culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Lope Valcárcel Vargas

Un intenso traballo científico no estudo das infeccións e das augas mineromedicinais

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 13/05/2012

Extras de Lope Valcárcel Vargas: 

Extras sobre Lope Valcárcel Vargas:

Galeria



valcarcel_vargas_foto_2.jpg
valcarcel_vargas_foto_2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Lope Valcárcel Vargas”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=285
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1852
  • Falecemento: A Coruña 1909
Cursou os últimos anos do ensino secundario no Instituto da Coruña e licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago en 1874. Un ano antes fora nomeado alumno interno supernumerario do Hospital Clínico e, a primeiros de 1875, comezará a exercer coma axudante interino de clases prácticas de Terapéutica e Fisioloxía, renunciando á axudantía da cátedra en 1876. Foi médico-director de Baños e Augas Minerais por oposición e exerceu a súa profesión en distintos puntos do Estado e de Galicia. Dedicou unha especial atención profesional ás augas da provincia de Ourense ao estar destinado en Baños de Molgas, en 1888, e no Carballiño e Partovía entre 1895 e 1901, se ben xa con residencia na cidade de Ourense. Con anterioridade dirixira o balneario de Caldas de Reis (Pontevedra) dende 1891 a 1894.

A súa produción científica escrita semella comezar fóra de Galicia coa publicación, en Logroño, en 1880, dun tratado práctico elemental sobre as hemorraxias –obra comentada nos Anales de la Real Academia de Medicina-, e coa edición, ao ano seguinte en Palencia, da obra El reposo. La Naturaleza. Dios. Los materialistas. Ensayo sobre filosofía de la Naturaleza. Aínda fóra, publica en 1884 El cólera morbo asiático: ensayo de un estudio médico sobre esta enfermedad, escepción hecha de la anatomía... .

Valcárcel dedicou moitos anos ao estudo da difteria: probou a ineficacia de moitos remedios comúns e fíxoo ensaios que o levaron a padecer a enfermidade. Xa en Galicia, como director do balneario de Baños de Molgas, recibiu a medalla de ouro da Real Academia de Medicina y Cirugía de Barcelona, en 1887, pola memoria Historia de una epidemia de difteria ocurrida del año 1883 al 1884 en la villa de Carrión de los Condes. Ao ano seguinte obtivo o premio extraordinario outorgado polo Instituto Médico Valenciano coa obra La difteria y su tratamiento (Valcárcel, 1888), na que analiza a etioloxía, a diagnose diferencial e o tratamento da enfermidade, á que define como contaxiosa e infecciosa, en oposición á diferenciación entre os conceptos infección/contaxio que algúns preconizaban e que, para el, eran a mesma cousa e só levaban á confusión.

Salientar tamén a súa obra La pulmonía y su tratamiento (Valcárcel, 1894), premiada pola Real Academia Española de Medicina no concurso de 1891-92, e que é o resultado de 17 anos de traballo. Neste traballo, ademais da análise polo miúdo da enfermidade e da súa etioloxía, e das dúbidas que mostra sobre o seu posible carácter infeccioso, compre subliñar a extensa introdución na que argumenta as súas posicións vitalistas e afirma que, sen doutrina, non hai ciencia posible. A obra leva un limiar de Manuel Piñeiro Herba, profesor de Valcárcel nas aulas compostelás.

Cando exercía como director do balneario do Carballiño, publicou o traballo Memoria de las Aguas Minero-Medicinales de Carballino y Partovía (Valcárcel, 1896), que foi premiado na Exposición Universal de París de 1878. Ademais da descrición da fonte e das propiedades fisicoquímicas da auga, fai unha defensa da importancia da Hidroloxía médica como ciencia da saúde. Sobre este mesmo tema deu ao prelo a obra Las Burgas de Orense (o 425 caballos de vapor disponibles por segundo) (Valcárcel, 1902), premiada nos xogos florais de Ourense de 1901, na que, despois da descrición e estudo das augas das Burgas, fai fincapé nas aplicacións prácticas, incluso industriais, das augas. Por último, citar o Manual de Higiene para uso de la juventud (Valcárcel, 1904), obra de divulgación bastante completa e útil unha vez baleira dos contidos sexistas e moralistas propios da época.

Valcárcel foi tesoureiro do Colegio Médico de Ourense, membro de número da Sociedad Española de Hidrología, socio de honra do Instituto Médico Valenciano e correspondente da Real Academia de Medicina y Cirugía de Barcelona. Entre outras distincións estaba en posesión da medalla de prata do Colexio de Cirurxiáns de Boston.



Bibliografía:



Fontes Documentais:

Valcarcel Vargas, Lope. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes Persoais, Cartafol 1491.

Fontes impresas:

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1880): Las hemorragias. Tratado práctico elemental sobre el modo de conducirse el Médico en presencia de cualquier flujo de sangre, Logroño.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1884): El cólera morbo asiático: ensayo de un estudio médico sobre esta enfermedad, escepción hecha de la anatomía... , Carrión de los Condes: V. Macías e Hijos.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1888): La difteria y su tratamiento, Barcelona: Jaime Seix editor.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1894): La pulmonía y su tratamiento, Pontevedra: Imprenta y Librería de Andrés Landín.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1896): Memoria de las Aguas Minero-Medicinales de Carballino y Partovía, Ourense: Ayuntamiento de Carballiño.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1901): Gran balneario de Carballino: instrucciones para el buen uso de las aguas mineralizadas de este manantial..., Orense: Imp. de Antonio Otero.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1902): Las Burgas de Orense (o 425 caballos de vapor disponibles por segundo), Orense: Imp. Antonio Otero.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1903a): Tratamiento hidrotermal del asma esencial, XIV Congr Int Med. Sect. Hydrologie. Pharmacie, Madrid.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1903b): Acerca de la necesidad de que se generalice la comprobación de las defunciones, XIV Congr Int Med. Sect. Hydrologie. Pharmacie, Madrid.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1904): Manual de Higiene para uso de la juventud, Ourense: Imp. La Editorial.

VALCÁRCEL. VARGAS, L. (1908): Las aguas de la aliseda de la provincia de Jaen... , Madrid: Imp. y Esta. Tudescos, 29.


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951-54): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Imp. Paredes; vol. III: 436.