culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Rof Carballo

Médico e ensaísta recoñecido, impulsor da Medicina psicosomática

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 27/01/2017

Extras de Juan Rof Carballo: 

Extras sobre Juan Rof Carballo:

Galeria



Rof Carballo_2_web.jpg
Rof Carballo_2_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2017], “Juan Rof Carballo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 29/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1078
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1905
  • Falecemento: Madrid 1994
Primeiros pasos

En 1910, a piques de cumprir cinco anos, a súa familia trasladouse de Lugo para A Coruña porque o pai, o ilustre veterinario de orixe catalá Juan Rof Codina, foi nomeado por Real Orde do 23 de febreiro Inspector de Hixiene Pecuaria e Sanidade Veterinaria da provincia. Na cidade herculina gozou da lectura e do mar e entre os libros consultados estiveron dúas obras que lle influíron bastante: a Patología general, de Alcolea, e a Enciclopedia de cultura general, de Téllez y López. Nestes anos, tamén realizou visitas ao laboratorio que o seu pai tiña na Granxa Agrícola de Monelos, onde observou cultivos de algas microscópicas, ademais de cursar o bacharelato no Instituto local, no que recibiu docencia de dous «profesores admirables»: Gonzalo Brañas, de Física, e, sobre todo, Johán Vicente Viqueira, de Filosofía (Rof Carballo, 1993).

Estudos universitarios

No curso 1921-22 iniciou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. En setembro de 1923 trasladou a matrícula para a de Barcelona, onde estivo un curso, volvendo en setembro de 1924 a Santiago. Durante esa primeira estadía na cidade condal formouse en Patoloxía médica co doutor Soler Vicens (despois estudaría Fisioloxía con August Pi i Sunyer). Contou que escoitar falar o seu idioma aos cataláns non lle amolaba o máis mínimo, porque «me sentía identificados con ellos por mi amor a Galicia» (Rof, 1993). Non é de estrañar, pois o pai era catalán e colaboraba coas Irmandades da Fala, e el mesmo participou no Seminario de Estudos Galegos. Foi proposto como socio na sesión do 18/04/1925, admitido na do 25/04/1925 e leu o traballo de ingreso, Bioloxía e esprito, na sesión do 08/05/1925. O texto non se chegou a publicar, mais segundo o autor trataba «sobre el Gesto, en su relación con la Biología» (Rof Carballo, 1976), a importancia do xesto na conduta humana como manifestación da relación entre o corpo e o espírito (Russo, 2012). Retornou no curso 1925-26 á Universidade de Barcelona, que deixou para facer o servizo militar na Coruña, e rematou a licenciatura en Madrid, na convocatoria de xaneiro, cun sobresaínte en Dermatoloxía. Os exames de grao realizounos en Santiago. A estadía en Compostela no curso 1924-25 tivo como razón expresa a de recibir a docencia de Patoloxía xeral do ilustre catedrático Roberto Nóvoa Santos. Seguiu as súas clases «en el sombrío cuartucho del Hospital de los Reyes Católicos» (Rof Carballo, 1973: 88) e explicou, falando da linguaxe do profesor, que «[...] nos fascinaba a mi y a mis compañeros ver cómo Nóvoa Santos, con sus gestos suaves y su mirada de hipnotizador, convertía en un santiamén ante nosotros la parálisis de un brazo o de una pierna o de la laringe, afonías persistentes, en otra cosa, o, de pronto, las curaba. Es decir, aprendimos no sólo que el cuerpo puede hablar, simulando enfermedades graves, hemiplejías, afonías, cegueras, sino que un médico dotado puede hacerle cambiar de lenguaje» (Rof Carballo, 1973: 87). A ensinanza de Nóvoa estaba baseada na clínica, poñendo en contacto aos seus alumnos cos doentes no hospital, mais os estudantes querían que lles explicase as leccións na aula, que impartise as convencionais clases maxistrais, o «[...] que nos llevó a sus discípulos a organizar una huelga disparatada. Tardamos algún tiempo en saborear sus lecciones clínicas, en las que actuaba como sagacísimo diagnosticador» (Rof Carballo, 1993: 29) e un «maestro inolvidable» (Rof Carballo, 1993: 30). Asemade, en quinto de carreira Rof Carballo pasou, en palabras súas, unha «profunda crisis espiritual», achegouse a autores como Pascal, Claudel e Rivière, e foise distanciando do seu agnosticismo previo.

