culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Alejandro Auber e Fondniare

O labor dun científico liberal

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 04/08/2012

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Pedro Alejandro Auber e Fondniare”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 28/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=325
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Écrainville, Le Havre (Francia) 1786
  • Falecemento: A Habana 1843
Chegou a España coas tropas napoleónicas, como funcionario dos hospitais militares. Con pouco máis de vinte anos ocupaba o cargo de secretario do comisario de guerra do exército napoleónico (Ruíz Apilánez, 1980). Prisioneiro na batalla de Bailén (Anónimo a), realizou en Madrid, en tempos de José I, estudos que lle aportaron unha notable formación científica. En 1811-12 acudiu a clases de Botánica no Real Jardin Botánico, que dirixía Claudio Boutelou, colaborador do novo réxime e subdirector da Sociedad Económica de Amigos del País de Madrid. Estudou Zooloxía e Mineraloxía no Museo de Historia Natural (onde tivo como mestres ao naturalista José Mariano Mociño e ao minerólogo Herrgen) e, asemade, acudiu a clases de Física e Química no Hospital Xeral, con Lambert, boticario xefe do exército. Tamén seguiu estudos de Medicina, recibindo clases de Anatomía e Fisioloxía humana do profesor Peña, director do Hospital, e do cirurxián Larrey. Debeu empregar a súa formación médica no ámbito militar, pois nalgún documento preséntase como "director de los hospitales de campaña" (Meijide, 1988: 121). Por outra banda, é cualificado como ex-xefe de contabilidade da administración central do hospital do Exército español de José I Bonaparte (Valín, 1990).

Estancia en A Coruña

A actividade científica de Auber estivo moi mediatizada polo seu compromiso co liberalismo e as turbulentas conxuntaras políticas da época que lle tocou vivir. Amigo persoal do xeneral Lacy, foi para A Coruña cando nomearon a este militar Capitán Xeneral de Galicia. A chegada á capital galega puido estar relacionada coa misión de establecer unha loxa masónica. O certo é que Auber, culto autodidacta rusoniano... (Valín, 1993: 184), foi fundador, en 1814, da Logia Constitucional de la Reunión Española, considerada a primeira en Galicia (Valín, 1990), ocupando o cargo de "venerable mestre", grao 18. Da loxa formaron parte sobranceiros liberais da cidade, como o capitán xeral Lacy, Marcelino Calero, Sebastián Iguereta e diversos membros do Exército. Os “irmáns masóns” deberon afrontar o risco da represión que o absolutismo de Fernando VII desencadeou nese tempo, pois prohibiu a masonería desde o 2 de xaneiro de 1815. Transformada a loxa nunha máis pequena, secreta e con compoñentes militares, e cambiando o nome por “Los Amigos del Orden”, participará activamente en diversos intentos de restauración liberal. Interveu, en febreiro de 1820, na toma da Capitanía Xeral, xogando, polo tanto, un papel decisivo no éxito da insurrección de Riego e na chegada do trienio liberal (1820-1823).

Casou o 24 de xaneiro de 1818 con Ubalda de Noya y Abad, da burguesía ilustrada coruñesa (Ruíz Apilánez, 1980), e o 28 de xuño de 1820 fíxose cidadán español. Na cidade herculina fundou e dirixiu un xornal, o Diario Constitucional, claramente partidario do liberalismo radical, e do que era impresor Sebastián Iguereta. Esta actividade xornalística será fundamental nas posteriores acusacións absolutistas contra Auber. Parece que impartía docencia "de tantas y tan distintas ciencias como aprendió" (Anónimo b). De feito, preséntase como "profesor de Matemáticas" nalgún documento (Meijide, 1988: 121). No padrón figuraba co oficio de mestre, e vivía dando clases de Ciencias. Segundo Valín, ao inicio do trienio constitucional rexentaba coa súa dona unha humilde academia na rúa da Trompeta nº 1, 2º, que “fue la primera escuela, más o menos laica, de la historia de la educación gallega” (Valín, 1993: 184). Sabemos tamén que durante o trienio presentou unha solicitude para desempeñar as cátedras vacantes de Física experimental ou de Matemáticas (Meijide, 1988: 120-121).

