culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Novo Campelo

Especialista en hidroloxía reumática e en farmacoloxía experimental e terapéutica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras de Antonio Novo Campelo: 

Extras sobre Antonio Novo Campelo:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Antonio Novo Campelo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/07/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=329
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Muros (A Coruña) 1878
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1948
Estudou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, onde obtivo a licenciatura con premio extraordinario en 1901. Ao ano seguinte doutorouse en Madrid diante dun tribunal presidido por A. San Martín. Foi alumno interno por oposición, primeiro de Anatomía e logo de Clínicas, e en 1904 ingresou, tamén por oposición, no Corpo de Médicos de Baños, chegando a dirixir, entre outros, os balnearios de A Toxa e Verín. Dedicoulle especial atención ás termas prescritas para o tratamento do reumatismo, enfermidade da que chegou a xuntar máis de 50.000 fichas clínicas.

Axudante de Técnica anatómica na Facultade de Medicina de Santiago, gañou en 1907, por oposición, a praza de Auxiliar numerario de Terapéutica e de Medicina legal. En 1909 accedeu mediante oposición á cátedra de Terapéutica da Universidade de Zaragoza, que non chegou a desempeñar, xa que obtivo unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para Francfort e Berlín, onde traballou baixo a dirección dos profesores Ehrlich, pai da quimioterapia antiinfecciosa, e Wassermann. Tras un ano de estadía fóra volveu a Galicia ao conseguir, de novo por oposición, a cátedra de Terapéutica na Universidade de Santiago que anos mais tarde compartirá coa de Farmacoloxía experimental, de nova creación. Tivo acumulada durante uns dez anos a cátedra de Patoloxía médica, e tamén ocupou un tempo a de Terapéutica clínica.
Realizou numerosas viaxes polos centros médicos máis importantes de Europa –a Universidade compostelá concedeulle unha bolsa- e asistiu a diversos cursos de hidroloxía, soroterapia e bioterapia. Foi secretario e decano (1931-1936; 1941-1948) da Facultade de Medicina, fundador do Instituto de idiomas e da Biblioteca de revistas da Universidade de Santiago, e acadou, entre outras distincións, as de Comisario Rexio da Escola de Veterinaria e de Comendador de Instrución Pública de Portugal.

A súa primeira publicación de relevancia foi a súa tese de doutoramento, Reducción cruenta de las luxaciones traumáticas irreductibles (Novo, 1903), na que fixa a importancia dunha diagnose exacta, tanto clínica como radiolóxica, e defende o ensaio dos métodos suaves fronte aos de forza. Avoga pola artrotomía seguida de redución simple como procedemento xeral, e no caso de atoparse moi alteradas as superficies articulares opta por unha resección o máis económica posible. Desbota a tenotomía subcutánea, salienta a especificidade da osteotomía e a osteoclasia, e como remate engade un apéndice con doce observacións clínicas.

En 1912 publicouse un extracto das súas explicacións académicas recollidas polos seus discípulos Correa Calderón, Sánchez Guisande e Vázquez Rico, baixo o título Apuntes de Terapéutica. Ao ano seguinte editouse a obra Tratamiento de la Epistalisis e un ano máis tarde unhas novas leccións médicas recompiladas polo axudante J. González Luaces, Apuntes de Terapéutica (Novo, 1914). Nelas trata, por unha banda, a terapéutica xeral: o estudo dos axentes terapéuticos, os medicamentos, as vías de introdución, a farmacoloxía, os anestésicos, a medicación antitérmica, etc...; e, por outra banda, a terapéutica especial, analizando entre outras: a opoterapia, a bromoterapia, a fototerapia, a inmunoterapia, a radiumterapia, a psicoterapia e a kinesiterapia.

Uns anos máis tarde apareceu a súa principal obra, feita en colaboración co profesor auxiliar Villarino Ulloa: Tratado de Farmacología Experimental y Terapéutica (Novo, 1917), na que tomando como base o anterior traballo, fai un pormenorizado estudo da acción terapéutica do mercurio, arsénico, bismuto, ferro, proteínas, etc...; analiza as vitaminas, os medicamentos opoterápicos e as hormonas, e repasa os efectos da quimioterapia na lepra e na tuberculose. Segundo Villarino, en 1919 apareceu o segundo tomo deste Tratado, e nel estúdanse todos os capítulos da terapéutica física, sendo reeditado en 1935 e 1943.

