culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Frei Martín Sarmiento

Un científico ilustrado que se adiantou ao seu tempo

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Álvarez-Lires, María M. e Pérez-Rodríguez, Uxío
  • Data de alta: 12/04/2012

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Álvarez-Lires, María M. e Pérez-Rodríguez, Uxío ([2012], “Frei Martín Sarmiento”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/04/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=268
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cerdedo (Pontevedra) 1695
  • Falecemento: Madrid 1772
Todo parece indicar que Frei Martín Sarmiento -Pedro José García Balboa- naceu en San Xoán de Cerdedo, en Pontevedra, e non en Villafranca del Bierzo como se viña afirmando desde a súa morte (Santos, 2008). Estudou cos xesuítas en Pontevedra e despois no mosteiro bieito de Lérez, onde non puido establecer relación de amizade e colaboración con Feijoo, como se ten dito, xa que cando este residiu en Lérez e Poio (1700-1709) Sarmiento tiña entre 5 e 14 anos (Costa e Álvarez-Lires, 2002). Aos quince anos trasladouse a Madrid para ingresar no mosteiro bieito de San Martín. En 1711 viaxou ao mosteiro de Irache (Navarra) para cursar estudos de Filosofía e regresou a San Martín en 1714, onde vivirá ata a morte, agás os períodos de traballo en arquivos e bibliotecas e de docencia noutros mosteiros.

Un frade que amou o estudo e a natureza

Sarmiento estudou incansablemente e dotouse dun método de estudo "de horas, autores y materias"; na súa autobiografía (Domínguez Fontenla, 1924) sinala que só na biblioteca de San Martín "enredé y repasé todos sus libros que pican en diez mil volúmenes". As súas grandes afeccións foron os libros e as viaxes. Dos primeiros dispoñerá con abondamento, pero respecto aos segundos terá que se conformar lendo libros de viaxes e expedicións científicas. A Historia Natural foi un dos eixes do seu interese: posuía a obra completa de Linneo, os tomos publicados de Buffon e obras de múltiples autores "antiguos" e "modernos" (Álvarez-Lires, 1998a). Nas tres viaxes que realizou a Galicia (1725, 1745 e 1754) levou consigo cadernos para describir lugares, inscricións, "vegetables" cos seus nomes galegos e os debuxos correspondentes, nomes de peixes, cunchas, mariscos e outros animais, e ocupouse tamén de rexistrar cantas voces galegas puido recoller. Cando volveu definitivamente a Madrid, en 1756, ía cargado "con todos los mixtos de la Historia Natural que Dios ha criado en Galicia", á maneira dos naturalistas. Froito destas viaxes son os seus escritos lingüísticos e crítico botánicos, tales como Pensamientos Crítico-Botánicos, Onomástico Ethimológico de la Lengua Gallega, Sobre un vegetable llamado Seyxebra e parte da Obra de 660 Pliegos (Álvarez-Lires, 1998b).

Desde 1728 corrixiu e formou índices da obra de Feijoo, da que era censor por orde superior, ditaminando que nihil obstat para que se publique o Theatro Crítico Universal, que foi obxecto de feroces ataques por facer unha defensa da ciencia experimental fronte ao aristotelismo "interpretado por los católicos", en palabras de Sarmiento, que reinaba a carón do galenismo nas universidades españolas. Esta idea da adulteración do aristotelismo é compartida por Farrington (1986), para quen o escolasticismo medieval borrara interesadamente da obra de Aristóteles todos os aspectos experimentais. Frei Martín -de quen Filgueira (1994) afirmaba que era o home-sombra de Feijoo, o seu provedor de libros, defensor e asesor- arroupou ao seu "maestro y señor" na Demostración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal (1732), única obra publicada en vida xunto a algúns opúsculos menores. En adiante, o bieito negouse a imprimir ningún escrito.

