culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángel Laborde Navarro

Organizador dos estudos de matemáticas no Colegio Militar de Santiago

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 20/04/2012

Extras de Ángel Laborde Navarro: 

Extras sobre Ángel Laborde Navarro:

Galeria


Retrato de Ángel Laborde y Navarro. Museo Naval de Madrid. Óleo sobre lenzo (95x72 cm). Copia anónima dun orixinal descoñecido realizada na Habana en 1853.

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Ángel Laborde Navarro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 18/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=272
Untitled Document

Retrato de Ángel Laborde y Navarro. Museo Naval de Madrid. Óleo sobre lenzo (95x72 cm). Copia anónima dun orixinal descoñecido realizada na Habana en 1853.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cádiz 1773
  • Falecemento: A Habana 1834
Fillo dun comerciante francés, estudou no escola militar de Soréze, en Francia, e desenvolveu a súa carreira profesional na Armada española. En 1791 regresou á Península e ingresou como garda mariña en Ferrol. Ao ano seguinte, co grao de tenente de fragata, pretendeu seguir en Cádiz os estudos do Estado Maior, pero a guerra contra os franceses llo impedirá. Na súa carreira militar interveu en numerosos actos bélicos ata que, tras unha licenza por enfermidade, a finais de século, incorporouse ó Observatorio da Armada en Cádiz coma profesor de matemáticas.

En 1811 incorporouse ao Real Colegio Militar da cidade de Santiago coma primeiro profesor de matemáticas. Se ben son moi escasos os datos sobre este centro educativo, sabemos que impartiu clases nel ata setembro de 1815, para dedicarse posteriormente a operacións estritamente militares que o levarán a percorrer Filipinas, Xava, a India e grande parte de América. Entre 1821 e 1823 recibiu o nomeamento de comandante da base militar de Porto Cabello, en Venezuela, e en 1825 foi nomeado Comandante xeral do porto militar da Habana, onde desenvolvería xa a maior parte das súas actividades. En 1832 recibiu a oferta do cargo de Ministro de Mariña, se ben non chegou a tomar posesión.

Durante a súa longa estadía na Habana, publicou as obras militares Exercicio de cañón para servir a un tiempo las baterías de estribor y babor en los baxeles de S.M., en 1829, e Ejercicio del sable mandado observar por el Jefe de la Escuadra a bordo de los bajeles de S.M. del apostadero de La Habana, en 1832.

A actividade científica de Laborde en Galicia iníciase, como xa dixemos, coa chegada a Santiago, en 1811, coma primeiro profesor de matemáticas do recentemente creado Real Colegio Militar. O centro debeu ter unha relativa importancia na renacente vida científica da cidade, pois cómpre lembrar que Domingo Fontán foi poñente no mesmo e que por el pasaron alumnos coma Ramón de la Sagra (Cambrón, 1994). A curta estadía de Laborde en Santiago non lle impediu formar parte tamén da Sociedad Económica de Amigos del País.

Trala súa incorporación ao novo Colexio, o primeiro que se propón é a elaboración duns textos base que lle sirvan de apoio na docencia. Esta urxente necesidade lévao a redactar en pouco máis dun mes un tratado de aritmética (Laborde, 1811), obra moi básica e sinxela que dá prioridade ás operacións cos distintos tipos de números, ao estudo das progresións e proporcións, ás regras prácticas e aos logaritmos. Este ben puidera ser o primeiro libro de matemáticas publicado na Galiza.

Como complemento desta obra, publica ao ano seguinte Tratado de geometría dispuesto para la enseñanza de los caballeros cadetes (...)(Laborde, 1812), que ten parecidas características e persegue os mesmos obxectivos da citada anteriormente. Esta obra pode consultarse na biblioteca Penzol de Vigo, mentres que as outras dúas que comentamos atópanse, cando menos, na biblioteca da Universidade de Santiago.
A obra máis completa das publicadas por Laborde en Santiago é o Tratado elemental de Geografía matemática aplicada a la topografía y parte militar (...) (Laborde, 1814), onde se pon de manifesto o carácter eminentemente práctico das ensinanzas impartidas no novo colexio. Aínda que se inclúen razóns e demostracións do exposto, o contido baléirase do aparello científico máis complexo. A primeira parte do tratado dedícase a estudar a forma de elaborar e usar mapas e cartas, a definirse con respecto aos sistemas de referencia e a solucionar varios problemas prácticos que con referencia ao exposto se propoñen. A segunda parte está dedicada á meteoroloxía e aos fundamentos e usos dos principais instrumentos da especialidade, incluíndose ademais algunhas nocións sobre cosmografía.

