culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Domingo Fontán Rodríguez

O home que puxo a Galicia no mapa

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Barral Martínez, Margarita
  • Data de alta: 10/07/2012

Extras de Domingo Fontán Rodríguez: 

Extras sobre Domingo Fontán Rodríguez:

Galeria


Retrato de Domingo Fontán. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.
FontanFotoEliasDiazNoia_web.jpg
FontanFotoEliasDiazNoia_web.jpg
detalle_mapa_fontan.jpg
detalle_mapa_fontan.jpg
MapaRiadeArousa.jpg
MapaRiadeArousa.jpg

Como citar esta páxina:

  • Barral Martínez, Margarita ([2012], “Domingo Fontán Rodríguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=318
Untitled Document

Retrato de Domingo Fontán. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Porta do Conde, Caldas de Reis (Pontevedra) 1788
  • Falecemento: Baños de Cuntis (Pontevedra) 1866
Nacido nunha familia de certa fortuna e dono dunha boa disposición para a aprendizaxe, Domingo Fontán tivo unha formación ampla e prolongada. Comezou os seus primeiros estudos na parroquia de Baliñas, concello de Barro. Un tío materno, Sebastián Rodríguez Blanco, cura párroco da vila de Noia, foi quen se encargou da educación dos dous varóns da familia (Domingo e Andrés) durante a súa infancia. De feito, foi durante as estancias estivais en Noia cando Fontán, a través de súa relación con presbíteros emigrados de Francia logo da revolución de 1789, estudou francés e inglés.

Aos 12 anos iniciou os estudos de Filosofía na Universidade de Santiago, e en 1802 acadou o grao de bacharel. Entre 1802 e 1804 estudou Teoloxía -obtivo a licenciatura e o doutoramento en 1811- e logo centrouse no coñecemento das tres partes da Suma de Santo Tomás (1804-1808) e do hebreo e as Sagradas Escrituras (1807-1809). Neste último ano principiou os estudos de ciencias exactas e naturais -durante anos escoitou as leccións de matemáticas impartidas polo mestre José Rodríguez (1770-1824), o “matemático do Bermés”. Tamén se formou en Institucións Canónicas (1811-1813) e acadou as licenciaturas de Filosofía e Artes (1813) e o doutoramento en Artes (1814).

En 1811 comezou a súa carreira docente na Universidade de Santiago como substituto de Antonio Sarmiento, catedrático de Retórica. Por este tempo xa impartía clases de francés e inglés na Escola Militar do IV Exército de Compostela, no Colexio San Clemente. Nos anos sucesivos tamén se fixo cargo do maxisterio doutras doutrinas nas aulas de Fonseca: Belas Artes, Lóxica e Metafísica. Durante o curso 1813-1814 ocupou a cátedra vacante de Lóxica e Metafísica e entre 1814 e 1818 substituíu ao seu mestre José Rodríguez na cátedra de Matemáticas sublimes. Nestes anos tivo como alumnos ao futuro xeólogo Casiano de Prado e ao futuro científico e economista Ramón de la Sagra. O 3 de Abril de 1818 gañou por oposición a cátedra desta materia, na que permaneceu ata 1835. Como docente tivo fama de estrito e intransixente cos alumnos. En 1817 o claustro nomeouno encargado do bo comportamento e indumentaria do alumnado, co que tivo algúns enfrontamentos. Tamén foi presidente da Academia de Filosofía (1818).

En 1814 foi nomeado vicesecretario da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Por este tempo, Domingo Fontán, xunto con José Rodríguez, Juan Camiña, Julián Areán e Joaquín Patiño, figuraba entre os liberais máis destacados do claustro de Fonseca e estaba relacionado co grupo de liberais coruñeses que se xuntaban no café La Esperanza. Restaurado o absolutismo, a súa condición liberal determinou que o 23 de Maio de 1814 fose denunciado por Freire Castrillón ante o claustro. Porén, o 3 de xuño do ano seguinte, 1815, foi absolto do proceso.

