culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Julián Francisco Suárez Freire

Primeiro español doutor en Farmacia e primeiro catedrático do Colexio de Farmacia de Santiago

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bermejo Patiño, M. R. e Sisto Edreira, R. e Fandiño Veiga, X. R.
  • Data de alta: 15/06/2012

Galeria


Retrato de Suárez Freire. Debuxo de Xosé Vizoso.

Como citar esta páxina:

  • Bermejo Patiño, M. R. e Sisto Edreira, R. e Fandiño Veiga, X. R. ([2012], “Julián Francisco Suárez Freire”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=301
Untitled Document

Retrato de Suárez Freire. Debuxo de Xosé Vizoso.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1751
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1832
De modesta condición social, Suárez Freire puido cursar os estudos de Farmacia en Madrid grazas ao financiamento dun compostelán para o que traballaba de servinte. Está considerado como o primeiro español doutor en Farmacia, grao que obtivo en principio en 1784 no Colexio de Boticarios de Cámara, presidido por Fernández Avello, aínda que o título oficial lle fose expedido en Madrid no ano 1804, recolleito nun libro de rexistro dos titulados como “hoja 1, núm. 1”. Este interesantísimo documento atópase no Museo de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela.

De ideoloxía liberal, estableceuse profesionalmente en Santiago, onde tamén desempeñou varios cargos como rexedor municipal durante a primeira etapa constitucionalista, que apoiaba incondicionalmente a ruptura coas institucións do Antigo Réxime e a construción do Estado liberal, que tivo como eixe de bóveda a Constitución de 1812. A esquina na que se atopaba a súa botica -entre o Preguntoiro e a praciña de Feijoo-, chegou a ser coñecida como a "esquina del combate" (Cotarelo, 1942), xa que a rebotica converteuse no centro de maior actividade política liberal da cidade. Este mesmo autor sitúa entre os contertulios ao cóengo Acuña Malvar, aos catedráticos da universidade Joaquín Patiño e Juan Camiña e ao impresor Antonio Rey.

A preocupación polos problemas sociais e o desenvolvemento económico da zona, levárono a sufragar a impresión dalgún libro sobre as estradas de unión coa meseta, traballando el mesmo nunha memoria. Outra das súas iniciativas que cita Cotarelo foi o estudo da posibilidade de dotar de alumeado público de gas á cidade, aínda que desde París o desanimase o seu amigo, o matemático Xosé Rodríguez, pola imposibilidade de obter de forma económica o carbón de pedra.

Bibliófilo entusiasta, Suárez Freire logrou xuntar unha importante biblioteca na que destacaban as obras científicas relacionadas coa Farmacia e a Botánica. Asemade, participou de forma activa no restablecemento das actividades da Sociedade Económica de Amigos do País, recuperada en 1820.

En 1806, por Real Orde, foi nomeado primeiro catedrático do Colexio de Farmacia de Santiago, cargo que conlevaba a distinción de Boticario de Cámara, pero que, como consecuencia da Guerra da Independencia, na que Freire se implicou preparando medicamentos para o exército, demorou a posta en marcha ata a refundación de 1815 co nome de Colexio de San Carlos, no que se ocupou da cátedra de Farmacia práctica ao mesmo tempo que, como director, realizaba numerosas xestións en colaboración con Xosé Rodríguez para dotar ao Colexio dunha localización estable, o que se conseguiu en 1820 coa instalación do mesmo na que fora casa da Inquisición.

Foi tal a amizade entre Suárez Freire e Xosé Rodríguez, que este, ao ter que regresar por motivos de saúde do exilio portugués a que o someteu a instauración absolutista de Fernando VII, foi acollido na súa casa por Suárez Freire, que foi declarado polo matemático de Bermés o seu herdeiro universal. Constituía parte da herdanza a colección de 1.024 modelos cristalográficos, catalogados e ordenados, coa que o abade René J. Haüy agasallou a Rodríguez ; os descendentes de Suárez Freire vendérona á Universidade de Santiago, onde se atopa actualmente no museo Luis Iglesias.

En 1821, cando xa dispoñía de local e das instalacións mínimas necesarias para o desenvolvemento dun nacente ensino experimental (biblioteca, laboratorio, colección de Historia Natural e un pequeno xardín botánico), o Colexio de Farmacia de Santiago foi suprimido por orde gobernativa e Suárez Freire integrouse na recén creada Escola Especial de Ciencia de Curar, que englobaba a Facultade de Medicina e os Colexios de Farmacia e Cirurxía.

Como a unión da nova Escola non funcionaba e como na práctica os Colexios seguían funcionando cada un pola súa conta, en 1822 Suárez Freire solicitou a xubilación da súa cátedra para dedicarse integramente á súa farmacia. No Colexio de Farmacia compartiu docencia con Xosé Martín León y Mesa, catedrático de Historia Natural, con Sebastián Pérez, encargado da Farmacia teórica, e con Gabriel Fernández Taboada, catedrático de Química no Colexio despois dos seus falidos intentos por ocupar a mesma cátedra na Universidade, para a que fora nomeado.

Socio da Academia de Medicina de Madrid, foi visitador xeral das farmacias de Galicia e presidente da subdelegación de Farmacia na comarca. Dedicou especial atención á hidroloxía médica, actividade que tería posteriormente un grande desenvolvemento en toda Galicia con investigadores punteiros como Taboada Leal ou Antonio Casares. Cotarelo afirma que analizou as augas do balneario de Caldas de Reis, e Taboada inclúeo entre os promotores da restauración e posta en uso das augas sulfurosas de Pontevea.



Bibliografía:



Fontes documentais:

SUÁREZ FREIRE, J. F. (¿1798?): Memoria sobre la potasa ó alkali fixo vegetal, Manuscrito, Real Academia Nacional de Farmacia.

Fontes impresas:

SUÁREZ FREIRE, J. F. (1813): Viage de Galicia desde la villa de Benavente, ó breve descripción de sus dos carreteras: de la construída desde Astorga a La Coruña, y de la que debe construirse desde la villa de Benavente a la ciudad de Orense, Santiago y Vigo... , Santiago : Ayuntamiento Constitucional.


Bibliografía secundaria:

COTARELO VALLEDOR, A. (1942): Hombres de antaño. Suárez Freire, Revista de la Universidad de Madrid, II, I: 63-75.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2002): Historia da Universidade de Santiago. O século XIX, Vol. II, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

BERMEJO PATIÑO, Manuel R. (1995): O Colexio de Farmacia: unha xeración gloriosa, Gallaecia Fulget (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria, Santiago: Universidade.

FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A. (1995): A incorporación da ciencia experimental na Universidade de Santiago no inicio do século XIX e os colexios prácticos, Cinco séculos de historia universitaria. Gallaecia Fulget, Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1960): Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago, Santiago: Facultade de Farmacia, Universidade.

MIÑONES TRILLO, José (2010): Anecdotario de los primeros años de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (siglo XIX): un recuerdo a sus profesores y alumnos distinguidos, Discurso leído en la solemne sesión inaugural del curso celebrada el 21 de enero de 2010 por el Excmo. Sr. D. José Miñones Trillo, académico de número, Madrid: Real Academia de Farmacia.

TABOADA LEAL, N. (1877): Hidrología médica de Galicia, Madrid: Imp. Pedro Núñez.