culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Benito Jerónimo Feijoo Montenegro

Un ilustrado, creador dunha nova conciencia científica e social

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Álvarez Lires, Mari
  • Data de alta: 04/08/2012

Extras de Benito Jerónimo Feijoo Montenegro: 

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Álvarez Lires, Mari ([2012], “Benito Jerónimo Feijoo Montenegro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=324
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Casdemiro, Pereiro de Aguiar (Ourense) 1676
  • Falecemento: Oviedo 1764
O Padre Feijoo foi unha figura senlleira da Ilustración que acadou sona internacional e cuxa obra deu orixe a innumerables estudos críticos no ámbito iberoamericano e anglosaxón. Sendo vinculeiro de nobre familia galega, renunciou aos dereitos de morgado e decidiu “entrar en religión “. Tal vez influísen nesa decisión as expectativas intelectuais que a Orde bieita ofrecía a alguén que coma el cría que non existía “otro placer en el mundo capaz de embelesar tanto como el estudio”.

O amor ao estudo

Realizou os seus primeiros estudos en San Estevo de Ribas de Sil e aos 14 anos ingresou no mosteiro bieito de Samos. Ata os trinta e tres anos residirá, case sempre, nos mosteiros de Lérez e Poio, como estudante e exercendo o seu maxisterio. En 1709 trasladouse a Oviedo, onde será catedrático da universidade e residirá no mosteiro de San Vicente ata a súa morte, pois malia recibir diversas propostas para trasladarse a Madrid preferiu continuar vivindo lonxe da Corte.

Respecto á súa carreira relixiosa, foi mestre de novizos, lector e rexente de estudos no colexio de Oviedo, Mestre Xeral da Orde, e abade en 1721, 1729 e 1734. Pouco amigo de cargos, renunciou á primeira abadía aos dous anos (eran cuatrianuais), rexeitou en 1725 as de San Xulián de Samos e San Martín de Madrid, un bispado en América que lle ofreceu Felipe V, e o nomeamento de Xeneral da súa orde en 1737. Aceptou con agrado os nomeamentos de membro da Real Sociedade de Medicina y demás Ciencias de Sevilla (1727) e o de conselleiro real, que en 1748 lle outorgou Fernando VI como homenaxe de recoñecemento e gratitude pola “aprobación e aplauso que mereceron” as súas “útiles y eruditas obras”.

Antecedentes da súa obra

Precisemos que a situación da ciencia en España era diferente do resto de Europa, pois o triunfo da contrarreforma no XVI impuxo o escolasticismo e o illamento ideolóxico como defensa contra a heterodoxia. Esta circunstancia, xunto co exterminio da comunidade hispano-xudea, gran cultivadora da ciencia na Idade Media, fixo que España non participase en ningunha das manifestacións maduras da ciencia moderna (López Piñero, 1969), se ben houbo autores como Alonso Barba ou Caramuel, que realizaron achegas orixinais. Así pois, as novas ideas científicas eran coñecidas, pero chocaban no caso das médicas co galenismo-escolasticismo, as físicas coa prohibición do copernicanismo e as biolóxicas co aristotelismo.

A obra de Feijoo non naceu por xeración espontánea no escuro s. XVIII, como por veces se tenta presentar, senón que somerxe as súas raíces nas ideas filosófico-científicas da última quincena do XVII (López Piñero, 1969; Maravall, 1976), en que se fundan “tertulias” de toda clase de ciencias. Estas serán o cerne do movemento novator, no que se aprecian influenzas corpusculistas, cartesianas e do empirismo inglés, ideas sobre as que se asentarán as obras dos P. Feijoo e Sarmiento. O movemento tivo que loitar contra o aristotelismo, na súa interpretación escolástica, que, protexido pola Inquisición, reinaba, a carón do galenismo, nas universidades españolas. A Inquisición contaba cun poder aínda considerable no s. XVIII, de tal maneira que se noutros países europeos se obrigaba a incluír unha cláusula nas obras, como a de Buffon, indicando que as ideas vertidas eran hipotéticas, sen máis consecuencias para os autores, en España déronse procesos inquisitoriais, coñecéndose a queima dunha bruxa e casos de desterro e persecución (López Piñero, 1969; Elorza, 1976).

