culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Couceiro Corral

De bioquímico a empresario farmacéutico no exilio

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 10/04/2016

Galeria



Couceiro_por_Seoane.jpg
Couceiro_por_Seoane.jpg

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2016], “Pedro Couceiro Corral”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1043
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1905
  • Falecemento: Montevideo (Uruguai) 1982
Primeiros anos e formación en bioquímica

Era fillo dun avogado destinado na Coruña como secretario do Xulgado de Primeira Instancia. Logo de estudar o bacharelato no Instituto da Coruña, Pedro Couceiro incorporouse á recen creada Sección de Químicas da Facultade de Ciencias de Santiago (1922), pertencendo á primeira promoción que saíu desta facultade. Despois de acadar moi boas cualificacións, con profusión de matrículas de honra, axiña entrou nos cadros de persoal docente da institución santiaguesa, como axudante de clases prácticas en Química Orgánica. En 1927 ascendeu a profesor auxiliar. A chegada a Santiago do profesor Calvet, en 1929, vai dar un xiro cualitativo á súa formación de posgraduado, pois as súas boas relación internacionais van permitir que se desprace a Múnic para traballar a carón do Premio Nobel Wieland (1927), cunha bolsa da Universidade de Santiago para ampliar estudos en síntese de hidratos de carbono.

A comezos do curso 1930-31, logo de substituír a Calvet na súa cátedra, pois este estaba en Múnic co citado Wieland, Couceiro desprazouse de novo a esta cidade xermana. Mais as xestións para dar continuidade á formación de licenciados da facultade non pararía aquí, pois Calvet colabora para que Couceiro prosiga os seus traballos con Wieland en Múnic, aínda por máis tempo, conseguindo unha bolsa da Deutsche Akademische Anstunschdient, durante un curso máis, obtendo paralelamente unha consideración de bolseiro da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), condición indispensable para o seu gozo ao ser profesor auxiliar. Couceiro solicitara unha bolsa normal á JAE, mais fóra de prazo, entón sería reconducida a súa petición cara estas novas axudas.

Couceiro proseguiría o seu longo camiño formativo ao serlle concedida unha nova bolsa, esta vez da JAE, en 1932, para desprazarse a Alemaña e Inglaterra, durante un ano máis, que comezaría a gozar en abril de 1933. É dicir que Pedro Couceiro Corral estaría case tres anos seguidos realizando investigación nos principais centros científicos europeos, practicamente, sen impartir docencia na facultade, entre 1930 e 1933. Con esta última bolsa estivo en Dresde, na Staatliche Frauenklinik, co profesor Erwin Bummm. Na súa memoria indicaba os pormenores da súa nova estadía en Alemaña, cunha importante inflexión na investigación cara a nova disciplina da Bioquímica, pois agora ía estudar Química de fermentos. Desta época obtería dúas publicacións en revistas internacionais: unha con Blumm, sobre o coenzima da glicólise en tumores (1933), e outra con Wieland, sobre deshidroxenacións de fermentos (1934).

De todas maneiras, tivo tamén problemas experimentais importantes que non lle permitían avanzar co ritmo que agardaba para as súas investigación así como para a realización de novas publicacións e que veñen detalladas no resumo que publicaban as Memorias da JAE, das que se reproduce parte por entender que é unha boa testemuña para comprobar como era a formación e, ás veces, os seus frustrantes resultados: «Trató de adquirir, durante esa etapa, el conocimiento de técnicas de trabajo, sacrificando el logro de resultados publicables a la formación técnica [...] Comenzó con las técnicas de Marburg para “Glicolisis anaerobia”. Material, extractos de músculo de conejo; tratando de obtener preparados activos frente a glucosa, no se logró, y sí en cambio frente al glucógeno. Después de obtenidos 8 extractos (y estudiados), decidió abandonar el tema, ya que muy bien podría requerir varios meses y las técnicas no ofrecían nada nuevo».

Couceiro estaba nunha gran crise persoal, logo de traballar varios meses a 11 e 12 horas diarias no laboratorio, sen obter resultados positivos nas súas investigacións. Falaría do tema con Castillejo, quen o consolaría dicíndolle: «Lamento su desaliento, pero como yo coloco el valor principal de una investigación en lo que contribuye a formar al investigador, me parece que un resultado negativo no tiene importancia ni puede servir sino de motivo para emprender otras investigaciones». Finalmente, Couceiro non iría a Inglaterra, onde pensaba continuar as súas investigacións, pois interrompeu esta última bolsa aos seis meses e pico de comezar. Mais doutorouse, froito desta estadía en Alemaña, cun tema sobre a oxidación do fermento da cervexa.

Couceiro non seguiría na Facultade de Santiago por moito tempo, pois en 1935 presentaríase a unhas oposicións do Instituto de Investigación Animal, que aprobou, o que significou a súa marcha a Madrid para incorporarse a esta institución, onde proseguiría o seu labor investigador no terreo da bioquímica aplicada aos animais, sobre todo no relativo a obtención de novos fármacos para a sanidade animal. Segundo Javier Couceiro Corral, irmán de Pedro (entrevista persoal de R. Gurriarán), este pretendía acercarse á comunidade científica madrileña como elemento fundamental para dar o paso definitivo á docencia, mediante a preparación das oposicións a cátedras de universidade, na especialidade de bioquímica, realizando antes o doutoramento en medicina, carreira que, practicamente, rematara en Santiago. Non puido levar a cabo o seu propósito, pois logo da sublevación de xullo de 1936 contra a República 1936 tivo que incorporar ao exército leal ao réxime.

