culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Jacobo María de Parga y Puga

Salientable afeccionado ás Ciencias e coleccionista de minerais

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 22/06/2012

Extras sobre Jacobo María de Parga y Puga:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2012], “Jacobo María de Parga y Puga”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 02/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=303
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pazo de Vilacoba, Abegondo (A Coruña) 1774
  • Falecemento: Madrid 1850
Este singular personaxe desenvolveu unha importante actividade nos eidos da política e a economía española durante a primeira metade do século XIX. Desempeñou postos de gran responsabilidade: oficial da Secretaría de Facenda desde 1802, encargado das reclamacións ante Francia derivadas do tratado de 1814 e convenio de novembro de 1815, Ministro interino de Gobernación (22/03/1820 a 03/04/1820), Consejero de Estado (1821-1823), membro da Junta Directiva del Crédito Público (1823), Presidente da Junta de Fomento de Riqueza del Reino (1824), Consejero Honorífico de Estado (1828), Ministro do Real Consejo de España e Indias (1834), Prócer do Reino (lexislatura 1834-1835) e Senador vitalicio (lexislatura 1845-1846). Ademais, pertenceu á Academia da Historia, á de Medicina de Madrid, á de Ciencias de Baviera, á Sociedade Imperial Mineralóxica de San Petersburgo, á Academia Nacional, sección de Ciencias Físico-Matemáticas, e á Sociedade Xeolóxica de Francia. E 1814 foille concedida a Gran cruz de Carlos III.

Estudou na Universidade de Santiago, onde obtivo o grao de bacharel en Leis (1793) e Cánones (1795), e o de doutor en Cánones (1798). Desta época de estudos universitarios data o expediente que lle incoou a Inquisición por lectura de libros de Montesquieu, Rousseau, Voltaire e outros, e que despois de varios anos de investigación só lle serviron ao tribunal para cualificalo como de "sospeitoso leve".

Como tantos outros personaxes con unha formación orixinal nos ambientes ilustrados, desenvolveu unha fonda afección ás Ciencias Naturais e acadou cedo moita sona neste campo -o socialista utópico escocés Maclure cualificouno en 1822 como "el único Gentleman de ciencia que hay en Madrid". Tiña un importante Gabinete e unha das mellores coleccións de minerais de España, que frecuentou o mozo Casiano del Prado, co que Parga mantivo unha amizade que semella influíu decisivamente na orientación científica de del Prado cara a Xeoloxía. Aínda que non se lle coñecen publicacións científicas, Parga desenvolveu un importante labor como autor dunha morea de informes que emitiu nas numerosas comisións nas que participou e onde os seus coñecementos científicos deberon ficar reflectidos (Meijide Pardo, 1992).

Hai que salientar tamén o seu labor no Real Museo de Ciencias Naturales, desde que en 1815 foi nomeado vogal da Junta Protectora. Levou cara adiante moitas iniciativas, sobre de todo cos gobernos absolutistas, e emitiu importantes informes, como o que fixo sobre a Flora Peruana de Pavón. En 1823 exerceu como Presidente provisorio da citada Junta, á que pertenceu ata o seu falecemento, e de 1826 a 1827 foi Director do Museo.

A colección mineralóxica do Real Museo, saqueada polas tropas napoleónicas, foi reposta en boa parte a costa das contribucións de Parga, que aportou en depósito 5.207 exemplares, e posteriormente algúns outros procedentes de Alemaña. En 1825 decidiu requirir a devolución dos exemplares da súa propiedade, aínda que finalmente, por designación testamentaria, a colección de minerais volveu de novo o Museo.

A súa valiosa biblioteca particular, que sorprendeu ao bibliófilo ruso Sergio Alexandrovitch Sobolevsky cando visitou a Parga o mesmo ano do seu pasamento, foi repartida logo da súa morte: os libros literarios pasaron á Universidade de Santiago e os científicos dispersáronse –algún deles, con notas manuscritas, acabaron na Biblioteca do Ministerio de Fomento. A súa colección de moedas pasou, en parte, á Academia da Historia.



Bibliografía:



Bibliografía secundaria:

GIL NOVALES, Alberto (2010): Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid: Fundación Mapfre; p. 2336-7.

MEIJIDE PARDO, A. (1992): El ilustrado, político y economista gallego Jacobo Maria de Parga y Puga, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

NEIRA DE MOSQUERA, A. (1941): Donativo del Excmo. Sr. Parga y Puga a la Biblioteca de la Universidad de Santiago, Revista Bibliográfica Nacional, II: 343-362.