Formación posterior

En 1928 marchou a Madrid e integrouse no equipo de Gustavo Pittaluga Fattorini (1876-1958), profesor de orixe italiana, catedrático de Parasitoloxía e investigador con grande proxección internacional en Hematoloxía e Parasitoloxía. Rof Carballo traballou sobre o sistema retículo-endotelial (hoxe chamado Sistema Fagocítico Mononuclear) e publicou numerosos artigos, algúns co propio Pittaluga. Tamén comezou a asistir aos cursos de Ortega y Gasset e profundou na Filosofía, lendo a Henri Bergson e Max Scheler. Auxiliar do Laboratorio Central de Investigaciones Químicas da Facultade de Medicina de Madrid, a súa formación investigadora e clínica deu un paso relevante nas estadías realizadas en diversos laboratorios europeos. Obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), de 22 meses, para formarse en Austria e Alemaña sobre “Problemas del retículo-endotelio de los ganglios linfáticos”. Estivo en Viena, onde iniciou, en febreiro de 1931, os seus traballos co profesor Maresch, «al que pronto tuvo que abandonar, dado lo elevado de los derechos de Laboratorio» (Memoria JAE, 1935). Desde o 1 de marzo de 1931 ata o 10 de xuño de 1932 traballou no Instituto de Anatomía patolóxica do profesor Carl Sternberg (1832-1935), patólogo co que asistiu a preto dun millar de autopsias, e no Hospital de Wiedner, «ocupándose primeramente de la acción del torio coloidal sobre los órganos hematopoyéticos, luego del estudio de las afecciones del S. R. E. (sistema retículo-endotelial) de los ganglios linfáticos y haciendo durante todo el tiempo prácticas de anatomía patológica macroscópica” (Memoria JAE, 1933). De xaneiro a xuño de 1932 realizou no Instituto Radiolóxico do mesmo hospital estudos sobre radiosensibilidade do retículo linfático. Entre xuño e decembro de 1932 traballou en Colonia no Hospital de Lindenburg, baixo a dirección do profesor Hans Eppinger (1879-1946), experto no estudo do fígado, sobre problemas do metabolismo dos ácidos graxos non saturados, cuestión sobre a que trataba a súa tese de doutoramento. Este médico tivo unha actuación criminal na II Guerra Mundial, pois realizou experimentos inhumanos con prisioneiros no campo de concentración de Dachau; suicidouse ao remate da Guerra, un mes antes de declarar no xuízo de Nuremberg.

En 1934, como xefe do Laboratorio da Facultade de Medicina de Madrid, Rof Carballo obtivo unha bolsa dun ano da JAE para traballar, desde o 21 de xuño, en Austria, Checoslovaquia e Inglaterra sobre Hemopatoloxía experimental. En 1933 foi a Madrid para doutorarse e tentar acadar unha cátedra, presentándose, sen éxito, ás de Patoloxía xeral de Madrid e Cádiz. A de Madrid convocouse o 8 de xaneiro de 1934 (moi pouco despois da morte do anterior titular, Nóvoa Santos) e presentáronse José Casas, José María Corral, Félix Monterde e Rof Carballo. O tribunal, constituído o 25 de xuño de 1935, estaba formado por Gregorio Marañón, Agustín del Cañizo, Enríquez de Salamanca, Juan Cuatrecasas e Pedro Rodrigo Sabalette. Rof Carballo foi o que máis traballos de investigación publicados presentou, mais o tribunal escolleu a Casas polas súas excelentes condicións como clínico e docente. Rof continuou investigando, con traballos sobre Patoloxía tropical con Pittaluga, pero pouco despois deixou o equipo e pasou a colaborar en Patoloxía médica con Carlos Jiménez Díaz.

Ao inicio da Guerra Civil estaba en Viena e o pai, Juan Rof Codina, en Leipzig, no VI Congreso Mundial de Avicultura. Rof Codina volveu a España polo territorio leal á República, onde permaneceu toda a guerra como Director xeral de Gandería; como represalia, en 1944 as autoridades franquistas obrigárono ao desterro e a xubilarse. Pola contra, o fillo, Rof Carballo, permaneceu no estranxeiro, ficou en París (onde se reencontrou co seu mestre Pittaluga, exiliado) e participou nas ensinanzas da clínica da Salpetrière profundando na práctica da psicanálise, que iniciara nos anos de Viena. Rompeu coa súa posición de neutralidade ao pasar no terceiro ano da guerra, cando está parecía ben encamiñada para o bando franquista, a San Sebastián, territorio en mans dos fascistas, onde se reuniu con Jiménez Díaz, quen dirixía o hospital militar Nuestra Señora de las Mercedes, e incorporouse á plantilla do centro. Jiménez Díaz marchara de Madrid ao estranxeiro e en marzo de 1937 pasou a fronteira e foi a San Sebastián e Pamplona, onde contactou co médico e relevante, daquela, falanxista, Pedro Laín Entralgo, quen lle facilitou unha entrevista con Franco en xullo de 1937, vía pola que dirixiu o Hospital Nuestra Señora de las Mercedes ata o remate da guerra (Pérez Peña, 2005).

Rematada a contenda, Rof Carballo dedicouse á práctica clínica con Jiménez Díaz, no Hospital General de Madrid e, asemade, desenvolveu o seu interese pola medicina psicosomática. Nese momento da posguerra a Fundación Rockefeller financioulle un traballo sobre a situación dos nenos de Vallecas que sufriran carencias na guerra e traduciu un libro de Hans Eppinger: Enfermedades del hígado: patología general y especial y tratamiento de las hepatopatías (1941). En 1953 dedicou o estudo Disproteinemias. Enfermedades del colágeno y enfermedades por autoinmunización, á memoria dos seus mestres, Roberto Nóvoa Santos, Carl Sterberg e Hans Eppinger; sorprende a dedicatoria sen explicación a Eppinger, como vimos, de historial ben pouco exemplar. Con Jiménez Díaz traballou quince anos, ocupou a dirección do Departamento de Endocrinoloxía do seu Instituto de Investigaciones Médicas; tamén se encargou do servizo de Endocrinoloxía Psicosomática do Instituto de Bioloxía Médica de Gregorio Marañón.

O éxito que obtivo no terreo da Medicina psicosomática e nas pescudas antropolóxicas foi recompensado con diversas distincións e nomeamentos. En 1969 ingresou na Real Academia de Medicina e acudiu en 1979 á reunión de Nova Spes (Roma), evento celebrado baixo a presidencia do Cardeal Franz König, arcebispo de Viena; un encontro para reflexionar sobre o ser humano no que participou o Papa Xoán Pablo II. Rof Carballo foi nomeado membro da Real Academia Española, na que ingresou en 1984 co discurso titulado “Un médico ante el lenguaje”. En 1986 recibiu a medalla Castelao da Xunta de Galicia.

