culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ramón Dionisio de la  Sagra y Peris

Ramón de la Sagra. Naturalista e reformador social

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Cambrón Infante, Ascensión
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Ramón Dionisio de la Sagra y Peris: 

Extras sobre Ramón Dionisio de la Sagra y Peris:

Galeria


Retrato de Ramón de la Sagra. Biblioteca Nacional de Cuba.
SagraPeris1.jpg
SagraPeris1.jpg
SagraPeris3.jpg
SagraPeris3.jpg

Como citar esta páxina:

  • Cambrón Infante, Ascensión ([2012], “Ramón Dionisio de la  Sagra y Peris”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=256
Untitled Document

Retrato de Ramón de la Sagra. Biblioteca Nacional de Cuba.

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1798
  • Falecemento: Neuchâtel (Suíza) 1871
Viviu no tempo que Hobsbawm chamou das “Revolucións burguesas”. As súas actividades transcorreron entre o trienio liberal, a independencia das colonias continentais, a definitiva consolidación dos réximes liberais (1829-34), ata o nacemento do movemento obreiro organizado e a Comuna de París, ano en que morre. Foi un tempo en que se implantou o modelo institucional aínda presente, o Estado de Dereito. A rápida introdución das relacións de produción adecuadas ao mercado e a paralela complexidade que desenvolveu a estrutura social nas cidades crearon unha situación social explosiva. O desexo de frear a explotación burguesa nuns e a fascinación por un pasado en que a industria non representara perigo ningún para a pequena propiedade noutros dotaban a eses grupos respectivos dun espírito de revolta anticapitalista e dun degoiro de experiencias cooperativas que pasaron pola esixencia da reforma do Estado liberal e da sociedade.

Os primeiros anos

Naceu no seo dunha familia da burguesía mercantil urbana coruñesa, politicamente protoliberal, enriquecida no comercio con América, aínda que afectada pola crise do mercado colonial a comezos do século (Alonso Álvarez, 1986). O pai, Lorenzo Martínez Sagra, antigo “maestro racionero de baxeles de S.M.”, converteuse en 1794 nun comerciante matriculado no Consulado da cidade e formou parte da súa Xunta de Goberno entre os anos 1796 1805. A familia Sagra estivo moi relacionada coas actividades políticas que se realizaron no Consulado coruñés, que organizaría boa parte da oposición ao absolutismo de Fernando VII en Galicia. En 1813 principiou os seus estudos militares e universitarios en Santiago, como outros moitos fillos da burguesía coruñesa que foron enviados á milicia co obxectivo de neutralizar, desde dentro, o máis reaccionario da institución militar.

Instalado xa como cadete en Santiago, estudou Matemática Aplicada e Química e, sobre todo, tomou contacto con mestres como Domingo Fontán. Completaría a súa formación na Facultade de Medicina con cursos de Institucións médicas e Anatomía. Tamén se relacionou con Casiano de Prado, compañeiro de afeccións pola historia natural, con quen percorría os arredores de Santiago para recoller e clasificar plantas e minerais. Desta época data a súa afiliación á masonaría galega, razón pola que foi perseguido pola Inquisición e pola que tivo que acubillarse en Madrid, en 1819. Nesta cidade completou os seus estudos con materias como Botánica e Astronomía. Estableceu amizade co cartógrafo galego Domingo Fontán, co médico Antonio Camiña e co matemático e astrónomo José Rodríguez González, ao tempo que colaborou na Crónica científica y literaria, que dirixía o tamén masón José Joaquín Mora (1783-1864) (Gil Novales, 1975). Nese medio publica varias composicións poéticas e un longo artigo titulado «Transición del empirismo al transcendentalismo». Ao redor da Crónica movíase un nutrido grupo de negociantes liberais estreitamente relacionados cos movementos masónicos e que tiñan intereses comerciais nas Antillas. Personaxes deste grupo incorporaron a Ramón ao proxecto liberal de recuperación da antiga Factoría de Tabacos da Habana e á súa adecuación para a fabricación do rapé. En 1820, saíu para Cuba, vía Francia, a fin de realizar o dito traballo, ata que en 1822 o Goberno anulou o proxecto, polo que regresou de novo á Península.

