culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Santiago de la Iglesia Santos

Un médico republicano afeccionado ás Ciencias Naturais

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 06/07/2012

Extras sobre Santiago de la Iglesia Santos:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Santiago de la Iglesia Santos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/06/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=312
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1851
  • Falecemento: Ferrol 1931
Fillo do mestre e escritor Francisco María de la Iglesia González (Saurín de la Iglesia, 2003), aos poucos meses de nacer a súa familia trasladouse á Coruña, cidade na que estudou o bacharelato (1862-1868), no recente estreado Instituto, onde tivo como profesor de Historia Natural a Víctor López Seoane. Fixo a carreira de Medicina en Santiago, durante os anos do sexenio revolucionario, unha época de axitada vida política na que participou activamente. Seguidor de Pi i Margall e Ruíz Zorrilla, mantivo o compromiso co republicanismo durante toda a súa vida.

Tras unha breve estancia na Coruña, traballando co seu colega e correlixionario, o médico Ramón Pérez Costales, acadou en 1874 unha praza de médico en Serantes (daquela municipio limítrofe con Ferrol) e, pouco despois, instalouse de xeito definitivo na cidade departamental. Nestes anos fixo o doutorado en Santiago. En Ferrol, xunto á consulta, impartiu clases no colexio particular do que era titular o seu irmán Alfredo e na Escola de Artes e Oficios, ademais de participar na vida cultural e política da cidade. Axiña fíxose amigo do líder republicano local, Francisco Suárez, a quen sucedería na xefatura desa opción política, exercendo durante décadas como referencia do republicanismo ferrolán. Deputado, tenente alcalde, masón, impulsor do Centro Obrero de Cultura e presidente da sección de Ciencias do Ateneo, tivo a fortuna de poder ver, pouco antes de morrer, a chegada da II República. En 1914 accedeu á dirección do Laboratorio municipal e deixou de exercer a medicina.

Realizou unha xenerosa doazón á Universidade de Santiago de Compostela. Moitos dos libros e importantes manuscritos da súa interesante biblioteca forman parte dos fondos da Biblioteca Xeral. Tamén a esa institución universitaria fixo doazón da colección arqueolóxica (vasos campaniformes, torques, machados de bronce, puntas de frecha de cobre, etc.; Pérez Bustamante & González García-Paz, 1934). Esa colección foi obxecto dalgúns estudos, como o de Pericot García (1927) e Fábregas Valcarce (1981).

Xunto aos escritos relacionados coas Ciencias, publicou outros sobre diversos temas, por exemplo, a necrolóxica sobre o líder republicano Francisco Suárez, un xuízo histórico-crítico sobre a Compañía de Jesús e unha peculiar obra de ficción, Don Quijote redivivo, analizada por Xesús Alonso Montero (2009).

Afección polas Ciencias Naturais

Desde moi novo amosou un especial interese polas Ciencias Naturais. A necesidade económica e o interese polos vexetais fixeron que recollera plantas e axudara no Xardín Botánico da Universidade compostelá ao catedrático republicano Esteban Quet. O gusto polas excursións botánicas deu lugar a un manuscrito, Vademecum botánico. Diccionario de clasificación seguido de claves dicotómicas de las principales y mas numerosas familias (Iglesia, 1875). Un material concibido polo autor como de “recreo” e, mesmo, para auxiliar á memoria e utilizar nas excursións campestres.

Foi membro desde 1880 da Sociedad Española de Historia Natural, a proposta do catedrático de Zooloxia da Universidade de Madrid, Laureano Pérez Arcas, por solicitude de Víctor López Seoane. O interese polas Ciencias Naturais e o seu desexo transformador da sociedade levárono a unha notable actividade de divulgación científica. O resultado serán múltiples artigos e notas en xornais e revistas e numerosas conferencias. Trátase dunha divulgación bastante xeral, salientando a conferencia dada no Ateneo de Ferrol, o 31 de decembro de 1904, “La arquitectura de la molécula” (Iglesia, 1905). A exposición do tema foi acompañada de diversos experimentos e algúns modelos de moléculas en cartón.

Vilanova (1974) recolle a testemuña de Santiago Montero Díaz afirmando que Santiago de la Iglesia estivo interesado pola aplicación industrial das algas mariñas. Indicaba que en 1883 analizounas e atopou nelas unha importante cantidade de iodo, buscando, infrutuosamente, apoio no capital inglés.

