culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ramón Varela de la Iglesia

Novas ideas en Fonseca: o labor dun excepcional difusor de novidades médicas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Ramón Varela de la Iglesia: 

Extras sobre Ramón Varela de la Iglesia:

Galeria


Ramón Varela de la Iglesia

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2012], “Ramón Varela de la Iglesia”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=259
Untitled Document

Ramón Varela de la Iglesia

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lerma (Burgos) 1845
  • Falecemento: Santiago 1922
En 1869 licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago. O 8 de xuño de 1870 presentou en Madrid a tese De la hidropesia con relación a los factores que la constituyen (Varela, 1870). A memoria recolle dous elementos definitorios da súa contribución científica: a recepción de novidades e o acceso directo ás fontes, grazas ao dominio do idioma alemán. Na primeira folla do manuscrito figura toda unha declaración de principios: “Es un triunfo especial de la ciencia moderna el haber podido referir a circunstancias mecánicas en último término las influencias que obran en la circulación…”. E indica como referencia bibliográfica desa posición, e primeira do escrito, o Handbuch der speciellen Pathologie und Therapien de Rudolf Virchow (1821-1902).

A oposición á cátedra de Patoloxía xeral da Universidade de Santiago (1871), unha transcendente frustración

Acadado o doutoramento, accedeu á praza de médico titular de Mugardos, que ocupou ata que iniciou, en abril de 1871, os exercicios correspondentes á oposición á cátedra de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica da Universidade de Santiago (Fraga & García Caeiro, 1998).

O outro opositor era Timoteo Sánchez Freire. Desde 1862 asumira diversos labores na facultade compostelá e hacía dous anos que impartía a materia de Patoloxía. Nos termos habituais do gremialismo universitario, Freire era o “candidato da casa” e, de feito, gañaría a oposición. Nas sesións expuxo unha visión superada da Patoloxía, limitándoa ao estudo dos síntomas e ao ámbito microscópico. Varela, pola contra, presentou unha perspectiva da enfermidade próxima á nova “medicina de laboratorio”, desde un enfoque dinámico e fisiopatolóxico, positivista. Prestou especial atención á Histoloxía patolóxica, que se converteu no punto central das súas intervencións.

O catedrático de Obstrecticia José Andrey asumiu a presidencia “de facto” do tribunal e o papel de vixilante da ortodoxia. De feito, as súas intervencións incidiron sobre todo en cuestións doutrinais, relacionadas co que podemos denominar “filosofía médica”, tentando de defender uns dogmas que ao seu entender Varela transgredía ao pretender aplicar as ciencias naturais á medicina, á marxe dos principios filosóficos tradicionais. Dirixiuse inquisitorialmente a Varela e afirmou que “ciertas teorías tan sólo se sostienen en el estado de perfecta salud”. De feito, aconselloulle a “retractación a tiempo de su exclusivismo materialista”.

Para entender esas intervencións cómpre lembrar os debates acontecidos había pouco en España sobre os diversos sistemas médicos. Pedro Mata, catedrático da Universidade de Madrid, nun discurso pronunciado o 26 de xaneiro de 1859 na Academia de Medicina, cuestionara o carácter científico das posicións hipocráticas (Mata, 1859), o que provocou unha enorme controversia. O daquela decano da Facultade de Santiago, José Varela de Montes, foi un dos voceiros dos médicos hipocráticos e rexeitou as teses de Mata. Pouco despois, o propio Andrey retomou o tema e asumiu unha certa representación do claustro médico compostelán coa publicación duns Estudios de Filosofía Médica o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos (Andrey, 1861).

Outro aspecto salientable do desenvolvemento da oposición é o relativo á recepción das propostas de médicos innovadores, como Bernard e Virchow. A concepción de enfermidade que expuxo Varela recollía a visión do médico francés Claude Bernard (1813-1878), estandarte da medicina experimental. E o debate sobre Virchow acadou gran protagonismo. Varela defendeu as propostas do médico alemán e pasou a ser un dos primeiros receptores destas, se temos en conta o contexto médico español (Gomis, 1984a, b; Sala, 1987).

