culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Isidro Parga Pondal

A Xeoloxía galega moderna e a aplicación industrial

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 13/05/2012

Extras de Isidro Parga Pondal: 

Extras sobre Isidro Parga Pondal:

Galeria



PargaPondal3.jpg
PargaPondal3.jpg
PargaPondal5.jpg
PargaPondal5.jpg

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Isidro Parga Pondal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=284
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Laxe (A Coruña) 1900
  • Falecemento: A Coruña 1986
Isidro Parga naceu no seo dunha familia con fortes vínculos universitarios: xa de neno ía con frecuencia ao Arquivo Universitario acompañando ao seu pai mentres este catalogaba documentación, e contaba entre os membros da súa familia co seu avó paterno, Salvador Parga, catedrático de Dereito Mercantil. Pero seguramente a persoa que influíu na súa temperá vocación científica foi o seu avó materno, Isidro Pondal Abente, director do balneario de Mondariz. Este médico hidrólogo fíxose cargo da educación de Parga dende os 14 anos, tras a morte do seu pai, e a súa pegada foi tal que nos últimos anos da súa vida Isidro Parga dedicou un libro ao estudo da xenealoxía do seu avó (Parga, 1980).

O camiño á Xeoquímica

Isidro Parga Pondal cursou o ensino primario e o bacharelato en Santiago e, aos dezaoito anos, trasladouse a Madrid para cursar a carreira de Ciencias Químicas, xa que en Santiago aínda non fora creada esta facultade. Licenciouse en 1922 e un ano máis tarde, cando comezaba co doutorado, conseguiu a praza de Auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na nova Facultade de Química de Santiago.

Estes primeiros anos de docencia enfróntano á realidade dun ensino universitario que non cumpre os seus obxectivos, anquilosado, falto de vida e realidade. Nun pequeno texto reproducido por Vidal (1984), fai unha crítica demoledora do seu entorno, cunha organización universitaria petrificada e un profesorado que na súa grande maioría “se apoltrona, escudado detrás de las leyes vigentes que él mismo defiende para su comodidad.”

Sobre 1924 Parga coñeceu, primeiro referencialmente e logo en profundidade, os traballos do profesor Vernadsky da Universidade da Sorbona. A lectura da súa obra La Géochimie, e o contacto co recentemente creado Seminario de Estudos Galegos, no que se integra en 1924 da man do profesor Luis Iglesias Iglesias, reorientan a súa actividade investigadora cara á xeoquímica dos minerais e das rochas.
Como Parga recoñeceu, foi alí mesmo, na Universidade de Santiago, “donde comencé a realizar lo que deseaba fuera mi aportación personal a la Universidad Gallega: un estudio de la Geoquímica, de la Mineralogía y de la Geología Gallega. Y a estos estudios se puede decir que consagré casi toda mi vida”( Parga, 1983, p.12).

Consciente da complexidade da tarefa, xa que a cartografía existente non abondaba para iniciar un estudo xeoquímico xeral de Galicia, decidiu ampliar os seus estudos sobre varios aspectos das Ciencias Xeolóxicas. Solicitou unha bolsa á Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, que lle concedeu unha pensión, en 1930, na Eidgenössiche Technische Hoochschule de Zürich (Suíza) para realizar os estudos de doutorado. En Suíza aprendeu as técnicas de estudo xeoquímico dos minerais, baixo a dirección do profesor Paul Niggli, e seguiu cursos de análise química das rochas, de Petrografía e de técnicas especiais por vía seca, con outros afamados profesores, como J. Jakob.

En 1932 conseguiu que a Agrupación de Fabricantes de Cemento de España lle subvencionara os estudos en Berlín (Alemaña) sobre a química dos cementos silicatados e a súa destrución por líquidos agresivos, baixo a supervisión do profesor Khül.
Reintegrouse á Universidade de Santiago en 1933, ano no que por acordo entre o Seminario de Estudos Galegos e o Instituto de Estudios Regionales da Universidade compostelá, creouse o Laboratorio de Xeoquímica, primeiro destas características no Estado Español.

