culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Cándido Ríos Rial

Activo profesor interesado pola Bioloxía mariña

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 27/07/2012

Extras de Cándido Ríos Rial: 

Extras sobre Cándido Ríos Rial:

Galeria


Balea cazada por un baleeiro de San Sebastián. Acuario de San Sebastián.

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Cándido Ríos Rial”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=322
Untitled Document

Balea cazada por un baleeiro de San Sebastián. Acuario de San Sebastián.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1845
  • Falecemento: Descoñecida
Logo de realizar estudos no Seminario e Instituto da súa cidade natal, licenciouse en Ciencias na Universidade de Santiago, na que tamén iniciou a carreira de Medicina. Exerceu como catedrático do Instituto de Pontevedra entre 1870 e 1880. Nese período publicou un folleto para uso do alumnado de segunda ensinanza: Ligeras nociones de cristalografía (Ríos Rial, 1876). Na década dos oitenta trasladouse ao instituto de San Sebastián, no que permaneceu ata 1894.

Bioloxía mariña

Na cidade donostiarra interesouse pola Bioloxía mariña, ocupou o posto de vogal da Comisión de pesca de Guipúscoa e colaborou na Revista de Pesca Marítima con dous artigos: “Agentes perjudiciales a la pesca” (Ríos Rial, 1885) e “La pesca de la ballena en el litoral vascongado” (Ríos Rial, 1887). No Gabinete de Historia Natural do Instituto dispuñan do esqueleto dunha balea propiedade do Concello, recollida en 1878. A montaxe non era a correcta, e Ríos conseguiu que o Concello donostiarra lle sufragara a viaxe ao Museo Zoolóxico de Copenhague para ver de resolver o tema. Realizou a visita de estudo e dou conta dos resultados nunha detallada publicación, La Ballena euskara (Balaena euskariensis) (Ríos Rial, 1890), na que repasa as diversas vicisitudes sufridas polo esqueleto, narra a estancia en Copenhague, describe os principais esqueletos de cetáceos existentes no Museo Zoolóxico e identifica taxonomicamente ao exemplar depositado no instituto.

Mariano de la Paz Graells, catedrático da Universidade Central, fíxose eco das pescudas de Ríos en diversas publicacións. Primeiramente reproduciu “La pesca de la ballena en el litoral vascongado” (Ríos Rial, 1887) en Las ballenas de nuestras costas oceánicas (Graells, 1889; p. 54-67). En segundo lugar, en Fauna Mastodológica Ibérica (Graells, M. P., 1897; p. 35), cita a publicación de Ríos de 1890 e realiza un interesante comentario: “... el Sr. Ríos Rial (…) una Memoria publicada el año de 1890, que es la última que se ha impreso en español acerca del asunto, pues posteriormente en sueco me ha sido remitida otra por su autor, titulada “Bidrag til noiere kundskab om Atlanterhvets rethval (Erbalcena biscayensis, Eschricht) ved Gustav Gulberg.—Christiania, 1891” (Graells, 1897: 262). Gustav Adolf Guldberg (1854-1908) foi profesor de Anatomía da Univeridade de Christiania (Noruega) e un experto en cetáceos. Parece ser que o dominio de diversas linguas por parte de Ríos e os posibles contactos establecidos na viaxe a Copenhague facilitaron esa publicación en sueco.

Labor docente en Compostela

No curso 1894-95 Ríos Rial volveu a Galicia e ocupou a cátedra do Instituto de Santiago, por permuta co anterior catedrático, Félix Gila. Ocupou a dirección do instituto desde o 18 de xullo de 1898 ata a súa xubilación, data en que foi nomeado director honorario. A chegada e continuidade de Ríos Ríal na cátedra do instituto de Santiago favoreceron un interesante labor docente e un incremento na actividade do Gabinete de Historia Natural. Non só medraron as coleccións, senón que se produciron cambios significativos nos materiais aportados, que indican un interese do profesor pola microscopia, a Bioloxía mariña e a actividade práctica nas aulas. Tamén seleccionou obras de ciencias para a biblioteca axeitadas para tratar os temas indicados (Bugallo Rodríguez, 1999). No labor a prol da zooloxía mariña contou coa contribución dun particular, César Carreño, avogado e veciño de Noia, quen lle forneceu de exemplares mariños para o Gabinete.