O desenvolvemento dos exercicios permite visualizar dous mundos científicos contrapostos. O dominio de anticuadas correntes “filosófico-médicas”, hipocratismo, vitalismo e “eclecticismo médico”, entre o profesorado da Facultade de Santiago da época, tiña, máis alá dos debates teóricos, evidentes consecuencias docentes, clínicas e experimentais. A mediados de século, con Varela de Montes como máxima autoridade científica, Compostela perdera o tren da “mentalidade anatomoclínica” (García Guerra, 1998). E na segunda parte do século, con Andrey como referencia académica, rexeitaba a medicina experimental que percorría as escolas de medicina europeas.

Reiniciar a carreira, a relación co krausismo

A experiencia do acontecido na oposición de Patoloxía marcará fondamente o futuro de Varela. Comprobou en primeira persoa que o profesorado identificado con posturas obsoletas controlaba o poder académico. Esa circunstancia favoreceu a busca de protección e apoio. E vainos atopar nun grupo minoritario emerxente, o krausista, máis comprometido coas innovacións científicas e coas posicións “progresistas”, portador dun sectarismo máis moderno, pero non menos excluínte.

O contacto inicial co grupo krausista tivo lugar en Madrid, cando realizaba os cursos de doutoramento (curso 1869-70). Alí achégase ao círculo de Julián Sanz del Río (Fernández Teijeiro, 2007). Tras o negativo desenlace da oposición de Patoloxía, Giner anima a Varela para que deixe Galicia e vaia á Universidade de Granada, na que tiña “muy buenas relaciones”, e se incorpore a algunha cátedra vacante da Facultade de Medicina, “que trabaje allí con carácter voluntario y que continúe formándose cientificamente” (Fernández Teijeiro, 2007: 70). No mesmo ano 1871 deu un curso libre gratuíto de Fisioloxía experimental nesa universidade, para o que recibiu o nomeamento de profesor clínico o 9 de xaneiro de 1872.

O 23 de marzo volve a Santiago e ponse a preparar a oposición á cátedra de Fisioloxía de Granada. En Compostela atópase co daquela discípulo predilecto de Giner, Augusto González de Linares, recentemente nomeado catedrático de Historia Natural na universidade. Traballarán xuntos. Varela ensínalle histoloxía e cáusalle moi boa impresión (“cada vez me parece mejor […]. Tiene un gran pensamiento y deseo de hacer su cultura positiva”; carta a Giner, 23 setembro 1872) (Faus, 1986). Linares coméntalle ao seu mestre como arela que se convoque a oposición de Granada e trasládalle unha inequívoca mensaxe de petición de intervención a favor do seu amigo: “Haga V. porque salga la de Fisiología de Granada. Varela está necesitándolo con urgencia” (carta a Giner do 3 de novembro de 1872) (Faus, 1986). Varela acadou a cátedra de Fisioloxía de Granada quince meses despois, o 21 de febreiro de 1874.

A relación co mundo krausista continuaría nas décadas seguintes. A raíz da “segunda cuestión universitaria” (1875) e as medidas gobernamentais contra os profesores krausistas composteláns, Augusto González de Linares e Laureano Calderón, Varela solidarizouse cos afectados, se ben para estes a súa reacción foi bastante tépeda. Tamén se identificou coa resposta institucional á represión, a Institución Libre de Enseñanza (ILE). Posteriormente, cando en 1907 o institucionismo krausista promova a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), a familia Varela, por exemplo Manuel Varela Radío, e os discípulos de Ramón formarán parte do armazón de apoio e participarán nas decisións e actividades.

“Incidentado” regreso á Facultade de Medicina compostelá

Permaneceu na cátedra granadina ata o traslado á Universidade de Barcelona o 8 xuño de 1874. Alí, no inicio do novo curso, os días 20 e 21 de outubro, teñen lugar uns salientables incidentes na aula en que Varela impartía docencia. O alboroto dun grupo de alumnos provocou que os expulsara de clase. Ao día seguinte o resto do alumnado solidarízase con eles e négase a entrar na aula. Segundo testemuñas, tiveron lugar forcexos, ameazas do profesor e, mesmo, a exhibición dun revólver por parte de Varela. O catedrático é suspendido polo decano da facultade e o reitor entende que reprimiu os desordes e rexeitou os insultos dun xeito inconveniente. Ábreselle un expediente e marcha para Madrid. O consello universitario propón ao ministro de Fomento o traslado forzoso a outra universidade, que se fai efectivo por Real orde do 12 de xuño de 1875. Escolleu como universidade de destino Santiago. A toma de posesión tivo lugar o 27 de setembro. Na cátedra compostelá permanecería ata a súa xubilación.