Logo de doutorarse en Madrid (1934), chegou ao cumio da súa carreira académica na Universidade de Santiago en 1935, cando a Fundación Nacional de Investigaciones, Ensayos y Reformas de Madrid decidiu apoiar economicamente ao Laboratorio, con bolsas para alumnos e licenciados e fondos para a compra de material. Esta fundación, que era o organismo estatal encargado de transferir a ciencia á súa aplicación no tecido industrial, decidiu conceder, en xaneiro de 1935, unha dotación de 30.000 pesetas anuais para o Laboratorio de Xeoquímica, a maior subvención para un laboratorio de nova creación (Gurriarán, 2006).

A chegada da Guerra Civil rachou todo o seu proxecto. Ademais de formar parte do Seminario de Estudos Galegos, Isidro Parga Pondal era membro da Irmandade da Fala de Santiago (Beramendi, 2007, p. 703). Foi expulsado da Universidade, acusado de ser galeguista e de esquerdas, e tivo que refuxiarse en Laxe, acosado e ameazado:
“Privado de todo medio de trabajo, excepto de mi mente y de mis ilusiones, debo recomenzar en Lage la tarea interrumpida, replanteándola totalmente, al carecer allí de los recursos que poseía en la Universidad” (Parga, 1983, p.13).

A traxectoria fóra da Universidade

En 1938 fíxose cargo en Laxe da dirección da empresa Kaolines de Lage S.A., o que lle permitiu seguir en contacto coa Xeoloxía. Nos anos posteriores, segundo conta nunha carta dirixida a Hernández Sampelayo, en novembro de 1945, volveu a enfrontar con grande entusiasmo o traballo, reorganizando os seus arquivos e a coleccións de rochas. Grazas a correspondencia arquivada pode comprobarse que Parga mantivo, dende o ano 1931, unha continuada comunicación, primeiro por carta e logo tamén persoal, con Hernández Sampelayo, membro do Instituto Geológico y Minero de España e grande estudoso da Xeoloxía galega. Esta amizade facilitou, a mediados dos anos corenta, unha voz de apoio en Madrid e a consecución dunha Organización Geológica Regional en Galicia do Instituto Geológico y Minero de España, grande desexo de ambos científicos.
Tamén comezou un estreito e duradeiro contacto co Dr. Martín Cardoso, catedrático expulsado da Universidade de Madrid por motivos políticos que viña traballando dende o ano 1926 na investigación petrolóxica, en concreto nas pegmatitas galegas.

Nesta época Parga dedicouse, ademais, a novas e proveitosas excursións xeográfico-xeolóxicas, como a que fixo na compaña de Hernández Pacheco e Aperribay no verán de 1939, costeada por Juan López Suárez, recoñecido impulsor de iniciativas científicas e culturais e unha figura imprescindíbel na traxectoria profesional de Parga: fora o seu valedor na Junta de Ampliación de Estudios e na creación do Laboratorio de Xeoquímica e, logo da súa expulsión da Universidade, continuou a apoialo en numerosas ocasións.

Os obxectivos de industrialización e as súas publicacións

Parga Pondal foi un científico centrado en conseguir aplicar os resultados da ciencia á industria, esforzo que acadara o seu cumio coa fundación do Laboratorio de Xeoquímica. De feito, vinculou a necesidade do estudo xeoquímico de Galicia para a elaboración do que el denominaba Indice Geoquímico de Galicia, unha guía dos recursos xeolóxicos galegos.

Este mesmo obxectivo de aplicación industrial nótase dende o seu primeiro traballo de investigación xeoquímica, co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos: “El contenido en yodo de las principales algas marinas de Galicia” (Parga, 1927). Neste traballo, despois de facer unha introdución xeral sobre a Xeoquímica, diferenciándoa claramente da Mineraloxía, e de presentar a historia xeoquímica do iodo, fai o primeiro estudo analítico-comparativo do contido en iodo de distintas algas en España, expondo os resultados de 22 especies. Realiza unha descrición do método empregado e un estudo histórico da industria do iodo, relacionándoa coa riqueza de Galicia e, como conclusión, propón tres grupos de algas, en función da súa riqueza en iodo.