Sarmiento viviu e traballou nunha inmensa cela na que almacenou sete mil cincocentos volumes, segundo consta no Catálogo de los Autores, de quienes, yo Fr. Martin Sarmiento, Benedictino, tengo, ad usum, ó todas sus obras, ó parte de ellas, ó algun como suelto, y separado. Moitos deses títulos non entrarán en España ata moitos anos despois da súa morte. Nesta cela recibía a un grupo de selectos e poderosos amigos, pero tamén a galegos "rústicos" ou eruditos. Exerceu de asesor de Felipe V e Fernando VI e recibiu peticións para realizar "ditámenes" sobre os máis diversos asuntos. Almacenou os "mixtos de la Historia Natural" e obxectos selectos e curiosos, como un telescopio, un microscopio, un astrolabio, un estoxo matemático, unha mostra (reloxo) e dúas balanzas. Ideou diversos experimentos, como a obtención de híbridos de plantas segundo o sistema de Linneo, e a determinación de "gravedades específicas" segundo a escola newtoniana holandesa. Cando non dispuña de medios ou coñecementos enviaba mostras de materiais, como a Platina -mineral do que se obterá o Platino, que sospeita que debe ser o “octavo metal”- a científicos relevantes (Linneo, Peter van Musschenbroek e Bowles), e mantiña correspondencia con monxes boticarios, depositarios dunha gran parte do saber médico e farmacognósico (Álvarez-Lires, 1998b). Morreu sen querer recorrer a médicos nin a boticarios, e lonxe de honores cortesáns e relixiosos, tal como sempre defendera.

A negativa a publicar

Semella unha contradición que un sabio ilustrado, que confía na educación e na ciencia para contribuír ao progreso e á felicidade da humanidade, non publicase a súa obra. Os múltiples ditames que elaborou tiñan sempre tal finalidade, pero non todo o que o bieito escribiu era susceptible de se editar.

Sarmiento non se definirá nunca como adicto a un "sistema", e non por razóns de censura inquisitorial, senón por propia convicción de manter a toda costa a súa liberdade de pensamento. "Despois de investigar a súa obra, na que se citan multitude de autores [...] concluímos que no seu pensamento hai resonancias da filosofía clásica, do Renacemento, de Gassendi, Mersenne, Descartes, Newton, Boyle, Linneo, Buffon, do experimentalismo holandés newtoniano -Boerhaave, Gravesande, Musschenbroek-, de Rousseau e Locke e dun longo etcétera, sen que poidamos determinar ata que punto se trata de influenzas ou ata onde, Sarmiento, chega a conclusións semellantes na súa ousadía de pensador antidogmático e oposto a todo sistema" (Álvarez-Lires, 2002b).

Unha das razóns, se cadra fundamental, desa negativa a publicar é que os seus coñecementos e intuicións ían moi por diante do tempo e da sociedade hispana. Sarmiento quéixase de que nin os seus contertulios, elite ilustrada, son quen de entendelo por veces, e chegan incluso a burlarse del, sobre todo da súa afección pola Historia Natural. Tampouco son desprezables, como causas desta renuncia a publicar, a existencia da Inquisición e o nulo afán de notoriedade do frade e de desgastarse en disputas “inútiles”, escarmentado na persoa do Padre Feijoo, a quen non quería contradicir. Así mesmo, salientaremos que exercía unha feroz autocensura sobre os seus escritos, consciente da contradición en que incorría ao ser defensor sen concesións da empiria e verse na obriga de "conocer por los libros".

Morto Sarmiento, o duque de Medina-Sidonia e outros amigos fixeron copiar os seus escritos. En opinión do profesor Pensado (1970, 1972), os copistas foron descoidados -tivemos ocasión de comprobalo- polo que é preciso cotexar as diferentes coleccións. A meirande parte dos máis de trinta mil folios manuscritos está espallada por diversos institucións, circunstancia que determinou o cativo coñecemento da súa obra científica experimental ata a década dos 90 do século XX; un estudo aínda inacabado hoxe.