Varela traslada a responsabilidade do acontecido aos alborotadores e quéixase das autoridades pola falta de apoio. González de Linares cualifica de brutal a actitude dos estudantes co profesor e atribúea ao rigor deste nos exames (carta a Giner, 29 de outubro de 1874, Faus, 1986: 42). Á marxe da provocación e inaceptable comportamento do alumnado, os feitos descritos falan dun carácter especial, ríxido e algo violento.

Labor na cátedra, actividade en Fisioloxía, Histoloxía e Microbioloxía

Exerceu toda a súa carreira docente como catedrático de Fisioloxía. Partiu dunha boa preparación nas propostas innovadoras desa materia, basicamente as concepcións de Claude Bernard. Nos 37 cursos en que ocupou a cátedra en Compostela, o seu labor estivo localizado na docencia e no traballo de difusión. Segundo diversas testemuñas, as clases tiñan un perfil práctico. Algúns datos fragmentarios parecen indicar que o catedrático mantiña unha notable actividade na aula e recollía datos de adquisición de materiais biolóxicos para prácticas (García Guerra, 2001: 258). Así mesmo, insistíalles aos seus alumnos na necesidade de que aprendesen alemán; incluso chegou a darlles clase dese idioma e publicou un folleto con instrucións ao respecto (Vidal Ríos, 1935: 252). Nesa liña estimulou de xeito especial aos seus discípulos salientables, como Miguel Gil Casares, Ángel Baltar, Manuel Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos. Nóvoa, axudante de Varela na cátedra, achegaría ás aulas compostelás, “el pensamiento fisiopatológico al más alto nivel científico de la época” (García Guerra, 1998: 146).

Segundo explica o propio catedrático (Varela de la Iglesia, 1919), reclamou durante 30 anos a creación dun laboratorio de Fisioloxía na Facultade. A situación mellorou en 1905, cando acadou a concesión de “tres modestos locales y de los primeros medios para instalar en ellos una sección de Física Fisiológica, otra sección de Química Fisiológica y una tercera sección de Microscopia” (Varela de la Iglesia, 1919: 1), que se foron dotando de material. Esa carencia de medios pode explicar en parte a ausencia de traballo de investigación. Unha lagoa rechamante nun profesor partidario da medicina experimental. A carencia repítese no caso dos outros dous catedráticos composteláns partidarios das teses de Bernard, Maximino Teijeiro e Luis Rodríguez Seoane (Fraga, 1997).

A disciplina científica que espertou un especial interese en Varela de la Iglesia foi a Histoloxía. Na oposición á cátedra de Patoloxía en 1871 xa tiña unha actualizada formación, que se incrementou coa preparación da oposición á cátedra de Fisioloxía de Granada e o contacto na capital andaluza con Aureliano Maestre de San Juan.
A predilección e capacitación nesta disciplina póñense de manifesto en que, a diferenza do acontecido noutras, presentou contribucións orixinais. Así o fai constar na súa Hoja de Servicios, cando, no apartado denominado Descubrimientos o adelantos literarios y científicos sinala: “Manera de demostrar y observar facilmente la contracción de las células purulentas”, que remite á páxina 22 do número do 30 de xuño de 1877 da Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. E engade outra contribución: “Medios de obviar los inconvenientes que se oponen, por parte de los cementos, a la buena conservación de las preparaciones microscópicas”, que afirma que foi dada a coñecer, en síntese, por Maestre de San Juan. Vidal Ríos sinalou que foi o primeiro que observou “el movimiento protoplasmático intracelular de las caráceas” (Vidal Ríos, 1935: 252). Así mesmo, publicaría a Contribución al estudio de la médula espinal (Varela de la Iglesia, 1904), onde expresou o seu apoio ás teses reticularistas, desde unha ampla relación de observacións histolóxicas, que describe polo miúdo. Unha proposta científica errada, contraria á doutrina da neurona de Cajal. A esas contribucións debemos engadir o material histolóxico elaborado por Varela de la Iglesia. Na Hoja de servicios dá conta da súa “Colección de preparaciones histológicas”. Indica que foron realizadas no seu labor docente, á vista dos alumnos, que entregara algunhas ao Museo Anatómico da Facultade de Medicina compostelá (achega listaxe, na que figuran preparacións e Histoloxía vexetal e animal).