Investigacións microscópicas

O microscopio tamén espertou a súa atención. O instrumento acadara un notable desenvolvemento técnico, parello ao seu crecente uso para as investigacións biolóxicas e médicas, e Santiago de la Iglesia abordou diversos traballos de investigación microscópica. Segundo Arturo Souto realizou un Estudio sobre las Diatomeas, que o naturalista ferrolán Víctor López Seoane enviou a Berlín (Souto Vizoso, 1981).

Como diversos médicos da época, especialmente algúns con sensibilidade social, como José Rodríguez Martínez, Ramón Pérez Costales, etc. (Fraga Vázquez, 1991), Santiago de la Iglesia prestou atención á Microbioloxía e á Hixiene. En agosto de 1887 foi comisionado polo gobernador civil para estudar a epidemia de tifo de Cedeira. Asemade, en unión do Dr. Linos realizou a inoculación experimental da rabia, publicando un artigo sobre o tema, “Inoculaciones antirrábicas” (Iglesia Santos, 1887), na prestixiosa revista El Siglo Médico. Tamén estudou a tuberculose e fixo campañas contra esa enfermidade. Un paso importante no desenvolvemento da Bacterioloxía tivo lugar coa creación, en 1889, dos Laboratorios municipais. Santiago de la Iglesia, desde o posto de director do Laboratorio municipal de Ferrol, realizou diversos traballos bacteriolóxicos e análises, participando en Congresos sobre laboratorios municipais. Mantivo relacións con importantes médicos, como Santiago Ramón y Cajal, o Dr. Ezquerdo, Ramón Pérez Costales, etc.; mesmo o famoso médico francés, Gustave Le Bon (1841-1931), enviáballe as súas obras dedicadas (Francisco José, 1953).



Bibliografía:



Fontes Documentais:

Iglesia, Santiago de la, Arquivo Universidade Santiago, cartafol 660, nº 3

Manuscrito de Eladia de la Iglesia Santos, A Coruña, 25 de xullo de 1944.

IGLESIA SANTOS, Santiago de la (1875): Vademecum botánico. Diccionario de clasificación seguido de claves dicotómicas de las principales y mas numerosas familias, Manuscrito, 188 pp, Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

Fontes impresas:

IGLESIA SANTOS, Santiago de la (1887): Inoculaciones antirrábicas, El Siglo Médico , 34: 23-24.

IGLESIA SANTOS, Santiago de la (1905): La arquitectura de la molécula. Conferencia leída por el Sr. D. Santiago de la Iglesia, Médico civil, Presidente de la Sección 2ª, Anuario de las tareas del Ateneo Ferrolano en el curso 1904-05: 153-188.



Bibliografía secundaria:

ALONSO MONTERO, X. (2009): Memorias cervantinas de un profesor cervantófilo (segunda parte: 1960-2005), Hesperia. Anuario de filología hispánica, XII-1: 5 – 26.

FÁBREGAS VALCARCE, R. (1981): Os Machados puimentados da colección La Iglesia, Brigantium, 2: 27-38.

FRAGA VÁZQUEZ,X.A. (1991): Notas sobre a incidéncia do microscópio nunha sociedade local (A Coruña, 1885-1890), Revista del Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses, 24(1988): 73-87.

FRANCISCO JOSÉ (sic) (1953): Aportaciones a la biografía del doctor La Iglesia, Lar, 236-237: 69-70.

PERICOT GARCÍA, L. (1927): Los Vasos campaniformes de la colección La Iglesia, Boletín de la Real Academia Gallega, 16, 192: 283-291.

PÉREZ BUSTAMANTE, C. & GONZÁLEZ GARCÍA-PAZ, S. (1934): La Universidad de Santiago, Santiago: Universidad de Santiago, Instituto de Estudios Regionales.

SAURÍN DE LA IGLESIA, Mª. R. (2003): Antonio, Francisco y Benigno de la Iglesia: una biografía intelectual, Santiago: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

SOUTO VIZOSO, A. (1981): Ilustres figuras ferrolanas. Santiago de la Iglesia y Santos, Faro de Vigo, xullo-agosto.

VILANOVA RODRIGUEZ, A. (1974): Santiago de la Iglesia y Santos, Gran Enciclipedia Gallega, Santiago: Ed. Silverio Cañada; T. 17: 203-204.