Malia estas limitacións, algúns novatores ocuparon cátedras universitarias, como o caso de Feijoo, e existía un pequeno sector partidario das novas ideas científicas que defendeu a "liberdade de filosofar". Consecuentemente con esta actitude, non se adscribirán a ningún "sistema" de explicación do mundo, adoptando unha actitude antidogmática e crítica.

Feijoo desenvolve unha inmensa actividade crítica contra os prexuízos da sociedade (erros e falacias nas artes adiviñas, astroloxía, quiromancia, maxia e bruxería, crenzas en milagres e castigos sobrenaturais) e combate a ignorancia da ciencia oficial na medicina, anatomía, fisioloxía, "bioloxía" ou física. Os seus obxectivos van máis alá do movemento novator, xa que a súa crítica se estende non só ao estado de atraso, ignorancia e animadversión respecto ás novidades científico-técnicas, senón tamén á situación española no terreo socio-político e económico, que deben mudar a ciencia e a educación.

Feijoo e a Primeira Ilustración

Debemos salientar que a caracterización da Ilustración foi cambiando ao longo do tempo (Cassirer, 1932; Hazard, 1946), e non se pode reducir a un concepto unívoco en Europa (Maravall, 1991). No caso español reviste características propias (Sarraihl, 1954). En Galicia, as primeiras publicacións que demostraron a existencia dunha Ilustración galega foron, fundamentalmente, as de Otero Pedrayo (1969) e Dopico (1978).

Feijoo pertence á “Primeira Ilustración" (Maravall, 1991), ponte entre o movemento novator e a "Segunda Ilustración". Mentres que os novatores se achegaban ao cartesianismo, a Primeira ilustración preferirá o corpusculismo de Gassendi e o empirismo de Bacon, e a Segunda Ilustración será máis newtoniana e herdeira do empirismo baconiano.

Para valorar a obra de Feijoo cómpre salientar que a caracterización da ciencia moderna como o triunfo da luz sobre as tebras ou como unha ciencia laica e empírica -libre de consideracións filosóficas e teolóxicas fronte á ciencia aristotélica- é reducionista e arredada da construción do coñecemento científico. En primeiro lugar, constátase que todas as obras científicas dos ss. XVII e XVIII están inzadas de consideracións filosóficas (disciplina omnicomprensiva de todas as ciencias) e teolóxicas, e que a meirande parte dos autores tenta casar ciencia e relixión, admitindo un Deus garante, cando menos, da orde natural, tal como se pode apreciar, por exemplo, nos Principia de Newton. Isto non se opón a que en Europa o aristotelismo comezase a decaer moito antes do que recoñece a historiografía tradicional, xa que os ss. XV e XVI se poden considerar inmersos no paradigma hermetista-renacentista (Metzger,1935;Turro, 1985), de maneira que o mecanismo e a filosofía newtoniana non tiveron que enfrontarse ao aristotelismo escolástico, nin os sabios dese tempo pertencían no seu conxunto a tal tradición, senón que discutían con bastante liberdade as súas opinións, como pon de manifesto o estudo das súas obras.

Respecto ao s. XVIII, a polémica cartesianismo-newtonianismo foi a principal, persistindo elementos do hermetismo e medievais, da mesma maneira que na ciencia newtoniana achamos elementos cartesianos e alquímicos, malia que ambos dous paradigmas se rexeiten na retórica do discurso. Ademais, os conceptos básicos do século das Luces, humanidade, felicidade, sociedade, razón, non se construíron á marxe da observación empírica, senón que o racionalismo do XVIII é, en gran parte, un compromiso de buscar a verdade e de examinar as cousas apoiándose na propia razón e experiencia (Maravall, 1991), tal como afirmaba Feijoo: “Así yo, ciudadano libre de la república literaria, ni esclavo de Aristóteles ni aliado de sus enemigos, escucharé siempre, con preferencia a toda autoridad privada, lo que me dictaren la experiencia y la razón”. (A cursiva é nosa).