Un pensador complexo e incomprendido

Case sempre se fala de Sarmiento coma un discípulo de Feijoo, un preilustrado ou, en todo caso, coma un ilustrado cualificado de conservador e posuidor dun coñecemento aceptable das innovacións científicas. Nada máis reducionista. O insigne bieito foi, en opinión de diversos estudos cos que concordamos (Álvarez-Lires, 1998a,b,2002a,b; Pensado, 1972; Allegue, 1993; Pérez-Rodríguez, 2009), un dos máis preclaros expoñentes da Ilustración galega, española e europea.

É obvio que nin Feijoo nin Sarmiento xurdiron por xeración espontánea no escuro XVIII español, como se afirma ás veces, pois nos últimos quince anos do XVII existiu o movemento novator, arredor das "tertulias literarias" —científicas— de Madrid, Valencia, Sevilla e Zaragoza, que tivo que enfrontarse á Inquisición ao defender a liberdade de filosofar en cuestións que non afectasen á relixión católica, cunha actitude antidogmática oposta aos "sistemas", que intentaba buscar a verdade. Estas ideas serán o caldo de cultivo para a aparición do movemento ilustrado, do que son expoñentes ambos dous bieitos, practicantes da doutrina da “dobre verdade” (Allegue, 1995), de convivencia non conflitiva entre ciencia e relixión. Sarraihl (1992) e Maravall (1991) distinguen entre a Primeira e a Segunda Ilustración hispanas, cualificando aos novatores preilustrados de cartesianos, á Primeira Ilustración de gassendista e empirista, e á Segunda Ilustración de achegada ao newtonianismo. Feijoo pertenceu á Primeira e Sarmiento representou á Segunda, avantándoa (Álvarez-Lires, 2002a).

Non é posible etiquetar a Sarmiento de cartesiano nin de newtoniano. Non achamos na súa obra unha síntese que supere as ideas do seu tempo nin un sistema, se por tal se entende unha explicación xeral do mundo, pero anos de estudo e pescuda, cunha posición irredutible de buscar a verdade por si mesmo, de defensa dun empirismo non inxenuo, servíronlle para construír unha metodoloxía científica de análise e síntese, baseada no método xeométrico-matemático de influenza newtoniana que, ás veces, non abonda para explicar este ou aqueloutro fenómeno, extremo que recoñecerá cunha actitude crítica e antidogmática consecuente co que predica. Sarmiento pertenceu á Segunda Ilustración e adiantouse ao seu tempo, polo que habería que incluílo entre os introdutores da ciencia moderna, do newtonianismo e da ciencia cuantitativa en España, pois, aínda que non publicou, as achegas recollidas nos ditames que elaborou para xentes influentes e as súas relacións científicas abondan para inserilo na mellor tradición ilustrada europea (Álvarez-Lires, 1998c).

Achamos na súa obra as correntes do pensamento europeo do XVIII e as polémicas que se deron nel e no século anterior, sabendo que as ciencias non eran as actuais, que os seus contidos eran diferentes e estaban inzadas de aspectos teolóxicos e filosóficos (Hankins, 1988; Mason, 1995). A situación da ciencia en España arrastraba a imposición do escolasticismo e do illamento ideolóxico realizada pola Contrarreforma no último terzo do XVI (López Piñero, 1969); non obstante, as novas ideas xa eran coñecidas no panorama hispano do XVII, pero as médicas se enfrontaron co galenismo-escolasticismo, a física atopou o atranco do copernicanismo, condenado pola Igrexa Católica, e as biolóxicas o do aristotelismo. A todo o antedito é preciso sumar a presenza da Inquisición, que non foi abolida ata 1812 nas Cortes de Cádiz.

