culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Luis Iglesias Iglesias

Catedrático de Historia Natural de longa traxectoria universitaria

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras de Luis Iglesias Iglesias: 

Extras sobre Luis Iglesias Iglesias:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Luis Iglesias Iglesias”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 25/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=333
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Teis (Pontevedra) 1895
  • Falecemento: Pontevedra 1976
Seguindo a tradición familiar estudou Medicina, se ben desde novo amosara una grande afección polas Ciencias Naturais. Matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela e no primeiro curso sobresaíu de seguida na disciplina de Historia Natural, materia que impartía Antonio García Varela. O encontro con este profesor foi decisivo, pois determinou que abordara os estudos de Ciencias Naturais despois de vencer serias resistencias paternas. En setembro de 1913 trasladou o expediente para a Universidade de Madrid, concluíndo en 1917 a súa primeira Licenciatura. De regreso en Compostela, obtivo o grao en Medicina en 1919, aínda que só exerceu esta carreira durante a guerra de Marrocos, onde cumpriu as súas obrigas militares.

Formación

O mestre de Luís Iglesias, Antonio García Varela, era discípulo de Ignacio Bolívar, institucionista (Institución Libre de Enseñanza), catedrático da Universidade de Madrid, director do Museo de Ciencias Naturales, presidente da Junta Para Ampliación de Estudios (JAE) e especialista de nivel internacional no estudo dos insectos, na entomoloxía.

Bolívar acolleu a Iglesias no seu equipo investigador, nomeouno axudante do Laboratorio de Entomoloxía e dirixiu a súa tese de doutoramento: Enumeración de los Curculiónidos de la Península Ibérica e Islas Baleares (Iglesias, 1922). Con ese traballo, Iglesias foi o primeiro autor en catalogar en España esa difícil familia de insectos. Nesta enumeración relaciona, seguindo a ordenación proposta por Heyden, Reitter e Weise en 1906, un total de 135 xéneros con 1.117 especies, 57 variedades, 3 morfos e 48 aberracións da Península Ibérica e Baleares, encadradas en 16 subfamilias.

Completou a súa formación ao acceder ás bolsas que xestionaba a Junta Para Ampliación de Estudios. Desde 1930 estivo de bolseiro en Italia (Real Instituto Superior Agrario de Portici, Nápoles) para estudar Entomoloxía aplicada á Agricultura co profesor Silvestri. Logo pasou por Roma (Instituto Internacional de Agricultura), Florencia (Estación Entomolóxica e Instituto de Zooloxía, con Badasseroni) e Boloña (Instituto Superior Agrario, con Guido Grandi).

Participación na Comisión de Estudios de Galicia

No verán de 1927, comisionado e patrocinado pola JAE, Luis Crespi Jaume dirixiu a Exploración naturalista y folklórica realizada a los Ancares y montes del Invernadero, nunha iniciativa da Comisión de Estudios en Galicia, da JAE. Na expedición tamén participou Luis Iglesias (que publicaría as súas impresións: Iglesias Iglesias, 1929b) e o salientable científico soviético Nikolái Ivánovich Vavílow. A exploración, que tiña como fin o estudo da flora, a fauna e o folclore dos Ancares e o Invernadoiro, iniciouse en Ponferrada, para dirixirse despois cara Pedrafita e Becerreá. Na segunda parte da excursión, que se desenvolveu polas serras do Invernadoiro e da Queixa, estiveron acompañados polo botánico Sampaio e o catedrático de Agricultura do Instituto de Ourense, José Rodríguez Bouzo.

A actividade supuxo un interesante experimento de traballo interdisciplinar, a realización dunha memoria para a JAE e outras publicacións. Crespí e Iglesias elaboraron o artigo “Los prados de las regiones media y montaña de Galicia” (Crespi & Iglesias, 1929d).

Traxectoria docente

Nun principio exerceu o labor docente no Ensino Medio, incorporándose como profesor axudante á Cátedra de Agricultura do Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, no que gañou por oposición, en maio de 1928, a Cátedra de Historia Natural, Fisioloxía e Hixiene, Xeoloxía e Bioloxía.

En 1919 García Varela abandonou Santiago, ao trasladarse para a Universidade Central como catedrático de Fisioloxía Vexetal. Ficaba valeira a cátedra compostelá e Iglesias iniciou inmediatamente, en 1920, a súa actividade docente universitaria, como auxiliar temporal, encargándose das cátedras de Mineraloxía e Botánica e de Zooloxía xeral. En 1932 acadou, por oposición, a Cátedra de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias de Santiago, cargo que desempeñou ata a súa xubilación en 1965.