Viaxe a Cuba, estancia nos EE UU e regreso a Europa

Xa en Madrid, recibiu de novo o encargo de trasladarse á Habana para se facer cargo do ensino de Historia Natural, cátedra agregada ao Jardín Botánico. Obtivo este emprego, segundo conta, “con el apoyo de mis maestros D. Fontán, A. Gutiérrez, M. Lagasca, y de algunos patricios cubanos”. Antes de regresar a Cuba (1823) contraeu matrimonio en Compostela con Manuela Turnes del Río Maldonado, e na súa compañía partiu para a capital cubana, onde permaneceu ata 1835.

Ramón de la Sagra chegou a Cuba disposto a impulsar desde a súa cátedra o proceso de transformación da agricultura e a industria azucreira. Foi ben recibido polos poderes fácticos, que só viron o lado “científico” da súa misión. Durante eses anos realizou unha actividade febril: profundou en historia natural, experimentou a aclimatación de novos cultivos útiles á industria, confeccionou estatísticas sobre a poboación, trazou mapas topográficos das costas cubanas, abriu escolas en réxime de internado para os fillos dos agricultores pobres e difundiu por toda a illa tecnoloxías aplicables aos cultivos e á industria do azucre. Tamén organizou o Jardín Botánico de cara a unha orientación médica e agrícola, nas directrices que Ortega e Zea lle imprimiran á mesma institución de Madrid. É sintomático, en relación co seu pensamento, que non seguise a orientación teórica (sistemática e taxonómica) desenvolvida no Jardín Botánico de Madrid polo seu protector e amigo Lagasca e que se decantase, en cambio, por unha formulación decididamente aplicada para o da Habana. Creou unha Institución Agrónoma anexa ao Jardín Botánico, que desenvolveu un importantísimo labor de divulgación e ensaio no estudo do medio físico, os coñecementos da base biolóxica da agricultura, das prácticas agrarias e das técnicas de elaboración dos produtos agrarios.

Outro dos traballos que desenvolveu durante a súa estancia en Cuba foi a recolección de numerosos exemplares de minerais, plantas e animais do país. Estivo acompañado neste labor por Felipe Poey, mestre de todos os zoólogos cubanos, e por Pedro A. Auber, o militar francés afincado na Coruña e despois emigrado á illa por motivos políticos. Hai que salientar nestes estudos as relacións que mantivo con Augusto Pyrame de Candolle, o botánico máis importante do momento, e con Alexander von Humboldt, de quen recibiu especiais influencias.

A finais de 1835 Ramón de la Sagra saíu de Cuba para Europa comisionado pola Intendencia cubana a fin de publicar en París unha magna Historia física, económico política, intelectual y moral de la isla de Cuba, que había de amosarlles aos europeos os seus atractivos, non só para o comercio, senón especialmente para recibir emigración branca. Comezou a publicar esta gran obra en 1839 e rematouna en 1861. Pódese realizar un seguimento dos avatares sufridos pola publicación, que mostran que a súa misión foi científica e política e, polo tanto, estivo moi influenciada pola conxuntura política española. Desde 1836 Ramón de la Sagra residiu indistintamente en París e Madrid, a expensas do seu soldo de director do Jardín Botánico da Habana. Ao longo deses anos foi publicando en trece volumes a Historia de Cuba, que constitúe unha historia natural das Antillas aínda non superada (Moreno Fraginals, 1963), razón pola cal, no ano 1963, a UNESCO reeditou parte do último volume.

Ramón de la Sagra saíu da Habana para Europa, mais antes detívose nos Estados Unidos, onde permaneceu cinco meses. Durante a súa curta estadía coñeceu a M. Chevalier e a outros reformistas europeos, contactos que, segundo el, ían condicionar as súas posteriores actividades, que o levarían a transformarse de naturalista en “filántropo”.

