culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Juan Donapetry Iribarnegaray

Recoñecido profesional farmacéutico con ampla investigación no campo histórico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 05/08/2012

Extras de Juan Donapetry Iribarnegaray: 

Extras sobre Juan Donapetry Iribarnegaray:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Juan Donapetry Iribarnegaray”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 02/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=328
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Viveiro (Lugo) 1882
  • Falecemento: Oviedo 1961
Estudou o Bacharelato nos institutos de Lugo e A Coruña, graduándose no último en 1899. De seguido marchou a Bilbao, onde se matriculou na Escola de Enxeñeiros, pero decidido xa a estudar Farmacia volveu a Galicia e en 1906 iniciou os estudos que rematará con premio extraordinario en 1911. En abril de 1915 doutorouse en Madrid e posteriormente trasladouse a Oviedo, onde exerceu como farmacéutico tras comprar a coñecida botica de Benito Estrada, profesión que compatibiliza cos estudos da licenciatura en Ciencias Químicas que rematou en 1919, tamén con premio extraordinario. Segundo cita Roldan (1975), Donapetry foi alumno da Junta para Ampliación de Estudios durante o curso 1913-14.

Exerceu como profesor numerario de Ciencias naturais no Instituto de Oviedo e foi doutor do Claustro universitario dende 1917. Socio de número da Real Sociedad Española de Física y Química dende 1913, vogal da súa Xunta directiva en Asturias dende 1930 e subdelegado de Farmacia, no ano 1936 concedéuselle o premio Carracido polos seus méritos científicos e experimentais. Ocupou en cinco ocasións a presidencia do Colexio de Farmacéuticos de Oviedo, foi vogal 1º de Ensinanza e membro da Junta Provincial de Lucha Antituberculosa.

A súa produción científica comezou co traballo Estudio botánico, químico y farmacéutico de las apocináceas, que mereceu o premio extraordinario da licenciatura de Farmacia no 1911, e proseguiu coa realización da tese Síntesis del Veronal (Donapetry, 1913), cualificada con sobresaínte. Este traballo de investigación realizouno no laboratorio do Instituto de Investigaciones Bioquímicas de Santiago que tiña establecido o Dr. Deulofeu, que tamén lle prestou a súa axuda segundo consta nos agradecementos do libro. Nel expón a natureza química do veronal e as súas sínteses teóricas, explicando polo miúdo a síntese feita por el, na que partindo do ácido acético e por unha serie de pasos intermedios, obtén o éter dietilmalónico que emprega para obter o derivado disociado por acción do etanoato sódico. Deste derivado, disociado con ioduro de etilo, por condensación con urea, obtén o veronal. Describe a montaxe de laboratorio, a marcha da operación e os aparellos necesarios nas diversas fases, así como a relación de mostras presentadas ao tribunal que estivo presidido por José Rodríguez Carracido, sendo un dos vocais José Casares Gil.

Xa establecido en Oviedo, Donapetry elaborou o traballo Síntesis orgánicas, co que obtivo o premio extraordinario na licenciatura de Químicas en 1919, obra que se conservaba na Facultade de Oviedo que resultou incendiada na revolución de 1934. Posteriormente escribiu de forma esporádica sobre temas científicos na revista España Farmacéutica e na da Sociedad Española de Historia de la Farmacia. Cómpre salientar o seu artigo “Albargina: sus reacciones e identificación”. Na súa práctica profesional realizou unha gran cantidade de preparacións orixinais que paliaban parcialmente a escaseza provocada pola guerra mundial, como dentífricos, antiálxicos, vomitivos ou mesmo o coñecido “Tópico Petry”.

Inclinado ao cultivo dos temas históricos escribiu algúns artigos na Revista General de Marina e nos semanarios La Voz del Pueblo e o Heraldo de Vivero. Membro correspondente da Real Academia Galega, colaborou frecuentemente no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo e realizou importantes estudos de investigación histórica, como Don Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos y Conde de Orbaiceta. Fixo unha serie de traballos sobre a súa cidade natal que recolleu no libro Historia de Vivero y su concejo, editado en 1953, e foi cronista oficial da mesma. Exerceu un tempo como deputado provincial de Asturias, posto para o que foi designado en 1925.



Bibliografía:


Fontes documentais:

Donapetry Iribarnegaray, Juan. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, Serie expedientes persoais, Cartafol 334, doc. 10.

Fontes impresas:

DONAPETRY IRIBARNEGARAY, J. (1913): Síntesis del Veronal, Madrid: Imp. De Nicolás Moya.

DONAPETRY IRIBARNEGARAY, J. (1919): Albargina: sus reacciones e identificación, España Farmacéutica, nº 116.

Bibliografía secundaria:

ROLDÁN GUERRERO, R. (1975): Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Imp. P.H.O.E; t. II: 37-38.