenvolveron a súa función. Está constituído por células mononucleares: as precursoras do sangue na médula ósea (monoblasto e promonocito), os monocitos do sangue periférico e os macrófagos e histocitos dos diferentes órganos e tecidos. Os macrófagos son monocitos que, tras atravesar as paredes dos capilares sanguíneos, penetran no tecido conxuntivo e convértense en macrófagos. Un histiocito é un macrófago que permanece nun órgano concreto, non viaxa polo sangue; entre eles están, no fígado, as células de Kupffer, que almacenan o exceso de ferro da descomposición das células vermellas do sangue.

Goyanes traballou en múltiples cuestións relacionadas co SFM. Por exemplo, a fixación do ouro nas células de Kupffer, co seu colaborador Valentín de la Loma. O estudo dos efectos nas células do SFM do fígado do exceso de vitamina A e D en ratas. O papel do SFM na formación do granuloma provocado polo nemátodo Onchocerca volvulus. Con Mac Lellan, a acción de axentes fisioquímicos sobre o SFM, e con Pittaluga, sobre a enfermidade de Gaucher, relacionada co SFM, xa que provoca unha acumulación de glucocerebrósido nas células dese sistema.

As técnicas microscópicas

Nas pescudas sobre SFM, nas que o uso do microscopio é básico, o dominio de técnicas e utilización de colorantes axeitados é un elemento decisivo no avance do coñecemento. Nese terreo, Goyanes accedeu aos resultados dunha potente escola dedicada ao estudos dos compoñentes microscópicos da vida, a escola histolóxica española, probablemente a máis relevante no terreo das ciencias biomédicas, cun premio Nobel, Cajal (1852-1934), e outros expertos propostos. Cajal utilizou unha serie de técnicas pioneiras, as impregnacións arxénticas, e Nicolás Achúcarro (1880-1918) montou a técnica do tanino arxéntico, que consistía en impregnar o tecido nervioso de tanino e óxido de prata amoniacal; e Pío del Río-Hortega (1882-1945) creou catro variantes diferentes. Con este extraordinario investigador, proposto dúas veces para o Premio Nobel, aprendeu José Goyanes as técnicas microscópicas que lle permitiron o estudo das células do sistema fagocítico mononuclear.

O sobranceiro grupo de profesores e investigadores galegos en Madrid

O malestar con que se encontraban na Facultade de Medicina de Santiago, polo que entendían era unha contorna caciquil, favoreceu que o catedrático de Xinecoloxía Manuel Varela Radio (1873-1962) se trasladase para Madrid en 1920 e, en 1928, o seu colega e amigo Roberto Nóvoa Santos (1885-1933). A presenza de Nóvoa atraeu, para completar a súa formación ou iniciar un camiño profesional, a un número importante de prometedores médicos galegos que se incorporaron ao seu equipo e aos de salientables profesores, figuras como Juan Madinabeitia (1861-1938), Teófilo Hernando (1881-1976) e o propio Pittaluga.

Na cátedra de Patoloxía, a de Nóvoa, traballaron, entre outros, Julio Outeiriño Núñez (1901-1975); José Manuel Calvelo López (1904-1936), Enrique Jaso Roldán (1904-1993), Vicente Goyanes Álvarez (1909-1990), Antonio Culebras Souto (1907-1954), Segundo Puente Veloso, Leoncio Jaso Roldán (1903-1992) e Enrique Jaso Roldán (1904-1993). Con Pittaluga estaba, ademais de José Goyanes, Juan Rof Carballo (1905-1994), e colaborando desde 1927 en Parasitoloxía, Antonio Rodríguez Darriba (1899-1995). Asemade, Jimena Fernández de la Vega (1895-1984) realizou a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Pittaluga e foi nomeada en 1933 directora da Sección de Xenética dependente da cátedra de Nóvoa Santos; e Elisa Fernández de la Vega (1895-1933) elaborou a súa tese doutoral baixo a dirección do catedrático de Terapéutica Teófilo Hernando.