O grupo receptor da Medicina “humanista”

Laín Entralgo explicou como en París, en 1885, Charcot e Freud diferiron na forma de entender a histeria. Onde o médico francés, formado na mentalidade anatomoclínica, vía unha lesión, o vienés facía un achegamento á biografía do paciente, «el primer suceso histórico en que se hace patente la introducción del sujeto histórico en medicina» (Laín, 2003: 138). Esa atención prioritaria á persoa, esa preocupación por todo o que rodea ao ser humano enfermo, enfatizada en diversos momentos da historia da medicina, recibiu diferentes nomes en función do elemento sobre o que se puña o acento, entre eles o de «medicina humanista», «medicina antropolóxica» e «medicina psicomática».

No caso español, un grupo de galenos, entre eles Rof Carballo, prestou especial atención á cuestión a partir dos anos trinta do século XX e tiveron como referencia o labor do denominado «grupo de medicina antropolóxica de Heidelberg». O iniciador dese colectivo alemán foi o médico Ludolf von Krehl (1861-1937), quen, durante décadas constituíu referencia e modelo de científico natural, un dos máximos expoñentes da visión fisiopatolóxica da medicina, que centraba a atención clínica na alteración da función. As sucesivas edicións do libro que publicou a fins do século XIX, Pathologische physiologie, foron unha guía para numerosos especialistas. A primeiros do século XX, Krehl amosouse receptivo coas contribucións de Sigmund Freud e Josef Breuer sobre as manifestacións histéricas. O impacto da primeira Guerra Mundial, na que participou como director dun hospital de campaña, e algúns problemas persoais, como a marcha da súa muller do fogar, incidiron nun cambio de perspectiva de Krehl, que se centrou na medicina antropolóxica, o que provocou un certo distanciamento e descrédito entre os colegas anteriores. O médico alemán foi o autor dunha frase emblemática na medicina humanista, repetida unha e outra vez por por el mesmo e os seus seguidores: «non existen enfermidades por se mesmas, senón enfermos». Entre os seus discípulos salientaron Viktor von Waizäcker (1886-1957) e Richard Siebeck (1883-1965), que fixeron especial fincapé na relevancia dos elementos psíquicos e espirituais xunto ao somático á hora de acceder ao estudo do ser humano enfermo. Siebeck entendía que o paciente non só ten unha enfermidade senón que a fai súa; para coñecela, pois, é preciso pescudar na biografía. Waizäcker insistiu na importancia da subxectividade humana, a introdución do suxeito na medicina, e a busca da consideración integral, de analizar soma e psique. Case parello á medicina antropolóxica xurdiu en EEUU a medicina psicosomática, con autores como Franz Alexander (1891-1964) e a revista Psychosomatic Medicine. En 1926 Weizsäcker visitou a Sigmund Freud en Viena e en 1950 abriu, coa axuda da Fundación Rockefeller, unha clínica de medicina psicosomática. O grupo de Heidelberg non permaneceu alleo á irrupción do nazismo na Alemaña dos anos trinta e corenta. Siebeck estivo afiliado ao partido nazi, un irmán de Víctor Waizäcker, Ernst, foi embaixador de Hitler en Copenhague e un fillo deste formou parte do equipo de Werner Heisenberg que traballou na busca da bomba atómica. O propio Krehl foi galardoado en 1936 por Adolf Hitler co escudo da aguia do III Reich.

Rof Carballo conectou nos seus anos de estadía por Europa co grupo de Heidelberg e tamén prestou especial atención á antropoloxía filosófica de Max Scheler (1874-1928) e á filosofía de Martin Heidegger (1889-1976). Rof identificouse coa perspectiva da medicina antropolóxica, coa pretensión de considerar ao doente en toda a súa complexidade como ser humano, atender á fisioloxía dos órganos e á vida persoal, ao pasado e ao presente. Mais a preocupación do noso autor por estes aspectos xa espertara anos antes; nos seus tempos de estudante en Compostela estivera ben receptivo ás explicacións de Nóvoa Santos sobre cuestións psicolóxicas dos enfermos. Boa mostra das preferencias de Rof foi a publicación en 1936 da tradución dun libro de Krehl: Diagnóstico y tratamiento de las enfermedades internas por el Dr. Ludolf Krehl. No texto, o profesor alemá salientaba a importancia da relación médico-enfermo, criticaba as limitacións impostas ao galeno,que, segundo el, pasaba a ser ás veces unha especie de empregado social, e felicitaba a Weiszäcker por abordar o tema. Defendía a conversa co paciente como camiño para saber del pero tamén para establecer confianza. E propuña engadir á minuciosa exploración orgánica a atención aos factores psíquicos que poden incidir nas enfermidades. Asemade, coidaba precisa unha harmonía entre o médico e o enfermo, que levaba a un punto que parece excesivo e significativo do seu xeito de pensar, ao afirmar que «El ideal es que exista entre ambos una igualdad en las ideas fundamentales sobre la religión íntima (no es necesario que sea sobre la confesión) y en sus concepciones sobre la patria y la raza» (Krehl, 1936: 306).