Ángel Laborde foi un home ilustrado, coñecedor de varios idiomas e preocupado polas cuestións técnicas e científicas da súa profesión. Nos seus libros cita como autores de referencia a Tomás López, Juan López Peñalver, Eusebio Bueno, Agustín Betancourt e Gabriel Ciscar. Interesouse polo estudo de varios aspectos relacionados coa navegación e os fenómenos meteorolóxicos e oceanográficos, e demostrou vastos coñecementos das publicacións, informes e estudos da época, como se demostra nas observacións realizadas na travesía de Cádiz a Manila pola ruta do cabo de Boa Esperanza realizada en 1816, e na viaxe de volta ao ano seguinte.


Bibliografía:



Fontes impresas:

LABORDE Y NAVARRO, Ángel (1811): Tratado de aritmética dispuesto para la enseñanza de los caballeros cadetes del Real Colegio Militar de la ciudad de Santiago, Santiago: Of. de Manuel A. Rey.

LABORDE Y NAVARRO, Ángel (1812): Tratado de geometría dispuesto para la enseñanza de los caballeros cadetes..., Santiago: Of. de Manuel A. Rey.

LABORDE Y NAVARRO, Ángel (1814): Tratado elemental de Geografía matemática aplicada a la topografía y parte militar dispuesto para la enseñanza de los caballeros cadetes..., 2ª ed., Santiago: Of. de Manuel A. Rey.

LABORDE Y NAVARRO, Ángel (1836): Carta esférica de una parte de la costa setentrional a meridional de la ysla de Cuba desde Nuevitas hasta el río Camarioca y desde Sabana la Mar hasta los Jardines con el canal Viejo de Bahama y el de Santaren / levantada la parte setentrional de orden del Exmo. Señor Don Angel Laborde y Navarro; presentada por Antonio Alcalá Galiano ; Miguel Moreno la delineó ; Rafael Estebe lo grabó ; la letra por Marquerie Herms. - Escala 1:562500, Madrid: Dirección de Hidrografía, b/n ; 59 x 77,8 cm (2ª ed., 1837).

LABORDE Y NAVARRO, Ángel (1974): Ángel Laborde y Navarro, capitán de navío: Relación documental de los sucesos de Venezuela, 1822-1823, Caracas: Instituto Panamericano de Geografía e Historia, Comisión de Historia, Comité Orígenes de la Emancipación.


Bibliografía secundaria:

ANONIMO (1929): "Laborde (Angel)", Enciclopedia Universal Ilustrada, Madrid-Barcelona: Espasa-Calpe S.A.

CAMBRÓN INFANTE, A. (1994): Ramón de la Sagra : el poder de la razón, A Coruña: Concello.

EGEA LÓPEZ, A. (1985): "El marino gaditano Ángel Laborde y la pacificación de América", Andalucía y América en el siglo XIX: Actas de las V Jornadas de Andalucía y América, Huelva: Universidad de Santa María de la Rábida.

(1996): Un intelectual y un marino gaditano: Don Ángel Laborde y Navarro, XXXIV y XXXV Cursos Aula Militar de Cultura: El Ejército y la Armada en la vida científica y cultural gaditana.

GIL NOVALES, Alberto (2010): Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista. Madrid: Fundación Mapfre; V. 2: 1616-7.

VVAA (1834): Corona fúnebre a la memoria del Ecxmo. Señor D. Ángel Laborde y Navarro, Jefe de Escuadra de la Real Armada (...) [S.l.] : [s.n.], La Habana: Oficina de D. José Boloña.