Vida académica e actividade política

En 1817 obtivo o seu primeiro cargo político, ao ser nomeado, en representación do Salnés (Pontevedra), membro da Junta de Reparticiones de Tributos, que se creara en Santiago para o reparto da contribución directa establecida polo ministro Martín de Garay. Foi tamén en 1817 cando iniciou a súa grande obra, a Carta Geométrica de Galicia, a partir da triangulación do territorio galego como base e método para levar a cabo o levantamento cartográfico. Os preliminares da obra xa os iniciara un ano antes, cando converteu o pombal do pazo de Sobrecarreira en Sigrás (Cambre), propiedade do seu amigo Antonio Loriga, nunha improvisada estación xeodésica. En 1818, a Junta Superior de Estadística da Coruña encargoulle a estatística galega para efectos tributarios, o que o reafirmou na súa convicción de levantar a Carta Geométrica de Galicia. Era consciente de que a solución dos problemas de Galicia, o desenvolvemento e comunicacións que precisaba, pasaba polo levantamento previo dun mapa preciso do territorio.

Logo da creación, en 1820, da Deputación provincial de Galicia, Fontán foi nomeado para a secretaría. En 1822 pasou a desempeñar este cargo na recen constituída Deputación provincial da Coruña, que exerceu ata a supresión da mesma o 23 de outubro de 1823. Pouco antes, en xullo de 1823, fora nomeado secretario da Junta provincial da Coruña. Trala restauración absolutista de Fernando VII, foi suspendido da cátedra e do cargo de secretario da Deputación, en xullo e outubro de 1823, respectivamente. Un decreto de 22 de agosto de 1826 declarouno “purificado” e puido volver á docencia. Durante o proceso coñeceu ao abate Sebastián de Miñano y Bedoya, que por este tempo traballaba no Diccionario Geográfico y Estadístico de España y Portugal, quen lle solicitou información para a redacción da citada obra. Fontán accedeu á petición e proporcionoulle o mapa da parte occidental de Galicia, que estaba a piques de rematar. Foi o mesmo abate o que o puxo en contacto con Luis López Ballesteros, ministro de Facenda de Fernando VII, que lle brindou a súa colaboración para concluír a Carta Geométrica. Por este tempo casou con Manuela Ribas, o 24 de Abril de 1824. A dona era natural da parroquia de Santiago, na cidade da Coruña. O matrimonio tivo tres fillos: Félix, Manuel e Rosendo.

En 1826, e a través dun Real Acordo das Audiencias, encargouse da división xudicial e municipal de Galicia. Dous anos despois acadou o grado de bacharel en Leis. Por unha Real Orde de 26 de Abril de 1829 foi nomeado responsable do trazado das estradas que se abrirían na xeografía galega, polo que entre os meses de maio e novembro traballou no recoñecemento da triangulación da provincia de Pontevedra e da parte occidental da de Ourense. Para este traballo contou coa colaboración de José Dionisio Valladares, que tamén fora afastado polo absolutismo como xuíz interino do Barco de Valdeorras en outubro de 1823 e purificado en febreiro de 1832.

En 1834 obtivo a cátedra de Xeometría mecánica e Delineación aplicadas ás Artes no Conservatorio de Artes, e en abril dese ano a de Física, Mecánica e Delineación das Artes da Sociedad Económica de Santiago, materia que implantara, xunto coa de Química das Artes, o ministro da Gobernación Javier de Burgos en 1833. Por unha Real Orde de 20 de decembro de 1834 foi nomeado Individuo de la Comisión de Rectificación de límites de las provincias y de arreglos de partidos judiciales, é dicir, a división municipal e das provincias. Ao ano seguinte encomendóuselle a formación do Cuerpo de Ingenieros de Caminos, Minas y Montes e das súas respectivas inspeccións e escolas especiais. Nese mesmo ano acadou os cargos de director do Observatorio astronómico de Madrid (Real Orde de 19 de febreiro) e da nacente Escuela especial de Ingenieros geógrafos. O 25 de febreiro de 1836 foi nomeado membro da comisión encargada de proporcionar un Sistema de Pesas e Medidas, e o 2 de maio de 1838 socio da Sociedade Xeográfica de París, en recoñecemento pola realización da Carta Geométrica.