Algunhas achegas dun produtivo investigador

Como figura paradigmática da Ilustración ningún tema lle resultou alleo e os seus escritos versan sobre Lingüística, Historia Natural, Química, Física, Matemáticas, Agricultura, Arquitectura, Astronomía, Dereito, Política, Medicina, Socioloxía, Educación ou Igualdade. Responde ás características do filósofo de Voltaire, posuidor dun saber enciclopédico que ten a intención de reformar a sociedade mediante a educación, a crítica da ignorancia, dos prexuízos e dos intereses espurios, e que ten a misión de divulgar saberes non necesariamente orixinais (Maravall, 1991). Mais Sarmiento foi moito máis ca un divulgador, xa que elaborou propostas orixinais sobre temas que preocupaban á ciencia e á técnica, como a potabilización da auga do mar, a determinación da lonxitude, o establecemento dunha medida universal, a cuadratura do círculo, estudos sobre luz, cor e óptica ou a purificación da "platina"; investigou ou encargou indagacións "a gentes más eruditas", sempre na busca da utilidade e felicidade do xénero humano. Destaca a súa monumental Obra de 660 Pliegos, que trata de Historia Natural y de todo género de erudición, 1755, que contén documentada información sobre múltiples temas científico-técnicos.

Sarmiento foi, sen dúbida, o mellor coñecedor da Química e da Historia Natural do seu tempo en España, como se pode comprobar nas múltiples citas e na súa biblioteca. Académicos europeos, como de la Condamine, ofrecéronlle publicar nas Actas das Academias, honor que rexeitou. En Química situouse próximo á escola newtoniana holandesa, acreditou no baleiro e non no pleno cartesiano; na Historia Natural e agricultura defendeu o sistema sexual de Linneo, pero para a nomenclatura decantouse por un sistema natural sui generis, en sintonía coas ideas de Buffon. En Medicina zorregou aos galenistas, avogou por remedios naturais fronte aos minerais e opúxose ás sangrías e sambesugas. No tocante ás Matemáticas, considerou que eran previas e necesarias para as outras ciencias, e representaban o camiño para coñecer a Natureza. Interesouse especialmente pola Xeometría -admirou e practicou a euclidiana (Allegue, 1997)- e dedicou moito tempo a tratar de proporcionar boas aproximacións prácticas para dous dos problemas clásicos deste saber, concretamente os da cuadratura do círculo e a duplicación do cubo. Non temos noticia de ningunha cuadratura anterior ao século XX que supere en precisión a unha das súas, e non cometeu o erro de soster que constituían a solución definitiva ao enigma; chegou a pensar que quizais a cuadratura do círculo fose imposible e que tal vez circunferencia e diámetro fosen inconmensurables (Pérez-Rodríguez, Álvarez-Lires e Porta, 2006). Convén sinalar que para el as Matemáticas non eran exclusivas dos “facultativos”, senón connaturais ao ser humano: "Todo Hombre, es naturalmente Matemático"; “Las muchachas geometrizan cuando hacen encajes de bolillos”. A análise dos seus textos astronómicos suxire que o frade foi un defensor da postura semiheliocéntrica (Pérez-Rodríguez, 2009).

Un aspecto importantísimo das súas achegas é a interpretación do newtonianismo e a aplicación que fixo del a todas as ciencias, constituíndose nun precursor da ciencia cuantitativa do XIX, mesmo na Botánica, como se pon de manifesto maxistralmente en Sobre un vegetable llamado Seyxebra (Álvarez-Lires, 2002b).

Entre as preocupacións da súa obra, que darán orixe a múltiples propostas prácticas, destacan as seguintes: A educación da mocidade (Pensado, 1984; Costa e Álvarez-Lires, 2002) na infancia, adolescencia e no ensino universitario; oposición a monopolios e monipodios, defensa da industria popular (Dopico, 1978; Carmona, 1990); contra a guerra, a pena de morte e os impostos aos labradores (Allegue, 1993); preocupacións conservacionistas, aforro de madeira, "reciclado" de papel, vidro e lenzos, plantación de árbores autóctonas e "paradas biolóxicas" na pesca, ocupándose de que o progreso non se faga a costa da saúde e do benestar do pobo (Álvarez-Lires, 1998a); contra a pompa e a avaricia de poderosos e da propia Igrexa Católica; oposición á historia das grandes batallas, a favor de que se relaten os sucesos famosos da Natureza, da arte ou do acaso, e se investiguen as causas que os produciron. En Historia das Ciencias propón verificar as fontes orixinais, buscar os "antecedentes" das descubertas e teorías, as súas modificacións e utilidades para a humanidade, en particular para Galicia. Non comparte a visión eurocéntrica da ciencia do seu tempo e gaba a ciencia oriental e a sabedoría popular baseada na tradición a na experiencia (Álvarez-Lires, 1998a); a defensa do uso do galego en todos os eidos, incluído o científico; a defensa da igualdade de todos os seres humanos, en particular das mulleres, en oposición á ciencia e á filosofía do seu tempo; a defensa da ciencia moderna fronte ao galenismo e aristotelismo.