A Microbioloxía, nos seus diversos aspectos, foi outra das materias ás que lle prestou atención. Cada ano acontecían en Santiago epidemias de tifo e os médicos inclinábanse a atribuír o feito aos cambios atmosféricos. Cando en 1885 tivo lugar unha nova epidemia, a Xunta de Sanidade dirixiuse a Varela, quen acababade traducir o traballo de Eberth (Eberth, 1883), e comisionouno para que estudase a causa da epidemia. O profesor compostelán optou pola análise de todas as fontes de augas potables da cidade e illou o bacilo de Eberth no seu laboratorio, o que lle proporcionou bastante sona. Os detalles do estudo reuniunos nun manuscrito que rematou ao ano seguinte: Investigaciones sobre la naturaleza y causas de la epidemia desarrollada en Santiago en 1885 (Varela de la Iglesia, 1886a). O labor microbiolóxico desenvolvido por Varela completa a súa perspectiva científica. Á mentalidade fisiopatolóxica comentada engade a etiolóxica, orixinada nos traballos de Pasteur e Koch con base na teoría microbiana da infección.

O excepcional labor de divulgación especializada de novidades médicas

No século XIX, os anos do sexenio foron moi importantes para a recepción en España de novas teorías e metodoloxías de notable influencia na docencia e práctica das disciplinas médicas. Un contexto en que sobresaíu a difusión especializada de novidades médicas impulsada por Varela de la Iglesia (Fraga, 1997), que se decatou de que ciencia a médica máis avanzada “falaba”, desde a metade do século, o idioma alemán. O coñecemento desa lingua era, pois, unha vía necesaria de acceso á modernidade médica.

Xunto co coñecemento adquirido coa lectura das publicacións alemás, aproveitou a circunstancia para dar á luz numerosas traducións. Xa en 1870, pouco despois de acadar o doutoramento publicou, en El Siglo Médico, “Vías que sigue la grasa en la mucosa intestinal cuando es absorbida” (Varela de la Iglesia, 1870b). É a tradución dun artigo de Th. Esiner, que aparecera nos Virchow Archiv, se ben Varela utiliza como fonte a versión aparecida no Periódico Central de las Ciencias Médicas, xornal dirixido por L. Hermann, Th. Leber, C. Westphal e J. Rosenthal. Segundo a súa “Hoja de Servicios”, en 1875 traduciría outro artigo, “De los accidentes consecutivos a las fracturas simples y complicadas; y de la trasplantación del hueso en particular”. O autor era o profesor Johann Nepomuk von Nussbaum (1829-1890), importante cirurxián, profesor de Clínica cirúrxica da Universidade de Múnic. A publicación tivo lugar na Gaceta de Sanidad Militar (11 de xuño).

En 1876 traduciu un libro de E. Gurtl, profesor de Cirurxía da Universidade de Berlín, Guía de ejercicios prácticos de operaciones en el cadáver. O texto atende á patoloxía lesional na liña de Carl von Rokitansky (1804-1878), pioneiro da Anatomía patolóxica, un dos fundadores da Escola Moderna de Medicina de Viena (Neue Wiener Schule). Así mesmo, traduciu un folleto, Sobre el bacilo tífico y la infección intestinal (Eberth, 1883), quen descubrira en 1880 o bacilo do tifo; e o libro de Wernich Sobre la etiología, la extinción y el tratamiento higiénico de la lepra (Wernich, 1881).

Abordou un impresionante labor de difusión médica especializada coa edición de dúas relevantes publicacións. Unha é a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas. Cada mes, entre abril de 1877 e xaneiro de 1884, apareceron dúas, tradución directa do alemán, por parte de Varela, da coñecida Sammlung klinischer Vortrag, con contribucións de relevantes médicos da época e dirixida polo salientable cirurxián Richard von Volkmann (1830-1889). Segundo Baltar Domínguez (1968), saían aos 15 días de ver a luz en Alemaña. O volume total publicado supón unhas 160 monografías.