A prematura morte de Nóvoa, en 1933, veu ser un negativo presaxio da chegada de malos tempos para a ciencia e a democracia. A represión franquista foi implacable coa intelectualidade e coa ciencia, provocando un retroceso de décadas. Gustavo Pittaluga Fatorini, membro da Dereita Liberal Republicana, marchou cara o exilio, como tiveron que facer outras salientables figuras, como Pío del Río-Hortega. Un estreito colaborador do profesor italiano, Sadí de Buen Lozano (1893-1936), foi fusilado en 1936. Os integrantes do grupo que non tiveron que fuxir cara o exilio exterior (como Luis Fanjul) ou interior (como Valentín de la Loma, que pasou a traballar en IBYS, auténtico refuxio de científicos demócratas), buscaron novos camiños profesionais, lonxe da investigación e da docencia.

Cando en xullo de 1936 tivo lugar o levantamento fascista, José Goyanes atopábase na casa familiar en Pontedeume e o seu irmán Vicente en Madrid, onde Pittaluga lle encargara o servizo de transfusión de sangue; ao remate da Guerra foi detido e procesado por un xulgado militar, e marchou para A Coruña porque na cidade xa residía o seu irmán José, traballando nos Laboratorios Orzán, onde os dous represaliados atoparon un lugar que lles aseguraba a subsistencia, acollidos pola solidariedade de persoas próximas, como o xerente Arturo Taracido, exconcelleiro republicano na cidade coruñesa.

A desfeita afectou, tamén, ao colectivo dos médicos galegos. Julio Outeiriño Núñez foi inhabilitado indefinidamente para desempeñar cargos de confianza e para a obtención de bolsas durante catro anos; José Manuel Calvelo López resultou asasinado en decembro de 1936; Antonio Culebras Souto, cesado no posto. A algúns foilles ben; así aconteceu con Segundo Puente Veloso, que se afiliou á Falanxe, integrouse como médico militar no bando franquista e denunciou a colegas como Rof Carballo; tivo premio: ocupou cargos académicos e, mesmo, no curso 1966-67 exerceu como profesor clínico de prácticas de Patoloxía médica.

Darriba regresou á casa familiar de Ribadeo onde iniciou unha nova orientación profesional como pediatra e médico especialista en análises clínicas. Juan Rof Carballo estaba en Berlín en 1936 e non regresou a España ata o remate da guerra; renunciou á docencia polos atrancos con que se atopou para acceder a unha cátedra. Jimena Fernández de la Vega opositou a médico de balneario e dirixiu algunhas desas instalacións. Elisa Fernández de la Vega morreu antes, en 1933, e o seu marido, o catedrático compostelán Gumersindo Sánchez Guisande (1892-1976), marchou ao exilio arxentino.

Para valorar o drama acontecido debemos considerar a traxedia persoal e o desastre profesional que estes investigadores sufriron, mais tamén o perverso impacto na propia comunidade científica, a desarticulación de espléndidos equipos. Estes grupos son o produto dun esforzo de moitos anos e a súa desfeita pode resultar moi doada, a reconstrución non. Falamos, pois, de estrago dos recursos públicos empregados na súa formación, do deterioro da comunidade científica e sanitaria do país, con nefastos efectos na calidade de vida e na saúde da poboación.

O exilio interior dunha persoa peculiar

Os irmáns Goyanes foron obxecto de persecución política, labor no que colaboraron os colexios médicos; así, José, que sufriu varios procesos de depuración, non puido colexiarse ata 1946. Traballou nos Laboratorios Orzán e patentou, ademais dun aparato para lavar e encher botellas e frascos, numerosos medicamentos creados por el que facilitaron a viabilidade económica da empresa, como Plenadyna, Apikón, Cutatón, Hepagastron, Ferractif, Hepafort, Corancor, Hemoliofil, Cobaltamin, Trombodent, Zoabiotico, Beliofil, Celiofil, Hepaliofil, B-Liofil Orzán e C-Liofil Orzán. Ese labor investigador foi, a pesar da limitada dimensión e do seu carácter aplicado, unha singularidade na área da biomedicina durante bastantes anos na Coruña. E puido cambiar de aires, pero negouse: unha empresa danesa mercou unha patente súa e fíxolle unha proposta de traballo, que rexeitou.