Debemos salientar, pois, o empirismo inglés -Bacon-Boyle-Newton- como un dos máis importantes compoñentes da Ilustración, e concluír que a caracterización desta centuria como racionalista cartesiana non se sostén se examinamos as escolas científicas de Holanda, Suecia, Alemaña ou Italia (Hankins, 1998), e nin sequera se correspondería con Francia a partir da “conversión” da Académie ao newtonianismo, unha vez publicada a tradución e estudo crítico dos Principia de Newton de Madame du Châtelet en 1759 (Álvarez Lires et alii, 2003).

Feijoo expresa medo á Inquisición nas súas cartas (Marañón, 1935), medo que o fai buscar subterfuxios para manifestar acordo co sistema copernicano ou co newtoniano. Malia estas precaucións, sufriu ataques encarnizados e a humillante sanción inquisitorial (1739) que mandou borrar in totum dúas pasaxes do discurso “Importancia da ciencia física para a moral” (TC, VIII, 2), nas que atenuaba a condición pecaminosa de bailes e visitas privadas. Moi desgustado, redactou un longo escrito mostrando que houbera unha mala transcrición da imprenta e argumentando a ortodoxia da súa postura, que recibiu a aprobación dunha comisión de teólogos da Universidade de Salamanca. Pero foi en balde, porque a Inquisición ratificou a prohibición (Aguilar Piñal, 2002).

Pero como o público destinatario dos escritos de Feijoo excedía a disputa novatores contra aristotélicos e abranguía o maxisterio eclesiástico e a coroa, sen contar a popularidade que alcanzou a obra do bieito no vicerreinado do Río de la Plata (Furlong, 1952), Benedicto XIV erixiuse en protector de Feijoo e Fernando VI publicou un edito en 1750 prohibindo que o bieito fose obxecto de ataques.

A obra de Feijoo. Características

Da súa enciclopédica obra destacan o Theatro Crítico Universal (1726-1740) e as Cartas eruditas y curiosas (1742-1760), que espertaron fortísimas polémicas e foron traducidas ao francés, portugués, italiano, inglés e alemán, en pleno s. XVIII. Sen embargo, durante os s. XIX e XX non se reeditaron e houbo que agardar a que a Biblioteca Feijoniana dixitalizara a súa obra completa (1996-98).

Os escritos de Feijoo diríxense a un público culto, que no XVIII era máis numeroso que anteriormente; xentes que non só pertencen á xerarquía social, senón a diferentes sectores políticos, profesionais e económicos, ávidas de coñecer as innovacións. Neste sentido, o P. Feijoo é unha figura característica da Ilustración que pretende buscar explicacións do mundo para reformar a sociedade, combatendo a ignorancia e rectificando erros. A tal fin precísase de sabios universais, cun saber enciclopédico, divulgadores de todos os coñecementos humanos que a sociedade necesita para esa reforma intelectual, saberes que non teñen por que ser orixinais.

A súa obra foi evolucionando desde 1725, data en que escribe a defensa do doutor Martín Martínez, ata 1760, catro anos antes da súa morte. Así, por exemplo, na maioría dos tomos do Theatro Crítico falará moi pouco de Newton e de Copérnico e só a partir de 1745, nas Cartas Eruditas, comezará a mostrarse claramente favorable a ambos dous autores.

No Theatro Crítico expresa as ideas novas con prudencia; sen embargo, xa afirma a súa opinión contraria ao principio de autoridade de Aristóteles, aínda que indicando que a súa metafísica é compatible coa filosofía experimental, non sabemos se por salvagarda diante da Inquisición ou porque considera, como dirá Sarmiento, que unha cousa é a obra de Aristóteles e outra diferente a interpretación feita "por los católicos"(Alvárez Lires, 1998a), xuízo que coincidirá co de Farrington (1986). Feijoo contribuíu a que a autoridade de Aristóteles fose discutida nun ámbito moito máis amplo do que o fora cos novatores, pero malia o seu esforzo, e outros máis na Ilustración, o aristotelismo mantívose en moitos sectores reaccionarios ata ben entrado o s. XIX, sobre todo nas ideas biolóxicas. (Hankins, 1998). No Teatro Crítico Universal dirá: “Es imponderable el daño que padeció la Philosophia por estar tantos años oprimida debajo del yugo de la autoridad [de Aristóteles]”.

