culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Luis Rodríguez Seoane

Médico e Reitor da Universidade, positivista teórico, político, xornalista e escritor

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 08/06/2012

Extras de Luis Rodríguez Seoane: 

Extras sobre Luis Rodríguez Seoane:

Galeria


Retrato de Luis Rodríguez Seoane. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Luis Rodríguez Seoane”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=296
Untitled Document

Retrato de Luis Rodríguez Seoane. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontevedra 1836
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1902
Realizou estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, institución na que desempeñaría a cátedra de Terapéutica. Progresista moderado, desenvolveu unha importante carreira política. Ocupou o Reitorado da Universidade de Santiago e a presidencia da Sociedad Económica de Amigos del País e do Ateneo León XIII desa cidade.

Profesor en Pontevedra, actividade política e xornalística

Rematados os estudos universitarios, marchou a residir a Pontevedra, en cuxo Instituto deu clases de Agricultura (Fraga, 1995). A cátedra desa materia foi creada no curso 1859-60 e Rodríguez Seoane foi o primeiro docente encargado de impartila (nomeado substituto por Real Orde de 29 de decembro de 1859). Ese mesmo curso pasou, tamén como substituto, a ocuparse de Xeografía e Historia e cesou no Instituto por Real Orde de 24 de setembro de 1861. No centro educativo estableceu amizade co profesor progresista Antonio Valenzuela y Ozores (1819-1866), que desde 1853 ocupaba a cátedra de Historia Natural. A raíz da morte deste editouse un texto laudatorio, Corona fúnebre a la memoria del Sr. D. Antonio de Valenzuela Ozores (1867), no que Rodríguez Seoane escribiu a introdución e un poema, “La quinta del Areal”.

Desde novo manifestou una clara vocación política. Nos tempos de estudante universitario tivo como compañeiros e amigos a algúns dos que serían importantes autores do Rexurdimento literario galego, como Aureliano Aguirre e Eduardo Pondal, e parece ser que participou, con eles, no famoso “banquete de Conxo” (reunión de estudantes liberais e traballadores, 1856).

A raíz da revolución de setembro de 1868 presidiu a Junta revolucionaria de Pontevedra (Fortes, 1993). Foi deputado nas Cortes por esa circunscrición (1869-1871) e polo distrito de Ponte Caldelas (1871-1872). Ocupou diversos cargos políticos, como o Goberno civil de Cáceres e a Dirección Xeral de Aduanas. Descontento coa xestión da I República, retirouse da primeira liña da actividade política, para volver a ser de novo deputado co Goberno liberal de Sagasta, en 1881 (polo distrito da Cañiza, 1881-1884); tras a paréntese conservadora, en 1886 foi senador pola provincia de Pontevedra (1886-1887), e, en 1888 gobernador en Asturias. No período 1899-1900 volveu a ser senador, neste caso pola provincia de A Coruña. Identificouse, politicamente, con Eugenío Montero Ríos, o cuco de Lourizán.

Na acción pública prestou atención a temas educativos e culturais. En 1868, na Junta de Pontevedra propuxo a creación dunha comisión a prol do ensino popular, que foi aprobada. Asemade, publicou un interesante traballo pedindo a creación do Ministerio de Instrución Pública (Rodríguez Seoane, 1883). Participou no Congreso de Agricultura e Pesca celebrado en 1886 en Santiago a instancias da Sociedad Económica de Amigos del País. Tomou parte no debate sobre o ciclo vital da sardiña e a regulación da súa veda, tema de especial transcendencia científica, económica e social. Na intervención, que salienta pola súa argumentación racional, referiuse á visita que realizou á Estación Zoolóxica de Nápoles, e apoiou a creación dun centro similar no Estado español, localizado en Galicia. Co gallo da creación do Museo Arqueológico Central de Galicia leu o discurso inaugural (Rodríguez Seoane, 1884).