O seu sentido social da ciencia lévao a concretar a utilidade das ciencias e as artes para: a saúde humana, mellorar os cultivos e a agricultura, crear Bibliotecas e centros de ensino para a instrución popular, establecer xardíns botánicos para cultivo de plantas medicinais, construír obras de enxeñaría civil, industrializar Galicia a partir do sector primario.

Galicia está omnipresente na súa obra e nos seus proxectos. Nunha carta ao seu irmán Xabier (Filgueira e Fortes, 1995) afirma a súa devoción por Galicia dunha maneira que ilustra o seu pensamento científico-filosófico empirista: “Nada veo, nada oigo, nada palpo, nada leo, nada escribo, nada experimento y nada discurro que no tenga a la vista Galicia y la Boa Vila porque se tienta si se podrá utilizar algo de lo que se hace en otras partes”. Para que Galicia progrese, afirma Sarmiento, é preciso que recupere a súa autoestima como pobo a partir do aprecio do propio, do seu idioma e das capacidades das súas xentes, ou terán éxito aqueles que "quieren convertirla en un País de Indias". E así, combate os estereotipos da Corte sobre Galicia e defende o galego como lingua de ensino e de comunicación en todos os eidos, cunha actitude que hoxe sería considerada, infelizmente, como subversiva.


Un defensor das mulleres

O pensamento que defende Sarmiento sobre as mulleres non está asumido nas ideas ilustradas, se ben a contradición flagrante entre a igualdade que din defender os ilustrados e a exclusión das mulleres desa igualdade potenciará que xurdan posicións na súa defensa (Álvarez-Lires, 1993), se ben minoritarias. As ideas de Sarmiento aseméllanse ás do filósofo cartesiano Poulain de la Barre (1653), cuxa obra, por certo, non figura na súa biblioteca. É de xustiza salientar que a maioría de textos do XVIII, escritos en defensa das mulleres, están moi por detrás destes autores (Álvarez-Lires, 2001).

O frade bieito é coherente coa defensa da igualdade e sostén a racionalidade das mulleres e dos grupos marxinados, que a ciencia oficial menospreza: mulleres, vellas, pobres, bárbaros e rústicos. Para Sarmiento, a proximidade ao estado de natureza é unha garantía de non contaminación (Allegue, 1993) fronte aos que se erixen en Racionais con maiúscula, arredándose da misoxinia de Rousseau e da maioría de pensadores “modernos”.

Aprecia os saberes adquiridos por experiencia e tradición, sobre todo nas mulleres, recoñece a utilidade dos seus traballos e documenta as súas achegas ás ciencias e ás técnicas: a fabricación da seda e do xabón, o coñecemento de plantas medicinais, a inoculación antivariólica e, mesmo, chega a consideralas precursoras do sistema de Linneo nas súas prácticas empíricas (Álvarez-Lires, 2002c).

Defende ás bruxas-menciñeiras, desmitifica as súas supostas prácticas máxicas e recorre a elas cando viaxa a Galicia ou a través do seu irmán, argumentando que máis sabían das enfermidades, por experiencia e tradición, que os galenistas que matan con sangrías, sambesugas e siloxismos.
Con todo, a cuestión máis rechamante é a utilización do xénero como categoría de análise, é dicir, o exame de acontecementos sociais e adiantos da ciencia desde o punto de vista da súa repercusión para as mulleres (Álvarez-Lires, 2002c). Chega a afirmar que son elas as que deben escribir os seu propios tratados de moral, xa que os homes levan escribindo desde sempre o que elas deben facer.