A pesar de estar lonxe do labor investigador que emprendera en Madrid, conservaba centos de fotos e preparacións microscópicas de células do SFM e algúns datos inéditos, que se negou a publicar xa que dicía: «non quero facerlle ese favor ao Réxime (franquista)». Coas imaxes na memoria dos seus mestres exiliados, colegas mortos, perseguidos e marxinados, coidaba que dese xeito expresaba o rexeitamento á longa noite de pedra que constituíron os corenta anos de ditadura.

O seu ostracismo investigador só tivo unha excepción, a do sobriño, Vicente Goyanes Villaescusa, a quen animou a encamiñarse cara a Xenética, ensinándolle as técnicas microscópicas e métodos de tinción que aprendera nos seus anos madrileños. Vicente aplicaría a tinción de prata aos cromosomas, que despois observaba ao microscopio electrónico. A resultas dese labor publicou en 1967 un artigo na prestixiosa revista Lancet: “Sex chromatin in rat bone-marrow cells”.



Bibliografía:




Fontes Documentais:

Arquivo da Universidade Complutense de Madrid. Sección Personal. Expediente de José Goyanes Álvarez.

Arquivo da Universidade de Santiago (AHUS). José Goyanes, Expedientes personais, leg 591, exp. 2.


Fontes impresas:

FANJUL, Luis; GOYANES ÁLVAREZ, J. (1931): Contribución al estudio de la hipervitaminosis, Archivos Cardiología Hematología, 12 (12), 446-458.

DE LA CÁMARA, O. & GOYANES ÁLVAREZ, J. (1932): Investigaciones sobre la sangre “in vitro”. I. Los fenómenos de pleocariocitosis en los granulocitos eosinófilos. II. Sobre las llamadas eosinofilias “in vitro”, Archivos de Cardiología y Hematología, 13 (4): 315-334.

PITTALUGA, G. & GOYANES ÁLVAREZ, J. (1932): Contribución al estudio de las lesiones celulares de la enfermedad de Gaucher, Anales de Medic. Interna, t. I, n. 3, marzo 1932, 4 abril.

GOYANES ÁLVAREZ, J. & CÁMARA, P. de la (1933): Sobre las alteraciones citológicas de la sangre "in vitro", Archivos de Cardiología y Hematología, 14 (1), 1-12.

GOYANES ÁLVAREZ, J. (1935): Sobre el mecanismo de fijación del sistema retículo-endotelial, Archivos de Cardiología y Hematología, 16 (4), 129-131.

GOYANES ÁLVAREZ, J.; MACLLELAN, C. & TENA IBARRA, P. (1935): Contribución al estudio hematológico del tracoma, Archivos de Cardiología y Hematología, 16 (12), 437-449.

GOYANES ÁLVAREZ, J. & ALONSO BURÓN, F. (1937). Alteraciones hematológicas producidas por el neuro-virus y dermo-virus vacunal. La granulación patológica. Nota previa, Archivos de Cardiología y Hematología, 18 (3), 148-151.


Bibliografía secundaria:

GOYANES ÁLVAREZ, V. (1935): Influjo experimental sobre la acción cromagoga y péxica del hígado. Pruebas con Rojo Congo, Archivos de Cardiología y Hematología, 16 (10), 333-390.

GOYANES VILLAESCUSA, V. (1967): Sex chromatin in rat bone-marrow cells, Lancet, v. II, n. 7529: 1307-8.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela: Universidade.

PITTALUGA, G. (1934): Las enfermedades del sistema retículo-endotelial, Revista de Higiene y Sanidad Pecuarias, XXIV, 5-6: 394-486.