É indubidábel o interese deste primeiro estudo encamiñado a facilitar o establecemento nas nosas costas de industrias para a extracción do iodo. De feito, o traballo de Parga permite sinalar as variacións na concentración de iodo en función dunha serie de parámetros, factores de grande importancia nos procesos de optimización industrial. A súa proposta será escoitada en 1935, coa creación na Coruña da sociedade Explotación de algas S.A. (Dosil, 2007).

Nos anos seguintes Parga Pondal realizou unha serie de traballos sobre Mineraloxía e Química de minerais co pensamento posto nunha futura aplicación industrial. En varios artigos nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos analizou a presenza en zonas de Galicia de ilmenita, evansita, pirrotina ou nontronita, menas de diferentes elementos. Hai que subliñar o titulado “Sobre a presencia de ilmenita nas areas galegas”, por ser o primeiro artigo científico escrito en lingua galega.

Entre os traballos desta época salienta a serie Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia, constituído por tres partes diferenciadas e realizado en colaboración con Vázquez Garriga (Parga; Vázquez,1929, 1930) e Amparo Arango (Parga; Arango, 1930). Nesta serie interesouse, principalmente, polo contido en elementos raros como tántalo, niobio ou molibdeno, e fixo estudos espectroscópicos, nos casos nos que foi posible, dos residuos resultantes tras a separación dos óxidos do volframio, ferro e manganeso. Destacou o valor moi elevado da relación de frecuencia niobio/tántalo nas volframitas galegas.

Cronoloxicamente, os seguintes traballos publicados por Parga, ben só ou en colaboración cos seus profesores, foron os realizados durante a súa estadía en Suíza, dedicados en xeral, ao estudo da xeoquímica das rochas volcánicas de distintas localizacións da Península Ibérica e das illas próximas. Varias destas obras están escritas en alemán, o mesmo que outras dúas que publicou en Berlín en 1933 e 1934, sobre o tema dos cementos.

Posteriormente, e como continuación dunha serie sobre os minerais dos areais costeiros que comezara en 1930 e na que estudou a presenza de magnetita e ilmenita en colaboración con Lorenzo Salgado, publicou Arena monacítica de la Ría de Arosa (Parga, 1935a), no que expón que a análise de máis de cen mostras de area, tomadas en toda Galicia, debe ser a base para establecer relacións entre a variación da súa composición e a de diferentes rochas do macizo Galaico-Duriense. Este estudo, no que empregou o método espectro-microscópico, continuarao logo do 1936, complementándoo con novas publicacións.

En 1934 leu a súa tese doutoral, Quimismo de las manifestaciones magmáticas cenozoicas de la Península IbéricaParga, 1935c), punto de referencia das investigacións xeoquímicas na Península, salientando a utilización por vez primeira en España dos índices de Niggli para as clasificacións petrográficas. (Díaz-Fierros, 2010).
Dentro das investigacións xeolóxicas de Parga destacan os seus traballos sobre o granito. Comezan coa publicación da obra Ensayo de clasificación cronológica de los granitos gallegos (Parga, 1935b), que recolle unha conferencia lida na Universidade de Porto, na que, tras facer referencia aos traballos de Schulz, Barrois e Macpherson, afirma que existen cando menos tres épocas distintas de aparición do granito e, en xeral, das rochas eruptivas en Galicia: arcaica, huroniana e herciniana; e expón os datos das investigacións xeolóxicas petrográficas e xeoquímicas que avalan esta conclusión.

Ata 1936 Parga Pondal publicou, ademais da súa tese doutoral, un total de 29 traballos, a maioría sobre temas galegos, dos que 11 foron sobre Mineraloxía e Química de minerais, 3 sobre areais costeiros e as súas mineralizacións, 4 sobre a xeoquímica das rochas volcánicas, 4 sobre a das rochas plutónicas e metamórficas, 4 sobre cementos e 2 sobre Química xeral.

