culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Severino Pérez y Vázquez

Inventor do Tecnefón, a máquina parlante

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 21/02/2016

Galeria


O Tecnefón, a máquina parlante que inventou Severino Pérez y Vázquez.

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2016], “Severino Pérez y Vázquez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1041
Untitled Document

O Tecnefón, a máquina parlante que inventou Severino Pérez y Vázquez.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cotobade (Pontevedra) 1840
  • Falecemento: Descoñecida Madrid?
Vida e obra

Natural da parroquia de Santiago de Loureiro (Cotobade, Pontevedra), estudou o bacharelato en Ourense e Filosofía e Letras en Santiago, marchando logo a Madrid, onde atopou un posto docente no colexio de Carabanchel Alto. Opositou á cátedra de Filosofía e Ética do instituto de Mallorca que non chegou a conseguir. Nesta etapa madrileña foi , posiblemente, na que desenvolveu os primeiros ensaios sobre acústica e na que realizou o prototipo de Tecnefón así como os diferentes intentos de subvencións para o seu desenvolvemento.

Na Exposición Agrícola Industrial e Artística de Santiago de Compostela, en 1858, sendo estudante “de Literatura”, presentou un instrumento musical da súa invención, o “Malvis”, que utilizaba a percusión sobre cristais de diferente tamaño mediante «una porción de martillos colocados con notable artificio y que constituyen la esencia de la invención», e que a súa vez eran accionados por un teclado situado sobre unha mesa.

En 1865, presentaba no Ministerio de Fomento o seu Tecnefón, unha máquina con aspecto de harmonio que podía reproducir cunha certa fidelidade as vogais e pronunciar algunhas frases como «Safo amaba», «amasaba pan», «amaba su fama». E mesmo xerar entoacións interrogativas e admirativas: «¿Safo usaba sofá?». O Tecnefón foi presentado no Ateneo e na Sociedad Económica Matritense, o Colexio de Sordomudos de Madrid editou en 1868 un libro coa súa descrición, e revistas da época, como El Museo Universal ou Galicia, Revista Universal de este Reino, fixéronlle amplas e eloxiosas citas. Tamén escribiron sobre o mesmo recoñecidos especialistas españois no ensino dos xordomudos, como Nebreda ou Cabello. O primeiro, escribiu: «El tecnefón pronuncia con muchísima claridad gran número de palabras y habla en sentido interrogativo, afirmativo y admirativo, lo que constituye el mayor elogio que pudiéramos hacer del Sr. Pérez».

A máquina que Severino Pérez presentou en Fomento, segundo a súa propia testemuña, era realmente un prototipo, imperfecto no seu acabado, pero conceptualmente interesante polas posibilidades que abría. De feito, presentaba como fundamento do Tecnefón un importante traballo teórico sobre as bases científicas da natureza do son e, posiblemente tamén, aínda que non é moi coñecido, un amplo traballo de carácter experimental. Para o seu desenvolvemento tecnolóxico solicitou repetidamente subvencións que non conseguiu polo que finalmente, desenganado, abandonou o proxecto: «Si con todos estos datos hay alguien que quiera construir el Tecnefón, le cedo gustosísimo mi puesto, y aun el banco de la paciencia en la que verifico mis proyectos».

Nas últimas décadas do século XIX atopámolo en Pontevedra, na redacción de diferentes xornais republicanos: La Unión Republicana (1892), La Unidad Democrática (1893), La Redención del Obrero (1895) ou El Combate (1899), que chegou a dirixir. De todas maneiras, a súa vocación de inventor non o abandonou e nesta cidade, presentou un novo instrumento musical: “A Vocalina”, unha mistura de ocarina e frauta, accionada por un fuelle como o dos acordeóns e que modulaba o son coa boca. Causou admiración en Pontevedra e foi presentado publicamente nun concerto no Teatro da cidade, no que se interpretou un repertorio de pezas clásicas de Navarrete, Rossini, Stradella, etc., e contou coa colaboración literaria, entre outros, de Said Armesto. Un exemplar da Vocalina pode verse a día de hoxe no Museo de Pontevedra. No ano 1900 organizouse no Teatro Circo de Pontevedra unha gala a beneficio de Severino Pérez, polo que habería que imaxinar que a pesar dos seus traballos como xornalista e inventor, a súa situación económica non debería ser moi desafogada. Volveu marchar a Madrid en 1901, participando, en 1912, na Asemblea do Partido Republicano Federal, do que foi membro da Xunta Directiva en 1914.