Xa en Europa, e como deputado das Cortes, participou na redacción dun proxecto de Constitución para a nación española. Con este motivo, dirixiuse ao barón de Colins en busca de orientación para o citado proxecto. Na correspondencia mantida con este cidadán francobelga aparece a súa vinculación explícita co grupo dos liberais radicais españois, que o introduciron na vida política en 1837, como deputado pola Coruña. Mais, desde o escano, non representou tanto a súa provincia como as provincias ultramarinas, que quedaran entón sen representación directa nas Cortes. Ata 1840 volvería ocupar novos escanos das Cortes e, finalmente, en 1854, representou a Lugo nas listas da Unión Liberal.

Divulgador do seu proxecto social utópico

A partir de 1843, e ata o final da “Década moderada”, mantívose lonxe dos grupos liberais con poder. Estes anos dedicounos intensamente á difusión do seu proxecto social “utópico”. Expuxo as súas doutrinas en distintos foros europeos e polemizou con autores como Marx e Engels, publicou a Revista de los intereses materiales y morales (1844) e alentou os mozos composteláns a “echar leña a La Caldera de vapor”, en E1 Porvenir (1845) ¾polas ideas que mantivo nesta colaboración tense dito que Ramón de la Sagra foi o primeiro anarquista español. Organizou dúas empresas azucreiras nas costas de Andalucía, experiencias industriais coas que se arruinou (1847). En 1847 instalouse en París, ata que, tras os acontecementos da revolución de 1848, foron expulsados os revolucionarios estranxeiros e volveu a Madrid. Despois da súa expulsión de Francia, coaccionado polos compromisos adquiridos na publicación da Historia de Cuba e temoroso de caer en mans dos acredores, regresou a Madrid, moderou o seu radicalismo e dirixiuse ao Goberno español co fin de conseguir a subvención para rematar a publicación da magna obra. Neses momentos, presionado polos seus antigos amigos, fixo unha confesión do seu “catolicismo” e lealdade patriótica, e afirmou que fora mal interpretado. Para deixar clara a súa postura publicou unha edición en español dos Aforismos sociales.

Mais o intento por gañar o perdón eclesiástico (de J. Balmes e Donoso Cortés) e gobernamental rematou en fracaso. Foron os seus vellos amigos galegos, os irmáns Manuel e Vicente Vázquez Queipo, os que o apoiaron e o incluíron nas listas dos candidatos ás Cortes por Lugo, de 1854, para que puidese subsistir e rematar a obra inacabada. Nese momento aproveitou o seu paso polas Cortes para defender os dereitos dos febles, agora galegos emigrantes a Cuba, enganados polo empresario e tamén deputado galego U. Feijoo y Sotomayor. Despois de denunciar ao deputado, traficante negreiro, e ao goberno que subvencionaba a “misión civilizatoria” de levar brancos a Cuba para que fixesen o traballo dos negros, pouco máis lle quedaba que saír do país coa intención de non regresar xamais. En París morreu a súa muller; acompañado de dúas serventas suízas subsistiu como puido ata que en 1871 se trasladou a Cortaillod, no cantón suízo de Neuchâtel, onde morreu na casa do seu amigo Adolphe Hugentobler, o 25 de maio dese ano. Por expresa vontade do finado non se deu conta do óbito a ningún membro do Goberno español.

Claves da súa obra e pensamento

Da súa obra pódese dicir que é de temática variada e pouco sistemática. Dende a súa chegada a Cuba, en 1823, e ata 1870, publicou trece volumes da extraordinaria Historia de Cuba xunto a unhas vinte obras de carácter sociolóxico, económico e científico. Ao longo deses anos editou integramente revistas de longa duración, como os Anales de ciencias, artes y agricultura (1827-1831), a Revista de los intereses materiales y morales (1844), e El Azucarero (1846-1847), ademais de publicar innumerables artigos e colaboracións en revistas nacionais e estranxeiras.

O conxunto de actividades realizadas por Ramón de la Sagra entre os anos 1837 e 1842 correspóndense coas realizadas polos seguidores de Saint Simon, especialmente coas de M. Chevalier, E. Ducpectieux e o barón de Colins. No seu conxunto ían encamiñadas a difundir un modelo social que, presidido pola razón, fixese posible o desenvolvemento harmónico entre as condicións materiais, intelectuais e as morais. Transcorridos os primeiros anos, en contacto coa miseria moral e material que sufría a poboación europea, acabou descartando a caridade e a beneficencia como medio para solucionar os problemas.

