culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Martín Sauras

Os comezos do ensino da Química Inorgánica moderna

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 29/05/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2016], “Juan Martín Sauras”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1045
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Andorra (Teruel) 1896
  • Falecemento: Zaragoza 1969
Primeiros pasos

Fillo dun estanqueiro levantino afincado en Andorra (Teruel), logo de facer os estudos primarios na súa vila natal, trasladouse a Zaragoza a facer o bacharelato. Admirador de notables científicos aragoneses como Cajal, axiña se interesou polas ciencias experimentais e con vinteún anos obtivo a licenciatura en Ciencias Químicas na capital aragonesa (1917).

Pertencía á coñecida escola de química da Facultade de Ciencias de Zaragoza (Savirón, Calamita e Rocasolano), probablemente unha das máis prestixiosas institucións universitarias de investigación neste eido na década dos 20 do pasado século. Uníalle unha gran amizade con Gregorio Rocasolano, que foi seu mestre e ademais padriño de voda e do seu primeiro fillo. Desde 1918 Rocasolano creou e dirixiu o Laboratorio de Investigacións Bioquímicas, de onde saíron significados docentes e investigadores como Catalán, Bermejo Vida, Albareda e o propio Martín Sauras. Este, logo de ler a súa tese (“Investigaciones sobre adsorción de los iónes calcio y manganeso sobre el suero sanguíneo”, 1923; publicada en 1928 na Revista de la Academia de Ciencias de Zaragoza), axiña se incorporou ao cadro de persoal docente como profesor auxiliar de Química Inorgánica.

Naqueles anos, seguindo as instrucións do seu mentor Rocasolano, que profesaba adoración pola ciencia alemana como referente, e aproveitando os orzamentos transferidos da Junta para a Ampliación de Estudios (JAE) ás universidades (Decreto de Autonomía Universitaria de Silió, 1919), desprazouse en 1928 a Frankfurt e ao Institut für Kolloidium Forschung de Múnic, dirixido polo prestixioso químico alemán Bechhold. Tamén ampliou a súa formación en coloidequímica co Premio Nobel Zsigmondy, en Alemaña, e ao ano seguinte foi comisionado pola Universidade de Zaragoza para representala no Deutsche Chemische Gesellschaft de Kekule. Logo de realizar media ducia de memorias de investigación, ese mesmo ano presentouse as oposicións de cátedra e obtivo o seu destino na nova Sección de Química da Facultade de Ciencias de Santiago (Química Inorgánica), onde desenvolveu a docencia de xeito continuado desde a súa toma de posesión, en xaneiro de 1930, ata a finalización do curso 1935/36, que se desprazou a Zaragoza por concurso de traslados. Non había moito tempo que casara coa primeira muller aragonesa que acadara o doutoramento en Ciencias Químicas, María Antonia Zorraquino (1931), coa que tivo dous fillos.

Catedrático en Santiago

A súa chegada a Santiago foi en tempos de certa convulsión e cambio, pois nese mesmo ano Rodríguez Cadarso, desde a reitoría, vai a comezar un proceso modernizador da institución universitaria, ao que se suma Sauras. Vai formar parte dese grupo de innovadores que actualizou o ensino da Química en Compostela de acordo cos principios que estaban a dominar nas mellores universidades españolas. O ensino activo, pegado ao laboratorio, a formación de grupos de traballo estables, o excursionismo didáctico e a interdisciplinariedade foron as súas principais ferramentas. A nivel institucional, formou parte do Padroado do Instituto de Estudos Rexionais, organismo que puxera en marcha Cadarso para activar a investigación coa perspectiva de «facer país», e da Xunta de Goberno da Universidade de Santiago. Amante do deporte, particularmente do fútbol (foi un dos fundadores do Zaragoza C.F.), impulsou a práctica deportiva entre a mocidade universitaria de Santiago, coa colaboración doutros profesores novos como Charro, Calvet e Gironés. Durante o verán de 1931 visitou varias universidades suízas para realizar estudos de orientación e organización das ensinanzas da Química, cunha bolsa do Padroado da Universidade de Santiago. No Boletín da USC publicou dous traballos de investigación sobre preparación e propiedades do argentotiosulfato de calcio e o tetrationato de calcio. Tamén preparou o aurotiosulfato de calcio, procedemento realizado experimentalmente en Santiago pero publicado posteriormente, en 1935, en Zaragoza (Gamboa Gozarte, J. M., 1947), logo do seu traslado a esta universidade por petición propia no curso 1935-No curso 1930-31 incorporaríase ao cadro docente en Química Inorgánica como profesor auxiliar da cátedra, o antigo alumno da facultade, Clemente Zapata, que traballara en Madrid como profesor axudante de prácticas en Mecánica Química (1929-30) e investigara sobre á aplicación dos raios X ao estudo das estruturas químicas. En calquera caso, as súas posteriores investigacións non coincidirían coa liña que desenvolvía Martín Sauras.

Sauras tivo unha actitude política de compromiso en defensa da democracia e o socialismo cara acadar unha sociedade máis xusta. En 1931 presentouse ás Cortes Constituíntes, para optar como deputado por Teruel polo PSOE, partido no que militaba desde os anos 20. Admiraba con veneración a figura de Julián Besteiro. En Santiago colaborou estreitamente coa Agrupación Socialista local deste partido, impartindo charlas públicas. Estaba afiliado á UGT e chegou a ser vicepresidente do partido en Compostela en xullo de 1931.