Elixido deputado por primeira vez nas eleccións de outubro de 1836, Domingo Fontán estará presenta nas Cortes nas lexislaturas comprendidas entre 1836 e 1843. Tras o pronunciamento militar de Espartero, o 4 de setembro de 1840, sufriu a terceira represalia política e foi separado do maxisterio e do cargo de director do Observatorio, aínda que foi reposto aos poucos días, o 20 de setembro de 1840.

En 1841 colaborou no Diccionario Geográfico de Pascual Madoz -posteriormente tamén colaboraría noutra obra de Madoz, Diccionario Geográfico Estadístico de Ultramar (1850)- e foi designado, como experto en metroloxía, membro da comisión encargada de establecer un novo sistema de pesas e medidas. O 4 de abril deste mesmo ano presidiu como decano de Filosofía o acto de licenciatura de Antonio Casares. Por este tempo residía en Madrid, na rúa Madera alta, nº 55, preto da Praza da Mariña española, onde se atopaba o Congreso.

O traballo en prol do ferrocarril para Galica

En 1843 herdou xunto ao seu irmán Andrés o patrimonio do tío Sebastián Rodríguez, entre o que se atopaban as accións dunha fábrica de papel sita en O Castro, no concello de Lousame (Pontevedra), fundada o 24 de setembro de 1810 por Esteban Camperoy Leys, Alberto Antonio Torrado e Domingo Antonio de Castro. Os dous irmáns decidiron investir o resto da herdanza en adquirir a maioría das accións dos socios da fábrica e en 1857 xa posuían a totalidade da empresa, que tivo relevancia na fabricación de papel timbrado para o Estado.

Aos 64 anos Fontán solicitoulle á raíña, con data de 10 de decembro de 1851, ser declarado xubilado do emprego de Catedrático por razóns de imposibilidade física. A solicitude foille concedida polo Consejo de Instrucción pública con data de 7 de maio de 1852 e cunha pensión de 24.000 reais anuais. Domingo Fontán completara unha folla de servizo de máis de 38 anos, entre o 18 de outubro de 1813 e o 14 de maio de 1852.

Durante os últimos anos da súa vida estableceuse en Santiago, nas rúas da Acibechería e do Vilar, e adicouse xunto ao seu irmán Andrés á fábrica de papel de Lousame e a Galicia, a súa terra. Tamén concretou detalles na Carta Geométrica , á que lle engadiu a altimetría e as estradas que non contiña o manuscrito orixinal (1834). En 1858 foi nomeado socio correspondente do Instituto agrícola catalán de San Isidro, colaborou na Exposición que tivo lugar en Santiago e escribiu na revista da mesma, Exposición Compostelana. Mantivo unha importante actividade na Sociedad Económica de Amigos del País, da que foi arquiveiro-bibliotecario desde 1858, director en 1860 e socio de mérito, en 1862.

O 30 de Maio de 1861 faleceu o seu irmán Andrés, doutor en Dereito e avogado dos Reales Consejos. Por este tempo Domingo Fontán participou en diferentes informes sobre o ferrocarril en Galicia, como as liñas Santiago-Carril (1860), Santiago-Betanzos-Ferrol (1863) e a do teórico ferrocarril central de Galicia (1860), que discorría de oeste a este seguindo o curso do río Ulla. O 4 de xaneiro de 1861 as Cortes outorgáronlle a Domingo Fontán, Joaquín Caballero e Inocencia Vilardebó a concesión do ferrocarril compostelán, a liña Santiago-Carril, a primeira liña férrea galega, inaugurada en 1873. Para este traballo elaboráronse documentos cartográficos realizados a partir da súa Carta Geométrica, caso do Mapa del Ferrocarril compostelano, publicado polo enxeñeiro xefe Tomás Rumbal a escala 1/50.000 e que tamén publicou en Londres o litógrafo William Penny, edición que tamén incluía a escala vertical (1/25.000).