Parga e os seus mapas

Dende 1938 ata 1953, Parga levou a cabo un continuado traballo de investigación que tivo como base a constitución do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Neses anos e, como consecuencia lóxica dos seus traballos e da pormenorizada recollida de datos, estableceu un convenio co Instituto Geológico y Minero de España para o levantamento do mapa xeolóxico de Galicia a escala 1:50.000, coordinando unha equipa formada polo enxeñeiro López Azcona e polos profesores Martín Cadarso e Eugenio Torre Enciso, catedrático de Ensino Medio na Coruña.

Con ambos profesores Parga percorreu extensas áreas do territorio e recolleu infinidade de mostras e minerais, que depositou no seu Laboratorio, onde tamén instalara unha importante biblioteca de temas xeolóxicos. Esta tarefa materializouse coa preparación de dez follas de mapa correspondentes a diversas áreas da parte occidental de Galicia. En 1963 publicou un Mapa Petrográfico-estrutural de Galicia a escala 1:400.000 e para a súa elaboración utilizou como base un mapa de Galicia en relevo a escala 1:100.000, que elaborou en escaiola coa axuda do seu irmá Salvador. Sobre este relevo aparecen representados os distintos grupos petrolóxicos que se coñecían a mediados dos anos cincuenta. Cada un dos moldes das súas 96 pezas foi elaborado artesanalmente por Parga. O orixinal consérvase no Laboratorio Xeolóxico de Laxe e catro copias están entre distintos centros educativos e de investigación, entre eles o Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago. Un ano despois, en colaboración con Torre Enciso e López de Azcona, publicou un Mapa Xeolóxico da provincia da Coruña a escala 1:200.000 (Parga, 1964).

O Laboratorio Xeolóxico de Laxe

En 1940 fundou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, onde desenvolveu, ata o seu retiro, a súa vida científica e profesional. Alí realizou ese primeiro mapa xeolóxico moderno de Galicia e codirixiu durante máis de vinte anos a investigación da Xeoloxía galega en colaboración con profesores doutras universidade europeas (Leiden, Montpellier, Zúrich, Liverpool, Münster, Nancy, Estrasburgo, Lisboa, Coimbra): “Si con la cartografía realizada en esos primeros años, posteriores a la expulsión de la Universidad, quedan definidas las grandes Unidades Geológicas de Galicia, en años sucesivos, con la labor dirigida y coordinada desde el Laboratorio Geológico de Lage, de distintos grupos de trabajo, procedentes de las principales universidades europeas, se va a conseguir un conocimiento de detalle gracias a la realización de numerosas Tesis y Tesinas, así como de otros trabajos de investigación” (Parga, 1983, p.13).

Consigue durante os anos cincuenta a setenta do pasado século que unha vila da Costa da Morte se convertera en referencia para a ciencia europea. Científicos de todo o continente viñan con certa regularidade ao Laboratorio Xeolóxico de Laxe, onde compartían experiencias profesionais con Parga (Vidal, 1984). En pouco tempo, o centro creado por Parga foi recoñecido máis aló das nosas fronteiras. Todo comezou nos anos 50, cando os equipos da Universidade holandesa de Leiden, dirixidos por De Sitter, estaban realizando investigacións na Cordilleira Cantábrica e proxectaban amplialas a Galicia. En 1954, De Sitter, con algúns dos seus colaboradores, realizou unha visita a Laxe, e Parga aceitou a proposta holandesa e deu toda caste de facilidades para o proxecto, cedendo datos inéditos e ofrecendo as instalacións do Laboratorio. Pero non só foron os holandeses, a simultánea presenza na zona de diversos investigadores da universidade alemana de Münster, dirixidos por F. Lotze, e da francesa de Montpellier, por J.M. Rémy e M. Mattauer, precisou da acción conciliadora de Parga (Truyols, 2000).