Iglesias accedeu á docencia universitaria nun momento relevante, o da consolidación da autonomía universitaria e dos estudos científicos en Compostela. O 21 de maio de 1919 aprobouse o Real decreto de autonomía universitaria, momento en que a universidade compostelá contaba con tres facultades maiores (Farmacia, Medicina e Dereito), e 2 incompletas, Filosofía e Ciencias. A Universidade reclamou a recuperación da Facultade de Ciencias, unha opinión maioritaria, se ben García Varela optaba, seguindo o modelo alemán, pola creación dun Instituto de Química industrial e outro Electrotécnico. En 1921 o Congreso dos Deputados aceptou as peticións das autoridades académicas compostelás a prol da Facultade de Ciencias, que pasaron a seren efectivas desde 1922.

Labor investigador

O estudo sobre os insectos Curculiónidos (Iglesias, 1922) foi o punto de partida das súas pescudas entomolóxicas. O rigor aplicado neste traballo, que abranguía exemplares procedentes de toda a Península ibérica, continuou nunha serie de artigos dedicados á fauna galega. Neles aportou un gran número de novidades para o noso país, sobre todo no tocante aos Coleópteros das familias Carabidae, Cerambycidae e Chrysomelidae. O esforzo investigador orixinal marca una primeira etapa da súa carreira e decae nas fases posteriores, substituído pola actividade aplicada e divulgadora.

Centrouse na entomoloxía morfolóxico-sistemática, pero tamén atendeu outros aspectos importantes da disciplina, como o etolóxico. O discurso Interpretación de Escenas de la vida de los Insectos, na inauguración do curso académico universitario 1941-42 (Iglesias, 1941), ou o titulado La vida social en el hormiguero, constitúen un claro claro expoñente da súa atracción cara o estudo do comportamento animal.

Ademais da obra escrita deixounos unha colección entomolóxica composta de case 6.000 exemplares coidadosamente preparados e identificados, que constitúe un valioso patrimonio.

Especialista na loita contra as pragas de insectos e actividade divulgadora

Da estadía con F. Silvestri no Real Instituto Superior Agrario de Portici, Nápoles, xurdiría o traballo titulado “La lucha antiacrídica” (Iglesias, 1932), no que expón un resume sobre o estado dos coñecementos referentes á bioloxía das langostas españolas, os seus parasitos e os medios de loita para as combater. Este traballo, amplamente documentado bibliograficamente, converteuse nunha obra de orientación e factura científica para a época en que foi escrito. Este artigo e o que publicou posteriormente sobre as principais enfermidades nas plantas de interese agrícola e os medios de combatelas, convertérono nun entomólogo experto nas loitas contra as pragas dos insectos.

Dende a súa cátedra e como membro sobranceiro do Seminario de Estudos Galegos colaborou co Reitor Rodríguez Cadarso na fundación do Instituto de Estudios Regionales e dirixiu un dos organismos ligado ao Instituto, o Laboratorio de Fitopatología y Consultorio de Plagas del Campo, que mantivo durante uns trinta anos. O Consultorio prestou un notable servizo a Galicia polo eficaz labor a prol da nosa poboación rural fronte as cada vez máis frecuentes enfermidades micolóxicas e entomolóxicas das plantas de cultivo. Son numerosas as publicacións de Iglesias dedicadas ao ámbito aplicado da entomoloxía e con perfil de divulgación.

Papel no Museo de Historia Natural

A acción investigadora e de divulgación de Iglesias foi parella co seu labor museístico, que a Universidade de Santiago recoñeceu ao poñerlle o seu nome ao Museo de Historia Natural da institución universitaria nun solemne acto celebrado o 13 de novembro de 1965.
O seu predecesor, o profesor García Varela, ofrecera unha valiosa información sobre o estado dos fondos da cátedra e do Gabinete da Universidade de Santiago e a súa transformación en Museo na Memoria sobre Curso 1907 a 1908 (Anónimo, 1912). Ese listado evidenciaba o deterioro cuantitativo e cualitativo dos fondos do vello Gabinete, polo que García Varela iniciou un salientable labor de recuperación que continuaría Iglesias durante máis de corenta anos. Nese proceso debeu afrontar un delicado momento, o traslado en 1961 para o novo edificio da Facultade de Ciencias, momento no que contou coa axuda de Alfredo Llecha Ferrer, Carmen Sanmartín Cornes e de Santiago Vez Quijano.