Pouco antes de deixar Donosti, Ríos Rial publicara o seu primeiro libro de texto, Elementos de Historia Natural (Ríos Rial, 1894). En Santiago retomará e consolidará ese labor e dará á luz Elementos de Historia Natural (Ríos Rial, 1895), que terá unha segunda edición aumentada e corrixida (Ríos Rial, 1908) (Fraga Vázquez, 1997). Empregado como libro de texto para os seus alumnos do instituto, nas trinta e sete leccións que reúne a obra adopta un ton ecléctico, informa das contribucións de naturalistas importantes e xustifica a necesidade de acomodarse ás novas teorías biolóxicas. Na sistemática zoolóxica segue a Claus e na botánica a Sachs, algo habitual entre algúns autores da época interesados pola recepción de novidades. En Morfoloxía e Fisioloxía expón unha visión tradicional (harmonía, correlación,...), coa incorporación de cuestións innovadoras. Recolle as teses de Brucke, quen sinalara ao protoplasma como o elemento fundamental da célula, e fai unha referencia, desfasada, á “forza vital”. Na Antropoloxía afasta totalmente aos seres humanos do resto dos animais.

Sobre o debate darwinista

No libro de texto aborda o polémico darwinismo por medio dunha exposición xeral, cualificándoo de “hipótesis que si bien no carece de cierto fundamento, no es aún el suficiente para satisfacer todas las exigencias de la ciencia” (Ríos Rial, 1895: 58). Esta actitude ambigua poderá ser valorada máis axeitadamente se temos en conta as posicións que sobre o polémico tema dominaban por aquela época en Santiago. No propio instituto, en 1914, sendo Ríos director, unha comisión con tres claustrais analizan o libro de texto e “deploran” que o autor non poda, “todavia”, dispor de xuízo sobre o tema, o que interpretamos coma unha esixencia de ortodoxia católica no tema darwinista. O libro, en conxunto, e tendo en conta o comentado, supón unha difusión modernizadora. Curiosamente, Ríos, que dominaba diversos idiomas, escribiu na súa estancia donostiarra un peculiar artigo, “Método que debiera emplearse en la enseñanza de las lenguas vivas, señaladamente del alemán” (Ríos Rial, 1888). No texto decántase por tratar a Gramática como ciencia e fai referencias á historia evolutiva, o que levou a algún especialista a afirmar que “maneja (…) conceptos darwinistas” (Gutiérrez Cuadrado, 1984: 438).

Ríos Rial participou na Delegación de Santiago da Sociedad Española de Historia Natural (SEHN), asociación que se constituiu en 1909, con Eleizegui e Antonio García Varela de presidente e secretario iniciais. Socio da SEHN desde 1909, ocupou a vicepresidencia da Sección en 1910 e a Presidencia en 1911. Tamén foi académico non numerario da Real Academia Galega.



Bibliografía:



Fontes impresas:

RIOS RIAL, C. (1876): Ligeras nociones de cristalografía, Pontevedra: A. Landín.

RIOS RIAL, C. (1885): Agentes perjudiciales a la pesca, Revista de Pesca Marítima, 1: 117; 134; 135.

RIOS RIAL, C. (1887): La pesca de la ballena en el litoral vascongado, Revista de Pesca Marítima, 3: 69-79.

RIOS RIAL, C. (1888): Método que debiera emplearse en la enseñanza de las lenguas vivas, señaladamente del alemán, Revista Contemporánea(30 de agosto de 1888), 368-386 (hai errata na publicación, indica páxina 252 por 368 e mantén o erro ata antepenúltima páxina).

RIOS RIAL, C. (1890):La Ballena euskara (Balaena euskariensis). Memoria del esqueleto de esta especie que existe en el Museo de Historia Natural del Instituto Provincial de segunda enseñanza de Guipúzcoa, y noticia de los los principales esqueletos de Cetáceos existentes en el Museo Zoológico de Copenhague; presentada a la Excma. Corporación Municipal, San Sebastián: Imp. de los hijos de Ignacio Ramón Baroja.

RIOS RIAL, C. (1894): Elementos de Historia Natural, San Sebastián: Imp. de los hijos de Ignacio Ramón Baroja.

RIOS RIAL, C. (1895): Elementos de Historia Natural, Santiago: Tipografía Paredes.

RIOS RIAL, C. (1900): Programa de nociones de Historia Natural con principios de Fisiología e Higiene, Santiago: Impr. Paredes.

RIOS RIAL, C. (1908): Elementos de Historia Natural, Santiago: s.n.; 2ª ed.


Bibliografía secundaria:

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (1999): O ensino da Historia Natural no Instituto de Santiago (1850-1903): profesorado e recursos, dependencias e influencias, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 3: 205-221.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1997): Os libros de texto de Ciencias Naturais da educación secundaria utilizados na segunda metade do século XIX en Galicia, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 1: 127-144.

GRAELLS, M. P. (1889): Las ballenas en las costas oceánicas de España, Madrid: Imprenta Luis Aguado. Memorias de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, t. XIII (3ª parte).

GRAELLS, M. P. (1897): Fauna Mastodológica Ibérica, Madrid: Imprenta Luis Aguado. Memorias de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, t. XVII.

GUTIÉRREZ CUADRADO, J. (1984): Darwin en la lingüística española del siglo XIX, Actas II Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias, Zaragoza: Sociedad Española de Historia de las Ciencias, Gráficas Navarro; I: 429- 448.