Por outra banda, nese mesmo 1936 Pedro Laín Entralgo (1908-2001) e o compostelán Juan José Barcia Goyanes (1901-2003) estaban en Santander para intervir sobre “A crise da Medicina” na Universidade de verán, difundindo o pensamento de Weizsäcker cando se iniciou a Guerra Civil. Barcia, hoxe en proceso de beatificación, foi nomeado en xaneiro de 1937 xefe do Equipo Cirúrxico do Hospital Militar de San Caetano (Santiago), ata o 22 de febreiro, data na que acadou o nomeamento de director do Hospital Militar de Labaca, en A Coruña. En agosto de 1938 ocupou a secretaría provincial de Falanxe e o 29 de setembro a presidencia da Deputación, cargo no que estará ata o fin da Guerra, simultaneándoo coa súa asistencia ao Hospital. Compartía militancia falanxista co seu colega Laín Entralgo, quen ocupaba un posto salientable no servizo de propaganda de Falanxe. Como vemos, tanto no grupo impulsor alemán como no receptor español da «medicina humanista» deuse unha curiosa coincidencia de perspectiva política entre varios membros, unha identificación singular, ou acomodación, cos postulados fascistas, o que non foi o caso de Rof Carballo. E chama a atención que en tempos nos que na Guerra Civil española e despois na II Guerra Mundial morrían miles e miles de persoas, ás veces por causa das accións xeradas desde esa ideoloxía, mesmo en criminais actuacións en campos de concentración, algúns galenos que defendían a medicina humanizadora contemplaban esas desfeitas sen crítica pública á acción inhumana dos seus camaradas.

Impulsor da medicina psicosomática

No labor realizado con Jiménez Díaz e Marañon colleu forzas renovadas a preocupación anterior de Rof Carballo pola psicanálise, a antropoloxía médica e a medicina psicosomática. En 1946 publicaría o primeiro artigo no que fala directamente desta na Revista Clínica Española, e en 1949, froito do traballo acumulado durante unha serie de conferencias, a súa obra máis recoñecida, o manual de Patología psicosomática, que tivo boa recepción e foi encomiada por Ortega y Gasset. Pouco despois deu a coñecer Cerebro interno y mundo emocional (1952), incorporando as contribucións da neuroloxía para o pensamento psicosomático, introducíndose na «fisioloxía integrativa» e facendo gala dos seus amplos coñecementos en anatomía patolóxica e visión holística.

Fundamentándose na excelente formación clínica que posuía comezou a defender a súa particular visión da medicina. Seguindo as teses do grupo de Heidelberg, impulsou a necesidade dunha medicina global que entendera ao paciente no seu conxunto e o proceso de enfermar como un feito condicionado pola biografía de cada individuo. No pensamento psicosomático de Rof Carballo conflúen, segundo os traballos de Martínez Priego, tres perspectivas: os estudos sobre antropoloxía de Max Scheler, a corrente psicanalítica de Freud e a neurofisioloxía. Un autor que desde o mundo alleo á ciencia influíu neste e noutros terreos do labor intelectual de Rof Carballo foi o filósofo Xavier Zubiri (1898-1983); Rof asistiu aos seus cursos en Madrid, que cualificou como «un dos acontecementos máis importantes da nosa época».

A Sociedade Española de Medicina Psicosomática constituíuse a partir da Reunión da Asociación Española de Psicoterapia e Medicina Psicosomática celebrada o 18 de decembro de 1955 en El Escorial, na que Rof Carballo, fundador da Sociedade, presentou o relatorio "Colectividad y mecanismos psicoterápicos". Pouco despois aparecerían traducidos ao español dous libros dos pais da medicina humanista. Un deles de Weizsäcker, El hombre enfermo: una introducción a la antropología médica (1956), e outro de Siebeck, Medicina en movimiento (1957). A última gran obra de Rof Carballo nese terreo sería Teoría y práctica de la medicina psicosomática (1983), unha actualización dos seus conceptos fundamentais coa visión da experiencia clínica obtida ao longo dos anos.

Rof Carballo xogou un papel clave na introdución da psicanálise en España, desde unha visión crítica de certos aspectos do mesmo que defendera Freud, entre eles o papel relevante da sexualidade humana, pero valorando a súa contribución ao coñecemento da persoa. Xa desde moi novo tivo interese polo tema: «En Santiago le había sugerido, impertinente [a Nóvoa], ¿por qué no se intenta a la clínica médica las doctrinas de Freud?. Como correspondía a mi impertinencia me respondió que antes tenía yo que estudiar bien lo que era el psicoanálisis. Estaba entonces yo infinitamente lejos de pensar que en estas dos frases, pronunciadas casi al azar iba a encerrarse lo que fue una gran parte de mi vida» (Rof Carballo, 1993: 30). Efectivamente, nos anos vinte, durante a súa época estudantil, Rof Carballo entrou en contacto coa obra de Freud, que influirá no desenvolvemento da súa propia. A finais dos anos cincuenta formará parte do primeiro grupo de médicos formados en Madrid pola Sociedade Psicanalítica Internacional e establecerá relacións con importantes figuras do psicanálise, como Gustavo Bally. En 1972 publicou Biología y psicoanálisis, onde expuxo os méritos e límites da psicanálise; en El hombre como encuentro (1973), propuxo unha elaboración máis madura da súa teoría dialóxica da persoa, desde a perspectiva da psicanálise.

