culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Varela y Ulloa

Mariño e cartógrafo das costas de África e América

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 08/06/2012

Extras de José Varela y Ulloa: 

Extras sobre José Varela y Ulloa:

Galeria


Varela y Ulloa: Detalle do plano topográfico dos afluentes do río Uruguai (1788). Biblioteca do Congreso, Washington (EE.UU.).

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “José Varela y Ulloa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=297
Untitled Document

Varela y Ulloa: Detalle do plano topográfico dos afluentes do río Uruguai (1788). Biblioteca do Congreso, Washington (EE.UU.).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Palas de Rei (Lugo) 1739
  • Falecemento: A Habana 1794
Durante os séculos XVIII e XIX, Cádiz destacou como principal porto dentro da organización estratéxica da Armada española. De aí que da súa Compañía e Academia de Guardias Marinas, creada en 1717 para instruír á oficialidade en consonancia coas novas esixencias da navegación e da guerra (Fraga Vázquez, 1997), saíran nomes notables no desenvolvemento da ciencia española, sobre todo nos ámbitos da Cartografía e das Matemáticas. Un deles foi o galego José Varela, xefe de escuadra e profesor na Academia gaditana, que destacou como xeógrafo e astrónomo en diversas comisións cartográficas de relevancia emprendidas en Latinoamérica e en África na segunda metade do século XVIII.

José Varela y Ulloa rematou aos vinte anos os seus estudos de garda mariña na Academia de Cádiz, nun momento en que dita institución atravesaba un período crítico, debido á falta de fondos para levar a cabo as súas actividades (López Sánchez et alii , 1995), e pasou a desempeñar as súas funcións no Departamento de Cádiz. En 1767 ascendeu a alférez de navío e ao ano seguinte foi nomeado terceiro mestre da Compañía de Guardias Marinas gaditana. En 1773 ascendeu ao grao de tenente de navío e como tal embarcou, en xaneiro do ano seguinte, na fragata “Rosalía”, mandada polo célebre mariño coruñés Juan de Lángara (e na que tamén ía José de Mazarredo), co primeiro destino importante da súa dilatada carreira como cartógrafo: a determinación da lonxitude e latitude da Illa Trinidad. Tras un novo embarque (de abril a setembro de 1775) no navío “San Francisco de Paula”, en calidade de axudante dos gardas mariñas, reincorporouse ao maxisterio na Academia de Cádiz.

O labor cartográfico en África occidental

En febreiro de 1776 ascendeu a capitán de fragata e catro meses despois embarcou, por orde real, na fragata francesa “Boussole”, ao mando do insigne mariño e matemático francés Jean-Charles La Borda (1733-1799), cun novo obxectivo: determinar as posicións xeográficas de varios lugares de África occidental (dende o cabo Espartel ata Cabo Verde). Varela foi o axudante principal do sabio francés, particularmente nos traballos de medición do cume do Teide e no levantamento do plano das Canarias; ademais, trazou dúas cartas que se incorporaron ao Atlas marítimo de España (1789), proxecto dirixido polo matemático e mariño gaditano Vicente Tofiño (1732-1795) que pode considerarse como punto de partida da moderna cartografía española (Navarro; Glick, 1983). A relación de Varela con Tofiño, por estas datas, non se limitou a este proxecto, xa que os dous colaboraron nas observacións feitas en 1777 no Observatorio Real Astronómico de Cádiz (Tofiño, 1776-77).

Só un ano despois, en 1778, o mariño galego atopábase comandando unha expedición ao Golfo de Guinea, para tomar posesión das illas Annobón e Fernando Poo, en virtude dos tratados con Portugal. Fixo descricións das correntes, dos ventos, das mareas, das diferencias periódicas da atmosfera, etc., e determinou a latitude destas illas e das veciñas de Santo Tomé e Príncipe, e do Cabo López. Desembarcou en abril do 1779 e ao mes seguinte foi destinado ao navío “Rayo”, co grao de capitán.

Na demarcación de límites en América

En 1782 foi comisionado, en calidade de comisario xeral, na Demarcación de Limites hispano-portugueses na América meridional, na que tamén participou o cartógrafo pontevedrés Pedro Antonio Cerviño. Nas Memorias del Depósito hidrográfico dáse razón dos valiosos resultados desta comisión, que durou dous anos (1784-86) e que se estendeu de norte a sur pola costa arxentina (dende Maldonado ata Río Grande); inclúen observacións para determinar as posicións astronómicas de Montevideo e Bos Aires. Relevado do seu maxisterio na Academia de Guardias Marinas gaditana (en 1790) e ascendido a xefe de escuadrón, pasou a desempeñar unha comisión á América septentrional. Morreu na Habana, deixando dous fillos, os alféreces segundos tenentes Juan José e Joaquín Varela.

