culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Bibiano Fernández Osorio-Tafall

Un científico republicano e galeguista: da Misión Biolóxica á FAO

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fernández Prieto, Lourenzo e Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Bibiano Fernández Osorio-Tafall: 

Extras sobre Bibiano Fernández Osorio-Tafall:

Galeria


Fernández Osorio-Tafall na súa etapa de representante da ONU.
1_osorio_tafall.jpg
1_osorio_tafall.jpg
4_osorio_tafall_seminario_estudios_gallegos IVXX, 1928.jpg
4_osorio_tafall_seminario_estudios_gallegos IVXX, 1928.jpg
20120313113633_00001.jpg
20120313113633_00001.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fernández Prieto, Lourenzo e Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Bibiano Fernández Osorio-Tafall”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=248
Untitled Document

Fernández Osorio-Tafall na súa etapa de representante da ONU.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1902
  • Falecemento: México D.F. 1990
Era neto de Bibiano Fernández, director e editor de La Gaceta de Galicia, xornal santiagués monterista, e fillo de María Osorio, de Salcedo (Pontevedra), e de José Fernández, de Santiago de Compostela. Estudou Ciencias Naturais nas universidades de Santiago e Madrid e obtivo o doutoramento na última delas. Como acontecía con moitos dos prometedores valores da súa xeración, ampliou estudos con bolsas da Junta para Ampliación de Estudios, en Alemaña (Biologische Anstalt de Berlín), Francia e Inglaterra. Na súa etapa compostelá formou parte do Seminario de Estudos Galegos. De regreso a Pontevedra foi catedrático de Agricultura, secretario da Misión Biolóxica de Galicia e director do xornal republicano El País.

Activa vida política

Acadou por oposición a cátedra de Agricultura do instituto de ensino medio de Pontevedra, do que tamén sería director. Posteriormente trasladouse ao instituto Lope de Vega de Madrid. Militou no republicanismo reformista e foi deputado constituínte en 1931, pola Federación Republicana Gallega, constituída despois en ORGA, e en 1936 por Izquierda Republicana, onde ocupou o cargo de director do voceiro Política. Os compromisos políticos que asumiu no período republicano restáronlle tempo ao seu labor científico. Gallástegui escribíalle a Juan López Suárez o 16 de abril de 1936: “Bibiano debátese entre a política e a Bioloxía, temo que se decidirá pola política, ¡síntoo polas patacas!”. As súas responsabilidades políticas naquel tempo foron parellas á súa actividade. Foi alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación Provincial e presidente do Comité Central da Autonomía de Galicia. Co triunfo da Fronte Popular, en febreiro de 1936, pasou a desempeñar o cargo de subsecretario do Ministerio de Gobernación e, despois do golpe militar de xullo de 1936, o de comisario xeral de Defensa durante a Guerra Civil. Bibiano Fernández foi enviado a América polo Goberno para recadar fondos para a República. Reclamado pola Fronte Popular Antifascista Galega e polas Sociedades Hispanas Confederadas, arribou ao porto de Nova York o 21 de marzo de 1938. A súa campaña neste país tiña dous obxectivos: dar a coñecer as ansias autonomistas de Galicia e facer propaganda da decisión do Goberno de Negrín de continuar a guerra sen vacilacións e con todas as consecuencias.

A vida no exilio

Despois da derrota republicana, en 1939, foi presidente do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), e logo de recalar na República Dominicana asentouse en México, en 1941. Alí continuou a súa carreira no ámbito da bioloxía mariña e a xenética vexetal: profesor da Universidade Autónoma, director do Laboratorio de Hidrobiología da Escuela Nacional de Ciencias Biológicas do Instituto Politécnico Nacional, onde coincidiu cos exiliados españois Odón de Buén, Rafael de Buén e Enrique Rioja Lo-Bianco e impartiu Bioloxía humana, Biometría e Xenética. Exerceu tamén como director de Estudios Económicos y Sociales del Tercer Mundo, secretario da Sociedad Mexicana de Historia Natural, entre 1942-43, e asesor da Dirección de Pesca da Secretaría de Marina. Colaborou intensamente con Ciencia, revista dos científicos españois exiliados, na que, ademais de publicar diversos traballos, colaborou activamente como membro da secretaría de redacción e do padroado.

Rematada a II Guerra Mundial e xa nacionalizado mexicano, en 1948 retomou a súa actividade política como funcionario das Nacións Unidas, na FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e nos programas de desenvolvemento: director da Oficina Rexional da FAO para América Latina en Santiago de Chile (1949), Indonesia (1959), director en África do Programa de Asistencia Técnica para países en desenvolvemento, de Programas do Fondo Especial en Exipto (1961); representante da ONU para a pacificación no conflito do Congo (1964-1967). No seu último destino foi representante especial do secretario xeral da ONU en Chipre (1967-1974) e xubilouse como subsecretario xeral da organización.