Non se manifestará como adicto a ningún "sistema", entendendo por tal unha explicación xeral do mundo, á maneira de Descartes ou de Newton, aínda que respectará o sistema corpuscular, o cartesiano e o newtoniano, pero sempre expresará que a adhesión a un sistema impide a liberdade de filosofar. No Theatro Crítico achégase ao sistema corpuscular, de Gassendi e os corpusculistas, defendéndoos das acusacións de herexes. Descartes non será do seu agrado porque o considera demasiado dogmático, teórico e illado da experiencia, aínda que aprecie os seus logros científicos. Outro pensador citado por Feijoo é Pierre Bayle, autor do Dictionnaire historique et critique, condenado pola Inquisición en 1747, pero ao que seguirá recorrendo posteriormente. Bacon e Boyle serán do seu agrado pola defensa que fan da experiencia. Achamos referencias tamén a Réaumur, Rousseau, Fontenelle, os abades Nollet e Pluche e a un amplo elenco de filósofos e científicos (Álvarez Lires, 2002).

Ata despois de 1745, nas Cartas Eruditas, non falará claramente do seu acordo con Copérnico e Newton. A resposta que dá para explicalo é a de que en España había cousas máis urxentes das que falar, que o público non o ía entender e a existencia de contradicións entre o sistema copernicano e as Sagradas Escrituras. Sen dubidar da certeza destas afirmacións, dáse a circunstancia de que nos anos en que escribe os primeiros tomos do Theatro Crítico, só pode coñecer a obra de Newton a través de divulgadores dela e dificilmente traducións da mesma ou orixinais en latín. Baseámonos en que o P. Sarmiento, asesor, censor e colaborador seu, a quen Feijoo autoriza para que corrixa, cambie, engada ou quite o que queira dos seus folios, o seu home en Madrid (Filgueira, 1981), fornecedor de bibliografía, defensor sen reparos de quen considera "maestro y señor", indica en 1730 o seu desexo de adquirir a obra completa de Newton, dicindo que lera a obra de Nicolás Martino (1727), Elementos Statice, en defensa do sistema newtoniano (Álvares Lires, 1998b). É altamente improbable que Feijoo posuíse a obra de Newton antes que Sarmiento e, de ser así, que non lla tivese remitido para orientalo nos seus labores de censor dos seus “pliegos”.

Feijoo establecerá unha clara distinción entre ciencia e relixión, aínda que esta última sexa o seu límite, afirmando que a autoridade dos santos en materia de ciencias naturais é nula, actitude que lle valerá fortes críticas. Cunha actitude ben moderna, mesmo para hoxe, pedirá tolerancia diante das doutrinas erróneas, xa que é máis prexudicial a prohibición anticipada que o erro, pois este pode facer adiantar o saber. Apreciará aos autores "modernos", pero tamén aos "antigos", no que teñen de valioso. Tamén tentará librar á relixión de milagres supostos, crenzas en feiticería e interpretacións sobrenaturais de fenómenos explicables pola razón natural.

Xa expresamos anteriormente as influenzas do empirismo na obra do bieito. Queremos engadir que Feijoo era un empirista inxenuo, xa que o seu concepto de experiencia se limita á vertente práctica, á marxe de elaboracións teóricas, aínda que fará referencia á necesidade dun certo método, pero sen chegar a desenvolvelo, e a súa cela estará lonxe de ser un laboratorio. Non obstante, intenta facer algúns experimentos pero acaba remitindo un microscopio ao P. Sarmiento, afirmando: “mis ojos no están ya para ver átomos” (Álvarez Lires, 2002).