Colaborou activamente con diversos xornais da época, sobre todo da cidade do Lérez. Foi un dos fundadores do semanario pontevedrés El País (1857) e dirixiu El Progreso; colaborou en El Siglo Médico, La Perseverancia, Revista de Galicia e Faro de Vigo. En 1866 mantivo unha polémica con Indalecio Armesto, de pensamento máis radical (Barreiro Barreiro, 1991). Cultivou a poesía, escribindo diversos poemas, algúns no idioma propio do país, entre eles un soneto adicado á translación dos restos de Rosalía de Castro ao panteón de Santo Domingos (Carballo Calero, 1975).

Positivismo teórico en Terapéutica nunha contorna ancorada na “filosofía médica”

En 1874 obtivo por oposición a cátedra de Terapéutica, materia médica y arte de recetar da Universidade de Santiago de Compostela, ampliando estudos en 1878, en Francia e Italia. Accedeu a unha Facultade de Medicina na que estaban recentes dúas polémicas oposicións. A primeira, na primavera de 1871, tivera por obxecto a cátedra de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica, á que opositaron Timoteo Sánchez Freire e Ramón Varela de la Iglesia (Fraga, 1998). A segunda, realizada na segunda parte do ano 1871 e rematada en 1872, afectaba á cátedra de Anatomía e optaban a ela Francisco Romero Blanco e Francisco Arpal y Daina. O desenvolvemento e resultado desas oposicións deixara ben claro que o grupo dominante na Facultade de Medicina era partidario de trasnoitadas correntes “filosófico-médicas”, hipocratismo, vitalismo e “eclecticismo médico”, o que tiña, máis alá dos debates teóricos, evidentes consecuencias docentes, clínicas e experimentais.

En contraste con esa posición, Luis Rodríguez Seoane, con Maximino Teijeiro e, doutro xeito, Ramón Varela de la Iglesia, foron os protagonistas da recepción do positivismo na Medicina galega da segunda metade do século XIX (Fraga, 1997). Como aconteceu con Teijeiro, con quen mantiña unha notable afinidade política, a moderación formal con que Rodríguez Seoane expresou as súas ideas positivistas, eliminando referencias ideolóxicas, puido favorecer que a identidade filosófica destas pásase bastante desapercibida.

A concepción de Rodríguez Seoane figura en diversas intervencións, e, concretamente, no discurso que leu na inauguración do curso 1895-96, Paralelo entre la Terapéutica antigua a moderna (Rodríguez Seoane, 1895). No texto defendeu unha Terapéutica innovadora, concretada na observación e experimentación controlada, fuxindo das ideas preconcibidas características dos enfoques idealistas e do empirismo médico, baseado nunha sucesión de experiencias sen análise das súas relacións e sen pretensión de elaborar leis xerais. A repetición das teses experimentais de Bernard van acompañadas de explícitas alusións eloxiosas ao seu “maravilloso genio” (Rodríguez Seoane, 1895: 69). Co gallo da morte de Teijeiro publicaría unha corta e sentida nota (Rodríguez Seoane, 1900), que salienta pola precisión con que identifica as concepcións médicas do amigo, que eran as súas.

Publicou Los nuevos tratamientos curativos de las enfermedades sifilíticas (Rodríguez Seoane, 1878), unha Memoria dirixida ao tribunal nomeado para xulgar no concurso libre de prazas de médicos de baños. A pregunta á que debía responder era que non sendo posible a curación da sífilis polo tratamento hidro-mineral exclusivamente, “¿qué indicaciones pueden llenarse con el uso de las aguas y baños minerales de España en los diversos períodos de esta enfermedad?” (Rodríguez Seoane, 1878: IV). O traballo céntrase en cuestións terapéuticas, aclarando que as augas só auxilian, e que, para curar era preciso acudir á medicación mercurial iodurada. Xunto ás consideracións sobre o axeitado tratamento da sífilis, desenvolve a defensa da metodoloxía experimental no eido médico. Segundo Anónimo (1974), publicou o artigo “La enfermedad de Poyo”, na prestixiosa revista El Siglo Médico. Tamén deu á luz un artigo, “Lecciones de terapéutica. Materia médica y arte de recetar”, na Ilustración Gallega y Asturiana, en 1880, sobre o discurso que Francisco Javier Castro y Pérez ofrecera na Real Academia de Medicina de Madrid.