Respondeu ao fundado e crecente cuestionamento do valor científico da psicanálise afirmando que a súa práctica esixe un observador capacitado e confiando en que futuras técnicas experimentais poderían algún día poñer de manifesto o valor predictivo da acción psicanalítica. O certo é que a medicina psicosomática constituíu, entre outras cousas, o recoñecemento dun baleiro no labor clínico convencional, a necesidade de prestar unha maior atención ao enfermo, pero o desenvolvemento posterior en España non obtivo os éxitos previstos polos seus impulsores.

Papel do médico

En moitas intervencións explicou Rof Carballo a súa visión do médico, por exemplo no “Prólogo” que escribiu na obra do seu amigo compostelán Ramón Baltar Domínguez Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII (1961). Nel criticou a despersonalización da Medicina, a «ruptura de la relación entre el médico y el enfermo», o trato mecanizado e pouco humano presente en moitos hospitais, a perda de todo contacto afectivo e humano, e defendeu unha atención diferente, baseada no diálogo: «Algunos médicos hemos aprendido a escuchar no lo que la gente dice aparentemente sino lo que, sin saberlo ellos mismos, quieren decir» (Rof, 1961: XV). E afondou nese encontro médico-enfermo: «Digámoslo de una vez: hoy sabemos que el médico es para el paciente, no ya el técnico que sabe curar con más o menos acierto sino también el símbolo inconsciente de una realidad antropológica que le constituye en lo más profundo de su ser» (Rof Carballo, 1961: XV).

Entendía que se estaba a producir un cambio nese sentido en diversos países europeos e agardaba que se espallara por España: «Unos médicos que en ocasiones se titulan psiquiatras, otras se llaman psicoanalistas, otras médicos psicosomáticos, han emprendido la singular tarea de estudiar no a los enfermos solamente sino otra cosa más extraña: las relaciones afectivas que vinculan médicos y enfermos y, sobre todo, las relaciones emocionales de los propios médicos. Descubren así que el medicamento que hoy los enfermos en toda la faz de la tierra, empiezan a echar de menos, es un medicamento no fabricado por los laboratorios, es el propio médico como medicamento» (Rof Carballo, 1961: XVI). E describiu o labor a realizar por eses médicos, instando a pequenos seminarios, a prácticas de respecto co doente como non fumar ou ler xornal cando se explora ao enfermo, ou examinalo sen biombo protector, etc. Facendo fincapé sempre no carácter básico do diálogo co doente, a apertura e aceptación do outro, e a tenrura.

Antropoloxía

A súa posición antropolóxica anticipouna na comunicación que presentou no Congreso internacional de Psicoterapia (Barcelona, 1958), situando como principios biolóxicos básicos os seguintes: O ser humano nace incompleto, iso esixe unha adaptación ao mundo exterior que pasa pola reprodución do ambiente dentro do seu sistema nervioso; esa inmadurez é un «fenómeno xeral da vida», afecta sobre todo ao sistema inmunitario, enzimático e endócrino; o ser humano constitúese xeneticamente no curso dos primeiros días e semanas de vida en base á relación cos seus, nese proceso realizase a incorporación substancial do ambiente ao novo ser, dando lugar a modificacións morfolóxicas, endócrinas e humorais; herdase a creación de estruturas abertas que son quen de incorporar programacións externas, a herdanza socioxenética. A isto último chamoulle Rof Carballo «urdime afectiva» (troquelado, prieto tecido, textura ou trama fundamental), distinguindo no desenvolvemento posterior do suxeito a urdime constitutiva, de orde e de identidade. Apostou pola dialoxicidade do ser humano, a que se revela no encontro, no diálogo, «el hombre es constituído, de modo esencial, por su prójimo» (Rof Carballo, 1961: 34).

Efectivamente, para Rof Carballo os seres humanos nacemos nun parto prematuro, sen acabar, e precisamos dun remate na familia. A maduración do noso cerebro complétase nas relacións interpersoais. Polo tanto, a Bioloxía nos induce a un primeiro encontro, e a urdime afectiva constitúe para Rof Carballo a trama orixinaria de relacións que preside a estruturación do «eu», na que incide de xeito decisivo a noción de «tenrura», a atención maternal. Entende que a fisioloxía humana precisa da acollida familiar, que permite o desenvolvemento e a plenitude e identidade persoais e que a liberdade é un elemento xerado por ese proceso, de feito consideraba que para ser plenamente libre é preciso unha infancia tutelada co amor. Para Rof Carballo a comunicación inicial psicobiolóxica coa nai abre á relación interpersoal cos outros, de carácter transaccional, capacita para solucionar os problemas da vida. E constrúe unha información propia que está fóra dos límites que determina a propia Bioloxía, desenvolvendo unha biografía propia.

Entendía que a personalidade articúlase arredor de tres necesidades básicas, que se inxiren na urdime afectiva: de respaldo, de autoridade e de protagonismo, satisfeitas polas urdimes constitutivas, de orde e de identidade. O ser humano parte da imaxe protectora da nai e da reitora paterna, vínculos cos que se dota para enfrontar a vida. A posta en práctica do proceso de primeiro diálogo coa nai incidirá para Rof Carballo de xeito ben relevante na conformación dunha personalidade madura ou, se fose deficiente, predispoñerá a patoloxías ou deficiencias na personalidade e na manifestación psicosocial do vínculo orixinario. Entre as “patoloxías” propias da dimensión psicosocial da urdime figura a «sociedade sen pai», caracterizada pola violencia, pola falta orixinal de seguridade, autoridade e sentido do sagrado, e a «sociedade sen nai», co esquecemento da «terra» (sociedade cosmopolita, tecnificada, racionalízante que provoca o desarraigo). Coidamos que Rof Carballo realizou a súa análise considerando a sociedade tradicional e patriarcal como un modelo case inamovible ao que aspiraba a «humanizar», pero sen cuestionalo; de feito, as críticas das novas xeracións a ese sistema, nos anos sesenta e setenta, obtiveron del unha resposta paternalista e negativa, entendéndoas como unha desviación.