Valoración científico-técnica

A xuízo da profesora Elena Battaner, da Universidade Rey Juan Carlos, que lle dedicou varios traballos actuais, mesmo en revistas internacionais (Historiografía Lingüística, 2007), o Tecnefón foi a única máquina parlante construída en España e tivo no seu tempo unha certa popularidade. Os antecedentes máis inmediatos do Tecnefón atópanse na larinxe artificial do húngaro Wolfranf von Kempelen (1734-1804). A partir das súas investigacións sobre a xénese da voz humana construíu un artefacto que tamén chegaba a pronunciar verbas e algunha frase sinxela. De todas maneiras, esta formulación “atropolóxica” da maquina parlante, así como doutras que lle seguiron, diferían da de Severino Pérez porque, segundo o xuízo de Battaner, a deste era propiamente un sintetizador de voz que utilizaba só os principios da acústica e da mecánica para xerar o son. Ben é certo, que nos seus primeiros intentos seguiu a liña clásica de imitar a fisioloxía humana, para os que proporcionoulle larinxes artificiais o propio Dr. Mata, obtendo uns resultados negativos que lle obrigaron a seguir outra liña experimental totalmente allea á natureza e forma dos órganos da fonación. O proxecto do Tecnefón, que recibiu no seu tempo unhas críticas pouco fundamentadas e mesmo corporativistas da Academia de Ciencias, supón , segundo Battaner, «una reflexión sobre la fonética acústica de la lengua española en cierto modo adelantada a su tiempo», pero ademais é un bo exemplo do que significaba innovar en España: burocracia, incomprensión académica e falta de presuposto. Algo que semella non mellorou moito co tempo. Por outra parte, e como non podía ser menos, deste singular personaxe pontevedrés xa tiña falado Filgueira Valverde nun dos seus ADRAL (Faro de Vigo, 24/09/1978).




Bibliografía:




Fontes impresas:

PÉREZ Y VÁZQUEZ, S. (1864): El Tecnefón, Galicia, Revista Universal de este Reino, 3: 36-37.

PÉREZ Y VÁZQUEZ, S. (1867): El Tecnefón. Memoria presentada al Excmo. Ministro de Fomento en virtud de Real Orden. Madrid.

PÉREZ Y VÁZQUEZ, S. (1868): El Tecnefón y los medios representativos de la palabra. Madrid: Imprenta del Colegio de Sordomudos.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1858): SECCIÓN DE NOTICIAS / DE GALICIA. (Comunicado de Manuel Paz para El Miño). El Fomento de Galicia, I, nº 25, 14/04/1858.

ANÓNIMO (1865): El Tecnefón o máquina de hablar, inventada por Severino Pérez, El Museo Universal.

BATTANER MORO, E. (2005): Un caso de heterodoxia lingüística en la España del XIX: El tecnefón, una máquina parlante, Caminos actuales de la Historiografía Lingüistica. Actas V Congreso Internacional de la Sociedad Española de Historiografía Lingüística. Murcia: Universidad.

BATTANER MORO, E. (2007): A 19th-Century Speaking Machine. The Tecnefón of Severino Pérez, Historiographia lingüística, 34/1: 19-36.

FUENTES ALENDE, X.: A vocalina: un raro instrumento musical no Museo. (http://www.museo.depo.es/pdf/vocalina.ga.pdf)