O testamento de Fontán, no que figuraba como testamenteiro o seu irmán Andrés, data de 4 de novembro de 1838, xusto antes de que viaxara a París para gravar a Carta Geométrica. Domingo Fontán finou en Cuntis (Pontevedra), a onde acudira para tomar as aguas, o 24 de outubro de 1866, a causa dunha cistite aguda, segundo o certificado do facultativo Valentín García. Ao ano seguinte, en 1867, publicouse en Madrid o Diccionario de la Lengua española, obra na que tamén colaborara.

Domingo Fontán foi soterrado no nicho número 306 do cemiterio xeral de Santiago, da súa propiedade. Á súa morte posuía a condecoración de Caballero de la Orden de Carlos III, concedida pola raíña Isabel II con data de 28 de novembro de 1848, e os diplomas de socio da Real Academia de Historia e da Societè de Geographie de París. As súas cinzas estiveron na urna cineraria nº 51 do concello unha vez que foron solicitadas á familia, o 21 de maio de 1913, co obxectivo de ser trasladadas ao Panteón de Galegos Ilustres, algo que non aconteceu ata o 30 de decembro de 1988. O xeógrafo conta con rúas ao seu nome en Madrid, Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Poio (Pontevedra).

A Carta Geométrica de Galicia

A Carta Geométrica de Galicia , a que se considera a obra mestra de Fontán, ocupoulle 17 anos, desde 1817 ata 1834. Algúns dos seus colaboradores neste traballo foron, ademais do citado José Valladares, o topógrafo Domingo Laredo, o profesor Manuel Rufo Fernández e o seu irmán Andrés. Desde 1829 tivo problemas para manter estas colaboracións polo feito de que as autoridades absolutistas galegas miraban con receo os traballos de campo do doutor Fontán e, mesmo o xuíz José Valladares, como xa apuntamos anteriormente, sufriu procesos de “depuración”.

A Carta Geométricade Fontán considérase o primeiro mapa realizado con rigor científico en España. Para este cometido Fontán contou cun instrumental moi rudimentario e escaso, acadado moitas das veces polo seu mestre José Rodríguez en París, que se encargaba de adquirilo para o Gabinete de Instrumentos de Astronomía, Matemáticas e Física experimental da Universidade de Santiago. En 1823 xa tiña finalizado o oeste de Galicia e en 1826 publicou un adianto parcial da obra no Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal, de Sebastián Miñano y Bedoya. Grazas a esta experiencia foi nomeado encargado do trazado dos principais camiños de Galicia en abril de 1829.

En abril de 1832 Fontán realizaba os traballos xeodésicos desta obra en San Martín de Quiroga. Una Real Orde do Ministerio de Fomento de 29 de abril de 1833 establecía que a Universidade de Santiago facilitase a Fontán dous barómetros, un círculo repetido, un péndulo, un anteollo astronómico e un transportador de ángulos, co obxectivo de que puidera desenvolver os seus traballos topográficos. En xuño de 1833 remata a obra nas montañas que dividen a provincia de Lugo de Asturias.

O sistema empregado por Fontán para realizar a Carta Geométrica consistiu en elaborar unha malla triangular sobre o territorio con vértices nos cumes de montes e promontorios, toda unha elaboración de rectas e ángulos que tiñan como referencia un punto cero, a Torre do Reloxo da catedral de Santiago. Unha das razóns polas que se sitúa esta obra na vangarda científica do momento foi polo emprego precursor que fixo do metro como unidade de medida, algo que non tivo lugar de xeito oficial en España ata a lei de 19 de xullo de 1849. Tamén se adiantou Fontán aos mapas oficiais doutros países europeos coa utilización da escala cenmilésima (1: 1 000 000).