Visión evolutiva

Sobre o tema evolutivo humano publicaría en 1966 un significativo artigo, “El futuro del hombre”, no volume La Evolución, da Editorial Católica. Coidaba importante o tema, pois para el o ser humano leva dentro de si as pegadas do milenario proceso do que é resultado (Rof Carballo, 1973) e entendía que o médico debe saber que o doente na súa experiencia clínica está sempre remitindo ao ser humano «do pasado», ao neno e ao que nel persiste do proceso de hominización. En xeral aceptou a existencia do cambio evolutivo e das propostas de Darwin porén, como aconteceu con moitos outros científicos do seu tempo, custoulle dixerir os mecanismos actuantes e o papel do azar no proceso; tendeu a interpretar os cambios en termos próximos ao lamarckismo, como se a evolución camiñara nunha determinada dirección. Foi atrevido, intelectualmente, ao situar o encontro coa nai, a urdime afectiva, como parte relevante da evolución humana e salientou a importancia da herdanza socioxenética, un concepto que encaixaba moi ben coas súas consideracións sobre o proceso de madurez. O termo foi utilizado por Conrad Hal Waddington en 1942 para referirse ao estudo das interaccións entre xenes e ambiente que se producen nos organismos e non se transmiten polo código xenético senón polo sistema nervioso, grazas a procesos cultural-educativos. Hoxe denominase epixenética ao estudo dos factores que modifican a actividade do ADN pero sen alterar a súa secuencia. Asemade, a concepción de urdime no terreo evolutivo de Rof Carballo lembra algo ás propostas de Konrad Lorenz no terreo da Etioloxía, o seu estudo sobre o comportamento das ocas, a adquisición da «impronta», nunha consideración do proceso evolutivo que simplifica os mecanismos e exalta, nun certo lamarckismo, unha harmonía, un encaixe perfecto, entre determinados comportamentos conxunturais e o éxito biolóxico. Por outra banda, amosouse comprensivo coa euxenesia, se ben recoñeceu o negativo efecto que sobre ela producira os crimes cometidos polos nazis, que el cualificou, benignamente, de «disparates». Preocupáballe que a civilización favorecera a «supervivencia de los más débiles» e utilizou termos de dubidoso valor científico e ético («biológicamente superiores» e «menos dotados biológicamente»).

Antropoloxía galega

A principal contribución de Rof Carballo á Antropoloxía galega realizouna co libriño Mito e realidade da terra nai (1957), publicado en Galaxia cun amplo limiar de Domingo García Sabell (“Retrato dun médico galego”), no que aborda o tema que leva o título xeral nas páxinas 39 a 62 e “Encol da Santa Compaña” da 63 á 100. Tamén lle editou Galaxia Jonás y la Saudade (Rof Carballo, 1953), un relato de ficción, diálogo entre Enius e Sistal, dous amigos que discuten sobre a saudade e o simbolismo da Torre de Hércules coruñesa. En ambos textos, Rof Carballo amosouse preocupado polo dominio do principio patriarcal e certo abandono do matriarcal na sociedade do seu tempo, conceptos que non se refiren ao que actualmente se denomina patriarcado, distribución desigual do poder entre homes e mulleres con dominio dos varóns, senón ao principio patriarcal-paterno como elemento reitor, incitador á coñecemento, á razón, á orde, e o matriarcal-materno asociado ao amor e sentimentos e mesmo á terra, á paisaxe e ao corpo. Como vemos, algo non moi diferente aos tópicos misóxinos característicos de grande parte da intelectualidade no século XIX e parte do XX, a identificación do home co cerebro e a razón e a muller co corazón e sentimentos, neste caso desde unha perspectiva paternalista. Rof Carballo ficaba intranquilo ao observar o que entendía era unha desviación das sociedades cara o ultrarracionalismo, o cosmopolitismo, o desarraigo, etc., e coidaba preciso darlle protagonismo ao principio materno, o que, por outra banda, encaixaba moi ben coas súas ideas sobre a relevancia da urdime afectiva e sentimentos persoais cara a súa Galicia.

O noso autor seguiu a orientación da escola psicanalítica e de Carl Gustav Jung (1975-1961) ao salientar o valor do mito, unha experiencia primordial que fixo posible a formación do pensamento racional, utilizando o de Terra-Nai que para Jung era uns dos arquetipos substanciais do ser humano, un dos que actúan en todos e forman parte do «inconsciente colectivo». Un discípulo de Jung, Erich Neumann (1905-1960), será quen guíe a Rof Carballo no seu interese polos réximes matriarcal e patriarcal e a identificación da conciencia como elemento masculino e o subconsciente como feminino. Rof Carballo reclamará o retorno ao principio materno, que coida que recupera vixencia no novo tempo, pola crise da sociedade occidental, sometida ao ultrarracionalismo. Desde esa perspectiva, para el, a saudade, e outras manifestacións antropolóxicas dos galegos, son elementos positivos, na medida en que reflicten unha valoración e reivindicación da natureza, da paisaxe, unha actitude peculiar da alma dun pobo diante desa realidade profunda da Terra-Nai sentida como algo consubstancial coa propia existencia humana; a fidelidade dos galegos, a contracorrente das modas, á Terra-Nai, preservando as raíces. Tamén se fai eco Rof Carballo nestes traballos da principal contribución de Neumann, a descrición do complexo inconsciente da Grande Nai, arquetipo universal co que, segundo el, se enfronta todo individuo na súa vida; un arquetipo ambivalente que abrangue beleza e protección mais tamén a nai devoradora (as Gorgonas ou Nais Terribles).