Ademais fundou un foro de discusión dos resultados que ían adquirindo os distintos grupos de investigación, convocando en 1965 a Primeira Reunión sobre Xeoloxía de Galicia e Norte de Portugal, que tivo un grande éxito. Os participantes consideráronse informalmente constituídos como Grupo de Geología del Noroeste de la Península Ibérica, e celebraron sucesivas reunións en 1967 e 1969. Como resultado desta cooperación internacional, publicáronse as numerosas comunicacións presentadas e editouse un mapa de Galicia, considerado de consenso, a escala 1:500.000. O mapa foi publicado en 1965 baixo o nome de Carte géologique du Nord-ouest de la Péninsule Ibérique (Hercynien et Ante-hercynien) (Parga, 1965b). Máis tarde, en 1982, o grupo de xeólogos participantes, enriquecidos con equipas de Madrid e Portugal que traballaban no sudoeste da Península, conseguiron sacar á mesma escala un mapa que incluía todo o occidente peninsular, o Mapa Geológico del Macizo Hespérico, que reunía a información obtida ao longo dos últimos trinta anos e era unha visión renovada das distintas unidades que configuran a Xeoloxía da Meseta e áreas veciñas (Truyols, 2000). Deste xeito Parga conseguiu que, a pesar de todos os obstáculos, o coñecemento xeolóxico de Galicia estea á altura das zonas do Hercínico mellor estudadas de Europa (Parga, 1983, p. 14).

Parga e as súas coleccións

Outro dos resultados das investigacións de Parga foron as numerosas coleccións que foi reunindo. Como profesor universitario, Parga non cesou no seu empeño de dotar ás cátedras científicas daqueles obxectos necesarios para o ensino da Xeoloxía. Utilizou os seus contactos persoais para conseguir a colección do médico vilagarcián José Viqueira Barrio, e os seus coñecementos e as súas investigacións para converter a Sección Xeolóxica do Museo de Historia Natural nun recurso didáctico de primeira orde.

Exemplares e investigación corrían parellos na vida universitaria, actualizados e enriquecidos en todo momento por Parga. Consérvanse nas vitrinas do Museo universitario algúns exemplares de especies minerais ás que lle dedicou parte dos seus traballos: kotschubeitia da Serra da Capela, nontronita de Chenlo, wolframitas da Brea, Carboeiro e Corpiño, etc. Concretamente, no seu estudo sobre Area monacítica de la Ría de Arosa indica expresamente que deposita mostras do citado mineral nos Museos da Universidade de Santiago.

Cando marchou a Zürich, Parga aproveitou a estadía para participar nas excursións ós Alpes dirixidas polo profesor Staub. Os percorridos por esta zona son, con toda probabilidade, a orixe da colección de “Rochas dos Alpes suízos” que incorporou en 1930 ó Museo de Historia Natural. De volta á Universidade de Santiago, Parga retomou con forza o estudo xeolóxico de Galicia. En abril de 1936 iniciou unha serie de itinerarios coa intención de recoller mostras de todos os afloramentos petrolóxicos galegos. Esta colección de Rochas de Galicia, depositada no Museo de Historia Natural, está constituída por máis de cincocentas mostras de investigación, acompañadas da etiqueta orixinal da investigación.

A que habería de ser a súa achega máis significativa para o coñecemento xeolóxico de Galicia, viuse truncada pola súa expulsión en 1936. Só tivera tempo de recoller exemplares da zona occidental de Galicia, achegándose nos seus últimos itinerarios, de principios de xullo, ó seu Laxe natal. A información recollida nas saídas ó campo quedou reflectida nos traballos que escribiu anos despois, especialmente nos Estudios Agrobiológicos das provincias da Coruña (Parga, 1966) e Pontevedra (Parga, 1986). E tamén en traballos anteriores, como o que redactou sobre a anfibolita con titanita de Riboira (Parga, 1932).