Romero (1977) atribúelle o capítulo de Hidroloxía médica da obra Terapéutica clínica, do profesor Bañuelos, de Valladolid. Publicou numerosos artigos en revistas profesionais, sendo ademais un dos fundadores e codirector da revista Galicia Médica, editada en Santiago dende 1913, e redactor xefe da Revista Médica Gallega, órgano do Hospital Clínico alá polo 1900. Na década dos vinte formou parte da dirección científica da revista refundada con este mesmo nome. Débense citar os seus artigos La crisoterapia (Novo, 1933), no que defende a quimioterapia, tratamento "áurico", como remedio da tuberculose pulmonar, sempre que sexa ben dirixida e individualizada, e La crenoterapia en la litiasis renal, publicado tamén no Boletín de la Universidad de Santiago en 1935. Cando aínda era axudante de Técnica anatómica, xa escribira Ligados los troncos arteriales de los miembros ¿por donde se establece la corriente lateral? (Novo, 1900a), no que discute as distintas posibilidades de ligadura para a arteria subclavia, da axilar, da humeral, etc..., así como un estudo similar para os membros inferiores. Entre o grande número de notas clínicas impresas, destaca Un caso de atrofia muscular progresiva de J. Hoffman, que foi reproducido pola revista Los Progresos de la Clínica.

Cómpre tamén salientar os numerosos cursiños de Hidroloxía médica e Terapéutica física desenvolvidos por Novo na facultade de Medicina, así como o seu enorme labor de divulgación neste campo, que inclúe, entre moitas outras, unha conferencia na Sociedad de Hidrología en Madrid, na que foi presentado por Rodríguez Pinilla e que acadou grande sona na prensa madrileña. Tamén presentou un estudo no Congreso Internacional de Hidroloxía de Budapest.

Home solemne, de personalidade extrovertida, optimista e inmodesta, segundo Belmote (2004), politicamente salienta polo seu frontal combate contra a galeguización do ensino (Núñez, 2006), que reproduce manifestacións moi duras e violentas contra os que chama “separatistas” e que só se explican no contexto bélico da guerra civil. Gurriarán (2006) sinala a súa procedencia “monterista” e a súa acelerada conversión á reacción máis furibunda contra o galeguismo e o Estatuto. Curiosamente, veríase tamén no ollo de mira dos organismos depuradores por ter desempeñado cargos no período republicano.



Bibliografía:



Fontes impresas::

NOVO CAMPELO, A. (1900a): Ligados los troncos arteriales de los miembros, ¿por donde se establece la corriente colateral?, Boletín de Medicina y Cirugía, 13: 312-314

NOVO CAMPELO, A. (1900b): Gangrena de la boca, Boletín de Medicina y Cirugía, 14: 349-350.

NOVO CAMPELO, A. (1900c): La Pelagra, Boletín de Medicina y Cirugía, 19: 512-514; 20: 543-547; 21: 575-579.

NOVO CAMPELO, A. (1903): Reducción cruenta de las luxaciones traumáticas irreductibles, Santiago: Tip. Galaica.

NOVO CAMPELO, A. (1912): Apuntes de Terapéutica, extractados de la explicación del Dr. D. Antonio Novo Campelo, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

NOVO CAMPELO, A. (1914): Apuntes de Terapéutica, extractados de las últimas explicaciones del Dr. D. Antonio Novo Campelo, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

NOVO CAMPELO, A.; VILLARINO ULLOA, R. (1917): Tratado de Farmacología Experimental y Terapéutica, Santiago: El Eco de Santiago (2ª Ed., 1936, Santiago: Librería González; 3ª Ed., 1943, Santiago: Sucesores de Galí).

NOVO CAMPELO, A. (1929-1930): La crenodinamia, Libro homenaje a Goyanes, Madrid: Gaceta Médica Española; p. 187-188.

NOVO CAMPELO, A. (1933): La Crisoterapia, Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 18: 318-322.

NOVO CAMPELO, A. (1937a): Por España: Una, Grande y Libre, Santiago: La Ibérica.

NOVO CAMPELO, A. (1937b): Otros artículos: De mi lucha contra el separatismo”, Santiago: La Ibérica.

NOVO CAMPELO, A. (1941): “Tratamiento crenoterápico o de los reumatismos crónicos”, Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 32-33: 3-21.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1930): “Antonio Novo Campelo”, Boletín del Colegio Oficial de Practicantes de Santiago 20: 299-300, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC.

NÚÑEZ SEIXAS, X. M: (2006): ¡Fuera el invasor!. Nacionalismos y movilización bélica durante la guerra civil española (1936-1939), Madrid: Marcial Pons.

ROMERO VÁZQUEZ, D. (1977): Galería de Médicos Gallegos Ilustres, A Coruña: Imp. Moret.

VILLARINO ULLOA (1985): “Trayectoria vital y universitaria del maestro Novo Campelo”, El Correo Gallego, 30/06/1985, p. 44-45.