A segunda parte do libro, “Encol da Santa Compaña”, apareceu tamén editado en 1975 por Akal xunto co texto de ficción escrito sobre o mesmo tema polo seu mestre Roberto Nóvoa Santos. Rof Carballo relaciona a Santa Compaña coa fantasía subconsciente colectiva que expresa o ser humano apreixado pola melancolía, pola carencia afectiva. De novo reivindicou o principio feminino que Galicia soubo preservar, co risco de seren considerados os galegos como atrasados, pois «Frente ao dominio da lus, da concencia, asoma agora a importanza do soterraño, do ctónico [sinónimo de soterrán, inframundo], do subconsciente» (Rof Carballo, 1975: 55), que relaciona coa volta á Terra Nai, berce e tumba, lugar de retorno cando a vida está cumprida, «devoradora de todo ser que ela ten creado» (Rof Carballo, 1975: 56). Na súa argumentación botou man de Johann Jakob Bachofen (1815-1887), teórico do matriarcado. Rof Carballo entende que unha das misións da muller, da nai, é favorecer o retorno ás raíces da terra ao seu home, ao seu fillo, porque a reunión coa terra xenitriz faise por intermedio da muller. E resume: «Ao cabo, a procesión das ánimas en pena obedece ao mesmo escuro e profundísimo sentimento do home que personifica en forma plural e feminina as forzas segredas da Natureza, a Natureza que o creou e á que sabe que está obrigado a retornar. Para min, a Santa Compaña non é mera superstición senón que ten esta siñificación trascendente» (Rof Carballo, 1975: 56-57), «a personificación plural e procesional das forzas misteriosas da Terra Nai. As cales, unha vez a vida cumprida, recraman a reincorporación do home á procesión cósmica» (Rof Carballo, 1975: 57). Entendía que tanto na Santa Compaña como na Saudade hai «unha referencia segreda, pro indeleble, ó máis entrañable do noso ser… pretensión de vivir con plena conciencia o transfondo matrial da eisistencia humá» (Rof Carballo, 1975: 68). Por outra banda, mantivo un contacto continuo con Galicia e o labor médico e cultural que se desenvolvía no país, en moitos casos coa intermediación do seu vello amigo Domingo García Sabell, con quen compartía moitos puntos de vista médicos, antropolóxicos e ideolóxicos.

Obra en galego

En 1927 publicou en galego un ensaio sobre a obra poética de Paul Claudel, na revista quincenal ilustrada, Terra. Sobre temas e autores galegos publicou en castelán, por exemplo, o limiar dalgunhas obras de Cunqueiro e Olegario Sotelo, ademais do texto, xa citado, de Jonás y la Saudade, tema que retomou en: “Fisiognómica de La Coruña en las ideas de Don Salvador de Madariaga” (Rof, 1976). Na súa produción en galego tamén figura a intervención, en 1975, na inauguración da Galería Sargadelos en Madrid, “Os mitos celtas e a personalidade galaica”. Mais a súa principal contribución no idioma propio do país foi o comentado libro Mito e realidade da terra nai (1957); que traduciu Ramón Piñeiro do texto orixinal en castelán.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente personal, leg. 1275, exp. 2, Rof Carballo, Juan. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.


Fontes impresas:

ROF CARBALLO, J. (1929): Liníogranuloma maligno, Archivos de Cardiología y Hematología, p. 469.

ROF CARBALLO, J. (1931): La pleocariocitosis local en el linfogranuloma maligno, Archivos de Cardiología y Hematología, p. 211.

ROF CARBALLO, J. (1931): Acerca de un caso de linfogranuloma plasmocelular sarcomatoide, Archivos de Cardiología y Hematología, p. 85.

ROF CARBALLO, J. (1931): Líber einen Fall von Sarkomatoiden plasmozellularen Limphogranulom, Folia haematologica, 43, 3: 273-300.

ROF CARBALLO, J. (1933): Alteraciones hematológicas en el conejo, dos años y medio después de la impregnación del S. R. E. con torio coloidad, Trabajos de la Cátedra de Parasitología.

ROF CARBALLO, J. (1949): Patología psicosomática. Madrid: Paz Montalvo.

ROF CARBALLO, J. (1951): El hombre a prueba. Madrid: Paz Montalvo.

ROF CARBALLO, J. (1952): Cerebro interno y sociedad. Madrid: Ateneo.

ROF CARBALLO, J. (1953): Jonás y la Saudade. Vigo: Galaxia.

ROF CARBALLO, J. (1953): Disproteinemias. Enfermedades del colágeno y enfermedades por autoinmunización. Madrid: Editorial Paz Montalvo.

ROF CARBALLO, J. (1957): Mito e realidade da terra nai. Vigo: Galaxia. 2ª edición, 1989.

ROF CARBALLO, J. (1957): Encol da Santa Compaña, Mito e realidade da terra nai. Vigo: Galaxia. 2ª edición, 1989; pp 23-68.

ROF CARBALLO, J. (1961): Prólogo, Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII, de R. Baltar Domínguez. Santiago de Compostela: Imprenta, Librería y Encuadernación del Seminario Conciliar.