O sustento filosófico sobre o que se apoiaba o seu pensamento (o racionalismo panteísta) era tan flexible como para transitar sen rupturas de posicións sansimonianas ao socialismo racional, e mesmo chegar, na súa vellez, a manter posicións relixiosas escurantistas. O autor galego é un máis entre os protosocialistas, homes cosmopolitas que achegaron diversas solucións, reformistas ou revolucionarias, aos problemas da sociedade dos seu tempo.

O modelo político defendido por La Sagra coincide, no esencial, co liberal democrático, no que tentou combinar a aceptación do principio do mercado cun humanismo ético. Reivindicou a democracia cun sentido particular: rexida pola «intelixencia» dos homes «sabios». Reclamou o dereito ao voto para todos os seres humanos, indistintamente do xénero, a clase ou a cor da súa pel, mais á vez advertiu con rotundidade que a soa democracia formal non garantiría xamais unha sociedade sen conflitos, nin xusta. Un aspecto específico da súa proposta social constitúeo o carácter necesario da propiedade, por ser este un risco inherente á liberdade do cidadán, o cal o separa da análise marxista. Só se existe a propiedade xeneralizada, engade Ramón de la Sagra, pode prevalecer a vontade xeral, que, ademais, necesita, para selo, estar fundada na razón práctica da que emanarán os necesarios criterios «únicos, definitivos e universais» para construír un sistema social bo, xusto e verdadeiro: o socialismo racional.

Os criterios epistemolóxicos utilizados correspóndense co marco conceptual do paradigma da modernidade, newtoniano no fundamental, que proporcionou os tres axiomas ás ciencias: a) a orde da natureza é fixa e estable e a mente adquire dominio sobre ela e opera no seu razoar de acordo cos principios do entendemento, que son igualmente fixos e universais; b) a materia é esencialmente inerte e a fonte interna da actividade racional é dunha natureza totalmente distinta, na que se achan localizadas as funcións mentais superiores; c) o coñecemento xeométrico proporciona un patrón de certeza absoluta a respecto do cal deben xulgarse as aspiracións de calquera saber.

Se ben no século XIX foron xa cuestionados algúns destes principios epistemolóxicos, Ramón de la Sagra foi continuador da dita racionalidade ao longo da súa vida, como pode comprobarse nas súas obras de carácter científico. Mantivo unha concepción unitaria da ciencia que, acompañada de postulados tomados de Jussie, De Candolle e de Gay Lussac, lle permitiron xustificar as diferentes pólas da ciencia e os métodos empíricos utilizados nelas. Porén, a súa concepción transcendente da Natureza non foi obstáculo para se dedicar por enteiro a transformala. Tiña a convicción ilustrada de que desenvolvendo as distintas ciencias se contribuía a mellorar a sociedade, posto que o progreso material era imprescindible para satisfacer as necesidades humanas e acadar, ao tempo, o progreso moral necesario. Esta concepción epistémica proporcionáballe o contínuum necesario para a súa praxe científica, indistintamente se tratase de ciencias naturais ou sociais.

Durante o tempo que permaneceu en Cuba, como despois en España, maximizou o valor da ciencia e da técnica, mais foi incapaz de comprender que ambas son tamén valores que o poder político pode utilizar para producir e reproducir a forza de traballo. Nestas circunstancias, naquel tempo e agora, os intelectuais “independentes” (sexan conscientes o non) serven a quen lles paga, e xustifican e escurecen o terror que provocan os aparatos represivos a favor dos poderosos.

Os fins científicos perseguidos por La Sagra están estreitamente relacionados coa súa concepción da Natureza: “lo que acabo de exponeros no es más que un bosquejo de lo que acontece en la naturaleza entera. Toda la materia del globo y de la atmósfera está sometida a las fuerzas físicas, químicas y mecánicas que son los instrumentos del poder divino, empleados en dar la vida y el movimiento al universo”. Para acadar o desenvolvemento da ciencia, todo científico debe “contribuir a que la Naturaleza produzca [...] y sin conocerla eso es imposible” (Sagra, 1831c: 40).