A outra publicación foi a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. Recollía os resumos que Varela elaboraba de artigos recentemente publicados por importantes médicos europeos, especialmente alemáns e franceses. Confeccionouna do 15 de abril de 1877 ao 31 de marzo de 1883. O intento de periodicidade quincenal só durou ata o cuarto número, saído o 30 de xuño, a partir deste xa se establece unha periodicidade mensual. A cantidade de recensións publicadas foi importante; de media, podemos sinalar unha cifra de arredor de 30 por publicación, o que supón un número total de case 2000 resumos. A confección simultánea de ambas as publicacións supuña un volume de traballo impresionante. Varela participaba activamente en todo o proceso de elaboración, e incluso chegou, para aceleralo e controlalo, a trasladar o lugar de impresión á súa propia casa.
Estas publicacións serviron para que os profesionais sanitarios puidesen coñecer de xeito inmediato valiosas contribucións. Así aconteceu coa obra de Virchow, Ranvier, Ackermann, Claude Bernard, Mathias Duval, Eberth, Robert Koch, Louis Pasteur, Klebs, P. Ehrlich, Joubert, Hansen, Roux etc.

A actividade institucional, o Laboratorio Histológico de Santiago

Sen desenvolver a actividade clínica particular habitual entre os seus colegas, cando Varela rematou o arduo labor editorial abordou outra relevante tarefa. Afrontou a carencia de recursos na Facultade de Medicina para desenvolver actividades experimentais en Histoloxía e Microbioloxía coa creación, cos seus propios medios, do Laboratorio Histológico de Santiago. Un labor que fará de Varela protagonista das primeiras fases do proceso institucionalizador da Histoloxía e Microbioloxía médica en España.

En 1884 solicitou á Facultade, e puxo en marcha, o curso 1884 e 1885, un curso de Histoloxía. Nos cursos 1886-87, 1888-89 e 1889-90 fixo o mesmo cun curso de Microscopia e Bacterioloxía, sempre no seu laboratorio privado. Un importante testemuño da actividade histolóxica do Laboratorio é un Catálogo de microscopios construídos nese establecemento (Varela de la Iglesia, 1886b). O Catálogo evidencia un notable esforzo de impulsar a actividade microscópica, cun proxecto que sorprende polo que ten de anovador nese tempo.

Vicisitudes na Facultade de Medicina de Santiago: ¿A escola médica compostelá?

Diferentes datos parecen indicar que a relación de Varela coa maioría dos seus colegas de facultade, e desde logo cos responsables institucionais, mantiveron o ton agre que se visualizou na oposición de 1871. Así, en 1878 abríuselle un expediente administrativo a raíz do acontecido no tribunal de Anatomía co seu vello inimigo Francisco Romero Blanco. Na discusión Varela batera cunha cadeira no brazo de Romero e foi sancionado con “apercibimiento”. E Francisco Romero acadaría unha notable posición de poder na universidade, da que foi reitor en tres ocasións, en representación da corrente conservadora. A mala relación explica que Varela se negara, enfadado, a aceptar o seu encargo para que redactara o discurso de inauguración do curso 1903-04.
A eses enfrontamentos poderiamos engadir outros menos visibles, pero sumamente importantes, os relativos á dotación de recursos para o desenvolvemento do labor experimental na cátedra. Como vimos, Varela non contou ata 1905 cos medios precisos. As carencias explicarían, en parte, a ausencia de labor investigador e o feito de que Varela centrara a súa actividade no ámbito da difusión e, posteriormente, na creación do seu laboratorio privado.

Esas limitacións e as malas relacións con influentes colegas puideron incidir na decisión de presentarse, en 1890, á cátedra de Histoloxía da Universidade de Madrid. Entre os aspirantes figuraban especialistas salientables, como Luis Simarro e, sobre todo, Santiago Ramón y Cajal. Varela decidiu recusar varios membros do tribunal, entre os que figuraba Romero Blanco, sobre o que lle comenta a Giner: “Estos bribonazos de por acá, que quisieron que yo no medrase y temen me lleve esa cátedra no sé como hicieron para meter en el Tribunal al más pícaro y canalla de todos ellos, al célebre Francisco Romero Blanco” (carta do 3 de novembro de 1890, Porto Ucha, 1986: 336). Como noutros casos, publicaría un folleto explicando a recusación (Varela de la Iglesia, 1891). Cajal gañou a cátedra.

