culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Barcia Caballero

Un activo e polifacético médico conservador, profesor de Anatomía e introdutor da psiquiatría en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 15/06/2012

Extras sobre Juan Barcia Caballero:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Juan Barcia Caballero”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 17/08/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=300
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1852
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1926
Juan Barcia Caballero formou parte dunha notable saga de médicos. O avó, Juan Ramón de Barcia de la Cueva (1767-1840), fora catedrático da Facultade de Medicina de Santiago e vicepresidente da Real Academia de Medicina y Cirugía. O pai, Juan Ramón de Barcia y Nalda (1825-1902), e o fillo, Juan Barcia Eleicegui (1877-1946), tamén foron médicos, como o seu neto, Juan José Barcia Goyanes (1901-2003), catedrático de Anatomía e presidente da Real Academia de Medicina, e os seus bisnetos, Juan Luis Barcia Salorio (1929-2002), primeiro catedrático de neurocirurxía en España, e Demetrio Barcia Salorio, catedrático de psiquiatría. Os apelidos desta familia permiten observar un dos habituais casos de endogamia que caracterizou á elite universitaria.

Grande actividade social

De ideoloxía conservadora, formou parte activa, con Alfredo Brañas e outros compañeiros, do grupo rexionalista compostelán, ponla dereitista do movemento. A fonda afección literaria traduciuse en numerosas creacións no idioma propio do país. Como poeta obtivo diversos galardóns. Co poema “O arco da vella” acadou o premio do concurso literario de Vigo de 1881; co dedicado a Rosalía de Castro, o do Círculo de Artesanos da Coruña, e co titulado “Brétemas”, un premio nos Xogos Florais de Tui. Foi membro da Real Academia Galega e recibiu o título de Reitor honorario da Universidade compostelá. En 1905 presidiu a Comisión organizadora do “Homenaje al Quijote” e en 1909 a comisión de propaganda da “Exposición Regional Gallega”. Autor do “Himmo al Apóstol”, ensinou alemán no Instituto de Santiago.

Ademais do seu labor docente e científico, mantivo unha importante actividade polemista, reflectidas en numerosos artigos e conferencias e como presidente de asociacións confesionais, como Juventud católica e o Ateneo Leon XIII. Nos debates da ciencia do seu tempo sempre se amosou partidario da ortodoxia católica, a prol da harmonía entre a ciencia e a relixión, que na práctica significaba a anacrónica supeditación do saber científico á “verdade revelada”. Colaborou coa Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, da que foi bibliotecario-arquiveiro e que inicia unha activa etapa no ano 1882. Nesas datas escrebe unha nota, “Las Evoluciones de la Materia” (Barcia Caballero, 1883 b), na que se fai eco dunha conferencia na Sociedad Económica de Talegón, profesor de Farmacia, sobre ese interesante tema. Eloxia ao conferenciante e identifícase coa súa oposición ao “credo materialista”. A modo de exemplo dos excesos da “ciencia impía”, explica o caso do famoso Bathybius, exemplo moi socorrido na época. Remata referíndose ao darwinismo, que rexeita, realizando a distinción habitual neses anos. Sinala que, “por desgracia”, hai “talentos de gran valía” dentro da escola transformista, xunto a materialistas “groseros y vulgares”, que descualifica.

Entre as intervencións puntuais sobresae unha conferencia que pronunciou na Sociedad Económica (Barcia Caballero, 1884), na que desenvolve o significado de nutrición, cuestionando que as especiais condicións atmosféricas fosen causa de enfermidade. Considera máis factible que a causa da transmisión resida nos microbios que poidan estar no aire, que esperan ás condiciones adecuadas para desenvolverse. O texto, nun ton de divulgación, amosa o interese polo mundo microscópico, a Microbioloxía, e a recepción das ideas sobre enfermidades contaxiosas. Lembremos que, sobre esta última cuestión, ata o ano 1877 adoitaban dominar as interpretacións non animadas do contaxio, como a teoría miasmática. Barcia amosa certo coñecemento do tema e identifícase coas concepcións modernas.

No ámbito sanitario o seu labor salienta como médico xeral, morfólogo, dermatólogo e neuropsiquiatra. Foi médico titular do Seminario diocesano, de todos os conventos de clausura, dos arcebispos Martín de Herrera e Lago González e do Hospital de Sordomudos e Cegos. Redactor da Revista médica gallega, órgano do Hospital clínico, e da Revista de Criminología y Medicina Legal de Bos Aires. Dirixiu o Hospital San Roque, para tratamento da sífilis.

Labor como morfólogo

Licenciouse en Santiago, en 1873, realizando tamén o doutorado na Universidade compostelá, en 1874, coa memoria "Acomodación del ojo en la visión a diferentes distancias" (com. pers. Ponte Hernando). Ese mesmo ano foi nomeado axudante interino de Anatomía. Accedeu, R.O. 13 febreiro de 1893, á cátedra de Anatomía de Granada, pasou en 1895 a Santiago, en comisión de servizos, e dous anos despois foi nomeado catedrático de Anatomía nesta universidade. Aliñouse co seu mestre, Francisco Romero Blanco, no sector tradicionalista da Facultade de Medicina, dominante na institución.