Logo da morte de Fernando VII a rexente Mª Cristina, a través dunha Real Orde de 12 de agosto de 1834, citou a Fontán na Corte para que presentase a Carta Geométrica, proxecto para o que se lle concedera unha retribución de 60.316 reais. Fontán presentouna oficialmente o 1 de decembro de 1834. Por unha Real Orde de 15 de febreiro de 1835 a mesma rexente aprobou a libración de 160.000 reais para a gravación e estampación da Carta Geométrica, e en xuño dese mesmo ano solicitóuselle ao autor o depósito da obra para tal fin, que se desenvolvería nun obradoiro de Barcelona. Neste momento Fontán fixou a súa residencia na rúa Huertas, número 67, de Madrid. Como director do Observatorio contaba con residencia no mesmo inmoble, pero non puido ocupalo polo estado ruinoso que presentaba o edificio tras o acuartelamento que fixeran as tropas francesas no mesmo durante a guerra de independencia. Unha vez que este foi rehabilitado pasou a residir nel, desde xuño de 1836.

O gravado da Carta aínda se demorou uns anos. A imposibilidade técnica e a penuria económica imperante, sobre todo pola guerra carlista, impediron que o proxecto se levase a cabo. O mesmo Fontán solicitou fondos para tal fin ás deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, pero non tivo éxito. A obra foi finalmente gravada en doce pedras litográficas en 1845, no obradoiro do gravador Bouffard e do impresor Lemercier, en París, a onde se desprazou o mesmo Fontán, entre marzo e agosto de 1839, para supervisar a edición. Nunha caixa de 215x232 cm gravouse a Carta Geométrica de Galicia en doce seccións (pezas calizas) que se corresponden coas súas 12 follas unidas (3x4). Incluíase tamén outro mapa máis pequeno (escala 1:800.000) coa indicación da triangulación fundamental e a xeito de guía para a unión das doce follas. Por unha Real Orde de 26 de outubro de 1846 ordenouse a estampación da mesma. En xuño de 1847 chegaron a España 500 exemplares dos 550 encargados polo goberno: 450 foron remitidos polo autor ao goberno e os 50 restantes enviados a Galicia e Madrid para deputados, senadores e gobernadores civís galegos, entre outras autoridades.

En 1849 fíxose unha segunda estampación da Carta Geométrica que foi supervisada, por decisión do autor, polo discípulo e amigo seu Ramón de la Sagra, que se atopaba en París ocupado no gravado e impresión da súa Historia Física y Política da illa de Cuba. O xeógrafo remitiulle un total de 12.000 reais para editar outros 550 exemplares. Ao final foi sancionado polo goberno por non ter informado desta segunda estampación e os exemplares foron incautados (Real Orde de 15 de novembro de 1849); o ministro de Interior, Vicente Vázquez Queipo, foi o encargado de comunicarllo a Fontán.

A actividade parlamentaria

Domingo Fontán saíu elixido deputado por Pontevedra en cinco ocasións, nas eleccións de 1836, 1837, 1839, 1841 e 1843, e por Lugo en catro, en 1837 (renuncia), 1939 (non chegou a aprobarse a acta), 1840 (como deputado suplente) e 1843 (renuncia). Durante as oito lexislaturas nas que estivo presente nas Cortes como deputado, entre 1836 e 1843, formou parte de diferentes comisións parlamentarias (mariña, instrución pública, agricultura e artes, minaría, división territorial, expedientes sobre créditos, regulamento interior, orzamentos, etc.), foi cuarto secretario do Congreso (DSC, 18.11.1837, p. 25) e interveu en moitas ocasións e sobre temas moi diversos, de maneira relevante en asuntos relacionados coa organización do Estado, a Facenda estatal e o proxecto da Constitución.

Respecto á organización do Estado, aínda que sempre se mostrou partidario do centralismo territorial, Fontán declarouse a favor das deputacións provinciais porque consideraba que para un mellor goberno do territorio as provincias eran necesarias, sempre que estivesen dotadas do orzamento necesario. No momento da delimitación das provincias (1833) o rexurdir de contenciosos territoriais foi máis que evidente e levou á aparición tanto de provincias extintas no ano 1822 como de demandas de volver a selo a través de pugnas pola capitalidade provincial, como aconteceu entre Pontevedra e Vigo. Nesta ocasión Domingo Fontán, a partir dos seus coñecementos xeográficos e dos datos extraídos da súa Carta Geométrica, foi un dos valedores de Pontevedra como capital da provincia xunto co marqués de San Martín de Hombreiro, o marqués de Vilagarcía, Vázquez Queipo e Calderón Collantes. Como grande defensor da centralización como razón de peso a favor da elección das capitais de provincias, mostrouse a favor da supremacía de Pontevedra por ser a cidade que mellor cumpría a función en relación das distancias de pobos e habitantes (DSC, 19.12.1836, p. 690).