Achegouse á Historia da Medicina no artigo “Varela de Montes y la Escuela médica de Santiago” (Rodríguez Seoane, 1880), unha das primeiras contribucións a unha bibliografía apoloxética que mesturou autores de moi diversa teoría e práctica dun xeito ahistórico. As notables diferenzas doutrinais e metodolóxicas e, mesmo, os enfrontamentos que se observan entre o profesorado da Facultade de Medicina poñen en evidencia o carácter mítico da suposta escola médica compostelá. Rodríguez Seoane tiña que coñecer ben as importantes contradicións existentes no seo da Facultade de Medicina compostelá, que derivarían, entre outras cousas, na marxinación de Varela de la Iglesia e outros innovadores próximos, como Manuel Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos, o que se traduciu nunha relevante perda de excelencia científica para a Universidade de Santiago. Quizás Rodríguez Seoane buscaba unha interlocución amable cos sectores conservadores. En todo caso, sorprende a defensa incondicional da figura de Varela de Montes, chegando a realizar un comentario claramente extravagante e incomprensible sobre ese celebrado profesor: “llegó a colocar la Fisiología y la Patología en más firme terreno que los más sabios histólogos alemanes, franceses e ingleses contemporáneos suyos” (sic).

Por outra banda, a opción a prol dunha medicina experimental contrasta coa práctica ausencia de traballo orixinal entre os médicos positivistas. Luis Rodríguez Seoane referiuse ao tema, queixándose das poucas facilidades das que dispuxo para a experimentación (Rodríguez Seoane, 1895). Á marxe dese argumento, podemos supoñer que quizás as ocupacións públicas, o labor político lonxe da Universidade e de Galicia, puideron atrancar o desenvolvemento do labor práctico.



Bibliografía:



Fontes impresas:

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1867): Introducción, Corona fúnebre a la memoria del Sr. D. Antonio de Valenzuela Ozores, Pontevedra: Imprenta del Siglo; V-XI.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1878): Los nuevos tratamientos curativos de las enfermedades sifilíticas, Madrid: Moya y Plaza.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1880): Varela de Montes y la Escuela médica de Santiago , Santiago: Impr. Gaceta Galicia.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1883): El Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes o indicaciones para la reforma de la enseñanza, Santiago: Impr. de La Gaceta.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1884): Discurso pronunciado en la solemne inauguracion del Museo Arqueólogico Central de Galicia fundado por la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, el día 19 de Julio de 1884, Santiago: Estab. Tip. Eusebio Alonso Vieites.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1894): Programa de terapéutica, materia médica y arte de recetar: curso de 1893 à 1894, Santiago: Universidad de Santiago.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1895): Paralelo entre la Terapéutica antigua y la Terapéutica moderna. Discurso inaugural del curso de 1895 a1896, Santiago: Impr. Paredes.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1900): Efemérides de la Universidad, Boletín Medicina y Cirugía, 17: 450-451.

Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1974): Rodríguez Seoane, Luis, Gran Enciclopedia Gallega, 27: 66.

BARREIRO BARREIRO X.L. (1991): Indalecio Armesto. Filósofo, republicano, masón, Santiago de Compostela: Servicio Publcacións da Universidade.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (Coord.) (2003): Parlamentarios de Galicia. Biografías de deputados e senadores (1810-2003), Santiago: Parlamento de Galicia, Real Academia Galega; T. I, p. 604-5.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): Historia do Instituto de Pontevedra. As Ciencias Naturales, 1845-1936, Pontenova, Revista de Investigación Xove, n.º 1, Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra.

FRAGA VAZQUEZ, Xosé A. (1997): Influencia de la investigación biomédica francesa en el siglo XIX. La recepción de la obra de Claude Bernard y de Louis Pasteur en Galicia, Ciencias, educación e historia. Actas V Simposio de Historia e Ensino das Ciencias, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro; 565-576.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

FORTES, X. (1993): Historia de la ciudad de Pontevedra, La Coruña: Galicia Editorial.

LOPEZ OTERO, J. (1899): El periodismo en Pontevedra, Pontevedra: R. Quintas.