culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Baraja Fernández

Médico interesado polas Ciencias Naturais e o darwinismo

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 15/05/2012

Extras de Manuel Baraja Fernández: 

Galeria


Panorámica de Laxe, vila natal do médico e naturalista Manuel Baraja Fernández.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Manuel Baraja Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=287
Untitled Document

Panorámica de Laxe, vila natal do médico e naturalista Manuel Baraja Fernández.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Laxe (A Coruña) 1851
  • Falecemento: Laxe (A Coruña) 1933
Fillo do médico da vila de Laxe, Manuel Baraja licenciouse en Medicina o 1 de xuño de 1873 e axiña realizou oposición á praza de médico de Sanidade militar, que obtivo o 3 de novembro de 1873. Posteriormente, acadaría o doutorado en Madrid, o 17 de xuño de 1880, coa tese que leva por título De la naturaleza del glaucoma y de su tratamiento.

Na longa estancia no Exército ocupou diversos cargos, participou na guerra cos carlistas e residiu, entre outros lugares, en Ferrol, Ourense e Vigo. Na cidade olívica permaneceu 16 anos e foi director do Hospital militar desde 1904 a 1911, ano en que foi destinado ao Hospital de Alxeciras. En 1913, como subinspector médico de primeira clase da Junta Facultativa de Sanidad Militar, pasa a excedente na primeira Rexión Militar e é elixido vicepresidente da Asociación Filantrópica de Sanidad Militar. Xubilouse o 30 de novembro de 1915.

Colaborador de prensa, escribiu sobre variados temas (relacións internacionais, monumentos, cidades, emigración, etc.). Mantivo unha importante afección polas Ciencias Naturais e chegou a impartir docencia de Historia Natural no colexio San Agustín, adscrito ao Instituto de Pontevedra. Mantiña contacto co naturalista Víctor López Seoane, a quen lle enviou algúns exemplares de narcisos para os seus estudos deste xénero. En 1903 doou 31 especies de moluscos ao Instituto de Bacharelato de Pontevedra.

O estudo das Aves

Manuel Baraja é autor dun interesante libro, Aves Insectívoras y su beneficio para la Agricultura (Baraja, 1887), premiado por unanimidade no certame científico e literario celebrado en Ourense o 10 de Setembro de 1887 co gallo da erección da estatua a Feijóo. Nun texto dun claro enfoque práctico, pero sen carecer duns contidos científicos rigorosos, Baraja recolle consellos moi axeitados e modernos no aspecto da conservación do medio ambiente e da avifauna, tema que estaba a ser incorporado nas preocupacións dos especialistas europeos da época.

A descrición das Aves Insectívoras da “región Cantábrica”, basicamente Galicia, está precedida dunha clara exposición de como os naturalistas modernos contemplaban aos seres vivos. Contrapón esa visión, con clarividencia, coas teses dos partidarios do Plan da Creación. Sinala unhas noventa especies, das que comentan, ademais do nome científico, o vulgar, xeito de vida, alimentación e outros detalles, e da a impresión de posuír un importante coñecemento empírico do tema.

O tratamento das Aves é, en xeral, acertado, segundo os coñecementos da época. Tamén fai referencia aos Insectos, especialmente os relacionados coa Agricultura, e indica algunhas das súas características xerais, sobre todo no relativo á agricultura e danos causados. Refírese aos beneficios das Aves insectívoras, que relaciona coa conservación do arborado, alude ás leis existentes, e remata tratando a “Influencia de las Aves y los Insectos en la Agricultura Regional”. Nunha valoración global, diremos que o libro de Baraja é unha obra singular, na que hai erudición tradicional, pero tamén datos directos e un enfoque moderno, tanto nas concepcións como na sensibilidade do autor e na preocupación pola situación agrícola e do equilibrio natural. No eido estrito da Ornitoloxía, a obra ofrece un importante caudal de información.

Posición sobre a polémica darwinista

A súa curiosidade pola ciencia e as novas teorías fica de manifesto na intervención sobre a polémica provocada na época polo darwinismo. Sobre o tema escribiu un amplo artigo en 1877, “La doctrina transformista ante la ciencia actual”, por tratarse, segundo explica, dun asunto “muy controvertido hoy por su interés social y científico” (Baraja, 1877: 266). Esta contribución de Baraja pasou desapercibida ata hoxe para os estudosos da polémica evolutiva. No texto amosa un certo coñecemento do tema, algo pouco frecuente na época. Parte dunha posición crítica coas hipóteses carentes de base experimental, terreo no que sitúa ao darwinismo. De feito combate as teses desa proposta científica, pero non adopta a habitual posición belixerante dominante neses anos, e admite, de feito, o interese do darwinismo para o progreso da ciencia. Entre as razóns do rexeitamento figuran os supostos datos aportados polo rexistro fósil. E desbota a posibilidade de que o ser humano sexa produto da evolución biolóxica, pois considera que hai diferencias insalvables co resto dos seres vivos e pola ausencia de estados intermedios: “... nadie ha visto al mono antropoide o al humano sin palabras” (Baraja, 1877: 366).

Esta posición cambiou nos anos seguintes, algo moi pouco habitual entre os protagonistas do debate darwinista. De feito, no comentado libro sobre as Aves (Baraja, 1887), identifícase co transformismo, cos naturalistas que contemplan aos seres vivos desde esa perspectiva, nun “árbol genealógico” (Baraja, 1887: 8), cunha clara apoloxía do “ilustre Darwin” (Baraja, 1887: 69). Afirma que moitos atacan a Darwin sen coñecelo e que é imposíbel negar que os seres “se modifican bajo la influencia de las circunstancias en que viven y del medio en que se desarrollan, y que esta adaptación produce variaciones particulares que la herencia trasmite y perpetúa” (Baraja, 1887: 70). Salienta o moito que axuda ao naturalista poñer en práctica as teorías de Darwin e critica certas opinións: “Dudan algunos timidamente, aceptar teorías que les seducen en extremo, tan sólo porque, siendo el hombre parte integrante de los seres, entra en la ley general, prefiriendo ser ángeles degenerados y caídos, a constituir el límite superior del perfeccionamiento animal” (Baraja, 1887: 73).





Bibliografía:



Fontes documentais:

Cuerpo de Sanidad Militar. Hoja Matriz de Servicios de D. Manuel Baraja Fernández, Archivo General Militar, Servicio Histórico Militar. Segovia.

BARAJA FERNÁNDEZ, M. (1880): De la naturaleza del glaucoma y de su tratamiento, Tese de doutoramento lida na Universidade Central. Manuscrito de 25 follas, asinado. Biblioteca da Universidade Complutense (Depósito da Facultade de Medicina).

Fontes impresas:

BARAJA FERNÁNDEZ, M. (1877): La doctrina transformista ante la ciencia actual, Revista Cántabro-Asturiana, I: 265-69, 300-306, 331-336, 363-367.

BARAJA FERNÁNDEZ, M. (1887): Aves Insectivoras y su beneficio para la Agricultura, Ourense: Imprenta El Eco de Orense.

BARAJA FERNÁNDEZ, M. (1897, 1898): Apuntes de Ferrol, Galicia moderna, 1, 5: 10-13; 1, 14: 5-9; 2, 19: 12-16; 2, 20: 13-17.

BARAJA FERNÁNDEZ, M. (1905): La Verdad sobre la emigración, Galicia (La Habana, 1902), Ed. facsímil, 4, 44: 2-3.


Bibliografía secundaria:

FRAGA, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.