Feijoo: un defensor das mulleres

Este é un dos aspectos menos estudados da obra de Feijoo. Semella que aínda hoxe constitúe un tema menor para a investigación, a non ser que esta se faga con perspectiva de xénero. É preciso salientar que a defensa das mulleres que fai Feijoo, e despois Sarmiento, é unha excepción oposta, ademais, á nova ciencia, compartida unicamente por un pequeno grupo de homes ilustrados e por un conxunto de mulleres, de clase alta -salonières-, ou por damas eruditas como Dª Josefa de Amar y Borbón e por aquelas que, contra finais do século, conseguiron entrar nas Sociedades Económicas de Amigos del País.

En efecto, os pensadores ilustrados avogaban polos dereitos dos grupos marxinados, pero raramente o facían polos das mulleres. Pola contra, a costa da súa propia lóxica e racionalidade, continuaban afirmando que eran inferiores na razón e na ética, para manter a súa subordinación. Múltiples exemplos pódense achar en Rousseau, Locke, Hume ou Kant. O propio Voltaire, tan crítico coas institucións, manterá unha actitude ambigua, sen caer na misoxinia imperante, tal vez pola súa relación con Madame du Châtelet (Álvarez Lires, 2002b).

Pero ao tempo que a nova ciencia, co seu pensamento bioloxicista, contribuía a perpetuar a opresión das mulleres, a vontade de transformación social levaba ao pensamento ilustrado a defender o papel da educación e, así, as maiores oportunidades e os cambios nas condicións materiais propiciaron que, desde o XVIII, cada vez máis mulleres fosen capaces de dedicarse a actividades que ata entón lle estiveran vedadas.

Semella, pois, que a Ilustración non iluminou a todos os sectores marxinados da mesma maneira e que as mulleres foi un daqueles que permaneceu nas sombras, mais un certo número das que gozaban de posición elevada participou no movemento intelectual, chegando a ser naturalistas, humanistas, científicas e filósofas (Álvarez Lires, 1993), como Madame du Châtelet, Laura Bassi, Madame Lepaute ou María Gaetana Agnesi (Alic, 1991) e moitas outras. Pero aínda así, a meirande parte das mulleres eruditas víase na obriga de abandonar as súas afeccións cando xurdía o conflito ao non poder compaxinar unha vida dedicada ao estudo co seu papel de esposas e nais. As posibilidades de que publicasen sen seudónimo masculino eran practicamente inexistentes e, se o facían co seu nome, tiñan que arrostrar as burlas e o baleiro dos seus contemporáneos e de moitas mulleres. Con todo, existiron máis mulleres eruditas das que a Historia da Ciencia recoñeceu ata que comezaron a desenvolverse no ámbito anglosaxón os Gender and Science Studies, hai tres décadas, como se pode comprobar en múltiples obras e, mesmo, nos escritos dos bieitos Feijoo e Sarmiento.

Sen embargo, de forma paradoxal, o século das Luces será un terreo propicio para a polémica verbo desa metade deostada da humanidade. Contra finais de século aparecerán os Dereitos da muller e da cidadá de Olympe de Gouges, que morrerá vítima dos excesos da Revolución Francesa; os Cadernos de queixas das mulleres; o intento de plasmación da igualdade de dereitos en proxectos lexislativos e educativos; escritos en defensa dos dereitos das mulleres, como os da inglesa Mary Wollstoncraft coa Vindicación dos dereitos da muller (1791), os do francés Condorcet, os do alemán von Hippel (1792) ou os da española Josefa Amar y Borbón (Álvarez Lires, 2002b).

En 1726, Feijoo escribe o Discurso XVI, “Defensa de las mugeres”, no Tomo I do Theatro Crítico Universal, e comeza con estes parágrafos: “En grave empeño me pongo. No es ya sólo un vulgo ignorante con quien entro en la contienda: defender a todas las mujeres, viene a ser lo mismo que ofender a casi todos los hombres: pues raro hay que no se interese en la precedencia de su sexo con desestimación del otro. A tanto se ha extendido la opinión común en vilipendio de las mujeres, que apenas admite en ellas cosa buena. En lo moral las llena de defectos, y en lo físico de imperfecciones. Pero donde más fuerza hace, es en la limitación de sus entendimientos. Por esta razón, después de defenderlas con alguna brevedad sobre otros capítulos, discurriré más largamente sobre su aptitud para todo género de ciencias, y conocimientos sublimes”.