En canto á organización de concellos, Fontán afirmaba que a aplicación da lei debía cinguirse á realidade territorial, polo que consideraba que concellos, gobernadores civís e deputacións debían ter poder efectivo para mandar sobre o territorio, pois un excesivo dominio do goberno central sería negativo: “El gobierno no puede hacer todas las cosas como aquí parece que quiere: no puede hacer el bien; quien puede hacerlo son las autoridades más inmediatas. Yo me opongo a este sistema de centralización del gobierno, a quien dará una apoplejía de poder si sigue así, pues toda la sangre se subirá a la cabeza” (DSC, 08.05.1838, p. 2148).

En referencia á Facenda pública o seu senso cívico levoulle a insistir en temas de dilapidación pública, mesmo en referencia ao soldo dos funcionarios e ás levas de homes e de orzamentos extraordinarios para a guerra carlista, polo que insistía sempre en que debía facerse máis previsión, tanto dos movementos das tropas como do gasto en cartos e homes (DSC., 07.07.1837, p. 4581-4583; 11.01.1838, p. 357). Solicitou en máis dunha ocasión que non se estendera o desgoberno en materia de pagos e que as contas públicas fosen examinadas polas Cortes, pois consideraba que non había orde nin boa administración. Estas declaracións supuxéronlle certa inimizade co ministerio de Gobernación e con Facenda (DSC., 16.05.1837, p. 3407).

No debate sobre o proxecto do texto constitucional, Fontán mostrouse conciliador coas diversas propostas que se presentaron no Congreso. Defendeu o principio de soberanía nacional que xa se establecera en Cádiz, onde “no existía más Rey que la Nación, y ésta decretó su Constitución sin necesidad de decir que la sancionaba” (DSC, 20.03.1837, p. 2255). Tamén aceptou o bicameralismo e que os deputados e senadores exerceran o seu traballo sen ningún tipo de remuneración. Como defensor da soberanía nacional e dun maior peso das Cortes nas decisións do goberno, foi contrario aos privilexios das persoas, sobre todo no caso do clero, e dos territorios -declarouse en contra do restablecemento dos Fueros en Navarra e nas Vascongadas (DSC, 16.01.1837, p. 1088).

Domingo Fontán expuxo en varias ocasións a súa independencia á hora de discutir e votar as emendas do goberno. Así, a propósito da discusión sobre o restablecemento de varios decretos sobre a venta de bens nacionais, o deputado pontevedrés amosouse contrario xa que, ao seu entender, vulneraba a independencia do poder lexislativo. O deputado Argüelles acusouno de votar coa minoría da Cámara, o que para Fontán foi unha honra: “Yo no pertenezco a la minoría ni a la mayoría; soy un Diputado libre que votó por convicción, y jamás he votado por espíritu de partido. Si alguna vez voto con la minoría, es porque creo que así cumplo con mi deber; y si tengo audacia, es para aquello que me dicta mi conciencia” (DSC, 25.07.1837, p. 4954-4956, 4958).

Fontán sempre intentaba partir da realidade concreta para abordar temas xerais, polo que a miúdo introducía temas e feitos que viñan da realidade galega que el coñecía moi ben. Así, en moitas ocasións intentou explicar a realidade do país desde unha perspectiva particular, a galega, o que tamén lle serviu para considerar que a súa terra natal sufría un agravio comparativo en relación a outros territorios peninsulares.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Archivo del Congreso de los Diputados (ACD). Serie: Documentación electoral: 15 (nº 12, 4); 17 (nº 1, 9); 19 (nº 17); 21 (nº 4); 23 (nº 2); 21 (nº 44); 24 (nº 7).