Membro da Academia de Ciencias de París (dende 1775) e socio benemérito da Real Sociedad Vascongada, José Varela y Ulloa deixou moitos traballos hidrográficos e cartográficos de grande valor, tanto polas descricións que conteñen como pola multitude de observacións astronómicas que evidencian a notable cultura científica do seu autor, quen practicaba os procedementos máis adiantados da época (Couceiro Freijomil, 1954). A Academia de Guardias Marinas propuxo que se imprimira unha obra manuscrita de Varela para que fose empregada como libro de texto da materia de Cosmografía, mais non temos constancia de que chegara a publicarse (López Sánchez et alii, 1995:15).



Bibliografía:



Fontes impresas:

AA.VV. (1809): Memorias del Depósito hidrográfico, Madrid: Imp. Real, tomo 1, memoria 1ª, p. 2, 14, 15, 74 e 78; memoria 2ª, p. xiii, 7 e 20.

GUMMÁ Y MARTÍ, A. (1930): Indice de la obra dada a luz por D. Jerónimo Becker: Diario de la Primera Partida de la Demarcación de límites entre España y Portugal en América, Madrid: Imp. del P. de H. de Intendencia e Intervención Militares.

TOFIÑO, V. (1776-77): Observaciones astronómicas hechas en Cádiz, en el Observatorio de la Compañía de Cavalleros Guardias Marinas, 2 vols., Cádiz: Imp. de la Compañía.

TOFIÑO, V. (1989): Atlas Marítimo de España [1789]. Cádiz: Instituto Hidrográfico de la Marina.

VARELA Y ULLOA, J. (1784): Plano del Rio Uruguay desde Yapeyu hasta la Estancia de Sn. Gregorio, Washington: Library of Congreso.

VARELA Y ULLOA, J. (1787): Carta Esferica de la Costa de Africa desde Cabo Espartel, a Cabo Bojador è Yslas Adyacentes…, Madrid: Dirección de Hidrografía.

VARELA Y ULLOA, J. (1986): Derrotero y descripción de las Islas Canarias, Madrid: Ministerio de Defensa.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1974): Varela y Ulloa, José, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela: Silverio Cañada; T 29, p. 243.

ANÓNIMO (1980): Varela y Ulloa, José, Enciclopedia Universal ilustrada Europeo-Americana, Madrid: Espasa-Calpe; T 66, p. 1514.

CARRETE PARRONDO, J. (1986): Las ediciones del Atlas Marítimo Español de Vicente Tofiño y José Varela y Ulloa (1786-1789), Cuadernos de bibliofilia, 4: 19-26.

COUCEIRO PREIJOMIL, A. (1954): Varela y Ulloa, José, Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela: Ed. Bibliófilos Gallegos; vol. 3, pp. 462-463.

FERNÁNDEZ MORALES, M.J. (1986): Aportación a la Historia Hidrográfica Española. El derrotero de Canarias de Varela y Ulloa, Revista de Historia Naval, 15: 99-112.

FERNÁNDEZ PÉREZ, I. (2012): A obra científica do matemático astrónomo José Varela Ulloa, Lucensia, 12, 44: 27-42.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios Prácticos, A.A.V.V, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995), Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidad de Santiago; p. 405-427.

GONZÁLEZ GONZÁLEZ, F.J. (1992): El Observatorio de San Fernando (1831-1924), Madrid: Ministerio de Defensa.

GONZÁLEZ GONZÁLEZ, F.J. (1995): Instrumentos científicos del Observatorio de San Fernando (siglos XVIII y XIX). Madrid: Ministerio de Defensa.

KANTOR, Iris (2009): Cartografia e diplomacia: usos geopolíticos da informação toponímica (1750-1850), Anais do Museo Paulista, 17(2): 39-61.

LÓPEZ SÁNCHEZ, J.F., M. VALERA CANDEL & C. LÓPEZ FERNÁNDEZ (1995): La Academia de Guardias Marinas de Cartagena (1776-1824), Antilia, 1(3): 1-23.

NAVARRO, V. ; GLICK, T. (1983): Varela y Ulloa, José, Diccionario histórico de la ciencia moderna en España, J.M. López Piñero, T.F. Glick, V. Navarro Brotóns; E. Portela Marco, Barcelona: Península; T 2, p. 397-398.

VILANOVA RODRÍGUEZ, A. (1966): José Varela y Ulloa (Comisario General de la demarcación de límites hispano-portugueses en la América Meridional), Los gallegos en la Argentina, Buenos Aires: Ed. Galicia; T 1, p. 265-282.