A Guerra Civil e o exilio americano

Durante a Guerra estivo destinado á fronte dunha fábrica de armamento en Cocentaina (Alacante), como oficial do exército republicano, para logo, tras un enfrontamento cos seus superiores, deixar os galóns e incorporarse como soldado nas frontes de Guadalaxara e Madrid. Ao rematar a Guerra tomaría a vía do exilio, tras pasar unha tempada en París, traballando no Instituto Pasteur. En 1940 marchou ao Uruguai, onde se asentou definitivamente, coa súa dona Elvira Durán, con quen casara un ano antes. Estando xa naquel país, sería apartado definitivamente do servizo como técnico-químico do Instituto de Bioloxía Animal (Orde de 19 de novembro de 1940).

No Uruguai, ao pouco de chegar, fundou xunto con dous químicos uruguaios o laboratorio “Proteo” para a fabricación de diversos fármacos. Despois foi contratado polo goberno para traballar no Laboratorio Francisco Dorrego, institución pública do Ministerio de Salud Pública creada coa finalidade de industrializar, desde o Estado, especialidades farmacéuticas. Nesta contratación influíu decisivamente o seu importante curriculum en bioquímica, así como a estadía no Instituto Pasteur de París. Segundo A. Cheroni (2004), seu paso polo laboratorio estatal foi de singular importancia pois contribuíu coa súa inesgotable capacidade de traballo (facía máis de 12 horas de actividade laboral) e sobre todo coa importante formación científica que achegaba, renovar as técnicas e obxectivos do laboratorio, mesmo con invencións persoais. «Couceiro, se constituyó, así, en un referente en el campo de la química farmacológica en el Uruguay».

De todas formas, cos seus aforros persoais e sobre todo cun premio que lle concedeu o Ministerio de Agricultura ao gañar un concurso para a elaboración dun produto fitosanitario para o gando vacún, creou en Montevideo, nos anos sesenta, un laboratorio farmacéutico da súa propiedade, o Laboratorio Sur, no que elaboraría diversos produtos farmacéuticos para uso veterinario.

O hermetismo e a introspección de Pedro, segundo seu irmán Javier, impediría que trasladase aos demais as súas vivencias e o seu sentir en moitos aspectos acerca da súa rica experiencia científica e vital. Este salientaba o carácter de profesor duro que tiña seu irmán durante o exercicio da docencia en Santiago, e que era un home claramente de esquerdas, e moi amigo de Parga Pondal. En 1971, Na única visita que fixo a España logo de exiliarse, Pedro Couceiro visitou a Parga e a Rof Carballo, este último compañeiro de estudos na Coruña e en Múnic.

En Montevideo, Pedro Couceiro colaborou con organizacións de exiliados levando a cabo actividades culturais como o programa de radio “Sempre en Galicia” (1950), primeira iniciativa radiofónica realizada enteiramente en galego, que chegou a ter preto dos 300.000 oíntes e na que, segundo Carlos Zubillaga, encargouse «por casi un cuarto de siglo de la redacción (y locución) de los editoriales, lo que permitió conformar una visión amplia y rigurosa de la cultura gallega y de los desafíos que al término de la experiencia franquista habría de encarar el pueblo gallego en la reafirmación de su identidad».

Outra faceta importante na súa vida foi a súa afección como violinista, integrando un grupo de corda de ampla participación e aceptación pública. Actividade que completou como luthier, destacando na fabricación de violíns que obtiveron pola súa calidade moi boa aceptación entre os profesionais das orquestras sinfónicas oficiais.

Valoración científica

Os traballos que realizou Couceiro con Bumm sobre un coenzima da glicólise de tumores que foron obxecto dunha publicación en 1933, poden considerarse como os primeiros realizados por un galego nesta nova ponla da ciencia que foi a Bioquímica. Mesmo anteriores aos que despois desenvolveu seu mestre Calvet que, de todas maneiras, foi quen o orientou nesta nova especialidade.

Esta formación básica en Bioquímica, que completou por tres anos nos mellores laboratorios europeos, serviulle como base para iniciar a segunda etapa profesional da súa vida, que tivo xa unha clara vocación aplicada cara á química farmacéutica. Esta evolución profesional, que seguiu tamén seu mestre Calvet cos seus traballos en Zeltia, respondía á importancia cada vez maior que tiña a Bioquímica, sobre todo no campo da enzimoloxía, como fonte de coñecementos para os procesos industriais e de desenvolvemento dos laboratorios farmacéuticos e que estaba a substituír aos clásicos procesos de síntese, ata entón dominantes, como técnica fundamental. Estes traballos aplicados que Couceiro tentaba desenvolver en España no Instituto de Bioloxía Animal de Madrid, tivo que realizalos finalmente, como consecuencia da Guerra Civil, no exilio americano, nos laboratorios públicos e privados de Montevideo nos que traballou.




Bibliografía:



Fontes impresas:

BUMM, H., APPEL, H., COUCEIRO, P. (1933): Coenzyme of glicolysis from tumors (II), Zeitsch. F. Physiol. Chem. , 220: 186-191.

WIELAND, H., OTTO, R., CLAREN, B., COUCEIRO, P. (1934): Dehydrogenation by yeast in presence of methlylen blue and quinine, Ann. 509: 182-200.

COUCEIRO, P.(1935): Contribución al estudio de los procesos de oxidación: El sistema dehidrante de la levadura de cerveza, Boletín de la Universidad de Santiago, nº 23, xaneiro-marzo de 1935.


Bibliografía secundaria:

CHERONI, A. (2004). Pedro Couceiro Corral, Abaco: Revista de cultura y ciencias sociales, 42: 123-132.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Universidade



NOTA: Esta biografía de Pedro Cruceiro Corral está baseada na que realizou Ricardo Gurriarán para o Álbum da JAE, do Consello da Cultura Galega.
(http://culturagalega.org/albumdajae/detalle.php?id=78)