Os resultados da análise das mostras que permaneceron no Museo amosaron novamente o eficaz método de traballo do insigne científico. Cando Parga foi expulsado da Universidade de Santiago prohibíuselle o acceso á Facultade e ás súas pertenzas, que nunca lle foron restituídas. Durante case setenta anos a súa colección conservouse nas instalacións do Museo empaquetada en xornais da época, que rememoran os tráxicos acontecementos que se sucederon no ano 1936 (García; Bugallo; Guerra, 2002).
No curso 1963-64 chegaron ao Museo todo un conxunto de fósiles descubertos por Parga: osos de Mamut (Elephas primigenius) do Pleistoceno; catro placas de lousa arxiloso-ferruxinosa con tallos de crinoideos; catro grandes placas de lousas carbonosas con graptolitos e dentes fósiles de Equus caballus. Procedían de excursións xeolóxicas realizadas entre 1961 e 1965 en Lugo e Carballo (A Coruña), acompañado de diversos científicos, como López de Azcona, Torre Enciso e Gómez de Llarena, realizando a miúdo análises relacionados co uso industrial. Concretamente os fósiles de mamut procedían dunha canteira de caliza dolomítica de Buxán (Lugo) e foran depositados nas oficinas provisionais que a sociedade Cementos del Noroeste tiña instaladas ó carón da súa fábrica de Oural (Lugo), que estaba sendo construída con material da citada canteira (Bugallo, 2003).

Parga colaborou coa familia Fernández -José (1904-1986) e Antonio (1906-1971), Carmona, 2006- en diversos proxectos, orientándoos sobre a existencia deses depósitos de calizas e a súa posíbel aplicación na industria do cemento, información que dará orixe á primeira empresa de cementos galega, Cementos do Noroeste S.A. de Oural (Fraga, 2012).

A restitución da súa figura

En 1969 Parga retirouse do traballo científico, entendido como labor continuado e cotiá. Catorce anos despois, en 1983, foi rehabilitado pola Universidade de Santiago, que o nomeou Doctor Honoris Causa. Esta distinción viña a sumarse a outras anteriores, como o premio Alonso Barba, concedido en 1930 pola Sociedad Española de Física y Química, o Pedrón de Ouro de 1965 ou o premio Castelao de Investigación outorgado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo e pola Universidade de Santiago (1982).

Parga foi autor de máis de oitenta traballos científicos. Unha detallada relación dos mesmos pode consultarse no libro Isidro Parga Pondal. Vida e obra (Vidal, 1984). En 1978, os seus compañeiros especialistas en Xeoloxía editaron un libro homenaxe dedicado á súa figura: Geología de la parte Norte del Macizo Ibérico (Anthonioz, 1978). Con moitos deles concidiu nas sociedades científicas das que foi membro: Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, Sociedad Española de Historia Natural, Société Géologique de Francia, Société Belge de Géologie et Hydrologie e Real Academia Galega.

A morte do seu fillo, José Ramón Parga Peinador, en 1978, supúxolle un enorme quebranto persoal e institucional. A desaparición da persoa que ía ser o continuador do seu labor científico puxo en grave risco a supervivencia do propio Laboratorio Xeolóxico. Afortunadamente, as xestións emprendidas por Carlos Rodríguez Baltar atoparon unha xenerosa acollida en Isaac Díaz Pardo, fundador do Grupo de empresas de Sargadelos. Así, en 1979 procedese ao traslado do fondo documental, hemeroteca e biblioteca dende Laxe á nova sé do Laboratorio, que está situada dende entón na fábrica de Sargadelos no Castro (Sada, A Coruña).

A Universidade da Coruña, co fin de recoller o seu legado, estableceu un convenio de colaboración co Laboratorio Xeolóxico de Laxe en 1994, que foi transformado tres anos despois no actual Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal”. Dirixido polo profesor José Ramón Vidal Romaní, preserva os fondos documentais e bibliográficos, que inclúe os Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe.