Publicou diversos programas e libros de texto da materia. O Programa de Anatomia práctica (Barcia Caballero, 1883 a) é un listado xeral de temas, de 12 páxinas. Con un título similar publicaría outro texto anos despois (Barcia Caballero, 1896), pero, a pesar desa denominación, nas 446 páxinas deste libro expóñense 82 leccións correspondentes a un manual para actividades prácticas da materia. Tamén publicou Programa de Anatomía Práctica (Barcia Caballero, 1896), e, con Vicente Goyanes, Anatomía práctica (Barcia Caballero & Goyanes, 1898). En 1899 leu o Discurso de inauguración de Curso da Universidade (Barcia Caballero, 1899), feito que repetiu en 1912 co discurso “La locura y la libertad” (Barcia Caballero, 1912). Con sona de posuír boas dotes de mestre (Baltar Domínguez, 1968), semella que relegaba o libro a un papel secundario con relación ao estudio práctico e non gustaba de ofrecer novidades. O certo é que os textos están ausentes destas, se ben semella que as diseccións descritas foron realizadas polo autor.

Non desenvolveu investigacións orixinais sobre a súa disciplina, e ficou, no terreo teórico, nunha especulación obsoleta, funcionalista, supeditando a morfoloxía á función. Unha posición que pon de manifesto no Discurso que le na inauguración do curso 1899-1900, “Homología de los miembros” (Barcia Caballero, 1899). No texto realiza unha aplicación e exemplificación do modelo científico cuveriano (polo científico Georges Cuvier) á Anatomía, partindo da frase central, que repite continuamente e utiliza como fío argumental: “La función es el eterno por qué y para qué del órgano”. O tema das homoloxías era unha cuestión posta de moda pola Anatomía comparada da primeira parte do XIX, con Richard Owen precisando o sentido. O darwinismo interpretounas en termos de orixe común, pero Barcia utilízaas no sentido tradicional, no contexto das correlacións orgánicas. Desexa amosar, dun xeito descritivo, como a variedade funcional actúa sobre a individualidade. Partindo desa perspectiva funcionalista pretende demostrar que ás complicacións ou modificacións dunha determinada función “seguirán las complicaciones o modificaciones de los miembros como sigue la sombra al cuerpo” (Barcia Caballero, 1899: 17). A expresión é ben ilustrativa da tese de Barcia, que se ben estaba amplamente espallada entre os seus colegas, levaba bastantes anos superada.

Recoñece que, nese tempo, hai que referirse ao darwinismo para falar sobre eses temas. Mais, inmediatamente, ten bo coidado de precisar, pois é “católico sincero y convencido, sin matices ni componendas”, que entre a Relixión e a verdadeira Ciencia non poden darse conflitos. Pretende diferenciar Evolución e Transformismo, e chega a dicir que se poden defender “sin sacrificar de cerca ni de lejos en los altares darwinistas; y sin apartarse un punto de las enseñanzas de la Iglesia” (Barcia Caballero, 1899: 9). O comentario é forzado e retórico e semella indicar a crecente presencia da Morfoloxía darwinista, pois, unha vez feito, Barcia continúa coa súa análise tradicional.

Introdutor da psiquiatría en Galicia

No ámbito da dermatoloxía e sifilografía foi docente de na Facultade de Medicina, redactor da Revista Española de Dermatología y Sifilografía e director do Hospital de Sifilíticos de San Roque. Pero o seu labor médico fundamental ten que ver coa psiquiatría, da que foi introdutor en Galicia. Iniciouse na materia dun xeito autodidacta. Cando en 1886 se publicou o decreto que establecía a conveniencia de ensinar Neuropatías e enfermidades mentais, a Universidade de Santiago fíxose eco e Barcia Caballero foi o responsable de iniciar as clases en 1892 (Barcia Salorio, 2001). En 1885 fora creado o Sanatorio de Conxo, con Timoteo Sánchez Freire de director, a quen substituíu Barcia, que se adica, co inicio do novo século, á Psiquiatría.

Sobre o tema publica en 1902 El estupor melancólico, co que gaña o primeiro premio do Concurso Internacional de París de 1901. Esta monografía de 24 páxinas está dedicada ao seu pai e discípulos e a Timoteo Sánchez Freire. Posteriormente foi recollida en De Re Phrenopática (Barcia Caballero, 1915), unha reunión de diversos artigos (obra reeditada pola Xunta de Galicia en 1999). Entre os textos, salientan “Los delirios histéricos”, “La sugestión de los locos”, “Un caso raro de ¿histerismo?”, “Un caso de espasmo de esófago”, “Un caso de locura mal diagnosticado”, “Las neuropatías bienorrágicas” (traballo presentado ao XIV Congreso Médico Internacional de Moscú), “Sobre un caso notable de epilepsia”, “La locura parcial y las monomanías de Esquirol”, “La locura” (apuntes para un libro). Segundo Barcia Salorio, 2001, dúas ideas marcaban a pauta do enfoque de Barcia Caballero no relativo á asistencia psiquiátrica, a “finalidade social”, o intento de axudar ao enfermo para a súa “reinserción” na sociedade, e a prioridade da “hospitalización” fronte ao concepto francés de “colonia”. Segundo este autor, entre as preocupacións terapéuticas de Barcia salientan o interese pola hipnose e pola suxestión. Foi o único especialista galego entre os fundadores da Asociación Española de Neuropsiquiatría (Simón, 2005).