Traslado de Santiago e Guerra Civil

Logo da Guerra Civil, dadas as súas ideas e compromiso, sufriu un proceso de depuración que o levou a un campo de concentración para realizar traballos forzados, de xeito humillante (segundo o seu biógrafo Eloi Fernández Clemente), logo de ser apartado por un tempo da docencia e suspendido de emprego e soldo. Tamén estivo un tempo no cárcere de Ateca, en 1937, xunto a outros docentes zaragozanos. Seus mentores científicos en Zaragoza, que ocupaban a cúpula depuradora do profesorado universitario (Calamita e Rocasolano; este último Presidente da Comisión A, fervorosos conservadores militantes e antiinstitucionistas), coñecedores da bondade e a ecuanimidade que o caracterizaba , minimizaron as penas que nun principio se solicitaban para Martín Sauras. Mais esa intervención non o librou de ter sancións en cascada posteriormente, en 1940: multas e inhabilitación para ostentar e desempeñar cargos ata 1949, polo Tribunal de Responsabilidades Políticas.

Coma todos os discrepantes coa ditadura que aquí quedaron, “capitidiminuído" no persoal e internamente abatido ―aínda que o seu carácter alegre e a súa bonhomía axudaron moito a soportar a súa situación―, logo da Guerra Civil seguiu impartindo docencia en Zaragoza ata a súa xubilación en 1967. Chegou a ser decano de Ciencias (1964/67), cargo desde onde manifestou as súas ideas contrarias á ditadura franquista. Con anterioridade foi Administrador Xeral da Universidade de Zaragoza (1949/60). Nesta Universidade leu a lección inaugural do curso 1956/57: “Los medios en la investigación”. Contou con varios colaboradores, entre os que destacarían José Miguel Gamboa e Rafael Usón Lacal, aos que lle dirixiu a tese de doutoramento e que logo chegaron a ser catedráticos.

Seus traballos de investigación versaron sobre preparación e caracterización de diferentes compostos (tiosulfatos, tetrationatos, argentotiosulfatos e aurotiosulfatos), así como sobre a adsorción dos ións calcio e manganeso polas proteínas do soro sanguíneo. Realizou a tradución ao castelán, para a editorial Manuel Marín de Barcelona, do Tratado de Química Inorgánica de E. H. Riesenfeld (1942) coa intención de «proporcionar, preferentemente a los alumnos de la Facultad de Ciencias, un libro que pueda servir de base para la adquisición de los conocimientos fundamentales de la Química moderna». Posteriormente traduciu tamén para a mesma editorial a Química Inorgánica Moderna de E. Wiberg (1951).

Nos anos 50, estando Ruíz Giménez de Ministro, recibiu a Encomenda con placa de Alfonso X. Era membro da Academia de Ciencias de Zaragoza desde 1936. Fumador empedernido, Martín Sauras morreu dun cancro de pulmón en 1969, en Zaragoza, pouco tempo despois da súa xubilación. Hoxe, a biblioteca de Andorra leva o seu nome. Fora creada pola súa iniciativa en 1933, doando unha boa cantidade de libros.

Valoración científica

Nos seis anos que Martín Sauras pasou en Santiago ao cargo da cátedra de Química Inorgánica deixou una pegada de bo mestre e mesmo dun activo organizador da docencia. O seu perfil respondía ao dos profesores que naquela altura tiñan unha mellor acollida entre o mundo estudantil: poucos anos (34 cando chegou a Santiago), docencia actualizada e práctica, de pensamento progresista e amante dos deportes. De todas maneiras a súa produción científica foi escasa (só dous traballos no Boletín da USC) e a súa capacidade de crear escolas científicas tamén, pois os dous profesores auxiliares de Química Inorgánica e Análise Químico (Zapata e Parga) que traballaban na cátedra orientaron as súas investigación cara a liñas propias e diferenciadas de estudo. Algo similar podería sinalarse da súa vida científica posterior, na que o máis salientable foron os seus traballos docentes e de divulgación, así como a tradución dos dous textos citados, de ampla difusión en España.

En calquera caso, o seu ensino , teórico e práctico, supuxo a chegada a Galicia dos coñecementos e métodos didácticos en Química Inorgánica que se estaban a impartir nas mellores universidades españolas, que naquela altura xa non se diferenciaban demasiado das europeas.




Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

GAMBOA GOYARTE, J. M. (1947). Preparación de aurotiosulfatos y estructura cristalina del sodio, Rev. Ac. Ciencias Exactas, Fisico-Químicas y Naturales de Zaragoza, Serie 2ª, II, 1º: 160-233.

GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Universidade.

MARTÍN ZORRAQUINO, Mª A. (1984): Juan Martín Sauras, nombre para la biblioteca de su pueblo, Cierzo, Zaragoza, novembro 1984.

VV.AA. (1981): Juan Martín Sauras, Gran Enciclopedia Aragonesa. Zaragoza, Unión Aragonesa del Libro.

VV. AA. (1996): Juan Martín Sauras. Andorrano ejemplar. Conmemoración de un centenario (1896-1996). Concello de Andorra (Teruel).


NOTA: Esta biografía de Pedro Cruceiro Corral está baseada na que realizou Ricardo Gurriarán para o Álbum da JAE, do Consello da Cultura Galega.
http://culturagalega.org/albumdajae/detalle.php?id=130