Non participa do discurso da filosofía nin da ciencia sobre as mulleres, e afirma a súa racionalidade e a súa igualdade cos varóns nas aptitudes intelectuais. Non acepta as dicotomías filosóficas e combate os estereotipos da muller malvada, necia, débil ou ignorante, citando a mulleres como argumentos de autoridade. Sarmiento combate o que hoxe chamariamos determinismo bioloxicista e oponse aos estereotipos sobre supostas carencias “innatas”, físicas e psicolóxicas das mulleres: "si las educaciones se trocasen serían los hombres mugeriles y las mujeres varoniles"; “de hombres tímidos, mentecatos y viciosos, hay abundancia para contraponer a mujeres débiles, ignorantes y malas".

Coherente co seu discurso de aprecio do propio e fomento da autoestima, denuncia a interiorización da desigualdade, que dificulta a saída das mulleres da súa situación de marxinación. Coñece as obras de mulleres eruditas antigas e contemporáneas e aqueloutras escritas na súa defensa, desvela achegas científicas de descoñecidas como Sor Juana Inés de la Cruz, Hipatya, Ana Maria von Schurmman, Madame Lepaute, Lucrezia Marinella ou Olivia Sabuco, así como o saber das monxas boticarias.

O insigne bieito fixo visibles ás mulleres na linguaxe dos seus escritos mediante a utilización, aínda hoxe polémica, do feminino e do masculino: “viejas y viejos”, “muchachas y muchachos”. Concluiremos subliñando a modernidade do pensamento de Sarmiento, que coincide sorprendentemente con moitos postulados dos Gender and Science Studies (Alic, 1991, Harding, 1986, 1996; Keller, 1991; Álvarez-Lires et alii, 2003), e a súa inequívoca posición a favor da igualdade fronte ás sátiras, burlas e, mesmo, fronte ao discurso filosófico, científico e médico dominante no século XVIII.

Invisibilidade

A invisibilidade das achegas científicas de Sarmiento, desconsideradas no seu tempo, mal coñecidas hoxe, malia un certo recoñecemento na última década, esténdese aos estudos realizados sobre a súa obra, de tal maneira que as análises reducionistas do seu complexo pensamento seguen a darse por boas coma se tales estudos non existisen. Ademais, moitos dos seus escritos e as coleccións nas que están inseridos fican pendentes dun estudo crítico douscentos corenta anos despois da súa morte.


Bibliografía:



Fontes Documentais:

SARMIENTO, Fr. M. Catálogo de los Autores, de quienes, yo Fr. Martin Sarmiento, Benedictino, tengo, ad usum, ó todas sus obras, o una parte ellas, ó algun como suelto, y separado, Ms. 9/1829, Biblioteca Real Academia de la Historia, Madrid.

Colección Medina-Sidonia, Museo de Pontevedra:

SARMIENTO, Fr. M.: Colección de las Obras del P. Mtro. Sarmiento. Diccionario y Elementos Etimológcicos de Lengua Castellana y Gallega, Antigua y Moderna, vol. II.

SARMIENTO, Fr. M.: Historia Natural. Reynos Animal y Mineral. Por orden Cronológico, vol. XII.

SARMIENTO, Fr. M.: Obra de 660 Pliegos del Reverendísimo P. Maestro Fr. Martín Sarmiento, benedictino, v. 5º y último, que trata de Historia Natural, y de todo género de erudición, con motivo de un papel que parece se había publicado por los abogados de La Coruña contra los Foros y Tierras, que poseen en Galicia los Benedictinos. Y lo escribió en Madrid por los años 1762 y siguientes. Sacada esta copia de su original para el uso de el Excelentísimo Señor Duque de Medina-Sidonia. En Madrid, año 1772., Colección Medina-Sidonia, vol. XVII, Museo de Pontevedra.

Colección Medina-Sidonia (dixitalizada), Consello da Cultura Galega.

Colección Dávila, Biblioteca Nacional; Colección de los Heros, Bibioteca Real Academia de la Historia:

SARMIENTO, Fr. M.: Reflexiones sobre archivos y otros asuntos de suma importancia. Ms. 9/5075, Biblioteca Real Academia de la Historia.