Por outra banda, Iglesias amosou unha notoria tendencia a atribuírse todo o protagonismo na constitución e elaboración das coleccións do Museo, o que choca coa realidade. Unha posición coincidente coa súa teima en eliminar as vellas etiquetas de identificación dos exemplares, o que limita seriamente a identificación da orixe dos mesmos. Porén, a consulta da documentación conservada e a observación das mostras permite unha certa reconstrución da historia da súa incorporación á Universidade (Bugallo, 2003).

Xa na chegada á institución Iglesias explicou que o Museo fora constituído no século XIX con, principalmente, seres exóticos, adquiridos en establecementos españois e estranxeiros (Urgorri e Dobarro, 1990: 38). Máis, se ese foi o punto de partida, polas xestións do Reitor Viñas a mediados do século XIX, nas décadas seguintes, previas á súa incorporación, houbo contribucións importantes de numerosos exemplares peninsulares e do país.

Os fondos galegos procedían das coleccións do século XIX e de diversas doazóns. No seu desenvolvemento resultara decisivo o papel xogado pola Delegación de Santiago da Sociedad Española de Historia Natural. Esa asociación constituíuse en 1909, con Antonio Eleizegui López e Antonio García Varela de presidente e secretario iniciais (tamén formaban parte Baltasar Merino, presidente honorario, e Armando Cotarelo, Eugenio Labarta, Cabeza de León, Rios Rial, Sobrado, José Deulofeu, etc.). A Delegación tomou a salientable decisión de formar coleccións de Historia Natural de Galicia que serviran de base para a constitución dun “museo regional”, unha iniciativa que permitiu un notable incremento dos fondos, coa chegada de materiais de membros da Sección e de diversos profesionais, como Rafael Areses, Fermín Bescansa ou Juan Rof Codina (Bugallo, 2003). O Museo pasou así a organizarse en Museo Universal e Museo Regional, dependente do Instituto de Estudios Regionales, e a dividirse en tres salas ou seccións: a da colección Universal, a Mineralóxica, e a Zoolóxica.

A colección de rochas e minerais galegos está constituída por 327 exemplares. A documentación consultada permite afirmar que máis da metade corresponden a diversas doazóns e case 70 á vella colección do Gabinete. Polo tanto, a pesar do afirmado por Iglesias (1968), indicando que a maioría das mostras proceden do seu labor, o certo é que só un 30% corresponderían ao esforzo deste profesor (Bugallo, 2003).

Unha das contribución máis valiosas ao Museo durante a xestión de Iglesias foi a adquisición da “Colección Viqueira”, unha fermosa mostra de minerais elaborada polo médico vilagarcián José Viqueira Barrio. Nunha primeira fase, durante o curso 1927-28, Isidro Parga Pondal foi quen tivo a iniciativa de propoñer ao Decano da Facultade de Ciencias a adquisición da colección, que levou á práctica o Padroado da Universidade por un prezo simbólico. En 1940 a Universidade mercou aos herdeiros de Viqueira a segunda parte da colección (Bugallo, 2003).

No caso da colección zoolóxica de Galicia, Iglesias centrouse en completar a existente, a constituída por exemplares do século XIX e a iniciada pola Delegación de Santiago da Sociedad Española de Historia Natural, valioso patrimonio ao que non fai referencia nas súas publicacións (Iglesias, 1927b, 1933b, 1952).

A principal contribución de Iglesias sería a comentada colección entomolóxica. Salienta pola súa especialización e está constituída por máis de seis milleiros de exemplares coidadosamente preparados e identificados, correspondentes a mostras capturadas por Iglesias e numerosos exemplares que lle remitían os seus colegas. Tamén neste caso resulta imposible diferenciar a orixe.

Actividade institucional

Iglesias simultaneou o labor docente e investigador con numerosos cargos en diversas institucións. O 22 de xaneiro de 1926 leu o seu discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos (SEG) –“Aves de Galicia” (Iglesias, 1927b)-, institución na que exerceu os cargos de director da sección de Ciencias (1926-1936), membro da Comisión de Publicacións e delegado para a organización do Instituto de Estudios Regionales. Logo da morte de Cabeza de León, foi elixido presidente do SEG, posto que desempeñou desde outubro de 1934 ata maio de 1936, data na que dimitiu ao ser nomeado Reitor da Universidade (Mato, 2001).

Na institución universitaria ocupou, ademais do Reitorado, diversos cargos de responsabilidade, Vicerreitor, Administrador Xeral, vicedecano e decano da Facultade de Ciencias. A raíz do golpe de Estado de 1936 dimitiu de Reitor, dimisión que foi aceptada polo novo réxime o 19 de agosto de 1936. A diferencia do acontecido con algúns colegas da propia Facultade de Ciencias, ou co seu mestre Bolívar, que debeu saír para o exilio, Iglesias no sufriu represalias das autoridades golpistas, o que puido estar relacionado coa súa ideoloxía conservadora, intensa práctica relixiosa e boas relacións con algún crego (Gurriarán, 2006).