Fuxida e actividades nas Canarias e Cuba

Ao remate do trienio a persecución dos liberais obrigou a Auber a fuxir da Coruña. Disfrazado e acompañado da súa familia, puido acadar as costas canarias cunha barca. En Tenerife entrou en contacto co naturalista francés Sabin Berthelot (1794-1880), con quen colaborou estreitamente en diversas actividades. Berthelot realizaría co botánico Philip Barker Webb (1793-1854), a valiosa obra Histoire Naturelle des Îles Canaries, labor no que contaron coa axuda de Auber. Como mostra de agradecemento dedicáronlle unha nova especie, o “taginaste picante” (un endemismo que descubriron nas Cañadas do Teide), que denominaron Echium auberianum, Webb & Berthel. Tamén con Berthelot crearon un Liceo en La Orotava. O centro pretendía ser unha referencia innovadora na educación en Canarias, pero a iniciativa fracasou pola intervención do bispo Vicente de Román y Linares, que entendía que se trataba dunha escola “peligrosa e ímpia”.

Auber volvía a comprobar as dificultades da modernización e transformación social na Península. Quizás por iso, e pola necesidade de atopar un sustento, deixa o arquipélago en 1832 e marcha para Cuba, formando unha colonia canaria en Moa. Probablemente nesta viaxe, e nos posteriores pasos, contou co asesoramento e apoio dalgúns amigos e compañeiros, como sería o caso do coruñés Ramón de la Sagra, daquela director do Jardín Botánico da Habana. Auber amósase activo na súa estancia cubana (Puig-Samper & Valero, 1994; 2000; 2001). Acude ao Jardín Botánico da Habana para perfeccionar os seus coñecementos botánicos e acompaña a de la Sagra nas herborizacións polos arredores da capital cubana. Cando este deixa a dirección do Jardín Botánico, en 1835, Auber sucédeo na dirección interina. Desde ese posto dirixiu o seu labor cara unha botánica aplicada á medicina e á farmacia, modificando algo a dirección agronómica inspirada polo seu predecesor. Concorreu en 1834 á praza de catedrático de Botánica, convocada pola Real Junta Superior Gubernativa de Farmacia da illa de Cuba, presentando una certificación firmada por Ramón de la Sagra, ademais de cartas dos salientables botánicos Pavón, Webb e Berthelot, que avalaban as súas calidades e coñecementos botánicos. Foi proposto para o posto de catedrático o 17 de marzo de 1835 e confirmado pola Raiña seis días máis tarde. Nun discurso pronunciado en 1837, “Del estudio de la Botánica” (publicado despois da súa morte: Auber, 1846), sintetiza os obxectivos do seu labor ao fronte da cátedra, facendo fincapé na importancia dos vexetais para usos medicinais e comerciais e a necesidade da súa correcta identificación e estudo. Tamén ocupou a cátedra de Física da Facultade de Filosofía da Universidade da Habana. Nomeouno o gobernador e capitán xeral Gerónimo Valdés o 24 de outubro de 1842 e desempeñou o posto só por unhas cinco semanas, pois en xaneiro de 1843 enfermou e foi substituído (Leroy y Gálvez, 1979: 4).

Auber agasallou a de la Sagra co seu herbario en 1840, que este levou para Europa (Trelles, 1918). A amizade entre estes dous científicos tivo continuidade familiar. Morto Auber en 1843, cando Sagra realice a derradeira viaxe a Cuba, no verán de 1859, encontrará entre os amigos que o reciben con afecto a "Emilio Aubert" (Cambrón, 1989: 140). Trátase de Emilio Auber de Noya, fillo do vello amigo, membro fundador da Real Academia de Ciencias Médicas, Físicas y Naturales de La Habana (única academia de ciencia que existiu nunha colonia española). Nado na Coruña e morto na Habana en 1884, tamén foi director do Jardín Botánico. A súa irmá Virginia Felicia Auber de Noya, igualmente coruñesa de nacemento, foi a escritora "Felicia", que morreu en Madrid en 1897. Un fillo de Emilio, Pedro Alejandro Auber y Sánchez (A Habana 1845-Madrid, 1890), foi tamén membro da Academia.