En 1915 acadou a idade de xubilación pero solicitou ao Ministerio de Instrucción Pública a continuidade na cátedra, o que lle foi concedido. Ao remate do prazo, en 1918, fai unha nova solicitude, pois desexaba concluír uns traballos no Laboratorio de Fisioloxía (Varela de la Iglesia, 1919). O documento é singular pola situación de marxinación que describe e o ton desafiante que emprega. Realiza unha denuncia directa do que denomina “caciquismo que viene prostituyendo la universidad” e alude moi criticamente a discípulos “traidores”, Miguel Gil Casares, e ao senador pola universidade compostelá, José Casares Gil. O Ministerio non accedeu á petición.
Á marxe das diversas incidencias, achegou relevantes innovacións na medicina galega. Como dixo Delfín García Guerra, “[…] situaba por vez primera a la Facultad de Medicina en los logros más recientes de la medicina europea de finales de siglo” (García Guerra, 1998: 141).

Varela de la Iglesia e outros innovadores próximos a el, como Manuel Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos, deberon soportar certa marxinación por parte do poder académico. Varela Radío e Nóvoa Santos buscarían na marcha para a Universidade de Madrid (1919 e 1928) unha solución profesional á incómoda situación en que se atopaban no claustro (Gurriarán, 2006), o que se traduciu nunha relevante perda de excelencia científica para a Universidade de Santiago. Nese sentido, as importantes diferenzas doutrinais e metodolóxicas e, mesmo, os enfrontamentos que se observan entre o profesorado da Facultade de Medicina poñen en evidencia o carácter mítico da suposta “escola médica compostelá”.

Bibliografía:



Fontes documentais:

Hoja de servicios, Archivo General de la Administración (AGA), Educación, caixa 16890.

Expediente, Archivo General de la Administración (AGA), sign. 1505-50, caixa 31-16890, exp. 7.

Arquivo Histórico Universitario, Universidade de Santiago de Compostela. Serie histórica. Cartafol 16.

Expediente Personal R. Varela de la Iglesia. Sobre lo ocurrido en la clase los días 20 y 21 de octubre. Univ. Barcelona, 1874, Archivo General de la Administración (AGA).

VARELA DE LA IGLESIA, R (1870): De la hidropesia con relación á los factores que la constituyen. Discurso presentado por Ramon Varela de la Iglesia como aspirante al grado de Doctor, Manuscrito de 27 follas, asinado. Biblioteca da Universidade Complutense (Depósito da Facultade de Medicina).

(1886a): Investigaciones sobre la naturaleza y causas de la epidemia desarrollada en Santiago en 1885. Manuscrito. Biblioteca da Universidade de Santiago.


Fontes impresas:
.
Traduccións (ademáis das revistas):

Vías que sigue la grasa en la mucosa intestinal cuando es absorbida, El Siglo Médico, 1870, 864: 455-457.

De los accidentes consecutivos a las fracturas simples y complicadas; y de la trasplantación del hueso en particular; por el Profesor Nussbaum, Gaceta de Sanidad Militar, 11 xuño de 1875.

EBERTH, C.J. (1883): Sobre el bacilo tífico y la infección intestinal, Santiago: Imp. de la Revista de Medicina.

WERNICH, A. (1881): Sobre la etiología, la extinción y el tratamiento higiénico de la lepra, Santiago: s.i.

Orixinais:

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1871a): Memoria sobre las fuentes del conocimiento y método de enseñanza de la asignatura de Patología general y Anatomía Patológica presentada por D... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago, Santiago: Est. Tip. Paredes.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1871b): Programa razonado de Patología general y Anatomía patológica presentado por D. .... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago, Santiago: Est. Tip. Paredes.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1886 b): Catálogo de los microscopios construidos según las indicaciones del Laboratorio Histológico de Santiago, Santiago: Impr. Seminario Conciliar.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1891): Exposición dirigida al Excmo. Sr. Ministro de Fomento por D. Ramón Varela de la Iglesia como opositor a la cátedra de Histología e Histoquímica y Anatomía patológica de la Universidad de Madrid, y recusación dirigida al Ilmo. Sr. Director de Instrucción Pública e interpuesta contra varios Jueces del Tribunal, Madrid: Tip. Ricardo Fé.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1904): Contribución al estudio de la médula espinal, Madrid: Est. Tip. de Ricardo Fé. Texto en español e francés, con 22 láminas en fototípia.