Bibliografía:



Fontes impresas:

BARCIA CABALLERO, J. (1883 a): Programa de Anatomía práctica, Santiago: Imprenta de José Mª Paredes.

BARCIA CABALLERO, J. (1883 b): Las evoluciones de la materia, Rev. Soc. Econ. Amigos País Santiago, 15: 113-114.

BARCIA CABALLERO, J. (1884): Conferencia, Rev. Soc. Econ. Amigos País Santiago, 33: 303-308.

BARCIA CABALLERO, J. (1896): Programa de Anatomía práctica, Santiago: Imprenta Paredes.

BARCIA CABALLERO, J. (1899): Homología de los miembros: Discurso inaugural curso 1899-1900, Santiago: Universidad.

BARCIA CABALLERO, J. (1912): La locura y la libertad: discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1912 a 1913, Santiago: Universidad Literaria.

BARCIA CABALLERO, J. (1915): De re phrenopática, Santiago: Imp. de El Eco de Santiago.

BARCIA CABALLERO, J. (1923): La demencia precoz, la catatonia y la epilepsia, Asociación Española para el Progreso de la Ciencias. Congreso (9º. 1923. Salamanca), Noveno Congreso celebrado en la ciudad de Salamanca: IX Congreso de la Asociación Española para el Progreso de la Ciencias, 1923, Salamanca, Madrid : [s.n.], 1924; V.9, p. 35-39.

BARCIA CABALLERO, J. & GOYANES , V. (1898): Anatomía práctica, limiar de Timoteo Sánchez Freire, Santiago: Imprenta Paredes.

SUBIRA Y NICOLAU, J. (1891): Conocimientos fundamentales de historia natural con un compendio de higiene; revisada la higiene por el Dr. D. Juan Barcia Caballero, Santiago: Imprenta de José Mª Paredes.

Bibliografía secundaria:

ANGOSTO SAURA, T.; GARCÍA ÁLVAREZ, M. X.; GONZÁLEZ GARCÍA, A. (1997): Historia del Manicomio de Conxo: Sus primeros médicos y sus clasificaciones diagnósticas (Un estudio a través de 528 Historias Clínicas), VV.AA., La Locura y sus Instituciones (Actas de las II Jornadas de Historia de la Psiquiatría) , Valencia, Diputación de Valencia; p. 61-87.

BALTAR DOMINGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, VV.AA., 21ª Exposición La Escuela Médica Compostelana, Santiago: Insto. Padre Sarmiento de Estds. Gallegos (CSIC); p. 1-26.

BARCIA SALORIO, D. (1986): La obra psiquiátrica de Juan Barcia Caballero, El Correo Gallego, 17 maio 1986, p 47-49.

BARCIA SALORIO, D. (2001): El Dr. J. Barcia Caballero (1852-1926), su vida y su obra, Setenta y cinco años de historia de la psiquiatría (1924-1999), Jornadas Nacionales de Historia de la Psiquiatría (3ª. 1999. A Coruña), T. Angosto Saura, A. Rodríguez López, D. Simón Lorda (Compiladotes), Madrid: Asociación Española de Neuropsiquiatría; Santiago de Compostela: Asociación Galega de Saúde Mental; p. 305-323.

FRAGA, X. A. (2004): Influencias ideológicas en la recepción del darwinismo en Morfología biológica a finales del siglo XIX. Los casos de los médicos Francisco Romero Blanco y Juan Barcia Caballero, Llull, XXVII: 401-422.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, E. (1985): O nacemento da psiquiatría en Galicia, SISO/SAUDE, 3-4: 40-59.

GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, E.; SIMÓN LORDA, D. (2001): Una historia de la psiquiatría gallega en el siglo XX, Archivos de Psiquiatría, 64 (2): 101-136.

PONTE HERNANDO, F. J. (2013): El niño en la obra del psiquiatra D. Juan Barcia Caballero (1852-1926): médico y poeta, Cuadernos de Historia de la Pediatría española, 6: 12-20.

ROMERO VAZQUEZ, D. (1977): Galería de médicos gallegos ilustres, A Coruña: Imp. Moret.

SIMÓN LORDA, D. (2005): Locura, medicina y sociedad: Ourense (1875-1975), Ourense: Fundación Cabaleiro Goás.