Pedro Alejandro Auber pertenceu a varias academias e realizou un importe labor de divulgación científica na prensa habanera. Colaborou nas Memorias de la Real Sociedad Económica de La Habana e tamén no Noticioso Constitucional (1813-1832) (Aguilera, 2007), o Repertorio Económico de Medicina, Farmacia y Ciencias Naturales, La Siempreviva, Diario de La Habana, etc. (Puig-Samper, M.A. & Valero, M., 2000). Publicou artigos (“Entomología” e “Agricultura”) na revista cubana El Plantel (1838-1839), indicando Feliciana Menocal que “en su artículo Entomología, nos ofrece la teoría sobre los mosquitos como agentes trasmisores de la fiebre amarilla cuando Finlay sólo tenía cinco años de edad”.

Asemade, foi autor dun importante artigo aparecido en El Español de Madrid (7-VII-1837), sobre o "Sistema cosmogónico de Mr. Lyell", onde expón as doutrinas sobre a creación e aporta consideracións propias sobre a ciencia. Cómpre subliñar que cando aparece este traballo había só catro anos que se publicara o derradeiro tomo da obra magna de Lyell, Principles of Geology, e pasarían tres antes da tradución española de Ezquerra del Bayo. O texto debe estar relacionada cun artigo anterior, de 1836, aparecido no mesmo xornal, "Nuevas consideraciones acerca de la constitución geológica de la Europa", no que se expuñan por vez primeira en España as teorías de Lyell, pero como mera tradución dun texto publicado na revista británica Quarterly Review (Pelayo, 1991). Polo tanto, o artigo de Auber sería a primeira referencia, ou unha das primeiras, deste importante xeólogo inglés por parte dun autor hispano.

Interesado pola aplicación da ciencia nas actividades económicas, redactou un texto sobre a cría dos vermes da seda. O director da Sociedade Económica da Habana considerou que podería ser útil a súa publicación e solicitoullo para ese fin en 1839. Porén houbo que agardar tres anos para que, en 1842, a Real Junta de Fomento, del Comercio y de la Agricultua de la isla de Cuba mandara imprimir a obra: Cartilla sericola ó sean (sic) Breves nociones sobre el cultivo de la morera y la crianza de los gusanos de seda (Auber, 1842).

Auber foi enterrado no cemiterio xeral de Espada (A Habana). O crego que asinou a acta de defunción deixou escrito que "no recibió los Santos Sacramentos por su imprevista muerte" (Leroy y Gálvez, 1979: 4). Probablemente un formulismo que pretendía agachar a vontade do finado. Segundo outros testemuños, o proceso non debeu ser tan repentino, pois se conta como exemplo do seu espírito científico e librepensador o detallado relato que fixo co médico que o atendía de como afectaba ao seu corpo a enfermidade da que morrería.



Bibliografía:



Fontes impresas:

AUBER E FONDNIARE, P.A. (1837): Sistema cosmogónico de Mr. Lyell, El Español , Madrid, 7-VII-1837.

AUBER E FONDNIARE, P.A. (1842): Cartilla serícola ó sean (sic) Breves nociones sobre el cultivo de la morera y la crianza de los gusanos de seda, por d. Pedro Alejandro Auber ... Obra aprobada y mandada imprimir por la Real Junta de Fomento, del Comercio y de la Agricultura de la isla de Cuba, La Habana: Imprenta del Gobierno y Capitanía general por S.M.

