culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Patricio María Paz y Membiela

Mariño e naturalista, xefe da Comisión Científica do Pacífico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras sobre Patricio María Paz y Membiela:

Galeria


Patricio María Paz y Membiela
20120313121734_00001.jpg
20120313121734_00001.jpg

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “Patricio María Paz y Membiela”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=253
Untitled Document

Patricio María Paz y Membiela

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol 1808
  • Falecemento: Madrid 1874
A posibilidade de percorrer terras remotas espertou non poucas afeccións a facer coleccións de plantas e animais exóticos entre navegantes e mariños dos séculos XVIII e XIX. Algúns deles levaron a cabo unha febril actividade de recollida de exemplares, que posteriormente identificaban coa axuda de especialistas. A cidade de Ferrol, sede da Academia de Guardias Marinas, foi berce dalgúns casos sobranceiros, como Claudio Gay, Patricio María Paz y Membiela ou Adriano López Morillo (1837-1913). Os dous últimos formáronse como gardas mariñas na súa cidade natal e aproveitaron as numerosas viaxes por América e Europa para elaborar importantes coleccións de Historia Natural, especialmente de moluscos. A colección de López Morillo, integrada por 2400 exemplares de moluscos, atópase no Museo de Historia Natural “Luís Iglesias” da Universidade de Santiago de Compostela (Otero Schmitt, 1992). Da colección de Paz y Membiela, moito máis extensa, pasaremos a falar a continuación.

Patricio María Paz y Membiela naceu no seo dunha familia acomodada e de orixe nobre. O seu pai, Rafael M. Paz y Fuentes, era fiscal xeral de Guerra y Real Hacienda, e dous irmáns deputados a Cortes, Ángel María (brigadier de infantaría) por Celanova (Ourense) e Pablo (oidor da Real Audiencia Pretorial de La Habana) por Ribadeo (Lugo).

En 1820 iniciou os estudos de garda mariña na súa cidade natal. Dous anos máis tarde embarcaba por primeira vez, na fragata Aretusa. Navegou durante case vinte anos (dende 1822 ata 1840) en nove buques da Armada, e visitou en sete viaxes Estados Unidos, en tres ou catro América do Sur e noutros moitos a Península Ibérica e o resto de Europa. Nestas viaxes foi ascendendo sucesivamente aos graos de alférez de navío (en 1831) e tenente de fragata (en 1837). Ademais desempeñou diversos cargos nas bases e arsenais da Península Ibérica, Manila e A Habana, e en 1837 foi nomeado segundo comandante do refuxio de Matanzas.

En 1840, con só 32 anos, retirouse da Armada, e ficou como capitán de navío honorario. A causa foi unha xordeira progresiva provocada por un forte golpe que recibiu no oído dereito en 1826, cando estaba a bordo da fragata Perla. Nos últimos anos recibira a Cruz de la Mariña de la Diadema Real, por conducir con éxito ao peirao a goleta Nueva Murcia, durante un devastador temporal que azoutou ao Mediterráneo en 1832, e no que estivo a punto de falecer. Poucas novas temos dos anos sucesivos, agás que en 1853 foi comandante primeiro de carabineiros na Habana.

A Comisión científica do Pacífico

En maio de 1862, con 54 anos de idade, foi nomeado xefe da Comisión científica que se ía realizar ao Pacífico. Paz y Membiela parecía o candidato ideal para presidir a expedición: dilatada experiencia na pilotaxe de navíos, persoa da confianza do Consejo Real e naturalista aficionado (Puig-Samper, 1988: 38). O nomeamento oficial tivo lugar o 11 de xuño de 1862, pero as súas actividades comezaron decontado. Trasladouse a Alacante, onde se atopaba a Escuadra, para encargarlle á Mariña as observacións físicas e meteorolóxicas que debían realizarse durante a viaxe, fíxose responsable da administración económica para a adquisición de material de Historia Natural e de fotografía, e parece que foi coautor do Regulamento da Comisión. A plana de científicos da expedición estivo formada por tres zoólogos (Francisco de Paula Martínez y Sáez, Marcos Jiménez de la Espada e o propio Paz y Membiela), un xeólogo (Fernando Amor), un botánico (Juan Isern), un antropólogo (Manuel Almagro) e un taxidermista (Bartolomé Puig y Galup). Ademais acompañábaos o fotógrafo e debuxante Rafael Castro y Ordóñez (era a primeira vez que se incorporaba unha cámara fotográfica a unha viaxe científica).

Partiron de Cádiz o 10 de agosto de 1862, a bordo da fragata Triunfo. Visitaron as illas de Tenerife e San Vicente de Cabo Verde, Río de Xaneiro, o sur de Brasil, Montevideo, Bos Aires, Chile (dende Santiago cara ao norte) e Perú. Certas intrigas con outros integrantes da expedición, semella que en parte motivadas polo forte carácter de Paz y Membiela, provocaron a súa dimisión como presidente da Comisión científica o 29 de xullo de 1863 (Puig-Samper, 1988: 39-40). Por este motivo, en Lima independizouse da Escuadra e continuou pola súa conta por Ecuador, Panamá e regresou a Europa vía Estados Unidos (Jiménez de la Espada, 1875).