Parga Pondal foi un digno representante desa xeración de científicos que uniu o seu amor pola ciencia coa súa relación co galeguismo. Á súa excepcional achega como científico, case na súa totalidade á marxe de calquera axuda oficial, temos que sumarlle o seu imprescindíbel papel como coordinador das investigacións que distintos grupos de traballo estranxeiros realizaron en Galicia. Todos os especialistas coinciden en que é unha das grandes figuras da nosa historia científica. Falar en Galicia de Xeoloxía é falar de Parga Pondal.



Bibliografía:



Fontes impresas:

PARGA PONDAL, Isidro (1927a): El contenido en yodo de las principales algas marinas de Galicia, Santiago: Tip. El Eco Franciscano.

PARGA PONDAL, Isidro (1927b): Sobre a presencia da ilmenita nas areas de Galicia. Análisis da ilmenita de Balarés, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, I: 239-242. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro (1927c): Análisis da evansita de tres localidades galegas, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, I: 243-248. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro (1929a): Sobre la presencia de la pirrotina en Galicia. Análisis de la pirrotina de La Mañoca (Santiago), Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, II: 6-9. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro (1929b): Estudio químico de la nontronita de Chenlo (Pontevedra). Mineral nuevo para España, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, II: 11-18. Publicado tamén en separata.

GARCÍA-BLANCO, J. e PARGA PONDAL, ISIDRO (1929c): El mecanismo de acción de la dihidroxiacetona en el organismo humano, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, II: 19-25. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro e VÁZQUEZ GARRIGA, J. (1929d): Contribución al estudio de los minerales de wolframio en Galicia. Análisis de las wolframitas de la Brea, Corpiño y Carboeiro (Lalín) Pontevedra, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, III: 97-103. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro e LORENZO SALGADO, Dolores (1930a): Sobre la presencia de la magnetita y de la ilmenita en las arenas de las playas gallegas, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, V: 15-22. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, Isidro e VÁZQUEZ GARRIGA, J. (1930b): Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia, II. Análisis de las scheelitas de Carbia y Villar de Cervos, Arquivos do Seminario de Estudos Galenos, V: 23-26. Publicado tamén en separata.

PARGA PONDAL, I.; ARANGO, A. (1930c): Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia. Análisis de las wolframitas de Juno, Monte Neme, Casayo, A Veiga y Vilacoba, Anales de la Sociedad Española de Flisica y Químicia, XXVIII: 905-909.

PARGA PONDAL, Isidro (1930d): Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia. I. Análisis de las scheelitas de Carbia y Vilar de Ciervos, Anales de la Sociedad Española de Flisica y Químicia, XXVIII: 262-265.

PARGA PONDAL, Isidro (1931): Estudio petroquímico de la diorita cuarcífera de la Estaca de Vares, Anales de la Sociedad Española de Flisica y Químicia, 29. Publicado tamén en Separata.

PARGA PONDAL, Isidro (1932): Petroquímica de la anfibolita con titanita de Riboira (Galicia), Anales de la Sociedad Española de Física y Química, 30: 426-432.

PARGA PONDAL, Isidro (1935a): Arena monacítica de la Ría de Arosa, Anales de la Sociedad Española de Física y Química, XXXIII: 466-469.

PARGA PONDAL, Isidro (1935b): Ensayo de clasificación cronológica de los granitos gallegos, Anais da Facultade de Ciências do Porto, XX.

PARGA PONDAL, Isidro (1935c): Quimismo de las manifestaciones magmáticas cenozoicas de la Península Ibérica, Trabajos del Museo de Ciencias Naturales, Serie Geológica, 39-174.

PARGA PONDAL, I.; LOPEZ DE AZCONA, J.M.; MARTÍN CARDOSO, G. (1950): Hoja num. 68, Camariñas (La Coruña), Madrid: I.G..M.E.

PARGA PONDAL, I.; TORRE ENCISO, E.; LÓPEZ DE AZCONA, J.M. (1957): Hoja num. 69, Santa Comba (La Coruña), Madrid: I.G.M.E.