A práctica e desenvolvemento das distintas pólas da ciencia natural teñen que contribuír á mellora da sociedade e loitar polo progreso, por iso a Botánica Agrícola, en canto “estudio de las leyes generales de la vegetación, nutrición y desarrollo de las plantas [...] debe abordar la influencia del clima en el suelo y los distintos vegetales. Una vez conocidas las leyes que rigen el todo, entonces la Agricultura aplica esas deducciones a las plantas que son útiles en Medicina, la Economía y las Artes” (Sagra, 1825b). Con estes obxectivos xerais xustifica os estudos e experiencias concretas desenvolvidas na illa de Cuba en climatoloxía, estadística, química, topografía, demografía e minaría, pólas das ciencias naturais ás que concedeu grande importancia.

Pódese engadir que estes obxectivos van estreitamente unidos a fins instrumentais inmediatos: a obtención de riqueza. Se Ramón de la Sagra ignorase esta perspectiva, non podería contar coa axuda institucional e a dalgúns sectores da burguesía crioula. Os fins que perseguiu en Cuba pódense resumir como orientados a: a) combater o monocultivo do azucre, o que pasaba pola incorporación á illa de Cuba de novos cultivos que diversificasen a produción agrícola; b) introducir tecnoloxía avanzada no proceso de transformación do azucre de forma que favorecese a simplificación do proceso e a substitución da man de obra escrava pola máquina; c) fomentar os produtos da illa, a súa óptima situación xeopolítica e a seguridade da illa. Con estes obxectivos pretendeu elaborar unha historia física, política e natural de Cuba que se difundiría por toda Europa. Tamén asumiu como fin primordial a xeneralización da instrución, como forma de combater a ignorancia da poboación, pois “es un obstáculo para la obtención de riqueza y moralidad” (Sagra, 1831). En suma, o home de ciencia pretendeu, coa súa dedicación ao desenvolvemento da agricultura e ao fomento da industria, loitar polo desenvolvemento material e pola moralización dos pobos. A conseguir este obxectivo dedicou toda a súa vida; esforzo non comprendido pola sociedade cubana na medida en que Ramón de la Sagra se opuxo aos independentistas crioulos e, coa súa defensa da abolición da escravitude, aos sacarócratas cubanos.

Pensamento agronómico

Do seu pensamento agronómico habería que salientar a súa dependencia da “nova agricultura” do inglés Tull, na versión máis recoñecida en España, como foi a de Duhamel de Monceau. Propoñía a supresión do barbeito da agricultura coa introdución dos prados artificiais no sistema de rotacións, o que permitía soportar un maior número de explotacións gandeiras e, a partir delas, fornecerse do esterco necesario para achegar a fertilidade que demandaban o resto dos cultivos. Ramón de la Sagra tentou adaptar a “nova agricultura” ás condicións da illa de Cuba, e comezou pola mecanización do solo, tal como propoñía insistentemente Tull. Ensaiou un importante número de trebellos mecánicos da autoría de Dombasle, que fixo mercar en Francia e, posteriormente, en Bélxica e Philadelphia. Na Institución Agrónoma ensaiaron arados, grades, colleitadoras, sementadores e mesmo deseñaron modelos especiais para os particulares terreos cubanos.

Para poder levar a cabo estes novos xeitos de produción, a agricultura cubana precisaba dunha fonda reordenación dos seus dous grandes sistemas de cultivo: o da gandaría extensiva das grandes facendas e o do cultivo especializado asociado aos “ingenios” coa cana de azucre como cultivo dominante e o café e tabaco, e outros, como secundarios. Ramón de la Sagra propuña superar o afastamento que tradicionalmente existía entre a gandaría e a agricultura (crianza quita labranza) e desenvolver un sistema máis moderno que, ao xeito dos europeos, asociase a gandaría aos cultivos mediante as achegas de fertilidade orgánica que aquela podía fornecer. Para iso, precisaba, por unha banda, da introdución dos prados artificiais e, por outra, que a gandaría estivese cercada para poder realizar una xestión máis cómoda dos fertilizantes orgánicos. As terras en que debería introducir este dous cambios eran, ao seu xuízo, as extensas facendas, donas de amplas superficies en que se practicaba un xeito de agricultura primitiva e moi pouco rendible.