Archivo General de la Administración (AGA). (05)1.19 31/15753 Legaxo 534 Exp. 32.

Archivo Histórica Nacional (AHN). Ministerio da Gobernación. Expediente persoal 178.

Archivo Histórico Provincial de Lugo (AHPL). Galicia: 1 ficha con información do personaxe.

Archivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS). Expediente Persoal de Fontán Rodríguez, Domingo / Fondo Universitario. Teoloxia / Caixa 4208. Expediente 26.

Archivo Municipal de Pontevedra (AMP). Galicia: 2 fichas con información do personaxe.

Archivo Museo de Pontevedra (AMP). Galicia: 2 fichas con información del personaxe.

Diario de Sesións das Cortes, 1836-1843.

Ministerio de Hacienda. Clases Pasivas-Xubilacións. Expediente persoal 494.


Fontes impresas:

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1828): Plano de la Ria de Arosa, Madrid: Imprenta de Pierat Peralta.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1845): Carta Geométrica de Galicia (1/100.000), 1817-1834, París: Imprimerie de Lemercier.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1858): “El fomento de la producción”, La Exposición Compostelana, 7, 13 de julio de 1858.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1858): “Sobre la utilización de los juncales”, La Exposición Compostelana, 9, 27 de julio de 1858.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1858): “El saneamiento de la Limia y de la Tierra Llana”, La Exposición Compostelana,11, 11 de julio de1858.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1858): “El poder público y el fomento de la producción”, La Exposición Compostelana, 13, 23 de julio de 1858.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1860): “Sobre la vía férrea de Santiago a Carril”, Revista Económica, Santiago, 10 de mayo de 1860.

FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1863): Indicaciones para el ferrocarril de Santiago, Betanzos y Ferrol, en D. Domingo Fontán y su Mapa de Galicia en el primer centenario de su publicación, Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento, 1946; p. 53-55.


Como colaborador:

MIÑANO Y BEDOYA, Sebastián de (1826): Diccionario Geográfico y Estadístico de España y Portugal, Madrid: Imprenta de Pierart-Peralat.

MADOZ, PASCUAL (1846-1850): Diccionario Geográfico Estadístico de España y sus posesiones de Ultramar, Madrid: Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti.

VV.AA. (1864): Diccionario enciclopédico de la lengua española: con todas las voces, frases, refranes y locuciones, 2 vols., Madrid: Imprenta y librería de Gaspar y Roig, Editores.


Bibliografía secundaria:

ARAQUE HONTANGAS, N. (2008): Las elecciones en el reinado de Isabel II: la Cámara Baja, Madrid: Congreso de los Diputados.

BARRAL MARTÍNEZ, M. (2012): “Fontán Rodríguez, Domingo”, Diccionario Biográfico de Parlamentarios Españoles, Vol. II: 1815-1854, Madrid: Edición de las Cortes Generales (en prensa).

BARRAL MARTÍNEZ, M. (2005): “Domingo Fontán Rodríguez”, Fraga Vázquez, X.A. e Sisto Edreira, R., Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores II (anteriores a 1868), Sada-A Coruña: Edicións do Castro; pp. 85-89.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (2002): Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O século XIX, Santiago de Compostela: Universidade.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R., (coord.) (2003): Parlamentarios de Galicia. Biografías de Deputados e Senadores (1810-2003), Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, Real Academia; 2ª ed. aumentada e corrixida; T. I, p. 268-270.

BERMÚDEZ BLANCO, M. (1992): “Don Domingo Fontán (1788-1866): Unha batalla gañada”, Cartafol, 1: 5.

CABEZA DE LEÓN, S. (1924): “Un episodio de la vida académica de D. Domingo Fontán”, Boletín da Real Academia Galega, 14, 162: 129-134; 163: 164-170.

(1996): Domingo Fontán: la pasión por la cartografía, 1 videocasette (VHS), 28 min., Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica. [Finalista nos Premios Agapi 96 na categoría de Mejor Documental].

INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL (1988): Cartografía de Galicia, 1522-1900, Exposición preparada con motivo do Bicentenario de Domingo Fontán Rodríguez (1788-1988), Madrid: Instituto Geográfico Nacional.

CASTILLO RODRÍGUEZ, F. (2005), “A forma da terra: o reto da súa representación:
16 as redes xeodésicas e a obra pionera de Domingo Fontán”, Gamma, 5: 63-67.

CORES TRASMONTE, B. (2008), Domingo Fontán no Parlamento, Pontevedra: Deputación.

CORES TRASMONTE, B. (1990): “Domingo Fontán, pai da patria”, Pontevedra: revista de estudios provinciais, 6: 198-210.

CORES TRASMONTE, B. (1946): “D. Domingo Fontán y su Mapa de Galicia en el primer centenario de su publicación”, Cuadernos de Estudios Gallegos, Anexo 1, Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento.

Exposición Portas e Fontán: A memoria histórica do territorio, Arquivo da Deputación provincial de Pontevedra, 2011.

FILGUEIRA VALVERDE, X. (1987): El Dr. Domingo Fóntán Rodríguez: autor de la primera ‘Carta geométrica e Galicia’, maestro, investigador, parlamentario, Pontevedra: Diputación.

FRAGUAS FRAGUAS, A. (1950): “Colaboradores gallegos de Madoz”, Museo de Pontevedra, 5: 173-174.

GARCIA VIDAL, P.(2010): “Domingo Fontán Rodríguez, autor da Carta Xeométrica de Galicia”, Alameda. Revista da Sociedade Liceo de Noia, 37: 14-17.

INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL (ed.) (1988): Cartografía de Galicia, 1522-1900. Exposición preparada con el motivo del bicentenario del Domingo Fontán Rodríguez: 1877-1988, Madrid: Instituto Geográfico Nacional.

INSTITUTO ‘PADRE SARMIENTO’ DE ESTUDIOS GALLEGOS (1966): Cartografía de Galicia: En conmemoración de los centenarios de la muerte de dos ilustres gallegos D. Domingo Fontán (1788-1866) y D. Casiano de Prado (1797-1866) , Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento.

LANZA ÁLVAREZ, F. (1953): Dos Mil Nombres Gallegos, Buenos Aires: Ed. Galicia del Centrro Gallego.

LÓPEZ MEDINA, J. (1945): “Domingo Fontán Rodríguez: geógrafo y matemático”,
Finisterre, 18: 12-13, 34.

LÓPEZ PIÑEIRO, J.M., GLICK T.F., NAVARRO BROTÓNS, V. e PORTELA MARCO, E. (1983): Diccionario Histórico de la Ciencia Moderna en España, Barcelona: Península.

MÉNDEZ MARTÍNEZ, G. (1990): “Domingo Fontán (1788-1899) e a Cartografia galega do século XIX”, Ingenium, 2: 9-21.

MÉNDEZ MARTÍNEZ, G. (2005): Domingo Fontán, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Promoción Cultural, Xunta de Galicia.

MORENO CASTILLO, R. (2004): 13 Matemáticos galegos, Madrid: Anaya.

OTERO PEDRAYO, R. (1965): “Un xoven doctor do XIX”, Grial, 9: 340-341.

PALAU y DOLCET, A. (1948-1977): Manual del librero hispano-americano: bibliografía general española e hispano-americana, 2ª ed. Barcelona: Librería Anticuaria A. Palau.

PÉREZ BELLO, M. (2008): “Carta geométrica de Domingo Fontán”, Estudios Mindonienses, 24: 707-753.

TABOADA LEAL, N. (1840): Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores, Santiago de Compostela: Cañabel, Viuda e Hijos de.

TORO, S. De (2011): “Domingo Fontán, matemático sublime”, El País Galicia, 1 de abril de 2011.

VILA FARIÑA, X.L. (1991): “Sipnosis biográfica de don Domingo Fontán Rodríguez (Portas 1788 – Cuntis 1866)”, Pontevedra: revista de estudios provinciales, 7: 79-88.