As investigacións no campo da agronomía

Desenvolveu as súas pescudas científicas en fitopatoloxía e bioloxía mariña, e xa en México, en hidrobioloxía. Iniciouse na investigación en xenética con A. Zulueta, no Laboratorio de Biología do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid. En agronomía, a súa actividade investigadora estivo vinculada, entre 1930 e 1936, á Misión Biolóxica de Pontevedra, na que, en colaboración con Gallástegui Unamuno, desenvolveu prometedores traballos sobre a dexeneración das patacas, nunha liña de investigación confluente coa que daquela executaba Juan Rodríguez Sardiña. Centrábanse estes estudos nas diferentes viroses que afectaban as patacas en Galicia, con vista a identificar os virus, analizar os danos, os vectores de transmisión e a difusión de certas patoloxías. A mellora e selección de patacas da semente, cara á súa produción e posterior comercialización, chocaba con coñecidos problemas de dexeneración que constituían un obstáculo difícil de superar. Con tal fin, Gallástegui animouno a estudar a cuestión e buscar fórmulas para a súa solución. A pesar do carácter intermitente do seu traballo, por mor das responsabilidades políticas, acadou tan notables progresos na dirección correcta que fixeron pensar ao director da Misión nunha rápida solución deste problema que permitise obter tipos de sementes resistentes.

En 1932 Gallástegui acadou, por medio de Juan López Suárez, mecenas da ciencia galega da época, unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, para que Osorio estudase en Alemaña as máis renovadoras técnicas de selección e hibridación de sementes que se estaban a desenvolver no Kartoffen Institute de Berlín. Cando foi represaliado polo Goberno do Bienio Negro, a consecuencia da revolución de outubro de 1934, a Misión Biolóxica nomeouno secretario do centro, cargo que desempeñou ata pouco antes das eleccións de febreiro de 1936. Precisamente foi neses meses cando o seu traballo acadou maior continuidade. O primeiro traballo publicado en España sobre enfermidades de virus da pataca foi o que el presentou no XIV Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, que tivo lugar en Santiago en 1934.

Labor en bioloxía mariña

A actividade en bioloxía mariña levouna a cabo arredor da Estación de Bioloxía Mariña de Marín. Este centro dependía científica e administrativamente do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, dirixido polo biólogo Ignacio Bolívar. Esta situación ten algo de paradoxal e de certa reparación histórica. Había uns sesenta anos, en 1875, que Augusto González de Linares, sendo catedrático de Historia Natural en Santiago, pensara nese lugar como localización idónea para un centro de investigación mariña que as condicións naturais e económicas de Galicia demandaban. Diversos acontecementos que tiveron lugar despois fixeron que Linares decidise instalar o primeiro centro do Estado español en Santander, excluíndo as ofertas galegas. O apoio político do influente grupo institucionista-krausista á iniciativa de Linares foi decisivo. Montero Ríos e Ignacio Bolívar participaron activamente na decisión.

O promotor da Estación de Marín foi o profesor do instituto de Pontevedra Ramón Sobrino Buhigas, mestre de Osorio-Tafall, quen conseguiu dispoñer dun local da Junta de Obras del Puerto de Pontevedra. O Museo enviaba a Marín un grupo de alumnos, que se especializaban en bioloxía mariña baixo a supervisión do profesor Faustino Miranda González, experto ficólogo. Osorio levou a cabo diversas pescudas, especialmente sobre fitoplancto, colaborou nas actividades da Estación e dirixiu algunha das excursións polas costas portuguesas.

Recoñecemento e últimos anos

Morto Franco en 1975, Osorio Tafall non quixo volver do exilio polos arraigamentos que tiña en México. O primeiro Goberno de Adolfo Suárez sondou a posibilidade de nomealo Presidente “provisional” de Galicia, ao igual que se fixera con Josep Tarradellas, pero Taffal rexeitou o ofrecemento. Ata a súa morte visitou Galicia e a súa familia galega en varias ocasións, co gallo dos diversos homenaxes que institucións e amigos lle tributaron. En 1987, a Academia Galega das Ciencias concedeulle a Medalla de Ouro, un ano despois a Xunta de Galicia a Medalla Castelao, e en 1989 foi designado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.

Bibliografía:



A documentación correspondente á súa etapa como representante da ONU en Chipre e dos últimos anos en México está depositada no Arquivo do Museo de Pontevedra, coa denominación de Colección Documental Bibiano Osorio Tafall.