Repárese en que este discurso é un dos primeiros que escribe; non o coloca como apéndice doutro nin o trata coma un tema menor e, ademais, responde ás polémicas, encarga a Sarmiento que o aborde na Demostración Crítico Apologética e volverá sobre a cuestión en varias ocasións e nos suplementos do Theatro moitos anos máis tarde (Maravall, 1991).

Feijoo ataca os prexuízos da ciencia e da filosofía e non ten problema en desautorizar a cartesianos, xesuítas e pais da Igrexa Católica. O bieito nega a diferenza intelectual entre homes e mulleres, combate prexuízos sobre a división do mundo entre mulleres malas e homes bos, sobre a atribución de todos os males ao sexo feminino e non admite ningunha supremacía do sexo masculino. Para demostrar as súas teses procede rebatendo as supostas refutacións dun adversario e, finalmente, ofrece unha ampla relación de mulleres ilustres, fortes e prudentes, guerreiras e raíñas, santas, mártires e eruditas.

As súas fontes son Lucrezia Marinella (Álvarez Lires, 1998b), Anna Maria von Schurman e autores que defenderon a igualdade dos sexos ou mesmo a preponderancia das mulleres, entre os que citará a Séneca, aos Xesuítas das Memorias de Trevoux, a Juan de Espinosa, Henrico Frawenlob, Jacobo del Pozo, citado en el Diccionario Crítico de Bayle, e Plutarco.

A maioría de iniciativas a favor das mulleres, como as de Feijoo, provocaron fortísimas polémicas, e aínda que o XIX suporá un retroceso nas conquistas acadadas, rexurdirá a loita pola igualdade a carón das reivindicacións antiescravistas, que xa apareceran na Ilustración. Nada caeu no baleiro.

Conclusións

Todo parece indicar que a repercusión da obra de Feijoo foi moito maior do que se afirmou e que, xunto a outros ilustrados dos primeiros trinta anos do XVIII, deu entrada a temas políticos, sociais e económicos que sustentaron os avances científicos e reformadores da segunda metade da centuria (Domínguez Ortiz, 1977). Neste sentido, Otero Pedrayo (1972) afirmaba que a obra de Feijoo era unha reforma e que “estaba en transo de formación unha nova conciencia”. Unha tarefa pendente é a análise en profundidade da súa influenza no pensamento dos países en que se espallou a súa obra, aínda que na xa citada Biblioteca Feijoniana é posible achar algúns artigos que fan referencia a esta cuestión en Inglaterra, Alemaña e América.




Bibliografía:



Fontes documentais:

FEIJOO, Fr. B.J. (1730). Theatro Critico Universal, Madrid, Museo de Pontevedra.

SARMIENTO, Fr. Martín (1732). Demonstración Crítico – Apologética, Madrid, Museo de Pontevedra.

Fontes impresas:

FEIJOO. Fr. B.J. (1970). Teatro Crítico. Cartas Eruditas, Madrid: Alianza Editorial.

FEIJOO. Fr. B.J. (1982): "Catorce cartas de Feijóo al P. Sarmiento", Yermo, 20, 12: 173-208.


Bibliografía secundaria:

AGUILAR-PIÑAL, F. (2002): Bibliografía de autores españoles del siglo XVIII , Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas; Tomo X: Anónimos II.

ALIC, M. (1991), El legado de Hipatia, México, España, Colombia: Siglo XXI editores.

ÁLVAREZ LIRES, M. (1993): "A Ilustración: século de Luces e de sombras", Festa da Palabra Silenciada, nº 9.