PARGA PONDAL, Isidro (1963a): Mapa petrográfico estructural de Galicia, Madrid: I.G.M.E.

PARGA PONDAL, I.; GOMEZ DE LLARENA, J. (1963b): Yacimientos fosilíferos en las pizarras metamórficas de Guntín (Lugo, Galicia), Bol. R. Soc. Española Hist. Natural (G), 61: 83-88.

PARGA PONDAL, Isidro (1964): Mapa geológico de la provincia de la Coruña, Madrid: I.G.M.E.

PARGA PONDAL, Isidro (1965a): Contribuciones a la primera reunión sobre geología de Galicia y N. de Portugal, Publ. from the Depart. of Petrol. Min. and Cryst. of the Univ., Leydem, num. 35.

PARGA PONDAL, Isidro (1965b): Carte géologique du Nord-ouest de la Péninsule Ibérique (Hercynien et Ante-hercynien, Serv. Geol. Portugal.

PARGA PONDAL, Isidro (1966): Datos Geológicos-Petrográficos de la provincia de la Coruña, Estudio agrobiológico de la provincia de la Coruña, Santiago de Compostela: C.S.I.C.

PARGA PONDAL, Isidro (1980): Genealogía ascendente de Don Isidro Pondal Abente y de su esposa DoñaTeresa Araoz Royo, Laxe.

PARGA PONDAL, Isidro (1983): Mi sentimiento universitario y el Laboratorio Geológico de Lage. Discurso leído por Don Isidro Parga Pondal durante la ceremonia de investidura como Doctor Honoris Causa por la Universidad de Santiago el día 2 de diciembre de 1983, Santiago de Compostela: Universidade.

PARGA PONDAL, Isidro (1986): Datos Geológicos-Petrográficos, Estudio agrobiológico de la provincia de Pontevedra, Pontevedra: C.S.I.C.


Biografía secundaria:

ANTHONIOZ, P.M. et alii (1978): Geología de la parte Norte del Macizo Ibérico, Edición homenaxe a Isidro Parga Pondal, Cuaderno del Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, 27, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

BERAMENDI, J.G. (2007): De provincia a nación: historia do galeguismo político, Vigo: Ed. Xerais.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago, Santiago de Compostela: Universidade.

CARMONA BADÍA, X. (2006): De Lugo a Capetón: a traxectoria empresarial do grupo Fernández, Empresarios de Galicia, A Coruña: Ed. Caixagalicia; pp 409-434.

DÍAZ-FIERROS, F. (2010): Parga Pondal: o primeiro xeoquímico español, A Trabe de ouro, III, XXI: 347-353.

DOSIL MANCILLA, J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), El estudio de la flora y vegetacion marinas en España, Madrid: CSIC.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Madrid: CSIC.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (2012): O I+D+i e o galeguismo, un percorrido histórico, Grial, 193: 38-47.

GARCÍA, C.; BUGALLO, A.; GUERRA, X. (2002): O coñecemento da xeoloxía de Galicia a través das pegadas de Isidro Parga Pondal, Actas do VII Coloquio Galego de Museos. Santiago: Consello Galego de Museos; p. 155-164.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago, Santiago: Universidade.

MATO DOMÍNGUEZ, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

TORRE ENCISO, E. (1962): Hallazgo de dos molares de mamut (Elephas primigenius) en una cantera de Buján, provincia de Lugo”, Notas y Comunicaciones del Instituto Geológico y Minero de España, 65: 111-118.

TRUYOLS SANTOJA, J. (2000): Centenario de Isidro Parga Pondal, Boletín de la Comisión de Historia de la Geología de España, 13-14-15-16: 1-9.

VIDAL ROMANÍ, J.R. (1984): Isidro Parga Pondal. Vida e obra, Trasalba: Fundación Otero Pedrayo.

VIDAL ROMANÍ, J.R. (2009): El Laboratorio Geológico de Lage, Tierra y Tecnología. Revista de Información Geológica, 35: 73-80.