A pesar das súas contribucións científicas e técnicas á agricultura e industria cubanas, a realidade é que, nin pola súa formación académica, nin mesmo pola súa propia valoración (“[...] yo no confío bastante en mis conocimientos para que me ofrezca a desempeñar debidamente tan delicado encargo” —a recolección dos seres naturais—) pode ser considerado preferentemente como un experto en historia natural. O seu papel na realización da Historia... de la isla de Cuba foi máis o dun coordinador editorial que o dun auténtico autor, ao estilo de Humboldt no Cosmos. Aínda así, non se pode esquecer que moitos dos materiais que foron despois clasificados e descritos polos naturalistas europeos foron recollidos directamente por el e os seus colaboradores na illa de Cuba. De todos os xeitos, foi o responsable directo da parte correspondente aos mamíferos, que centrou esencialmente nos roedores e morcegos, excluíndo o resto co argumento de que a maioría estaban domesticados. Así mesmo, incluíu unha “Flora cubana” elaborada a partir dos estudos de A. de la Ossa e das súas propias achegas, que posteriormente retomou e orientou cara ás especies cultivadas.

Publicou tamén un Manual de Botánica médica, tradución abreviada do manual de M. E. Descourtilz, e uns Principios fundamentales de Botánica agrícola, extractado dos textos máis salientables de De Candolle, Lamarck, De Jussieu etc. Do volume introdutorio da Historia... de la isla de Cuba, da súa autoría, é moi salientable o aspecto cartográfico, así como a síntese sobre a mineraloxía da illa. Menor interese ten xa a descritiva xeolóxica xeral, que supón só un resumo dos traballos de Humboldt. Os traballos de botánica aplicada que Ramón de la Sagra desenvolveu á fronte do Jardín Botánico (1824-1835), así como as experiencias de aclimatación, fertilización e aproveitamento e transformación das materias primas de orixe agraria, vincúlano directamente coa obra dos grandes agrónomos europeos da época. A súa formación en física e química, tamén. Polo tanto, cómpre considerar que as contribucións científicas máis salientables e orixinais se sitúan neste eido, tendo en conta o carácter de precursor e pioneiro que tiña para o continente americano (Díaz-Fierros, 1996).

A Institución Agrónoma que Ramón de la Sagra funda en Cuba en 1829 reúne todas as características dos establecementos de investigación, docencia e divulgación agronómica dos existentes en Europa. E os Anales de Ciencias, Agricultura, Comercio y Artes (1827-1831), así como as Memorias específicas da Institución (1834), foron o seu órgano de expresión. Por todo isto pode ser considerado como o primeiro agrónomo (con todas as connotacións científicas que tiña xa no século dezanove este termo) do continente americano.

Bibliografía:




Fontes impresas:

SAGRA, R. de la (1823): Memoria de las observaciones metereológicas y físicas hechas por el autor, durante la travesía de La Coruña a la Habana en julio de 1823, Memorias de la Real Sociedad Económica de La Habana, nº 46, pp 211-213. La Habana.

SAGRA, R. de la (1827): Manual de Botánica médica e industrial para el uso de los habitantes de la isla de Cuba y demás Antillas, La Habana: Imprenta de P. Palmer.

SAGRA, R. de la (1827-1831): Anales de Ciencias, Agricultura, Comercio y Artes, La Habana: Imprenta de la Capitanía General de Cuba.

SAGRA, R. de la (1834):Memorias de la Institución Agronómica de La Habana, La Habana: Imprenta de P. Palmer.

SAGRA, R. de la (1839-1861): Historia física, política y natural de la Isla de Cuba, París: Imp. Maulde et Renou, 12 v.; v. 13: 1861, París, Imp. Hachette.

SAGRA, R. de la (1842a): Informe sobre la industria belga con aplicación a España, Madrid: Imprenta Nacional.

