culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Eduardo del Río y Lara

Un discípulo de Cajal en Compostela

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 04/11/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2016], “Eduardo del Río y Lara”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 03/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1064
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Madrid 1852
  • Falecemento: Guadalajara 1918
Como alumno e discípulo do Premio Nóbel Santiago Ramón y Cajal (1852-1934), formou parte, ao igual que o seu irmán Luis del Río y Lara (1855-1939), catedrático de Histoloxía en Zaragoza, do colectivo científico dedicado ao estudo dos compoñentes microscópicos da vida, a «escola histolóxica española», probablemente a máis relevante no terreo das ciencias biomédicas.

En 1894 presentou a súa tese de doutoramento: “El epitelioma”. Auxiliar de Histoloxía na cátedra de Cajal na Universidade Central, tamén exerceu como profesor adxunto da Escuela Práctica de Especialidades Médicas, onde daba conferencias, entre elas: “Carcinoma” (21 de maio de 1897) ou “Sarcoma y sus variedades” (29 e 30 de maio de 1899) (Franco Grande, 2014). Foi secretario do Congreso de Hixiene celebrado en Madrid en 1899 e presentou comunicacións no XIV Congreso Internacional de Medicina (Madrid, 1903). Na Revista trimestral Micrográfica do ano 1900 publicou “Un caso de neoplasia sarcomatosa humana provocada por Cocidiasis” (Fernández Teijeiro, 2007).

Cátedra de Histoloxía en Compostela

Despois de presentarse en 1902 á cátedra de Histoloxía e Histoquímica normal e Anatomía patolóxica da Universidade de Salamanca, en 1905 participou nas oposicións á similar cátedra porén na Universidade de Santiago de Compostela. Formaban parte do tribunal o mentor de del Río, Santiago Ramón y Cajal, Tomás Maestre, catedrático de Medicina Legal, Luis Simarro, catedrático de Psicoloxía experimental, Leopoldo López García, catedrático de Histoloxía, Federico Olóriz, catedrático de Anatomía descritiva e embrioloxía, Enrique de Isla y Bromburu, académico de Medicina e Francisco Tello, doutor en Medicina, especialista na materia e axudante no Hospital de San Carlos. Posteriormente, como acontecía con frecuencia, houbo cambios na composición do tribunal. Gañada a oposición, Eduardo del Río tomou posesión da cátedra o 10 de xuño de 1905 en Madrid, incorporándose á Facultade de Medicina compostelá no curso 1905–1906, con 53 anos de idade (Fernández Teijeiro, 2007).

A súa presenza á fronte da cátedra supoñería unha notable mellora na calidade da docencia e da investigación histolóxica na Universidade de Santiago. O anterior responsable, Perfecto Conde Fernández, que deixara a cátedra ao morrer en decembro de 1903, correspondía a un tipo demasiado habitual entre o profesorado da Facultade de Medicina naqueles tempos: escasa especialización, desconexión coas novidades europeas e carencia de obra orixinal. De feito, Conde levaba desde 1875 encargándose da docencia de múltiples materias, Fisioloxía, Terapéutica, Hixiene pública, Hixiene privada, Patoloxía médica, Patoloxía Xeral, Medicina Legal e Histoloxía, que desempeñaba desde 1892 (Fernández Teijeiro, 2007).

No Claustro da Facultade de Medicina, Del Río mantivo boa relación co grupo minoritario, do que formaba parte Ramón Varela de la Iglesia (1845-1922), Manuel Varela Radío (1873-1962) e, desde 1911, Roberto Nóvoa Santos. Tivo unha morte prematura e foi substituído en 1920 por Vicente Goyanes Cedrón (1865-1954).

Actividade

Co decano da Facultade, Ángel Martínez de la Riva Vilar (1851-1929), creou un Laboratorio de Anatomía Patológica, establecemento ao que acudirá nos últimos cursos de licenciatura e ao remate da mesma Roberto Nóvoa Santos (1885-1933), quen desenvolveu diversos traballos alí, como a súa tese de doutoramento: “Sobre la evolución química del Sistema Nervioso y el substratum material del alma (Contribución teórico experimental)” (1908). Sendo estudante Nóvoa, axudante de Fisioloxía, dirixiu a Revista Gallega de Medicina («Órgano de los alumnos internos»), publicación da que saíron tres números e que contaba como redactores a J. Arana Quintana, A. Rodríguez Cadarso, R. Suárez Vence e J. R. Cerviño Rodríguez. No número 3 publicou del Río o traballo, “Una lección de Anatomía Patológica. Sífilis y espirilosis” (Río y Lara, 1907), do que anunciaba unha continuación pero que non apareceu pola fin da revista.

A prensa da época fíxose eco do seu labor de divulgación, pois impartiu diversas conferencias: “El cólera indiano” (Ateneo León XIII, 1910), “El carcinoma, hipótesis de su génesis” (varias no Ateneo León XIII, 1909); “Tejido epitelial y sus modificaciones como medio de defensa orgánica” (Ateneo León XIII, 1908 e 1909), “La célula, sus características anatómicas y teoría celular” (1908), “La sangre y el tejido epitelial” (1913), “La Sangre” (Reunión de Artesanos de A Coruña, 1913). Participou no Congreso de Ciencias Médicas de Santiago (1909) coa comunicación “Nuevas alteraciones halladas y provocadas en el seno del tejido conjuntivo y características morfológicas del mismo” e publicou na Revista del Laboratorio de Investigaciones Científicas “Algunos datos concernientes a la Anatomía Patológica de los lepromas” (Franco Grande 2014).

Estudoso da lepra, traballou sobre ela na leprosería de San Lázaro. En 1916 prounciou o discurso inaugural do curso académico 1916-1917: “La Lepra en Galicia: contribución al estudio de la misma” (Río y Lara, 1916). Esta intervención foi recollida, en parte, en Galicia Médica (“Apertura de curso en la Universidad", nº 10, 1916, pp. 309-312), unha revista que dirixía Nóvoa e Antonio Novo Campelo (1878-1948) e na que figuraba como colaborador Eduardo del Río desde febreiro de 1915.



Bibliografía:




Fontes impresas:

RÍO Y LARA, E. del (1907): Una lección de Anatomía Patológica. Sífilis y espirilosis, Revista Gallega de Medicina, 3: 67-76.

RÍO Y LARA, Eduardo de (1916): La lepra en Galicia, Discurso inaugural leído en la solemne apertura del curso académico de 1916 a 1917. Santiago de Compostela: Tipografía de Paredes.


Bibliografía secundaria:

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J.J. (2007): Ramón Varela de la Iglesia (1845-1922). Positivismo e Histología en Fonseca, Tese de doutoramento. Santiago: Universidade.

FRANCO GRANDE, A. (2014): La medicina compostelana (1847-1950). Retazos históricos. Santiago de Compostela: andavira editores.