VARELA DE LA IGLESIA, R. (1919): Excmo. Sr. Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.


Bibliografía secundaria:

ANDREY Y DE SIERRA, J. (1861): Estudios de Filosofía médica, o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos, Santiago: J. R. Rubial.

ANDREY Y DE SIERRA, J. (1863): Discursos leídos ante el Claustro de la Universidad de Santiago en la recepción pública del catedrático de Anatomía general y descriptiva, Santiago: Impr. Mirás.

BAGUENA CERVELLERA, Mª José (1983): La introducción de la Microbiología en la Medicina española del siglo XIX, Valencia: Universidad de Valencia. Tese doutoural.

BAGUENA CERVELLERA, Mª José (1986): Legislación e instituciones en torno a la Microbiología Médica española del siglo XIX, Actas III Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., 2: 51-56.

BAGUENA CERVELLERA, Mª José (1988): Luis del Río y Lara y la constitución de la microbiología médica en España Asclepio, XL: 375-393.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, 21a. Exposición La Escuela Médica Compostelana, Santiago: Instituto. Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (CSIC); 1-26.

BARONA VILAR, J.L. (1986): La Escuela Libre de Medicina y Cirugía de Sevilla y el comienzo de la mentalidad experimental en la Fisiología española del siglo XIX, Actas III Congreso Soc. Esp. Hist. Cs., Zaragoza: Imprenta Fotokopias; T II: 57-71.

BARONA VILAR, J.L. (1992): La doctrina y el laboratorio, Madrid: CSIC.

FAUS, P. (1986): Semblanza de una amistad. Epistolario de Augusto G. de Linares a Francisco Giner de los Ríos (1869-1896), Santander: Artes Gráficas Resma.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J.J. (2007): Ramón Varela de la Iglesia (1845-1922). Positivismo e Histología en Fonseca. Tese de doutoramento. Santiago: Universidade de Santiago, Facultade de Medicina.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1991): Notas sobre a incidéncia do microscópio nunha sociedade local (A Coruña,1885-1890), Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, 24 (1988): 73-87.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1997): Influencia de la investigación biomédica francesa en el siglo XIX. La recepción de la obra de Claude Bernard y de Louis Pasteur en Galicia, Ciencias, educación e historia. Actas V Simposio de Historia e Ensino das Ciencias, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro; 565-576.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A. (1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, José Danón (coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española, Barcelona: Fundación Uriach; 129-147.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX, Santiago: Universidade.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

GOMIS BLANCO, A. (1984a): La Introducción de la Teoría Celular entre los botánicos y zoólogos españoles (1833-1874), Madrid: Universidad Complutense. Memoria de licenciatura inédita.

GOMIS BLANCO, A. (1984b): La aceptación de la Teoría Celular por los naturalistas españoles, Actas II Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., Zaragoza: Gráficas Navarro; T II: 133-149.

GOMIS BLANCO, A. (1989): Las Ciencias Naturales en España en el siglo XIX (1833-1874): Morfología, Fisiología y Sistemática, Madrid: Universidad Complutense.

MATA, P. (1859): Hipócrates y las escuelas hipocráticas. Discurso pronunciado en la solemne apertura de las sesiones del año 1859 en la Real Academia de Medicina de Madrid, Madrid: Imprenta de Manuel Rojas.

PORTO UCHA, A.S. (1986): La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1871 a): Memoria sobre las fuentes de conocimiento y método de enseñanza de la asignatura de Anatomía patológica y Patología general por D. ..... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago, Santiago: Impr. Paredes.

SÁNCHEZ FREIRE, T. (1871b): Programa razonado de Anatomía patológica y Patología general por D... como opositor a la cátedra de la misma asignatura en la Universidad de Santiago, Santiago: Impr. Paredes.

SALA CATALÁ, J. (1987): Ideología y Ciencia Biológica en España entre 1860 y 1881. La difusión de un paradigma , Madrid: CSIC.

VIDAL RIOS, O. (1935): Apuntes para la biografía del Dr. D. Ramón Varela de la Iglesia, Trabajos de la Cátedra de Historia Crítica de la Medicina, 5: 251-255.