culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ángel Varela Santos

Oftalmólogo de gran capacidade técnica e sólida formación internacional

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 27/07/2012

Extras sobre Ángel Varela Santos:

Galeria


Exame de fondo de ollo co oftalmoscopio. Litografías de Antonio Pascual Abad, para a tradución das Leccións de Eugène Follin sobre o oftalmoscopio, de Nicolás Ferrer y Julve.

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Ángel Varela Santos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/03/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=320
Untitled Document

Exame de fondo de ollo co oftalmoscopio. Litografías de Antonio Pascual Abad, para a tradución das Leccións de Eugène Follin sobre o oftalmoscopio, de Nicolás Ferrer y Julve.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1877
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1944
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago e graduouse en 1892. Realizou os estudos de Medicina e Oftalmoloxía como alumno libre ao tempo que atendía a reloxería legada polo seu pai, licenciándose en 1911. Inquedo e universalista, viaxou á busca de novas técnicas e innovacións e percorreu gran número de clínicas de Francia e Alemaña, onde pasaba grande parte do ano. Vicente Risco (1934) fai referencia ao seu encontro en Berlín con Varela Santos en 1930, cando este estaba asistindo á fase de experimentación e estudo que alí se facía das hoxe populares lentes de contacto.

Xunto cos tamén composteláns Gradaille e Romero Molezún, foron os primeiros oftalmólogos galegos formados no estranxeiro na nova medicina experimental e técnica que renovaba as vellas ensinanzas clínicas. Esta formación mediante estadías en diversos países de Europa mantívoa durante toda a súa vida. Nos anos 1935 e 1936, Vázquez Barro (1998) sitúao en Bordeos (clínicas Moure e Lagrange), París (Hotel de Dieu) e Berlín (Charité e Nalle). Participou en moitos congresos internacionais da súa especialidade con comunicacións e traballos científicos.

De grande capacidade técnica, foi premiado por un estudo sobre reprodución fotomecánica nun certame organizado en 1908 por La Oliva, de Vigo. Noutra orde de cousas, cómpre salientar a preocupación que Varela Santos tivo por outras facetas da cultura galega, como o interese que prestou aos restos arqueolóxicos da Illa de Arousa no artigo Un descubrimiento del Dr. Varela Santos (Otero Maestu, 1932). Mantivo unha estreita relación con Castelao, de quen foi oculista, e con quen mantivo unha interesante comunicación epistolar. Ricardo Gurriarán (2006), sitúao como un dos posibles informadores da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas en Galicia.

Dedicou especial atención as afeccións visuais. Froito dos seus coñecementos técnicos inventou, segundo cita A. Tarrío, un aparato para graduar a vista, o taquitoscopio ou takitoscopio, que mereceu a honra de figurar nos catálogos de instrumental de París. Inventou tamén un novo oftalmostato que fixaba de forma automática o globo do ollo, permitindo unha precisión absoluta nas operacións e evitando a intervención obrigatoria de axudantes. Colaborou nas revistas médicas da época, con estudos como “Úlcera de la córnea infectada por diacrotitis, seguida de panoftalmia y fenómenos simpatizantes” (Varela, 1916), no que advirte sobre o tratamento das vías lacrimais como método de curación das úlceras de córnea infectadas, e da necesidade de enucleación urxente do ollo simpatizante no caso de úlceras profundas con síntomas de reaccións simpáticas no ollo conxénere.

Nun artigo publicado ao pouco da morte de Varela Santos polo Dr. Devesa (1944), resaltaba o profundo coñecemento que tiña das leis da física e da óptica, especialmente das relativas á refracción, e a particular atención que dedicou ao estudo do fondo do ollo. Tamén se coñecen contribucións súas no estudo da conservación dos alimentos por deshidratación, publicados en Industria conservera no ano 1943, se ben non foi posible localizar esta fonte.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Varela Santos, Ángel, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, Serie Expedientes Persoais, Cartafol 1516.

Fontes impresas:

VARELA SANTOS, A. (1916): Úlcera de la córnea infectada por diacrotitis, seguida de panoftalmia y fenómenos simpatizantes, Galicia Médica, 6: 168-169.

Bibliografía secundaria:

DEVESA (1944): “Varela Santos”, El Compostelano, 21-VII-1944.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

OTERO MAESTU, J. (1952): “Un descubrimiento del Dr. Varela Santos”, Céltiga, 171.

RISCO, Vicente (1984):·Mitteleuropa. Vigo: Ed. Galaxia.

TARRIO VARELA, A.: “Varela Santos, Ángel”, Gran Enciclopedia Gallega, T. XXIX: 241-242.

VÁZQUEZ BARRO, J.C. (1998): Los orígenes de la otorrinolaringología en Galicia (1875-1936). Tese inédita. Facultade de Medicina, Universidade de Santiago.