SARMIENTO, Fr. M.: Catálogo de los pliegos, que yo Fr. Martín Sarmiento [...] he escrito de mi mano, pluma y letra sobre diferentes asuntos... Ms. 17642, Biblioteca Nacional.

SARMIENTO, Fr. M.: Catálogo de Algunos Libros Curiosos y Selectos para una librería de un particular que desee comprar 4.000 tomos, Ms. 11134, Biblioteca Nacional.

SARMIENTO, Fr. M.: Papel Curioso Sobre el Arbol Betula. Descripcion, efectos y virtudes del vegetable Carqueixa, ó Carquyxa, cuya planta se haya en el Reyno de Galicia con mucha abundancia. Biblioteca Nacional.

SARMIENTO, Fr. M.: Sobre el vegetable llamado Seyxebra. Discurso Critico-Botanico,Vol. XI, 2ª parte, Ms. 20388, fol. 30, B.N. e Vol. XI, Ms. 9/1824, fol. 310.

SARMIENTO, Fr. M. Cartas del P. Fr. Martín Sarmiento escritas á D. Francisco de Mena (Librero). 1751-1758, Sinatura 6049-12, Biblioteca Real Academia de la Historia.


Biblografía secundaria:

ALIC, M. (1991): El legado de Hipatia, México: Siglo XXI editores.

ALLEGUE, P. (1993): A Filosofía Ilustrada de Fr. Martín Sarmiento, Vigo: Edicións Xerais.

ALLEGUE, P. (1995): Cara un novo averroísmo no século XVIII?: Do conflito entre ciencia e relixión en Fr. Martín Sarmiento, Encrucillada 94, 37-4.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (1993): A Ilustración: século de Luces e de sombras, Festa da Palabra Silenciada, nº 9.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (1998a): Fray Martín Sarmiento: una figura preclara de la ciencia en España en el siglo XVIII, Institutions and Societies for Teaching, Reseach and Popularisation, Belgium: Brepols.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (1998b): A Ciencia no s. XVIII: Fr. Martín Sarmiento (1695-1772), unha figura paradigmática, Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, formato dixital;

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2001): Unha excepción no discurso ilustrado da Filosofía e da Ciencia sobre o xénero: Sarmiento (1695-1772), Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas, Pontevedra: Deputación; T I, p. 559-570.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2002a): Sarmiento, un científico da Segunda Ilustración, Santiago: Universidade.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2002b): A ciencia newtoniana na obra de Frei Martín Sarmiento: unha interpretación orixinal, Valle, X.C., Frei Martín Sarmiento (1695-1772), Pontevedra: Museo de Pontevedra.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2002c): As mulleres na obra de Frei Martín Sarmiento (1695-1772) , Santiago: Xunta de Galicia, Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2003): Las científicas y su historia en el aula, Madrid: Síntesis.

BARRE, P. de la (1993): De la educación de las damas, Madrid: Ed. Cátedra.

BOERHAAVE, H. (1752): Êlemens de Chimie, Paris: sen editorial.

CARMONA, J. (1990): El atraso industrial de Galicia, Barcelona: Ariel.

COSTA, A. e ALVAREZ-LIRES, M. (2002): Fray Martín Sarmiento. La educación de la niñez y la juventud, Madrid: Biblioteca Nueva.

DOMÍNGUEZ FONTENLA (Ed.) (1924): Vida y viajes literarios de Fray Martín Sarmiento, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, 155: 3-65.

DOPICO, F. (1978): A Ilustración e a sociedade galega, Vigo: Galaxia.

FARRINGTON, B. (1986): Ciencia Griega, 2ª ed., Barcelona: Icaria.

FEIJOO, Fr. B. J. (1730): Theatro Crítico Universal, Madrid: Viuda de Francisco del Hierro.

FILGUEIRA, X. (1981): Hombres que hicieron Galicia. Fray Martín Sarmiento, A Coruña: Ed. Banco del Noroeste.