Ao seu regreso a Madrid, o director xeral de Instrución Pública nomeouno vogal da comisión receptora dos obxectos enviados dende o Pacífico, e unha vez finalizada a expedición participou na preparación da exposición dos obxectos recollidos, que se realizou no Jardín Botánico madrileño (Álvarez Guerra, 1866; Puig-Samper, 1988). O 15 de outubro de 1867 concedéuselle a Gran Cruz de Isabel la Católica, como recoñecemento ao seu labor na Armada e na Comisión científica do Pacífico. A partir destas datas dedicouse por completo ao estudo dos moluscos e ao incremento da colección que posuía. En 1871 foi membro fundador da Sociedad Española de Historia Natural.

Un meticuloso colector e naturalista

En relación ao traballo científico, o seu interese pola Historia Natural comezou a crecer e sistematizarse arredor de 1839, en que entrou en contacto cos distinguidos naturalistas cubanos Felipe Poey e Nicolás Gutiérrez, cos que compartiu amizade e frecuentes excursións polo litoral da illa de Cuba e arredores (Jiménez de la Espada, 1875). Dende entón, e durante 35 anos, dedicouse a recoller obxectos de Historia Natural dos lugares que percorría nas súas numerosas viaxes por Europa e América. Da súa actividade científica durante a expedición ao Pacífico, o seu compañeiro de viaxe Marcos Jiménez de la Espada sinala: “Era el señor Paz y Membiela un colector de primer orden, experto, infatigable, paciente; dotado de una vista tan perspicaz y de un acierto tan seguro que rayaba en instinto. Nadie descubría un caracol, un insecto u otro animal cualquiera donde él no los hallaba” (Jiménez de la Espada, 1873: 26-27). Mantivo trato e correspondencia continua con acreditados naturalistas estranxeiros, como os mencionados Felipe Poey e Nicolás Gutiérrez, e outros como Verreaux, Damon, Bernardi ou Batalha. En España, foi especialmente fluído o intercambio científico con Laureano Pérez Arcas, Miguel Colmeiro, Francisco de Paula Martínez Sáez e Joaquín González Hidalgo, que publicaron a maior parte dos seus datos. Merece destacarse a súa estreita relación co insigne malacólogo J. González Hidalgo (1839-1923). Xuntos fixeron recoleccións e este último determinou gran parte dos seus exemplares, incluídos os moluscos procedentes da viaxe polo Pacífico, ademais de elaborar unha memoria (“Moluscos del viaje al Pacífico”) que foi premiada na Exposición Universal de Filadelfia de 1876; en recoñecemento, dedicoulle diversas especies de moluscos, como Psammobia pazi, Castalia pazi ou Pupa pazi (González Hidalgo, 1871).

Paz y Membiela foi principalmente un incansable coleccionista: recolleu insectos, réptiles e sobre todo moluscos, e adquiriu importantes coleccións, como a de Bernardi, ou a de moluscos terrestres e fluviais da illa de Cuba de Felipe Poey. Chegou a elaborar unha das coleccións de obxectos de Historia Natural máis notables de España. A súa colección de moluscos consta de corenta mil exemplares, que representan uns doce mil taxons, perfectamente conservados, que cedeu ao Museo de Ciencias Naturais por un módico prezo.


Bibliografía:



Fontes Documentais:

No arquivo do Museo Nacional de Ciencias Naturales (Madrid) consérvanse numerosos catálogos sobre as súas coleccións e sobre os envíos realizados durante a Comisión científica do Pacífico.

Fontes Impresas:

GONZÁLEZ HIDALGO, J. (1870): Catálogo de las conchas terrestres de los alrededores de Cartagena, J. González Hidalgo (dir.), Hojas malacológicas. Colección de Memorias, datos y noticias sobre los moluscos terrestres de España y Portugal, Madrid: Imp. J.M. Lapuente.

GONZÁLEZ HIDALGO, J. (1890a): Lista de los moluscos terrestres recogidos por el Sr. Paz y Membiela en diferentes puntos de Portugal, J. González Hidalgo, Obras malacológicas. Parte II. Estudios preliminares sobre los moluscos terrestres y marinos de España, Portugal y las Baleares, Memoria de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, 15(3): 199-212.

GONZÁLEZ HIDALGO, J. (1890b): Lista de moluscos terrestres de los alrededores de Alhama de Aragón y el monasterio de Piedra... recogidos en cortas exploraciones por Ios Sres. D. Patricio Ma Paz y D. Eduardo Fungairiño, J. González Hidalgo, Obras malacológicas. Parte II. Estudios preliminares sobre los moluscos terrestres y marinos de España, Portugal y las Baleares, Memoria de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, 15(l0): 214-216.


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ GUERRA, J. (1866): Revista de la Exposición de objetos del Pacífico publicada por la empresa del periódico `La Caza', Madrid: Imp. Manuel Tello.

BARREIRO, A.J. (1926) Historia de la Comisión científica del Pacífico, 1862-1865, Madrid: Museo Nacional de Ciencias Naturales.

CARLES GENOVÉS, C. (1983): González Hidalgo, J., López Piñero, J.M., T.F. Glick, V. Navarro Brotóns & E. Portela Marco, Diccionario histórico de la ciencia moderna en España, Barcelona: Península; T 1, pp. 415-416.

JIMÉNEZ DE LA ESPADA, M. (1875): Nota biográfica. Patricio M. Paz y Membiela, Anales de la Sociedad Española de Historia Natural (Actas), 4: 24-29.

OTERO SCHHMITT, J. (1992): Colección malacolóxica ‘Adriano López Morillo’: revisión taxonómica e bioxeográfica”, Ingenium, 3: 97-106.

PUIG-SAMPER, M.A. (1988): Crónica de una expedición romántica al Nuevo Mundo: la Comisión Científica del Pacífico (1862-1866). Madrid: CSIC.