SAGRA, R. de la (1842b): La industria algodonera y los obreros en Cataluña, Madrid: Imprenta Carrera de S. Jerónimo.

SAGRA, R. de la (1844): Revista de los intereses materiales y morales, Madrid:

SAGRA, R. de la (1847): Sur I'inexactitude des principes economiques et sur l'enseignement de l´ economie politique dans les collèges de la France, Paris: Libraire Societaire

SAGRA, R. de la (1848): L´organization du travail. Cuestions preliminaires à l'examen de ce problème, Paris: Imp. Maulde et Renou.

SAGRA, R. de la (1849): Banque du Peuple, Paris: Boureaux de la Banque du Peuple

SAGRA, R. de la (1854): Le problème des forets, au double point de vue physique et social, Journal des travaux de l'Academie Nationale, París, 8pp.

SAGRA, R. de la (1860): Cuba, 1860, Paris: (edición da UNESCO, 1963, a cargo de M. Moreno Fraginals). Imp. Hachette.

SAGRA, R. de la (1868): L'âme, démonstration de sa réalité : déduite de l'étude des effets du chloroforme et du curare sur l'économie animale, Paris : Germer-Baillière.


Bibliografía secundaria:

ALONSO ÁLVAREZ, L. (1986): Comercio colonial y crisis del Antiguo régimen en Galicia, Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia. Xunta de Galicia.

CAMBRÓN, A. (1989): El socialismo racional de Ramón de La Sagra, A Coruña: Imp. de la Deputación Provincial da Coruña.

CAMBRÓN, A./ESTRADE,P./LECUYER, M.-C. (editores) (1992, 1993): Ramón de la Sagra y Cuba. Actas del Congreso celebrado en París. Enero de 1992, (2 vols.) A Coruña: Edición do Castro.

CAMBRÓN, A. (1994): Ramón de la Sagra. El poder de la razón, A Coruña: Vía Láctea.

CAMBRÓN, A. (2000): Emigración gallega y esclavitud en Cuba (1854). Un problema de Estado, Perspectivas Históricas, 5-6, julio-diciembre, páx. 83-128. México, DF.

CAMBRÓN, A. (2011): Proyecto industrial utópico de la Sagra en las costas andaluzas, 1845-1847, Sevilla: FUPIA-Universidad de Sevilla (en prensa)

DÍAZ-FIERROS, F. (1996): La Sagra, agrónomo y naturalista, en Ed. Facsim. de la Historia Física,…, de la Isla de Cuba, Presidencia de la Xunta de Galicia.

DÍAZ-FIERROS, F. (2007). La Sagra como agrónomo, Ciencia e historia: Ramón de la Sagra, A Coruña : Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra, pp 101-108.

FERNÁNDEZ VIDAL, E. (2007): Ramón de la Sagra y los Lepidópteros, Ciencia e historia: Ramón de la Sagra, A Coruña : Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra, pp 64-93.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2007): Ramón de la Sagra e a aclimatación de especies, Ciencia e historia: Ramón de la Sagra, A Coruña : Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra, pp 94-100.

GIL NOVALES, A. (1975): Las sociedades patrióticas, 1820 1823, Madrid: Técnos.

HOBSBAWM, E.J., (1971): Las revoluciones burguesas, Barcelona: Crítica.

MACPHERSON, C.B., (1987, reedición 2010): La democracia liberal y su época, Madrid: Edt. Trotta.

MORENO FRAGINALS, M. (1978): El ingenio, La Habana, (2 vols.).

PUIG-SAMPER, M.A. (1992): Ramón de La Sagra, director del Jardín Botánico de La Habana, Ramón de La Sagra y Cuba, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro; T I.

SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2007): Amistad, colaboración y confidencialidad entre Ramón de la Sagra y Vicente Vázquez Queipo Ciencia e historia: Ramón de la Sagra, A Coruña : Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra, pp 37-48.

VÁZQUEZ BARRO, J. C. (2007): Acerca de un inusual libro de Ramón de la Sagra, Ciencia e historia: Ramón de la Sagra, A Coruña : Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra, pp 57-63.