FILGUEIRA, X. (1994): Fr. Martín Sarmiento (1695-1772), A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

FILGUEIRA, X.; FORTES, M. X. (1995): Fr. Martín Sarmiento. Epistolario, Santiago: Consello da Cultura Galega.

HANKINS, T. L.(1988): Ciencia e Ilustración, Madrid: Siglo XXI.

HARDING, S. (1986): The Science question in feminism, New York: Open University Press.

HARDING, S. (1996): Ciencia y feminismo, Madrid: Morata.

KELLER, E. (1991). Reflexiones sobre género y ciencia, Valencia: Edicions Alfons el Magnánim.

LÓPEZ PIÑERO, J. L. (1969): La introducción de la Ciencia Moderna en España, Barcelona: Ariel.

LOCKE, J. (1980): Ensayo sobre el entendimiento humano, Madrid: Editora Nacional.

MARAVALL, J. A. (1991): Estudos de la Historia del Pensamiento Español Siglo XVIII, Madrid: Mondadori.

MASON, S. (1995): La Ciencia del siglo XVII, Madrid: Alianza Editorial.

MUSSCHEMBROEK, A P. V. (1807): Elementa Physicae, conscripta in usus academicos. Quibus nunc primum in gratiam studiosae juventutis accedunt ubique auctaria quamplurima, frequentissimae adnotationes, Dissertatio Physico-Historica, De rerum corporeum origine, ac demum de rebus caelestibus tractatus, Opera et Studio V. CL. Antoniii Genuensis. Edictio Prima matritensis, Anteactis omnibus auctior, atque emendatior, prout melius sequens Monitum docebit. Tomus Primus. In Typographia Tomae Alban. Anno MDCCCVII. Se hallará en la Librería de Calleja, calle de Majaderitos.

NEWTON, I. (1987): Principios matemáticos de la filosofía natural, Madrid: Alianza.

PENSADO, J. L. (1970): Colección de Voces y Frases Gallegas de Fr. Martín Sarmiento, Salamanca: Universidad.

PENSADO, J. L. (1972): Fr. Martín Sarmiento, Testigo de su siglo, Discurso pronunciado na solemne apertura do Curso Académico, 1972-73, Salamanca: Universidad.

PENSADO, J. L. (1984): La Educación de la Juventud de Fray Martín Sarmiento, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

PÉREZ-RODRÍGUEZ, U. (2009): Astronomía, Matemáticas e o seu ensino na obre de Frei Martín Sarmiento (1695-1772). Aplicacións didácticas da Historia das Ciencias e das Técnicas, Tese de doutoramento inédita, Universidade de Vigo.

PÉREZ-RODRÍGUEZ, U.; ÁLVAREZ LIRES, M.; PORTA, P. (2006): “Las reflexiones de Fray Martín Sarmiento sobre la cuadratura del círculo”, Llull, 29, 357-375.

SANTOS, J. (2008): “Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación”, 12, 12-23.

SARMIENTO, F. M. (1779). Demonstración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal, que dió a la luz el R.P. M. Fray Benito Gerónimo Feyjóo. Benedictino. Con la cual se hace patente la evidencia, certeza, probabilidad, verisimilitu, elección, exsctitud, harmonía, propiedad de sus discursos, noticias, opiniones, conjeturas, autores, citas, expresiones, palabras, que en los tomos I, II, III y el algunas partes del IV y en la Ilustración Apologética, pretendió contradecir el Vulgo, con diferentes Papelones: por no haber entendido hasta ahora la conexión y obvia significación de las voces. Adjunta una defensa de las aprobaciones de la dicha Ilustración. Hácela uno de los aprobantes F. Martín Sarmiento, Benedictino. Lector de Teología Moral en el M. de San Martín de esta Corte, 5º edición, Madrid: Imprenta Real de la Gaceta.

SARMIENTO, F. M. (1997): Elementos Etymológicos según el Méthodo de Euclides, Vigo: Universidade de Vigo, Museo de Pontevedra.

SARRAILH, J. (1992): La España Ilustrada de la segunda mitad del siglo XVIII, 40 ed., Madrid: Fondo de Cultura Económica.