culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Pérez López-Villamil

Formación europea ao servizo da neuropsiquiatría en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras sobre José Pérez López-Villamil:

Galeria


López-VillamilL con colegas. De esquerda a dereita: J. Fuster, Villamil, López Ibor y Barcia Goyanes. Tomado de Mediavilla.
PerezLopezV2.jpg
PerezLopezV2.jpg
PerezLopezV3.jpg
PerezLopezV3.jpg

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “José Pérez López-Villamil”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=254
Untitled Document

López-VillamilL con colegas. De esquerda a dereita: J. Fuster, Villamil, López Ibor y Barcia Goyanes. Tomado de Mediavilla.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Figueras (Asturias) 1904
  • Falecemento: Vigo (Pontevedra) 1996
Estudou Medicina na Universidade de Santiago, se ben rematou a carreira en Madrid, onde cursou o último ano en 1926 e obtivo o premio extraordinario de licenciatura. Na súa etapa formativa en Santiago salientan as excursións didácticas de varios días nas que participou como alumno do preparatorio na Facultade de Ciencias, con visitas ás principais industrias do país. Por outra banda, é significativa a influencia que na súa formación tivo o catedrático de Anatomía Rodríguez Cadarso, co que chegou a presentar conxuntamente algunha comunicación en congresos aos que asistiron xuntos.

En 1927 consegue, por oposición, a praza de auxiliar de Histoloxía e Anatomía patolóxica na Universidade de Santiago, que exercerá durante tres anos e, por concurso de méritos, ingresa como médico no Manicomio de Conxo. Durante a súa curta estadía de apenas cinco anos salientan as súas críticas á situación de abandono dos doentes internados, os seus esforzos renovadores para convertelo nun centro público de ámbito rexional e o seu empeño por elaborar o regulamento dunha asociación de empregados do manicomio que incluíse dende os médicos ata as monxas.

Neste período, entre 1927 e 1931, viaxa con fondos propios a Zürich, Kreuzlingen e Konstanz, onde contacta cos mellores psiquiatras europeos da época, como Bleuler, Von Monakow e Binswanger, con quen realiza Analítica existencial; máis tarde tamén realiza estudos en París, con Claude, Ey, Delav e Meignant.

En 1932 decide marchar a Madrid para continuar a súa formación con Sanchís Banús, con quen traballou algúns meses na súa clínica e a quen axudará a fundar a asociación de neuropsiquiatras madrileños. Alí traballa como médico asistente no Servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial, e colabora ao tempo con Del Río-Hortega no estudo anatomopatolóxico das metástases intracraniais no Instituto Nacional del Cáncer, e incide nos seus estudos de anatomopatoloxía aplicada á neuropsiquiatría. En 1933 obtén unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas co obxectivo de ampliar estudos en Alemaña cos doutores Spielmayer e Jahnel durante seis meses.

Con este bo currículo nunha especialidade que se estaba a consolidar, a Psiquiatría, no ano 1934 gaña por oposición a cátedra de Medicina legal -na que se encadraba a Psiquiatría- en Salamanca. Segundo Gurriarán (2006), a súa anterior militancia socialista, inducida polo seu mestre Sanchís Banús, deputado e pioneiro da Psiquiatría clínica no Estado, provocou que estivese agachado ao triunfar o levantamento militar de 1936. A amizade con López Ibor e a circunstancia de ter tratado medicamente a Millán Astray evitáronlle as purgas dos tribunais depuradores e mesmo lle posibilitaron que conseguise o seu traslado a Santiago, primeiro como adscrito e definitivamente mediante permuta.

Catedrático na Universidade de Santiago

En 1939 ten lugar o seu traslado a Santiago, onde permanecerá como catedrático de Medicina legal ata a súa xubilación voluntaria en 1971, ademais de exercer tamén como profesor das materias de Psiquiatría e Psicoloxía médica. Ao tempo, compatibiliza o seu labor académico co traballo na clínica privada do sanatorio San José, que inaugura en Vigo co Dr. José Rubira. Nela traballarán e formaranse moitos profesionais, entre os que se poderían citar a Cabaleiro Goás, Nicandro Pérez ou Juan Brenlla Losada e, xa posteriormente, a futuros catedráticos como Antonio Rodríguez López. En todo este período desenvolve unha persistente loita por crear a cátedra de Psiquiatría en Santiago, que non conseguirá ata 1967.