AUBER E FONDNIARE, P.A. (1846): Del estudio de la Botánica. Discurso inaugural pronunciado en la Cátedra de esta ciencia por D. Pedro Alejandro Auber en el curso de 1837, Memorias de la Real Sociedad Económica de La Habana, 2: 100-105.

Bibliografía secundaria:

AGUILERA MANZANO, J. M. (2007): Publicaciones periódicas e imprentas de La Habana entre 1824 y 1845 en los archivos cubanos y españoles, Anuario de Estudios Americanos, 64, 1: 293-328.

ANÓNIMO a (1862): Biografía de Don Pedro Alejandro Auber, Galicia, pp 149-151.

ANÓNIMO b (1929): Auber, Pedro Alejandro (conf.), Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-Americana, Barcelona: Espasa-Calpe; VI: 986.

BACHILLER MORALES, A. (1862): Elogio del Sr. D. Pedro Alejandro Auber, Catedrático de Física de la Universidad de La Habana, El Estímulo, (La Habana), 1(2): 56-58.

BERTHELOT, S. (1980): Recuerdos y epistolario (1820-1880), La Laguna: Instituto de Estudios Canarios.

CAMBRÓN, A. (1989): El socialismo racional de Ramón de la Sagra, A Coruña: Deputación Provincial.

GONZÁLEZ CATOYRA, A. (1990): Auber Noya, Virginia Felicia, Biografías coruñesas, A Coruña: Gráfico Galaíco, pp. 59-60.

HERNÁNDEZ GONZÁLEZ, Manuel (1998): El Liceo de la Orotava(1824-1827), una experiencia pedagógica liberal en la Década Ominosa bajo la dirección de Berthelot y Auber, Revista de Ciencias de la Educación. Órgano del Instituto Calasanz de Ciencias de la Educación, 173: 87-94.

LEROY y GÁLVEZ, L. F. (1979): Profesores de Física de la Universidad de La Habana desde su secularización en 1842 hasta Manuel F. Gran, La Habana: Ed. Academia.

MEIJIDE, A. (1988): El científico Fernández Taboada (1776-1841), O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

MEMORIAS DE LA SOCIEDAD ECONÓMICA (1939): Memorias de la Sociedad Económica, junta ordinaria del 28 de junio, Memorias, p. 257, en:
(http://books.google.es/books/reader?id=4AUsAAAAYAAJ&printsec=frontcover&output=reader&pg=GBS.PA257).

MENOCAL, Feliciana: El Plantel, publicación periódica imprescindible, en:
http://librinsula.bnjm.cu/secciones/223/tesoros/223_tesoros_1.html

PELAYO, F. (1991): Las teorías geológicas y paleontológicas durante el siglo XIX , Madrid: Akal.

PUIG-SAMPER, M.A. & VALERO, M. (1994): A. Auber y el Jardín Botánico de La Habana, Bénassy et al., Noveau Monde et renouveau de l'Histoire Naturelle, París: Presses de la Sorbonne Nouvelle; III: 281-294.

PUIG-SAMPER, M.A. & VALERO, M. (2000): Historia del Jardín Botánico de La Habana, Aranjuez: Doce Calles-Consejo Superior de Investigaciones Científicas;

PUIG-SAMPER, M.A. & VALERO, M. (2001): Los naturalistas Pedro Alejandro y Emilio Auber en el Jardín Botánico de La Habana, Ingenium , 7: 327-341.

RUÍZ APILÁNEZ, I. (1980): Existencia coruñesa de Pedro Alejandro Auber, Revista, (del Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses), 13-16: 67-81.

VALÍN FERNÁNDEZ, A. (1990): Galicia y la masonería en el siglo XIX, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro;

VALÍN FERNÁNDEZ, A. (1993): Laicismo, educación y represión en la España del siglo XX, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

TRELLES GOVÍN, C. M. (1918): Biblioteca Científica Cubana, Matanzas: Imprenta de Juan. F. Oliver.