ÁLVAREZ LIRES, M. (1998b). A Ciencia no s. XVIII: Fr. Martín Sarmiento (1695-1772), unha figura paradigmática, Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, formato dixital.

ÁLVAREZ LIRES, M. (2001): “Unha excepción no discurso ilustrado da Filosofía e da Ciencia sobre o xénero: Sarmiento (1695-1772)”. En Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas,. Tomo I. 559-570, Deputación Provincial de Pontevedra;

ÁLVAREZ LIRES, M. (2002a) Sarmiento, un científico da Segunda Ilustración, Santiago: Universidade.

ÁLVAREZ LIRES, M. (2002b): As mulleres na obra de Frei Martín Sarmiento (1695-1772) , Xunta de Galicia: Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

ÁLVAREZ LIRES, M (2002c): Fray Martín Sarmiento: una figura preclara de la ciencia en España en el siglo XVIII, Institutions and Societies for Teaching, Reseach and Popularisation, Turnhout: Brepols.

ÁLVAREZ-LIRES, M. (2003). Las científicas y su historia en el aula, Madrid: Síntesis.

CASSIRER, E. (1993): Filosofía de la Ilustración, Madrid: Fondo de Cultura Económica.

DOPICO, F. (1978): A Ilustración e a sociedade galega , Vigo: Galaxia.

DOMÍNGUEZ-ORTIZ, A.(1977): Aspectos de la España de Feijoo, Hispania, vol XXIV, p. 570.

ELORZA, A. (1976): La Inquisición y el Pensamiento Ilustrado, Historia 16, extra I, 107-124.

FARRINGTON, B. (1986): Ciencia Griega, Barcelona: Icaria.

FILGUEIRA VALVERDE, X. (1981): Hombres que hicieron Galicia: Fr. Martín Sarmiento, A Coruña: Banco del Noroeste.

FILGUEIRA VALVERDE, X. (1994): Fr. Martín Sarmiento (1695-1772), A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

FURLONG; G. (1952). Nacimiento y desarrollo de la filosofía en el Río de la Plata, 1536-1810, Buenos Aires: Editorial Guillermo Kraft.

HANKINS, T.L. (1998): Ciencia e Ilustración, Madrid: Siglo XXI.

HAZARD, P. (1991): El pensamiento europeo en el siglo XVIII, Madrid: Alianza.

LÓPEZ PIÑERO, J.L. (1969): La introducción de la Ciencia Moderna en España, Barcelona: Ariel.

MARAÑÓN, G. (1934): Las ideas biológicas del Padre Feijoo, Madrid: Espasa-Calpe.

MARAVALL, J. A. (1976): “El primer siglo XVIII y la obra de Feijoo”, II Simposio sobre el P. Feijoo y su siglo, Oviedo: Universidad.

MARAVALL, J. A. (1991): Estudios de la Historia del Pensamiento Español Siglo XVIII , Madrid: Mondadori.

MARINELLA, L. (1653): Nobiltà et excellence delle donne, co difetti et mancament degli uomoni, Venecia. ESTÁ REPETIDO. ¿POÑEMOS OS DOUS?

MARINELLA, L. (1999): The Nobility and Excellence of Women and the Defects and Vices of Men>/i>, Chicago: The University Press.

METZGER, H. (1969): Les Doctrines Chimiques en France du debut du XVII à la fin du XVIII` Siécle, Paris: Lib. Blanchard, nouveau tirage.

OGILVIE, M.B. (1988): Women in Science. Antiquity throught the Nineteenth Century, The Massachusetts Institute of Technology.

OTERO PEDRAYO, R. (1969): Síntesis histórica do s. XVIII en Galicia, Vigo: Galaxia.

OTERO PEDRAYO, R. (1972): El P. Feijoo. Su vida, doctrina e influencia, Ourense: Instituto de Estudios Orensano.

SARRAILH, J. (1992): La España Ilustrada de la segunda mitad del siglo XVIII, Madrid: Fondo de Cultura Económica.

TURRÓ, S. (1985): Descartes. Del hermetismo a la nueva ciencia, Barcelona: Anthropos