Fontes impresas:

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1935): La auxosporulación en Bacteriastrurnhyalinum, Lauder(Bacillariophyta Hemicyclae). Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, XXXV: 111-124.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1935a): El Pláncton como fuente de alimento, Revista de industrias conserveras, 17: 1-8

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1935b): Sobre una enfermedad de la coliflor poco conocida en nuestros días, Boletín Sindicatos de Productores de Semillas, 25 de outubro de 1935.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1936): Observaciones sobre diatorneas planctónicas del Mar de Galicia. Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, XXXVI: 61-90.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1940): Materiales para el estudio del microplankton del lago de Pátzcuaro (México).: Generalidades y fitoplancton, México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1942): El mar de Cortés , México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1943a): El mar de Cortés y la productividad fitoplactónica de sus aguas, México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1943b): Algunos datos sobre zoología económica del mar de Cortés, Revista de la Sociedad Mexicana de Historia Natural, 3-4: 59-78.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1944): Biodinámica del lago de Pátzcuaro. I. Ensayo de interpretación de sus relaciones tróficas, Revista de la Sociedad Mexicana de Historia Natural, 5(3-4): 197-227.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1946): La plataforma continental y la incorporación de sus riquezas naturales al Patrimonio Nacional, México: Esc. Nal. Cienc. Biol..

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1947a), Un capítulo de la geografía económica de México: La pesca , México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1947b): El destino marítimo de México, México: Esc. Nal. Cienc. Biol..

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1948): Mares e islas mexicanas del pacífico, México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1950): La planeación del aprovechamiento de los recursos naturales renovables para la industrialización de México, México: Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1981). Human Rights, Development and Indigenous Communities in México. División de Derechos Humanos de las Naciones Unidas. Esc. Nal. Cienc. Biol.

FERNÁNDEZ OSSORIO-TAFALL, B. (1988): Bibiano F. Osorio-Tafall: He perdido Galicia y España, pero he ganado el mundo, Faro de Vigo, 12/06/1988, p. 17.


Bibliografía secundaria:

A memoria de doutoramento de Xosé Francisco Pardo Teijeiro (Pardo Teijeiro, 2010) constitúe unha consulta necesaria para o acceso á biografía e á obra de Osorio-Tafall.

ÁLVAREZ, S. (1992): Osorio-Tafall. Su personalidad, su aportación histórica, Sada/A Coruña: Ediciós do Castro.

AMO, J. e CHARMION, S. (1950): La obra impresa de los intelectuales españoles en América. 1939-1945, Stanford : Stanford University Press.

BARAHONA, A., PINAR, S., AYALA, F. J. (2003): La genética en México. Institucionalización de una disciplina, México: Universidad Nacional Autónoma.

DENIA, A. (1954): Osorio Tafall en Buenos Aires, Galicia Emigrante, nº 4.

DOSIL, X. & FRAGA, X.A. (2001): Constitución de la estación de Biología marina de Marín (Pontevedra), In, Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas , Pontevedra: Servicio de publicacións Deputación Provincial de Pontevedra, Tomo I, 185-192.

DOSIL MANCILLA, F. J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia.

DURÁN, J. A. (dir.) (2001): As claves do enigma: Tafall entre tres mundos , Axencia do Audiovisual Galego. Curtametraxe.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): Infraestructura e organización da investigación agropecuaria en Galicia durante o primeiro tercio do século XX, Ingenium , 1: 11-25.

GÓMEZ, F. (2006): Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España, Llull, v. 29 (n. 64) : 307-329.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela: Universidade.

HERNÁNDEZ DE LEÓN-PORTILLA, A (2003): España desde México. Vida y testimonio de transterrados, Madrid: Algaba Ediciones.

(2001): HOMENAXE ao Exilio Galego, 1936-1975. (Na lembranza de Bibiano Osorio Tafall), Pontevedra: Universidade de Vigo.

OTERO GULDRIS, F. (1974): Ossorio Tafall, Bibiano Fernández, Gran Enciclopedia Gallega, t. 23.

PARDO TEIJEIRO, X. F. & ÁLVAREZ LIRES, Ma. (2010): La presencia de Bibiano F. Ossorio-Tafall en la revista Ciencia, Llull, 33 (nº 72), pp 315-332.

PARDO TEIJEIRO, X. F. (2010): Bibiano Fernández Osorio-Tafall, un científico e político galego no exilio, Vigo: A Nosa Terra

PORTO UCHA, A. S. (1986): La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Sada/A Coruña: Ediciós do Castro.

VILLARES PAZ, R. (dir.) (2004): Vota o estatuto, Galicia siglo XX, A Coruña: La Voz de Galicia; pp. 133-144.