Das súas investigacións en París e Zürich xorde a tese doutoral, La piretoterapia no malárica en diversas formas de esquizofrenia y estudio de las reacciones de la microglia a variados agentes piretoterápicos (Pérez Villamil, 1931). A súa orixe está na idea de Wagner Von Jaureg, que asociou a febre dos paralíticos xerais coas feridas supuradas e unha evolución máis favorable que a dos demais. Comeza cunha esquemática exposición do estado, naquel tempo, do concepto de esquizofrenia e das súas características clínicas; logo expón o resultado do tratamento por piretoterapia de 43 casos significativos. Na segunda parte da obra emprende a busca de formas de aspecto embrionario que se atopan en todo encéfalo patolóxico e logo de hiperplasias reaccionais debidas á acción dos axentes piretoterápicos, para o cal se vale de encéfalos de coellos tratados previamente. A conclusión máis significativa é que a piretoterapia resulta totalmente inútil para obter a remisión nos esquizofrénicos, e o absceso de fixación é a mellor terapéutica piretoterépica como medio de alivio da sintomatoloxía psicolóxica.

Outros artigos interesantes son: “Sobre psicoterapia”, publicado en Galicia Clínica, e “Matiz intenso de religiosidad en el contenido inconsciente del psiquismo humano”, reproducido na revista psicoanalítica Imago de Viena. Neste artigo relátase o caso dun enfermo interno en Conxo que, nos estados de máxima agudeza clínica, tallaba en madeira figuras de carga relixiosa exótica como touros alados, e que, cando melloraba, nin recoñecía nin podía reproducir. Villamil remitiulle este artigo a Freud indicándolle a posibilidade de que as tallas demostrasen a existencia do inconsciente colectivo. Na contestación, Freud eloxiaba o traballo, que recomendou para incluír en Imago, pero afirmaba que non podía adherirse á teoría xa que só recoñecía o inconsciente individual, á vez que lle sinalaba con certa retranca que, sen dúbida, lle agradaría a K. G. Jung.

En 1941 publica o seu Manual de Psiquiatría. Psicopatoloxía General, que será o libro de psiquiatría utilizado por moitas xeracións de médicos compostelás. Con posterioridade publicou obras de menor repercusión, entre as que poden citarse: Psicología de los movimientos expresivos. El llanto ou El problema del mundo exterior, discurso na apertura do curso 1948-49 na Universidade de Santiago. Tamén publicou numerosos artigos sobre a súa especialidade en revistas como Archivos de Neurobiología, Arquivos de Medicina Legal de Lisboa, Crónica Médica de Valencia ou a compostelá Medicina y Cirugía.

Foi membro dende 1927 da Asociación Española de Neuropsiquiatría e membro fundador, no ano 1932, da Asociación de Neuropsiquiatría de Madrid. Formou parte do Comité para o Congreso Internacional de Psiquiatría (París, 1950), era correspondente estranxeiro da Sociedade de Neuropsiquiatría Portuguesa e socio de honra da Academia Médico-Quirúrgica Provincial de Vigo. Tamén pertenceu ao Consello asesor científico creado pola empresa Zeltia en 1953, no que se integraron nove catedráticos das facultades de Farmacia, Medicina e Ciencias de Santiago.


Bibliografía:



Fontes impresas:

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1931): Esquizofrenia: La piretoterapia no malárica en diversas formas de esquizofrenia y estudio de las reacciones de la microglia a variados agentes piretoterápicos, Santiago: Tip. Faro de Vigo.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1931): Piretoterapia y microglía, A Coruña: Moret.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1933a): “El papel del campo sensorial externo en la génesis de las alucinaciones visuales. Situación de las alucinosis entre las percepciones”, [Disertación na sesión do 21 de febreiro de 1933 na Sociedad de Neurología y Psiquiatría de Madrid], Archivos de Neurobiología; p. 81-98.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1933b): “Matiz intenso de religiosidad en el contenido inconsciente del psiquismo humano”, [Disertación na sesión do 10 de novembro de 1932 na Sociedad de Neurología y Psiquiatría de Madrid], Progresos de la Clínica, 1: 106-109.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1941): Manual de Psiquiatría. Psicopatoloxía General , Santiago: Ed.Compostela. [Reedición en 2003, Asociación Gallega de Psiquiatría].

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1942): Psicología de los movimientos expresivos. El llanto, Santiago.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1948): El problema del mundo exterior, [Discurso Inaugural Curso 1948-49, Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, A Coruña].

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1953): Dos conferencias, Vigo: La Competidora.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1954): Fisiopatología detersiva. Psicopatología de la duda, Vigo: Impr.La Competidora.

PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1977): “La actitud fundamental en la personalidad”, Libro homenaje al Prof. Dr. Angel Jorge Echeverri, Universidad; p.: 393-395.


Bibliografía secundaria:

ANGOSTO SAURA, T. (1985): “D. José Pérez- López Villamil, o la pasión por el recuerdo”, Rev. Asociación Española de Neuropsiquiatría, V, 15: 484-492.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)., Santiago: Universidade.

MEDIAVILLA, J. L. (1990): Conxo, siempre el primer día. Aproximación al ideario del profesor Villamil, Gijón: Fundación Dolores Medio.