ROF CARBALLO, J. (1961): Urdimbre afectiva y enfermedad: introducción a una medicina dialógica. Barcelona: Labor.

ROF CARBALLO, J. (1964): Medicina y actividad creadora. Madrid: Revista de Occidente.

ROF CARBALLO, J. (1966): El futuro del hombre, La Evolución, Crusafont, M.; Meléndez, B. & Aguirre, E. Madrid: La Editorial Católica; p. 912-952.

ROF CARBALLO, J. (1972): Biología y psicoanálisis. Bilbao: Desclée de Brouwer.

ROF CARBALLO, J. (1973): El hombre como encuentro. Madrid: Alfaguara.

ROF CARBALLO, J. (1975): Encol da Santa Compaña, A Santa Compaña. Madrid: Akal Editor; p. 23-68.

ROF CARBALLO, J. (1975): Os mitos celtas e a personalidade galáica, Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia, 4: 139-163.

ROF CARBALLO, J. (1976): Fisiognómica de La Coruña en las ideas de Don Salvador de Madariaga, Revista do Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, 12: 11-27.

ROF CARBALLO, J. (1993): Autobiografía intelectual, Anthropos, 141: 27-37.

PITTALUGA, G. & ROF CARBALLO, J. (1932): Contribución clínica y anatomopatológica al estudio de la enfermedad de Gaucher-Schagenhaufer, Archivos de Cardiología y Hematología, XIII, 2.

PITTALUGA, G. & ROF CARBALLO, J. (1932): Beitrag zur Kenntnis des Morbus Gaucher-Schlagenhaufer, Folia haematologica, B. 4b, H. 3.

ROF CARBALLO, J. & BEATO, A. (1933): Acción clínica de la toxina sobre las células de la sangre, Trabajos de la Cátedra de Parasitología, p. 40.

Traducións:

KREHL, L. (1936): Diagnóstico y tratamiento de las enfermedades internas por el Dr. Ludolf Krehl, Traducción del Doctor J. Rof Carballo de la Facultad de Medicina de Madrid. Barcelona: Labor.

EPPINGER, H. (1941), Enfermedades del hígado: patología general y especial y tratamiento de las hepatopatías. Tradución de Rof Carballo. Barcelona: Labor.


Bibliografía secundaria:

AGÍS VILLAVERDE, M. (2001): Crónica viva do pensamento Galego. Vigo: IGESCO.

DÓNEGA, M. (1970): Un texto esquencido, de Xohán Rof Carballo, Grial, 28: 211-215.

HERRERO, F. (1995): El “mundo emocional” de Rof Carballo, Revista de historia de la psicología 16, 34: 71-78.

JUNTA PARA AMPLIACIÓN DE ESTUDIOS E INVESTIGACIONES CIENTÍFICAS (1933): Memoria correspondiente a los cursos 1931 y 1932. Madrid: S. Aguirre impresor.

JUNTA PARA AMPLIACIÓN DE ESTUDIOS E INVESTIGACIONES CIENTÍFICAS (1935): Memoria correspondiente a los cursos 1933 y 1934. Madrid: Imprenta Góngora.

LAÍN ENTRALGO, P. (1976): Descargo de conciencia. Madrid: Alianza Editorial. Edición de 1989.

LAÍN ENTRALGO, P. (2003): El médico y el enfermo. Madrid: Triacastela. 2ª ed. (1ª ed. en 1969, Guadarrama).

MARTÍNEZ LÓPEZ, F. (2008): Juan Rof Carballo y la medicina psicosomática. Entre la teoría: J. Rof Carballo, y la praxis: A. Fernández-Cruz. Madrid: Díaz Santos.

MARTÍNEZ PRIEGO, C. (2011): La “sociedad sin padre” en la obra psicológica de Rof Carballo. Aproximación a la cuestión del ateísmo contemporáneo, Límite. Revista de Filosofía y Psicología, 6, 24: 43-54.

MARTÍNEZ PRIEGO, C. (2012): Neurociencia y afectividad: psicología de Juan Rof Carballo. Barcelona: Erasmus ediciones.

MARTÍNEZ PRIEGO, C. (2012): La obra psicológica de Rof Carballo: una aproximación bibliométrica, Revista de historia de la psicología, 33, 1: 7-28.

PÉREZ PEÑA, F. (2005): Exilio y depuración política (en la Facultad de Medicina de San Carlos). Madrid: Editorial Vision Net.

PITTALUGA, G. (1934): Las enfermedades del sistema retículo-endotelial. Madrid: Espasa-Calpe.

RUSSO, Mª T. (2012): El humanismo médico de Juan Rof Carballo: Un aporte a la antropología filosófica de medicina, ÁGORA. Papeles de filosofía, 31/1: 123-138.

SIEBECK (1957): Medicina en movimiento. Barcelona: Editorial Científico-Médica.

VV.AA. (1993): Juan Rof Carballo. Una medicina dialógica. El próximo como constitución del ser, Anthropos, 141.

VI CONGRESO DA ASOCIACIÓN GALEGA DE SAÚDE MENTAL: O saber holístico.. Homenaxe ó profesor Rof Carballo. Lugo, 9,10 e 11 de xuño de 2005. Compilado por Dr. Luis F. Vila Pillado e Dr. Ramón M. Area Carracedo.

WEIZSÄCKER, V. (1956): El hombre enfermo: una introducción a la antropología médica. Barcelona: Luis Miracle.