Luis Iglesias foi protagonista da lamentable cerimonia na que, ¡en 1965!, a Universidade de Santiago de Compostela lle outorgou a Francisco Franco o título de doutor honoris causa(Díaz Pardo, 1987; Fraga, 2007). Na súa intervención, como padriño do xeneral, Iglesias afirmou: "(…) yo equiparo las obras, las enseñanzas y los méritos de nuestro ilustre doctorando como una experiencia científica biológica mediante la cual consiguió restaurar el biologismo normal de nuestra Patria cuya vida venía siendo alterada por los regímenes políticos instaurados desde los años 31 al 36. Dirigiendo un equipo de colaboradores -como debe de hacerse todo trabajo científico de gran trascendencia y en este caso del más amplio alcance vital- fue, con un tesón, con una firmeza y sobre todo con una fe inquebrantable, recuperando paso a paso el territorio nacional y devolviéndole sus características biológicas ancestrales tanto en el terreno material como espiritual"(sic) (Iglesias Iglesias; Jorge Echeverri & Franco Bahamonde, 1965: 10).

Membro da Real Academia das Ciencias de Galicia e numerario da Real Academia Galega, institución na que ingresou en 1947 co discurso Las especies del género Carabus en Galicia, foi o primeiro presidente do Padroado Rosalía de Castro. Estaba en posesión da encomenda da Orde Civil e a gran cruz de Alfonso X o Sabio, a medalla de prata ao mérito cultural da Orde de Cabaleiros de Compostela e outras distincións. Colaborou coa innovadora empresa Zeltia. En 1953 dirixía o Consello Asesor Científico do que formaban parte varios profesores da USC (Gurriarán, 2006). Nesa entidade coincidiría co seu antigo colega de Facultade, Isidro Parga Pondal.



Bibliografía:



Fontes impresas:

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1916): Hallazgo de Leptomydas lusitanicus WIED, en Vigo, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., XVI: 182.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1917): Descubrimiento de Anthonomus varians PAYK. a pyrenaeus DESBR. en San Rafael, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., XVII: 403.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1922): Enumeración de los Curculiónidos de la Península Ibérica e Islas Baleares, Bol. R. Acad. Cienc. Exact. Fis. y Nat., XVIII:1-117.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1924): Estudio geológico de las fuentes minero-medicinales de Galicia, Santiago de Compostela: Tip. El Eco Franciscano.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1927a): Descripción de tres yacimientos de Evansita en Galicia, Bol. R. Soc. Hist. Nat., XXVII: 319-322.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1927b): Aves de Galicia, Arq. Sem. Est. Gal.,1:251-262.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1929a). Variabilidad por fluctuación de las manchas elitrales de Crioceris asparagi L. var. campestrisR. Soc. Esp. Hist. Nat. , XV: 411-413.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1929b): El Parque Regional Gallego, Madrid: Real Sociedad Española de Historia Natural, Junta para Ampliacion de Estudios e Investigaciones cientificas, Misiones Culturales en Galicia, Conferencias y Reseñas Cientificas de la Real Sociedad Española de Historia Natural, t. IV, p. 49-52.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1929c): Impresiones de la excursión científica a las Sierras de los Ancares, Invernadeiro y Queixa, en el mes de Julio de 1927, Arq. Sem. Est. Gal., III: 139-150.

CRESPI, L. & IGLESIAS, L. (1929d): Los prados de las regiones media y montaña de Galicia, Boletín Soc. Esp. Hist. Nat., 29: 127-142.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1930): Reconocimiento de tejidos vegetales por reactivos microquímicos, Arq. Sem. Est. Gal., V: 29-43.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1932): La lucha antiacrídica, Arq. Sem. Est. Gal., IV:7-75.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1933a): La lucha contra la polilla de los libros, Bol. Bibliot. y Bibliogr., II.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1933b): Algunas especies nuevas o poco conocidas para la fauna ornitológica de Galicia, Bol. Univ. Santiago, II (18): 165-173.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1934): El "chancro" y el "moteado" de perales y manzanos, Publ. Consult. Plag. Campo, Univ. Santiago, 5: 1-15.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1941): Interpretación de la vida de los insectos, Discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1941 a 1942, Santiago de Compostela: Universidad.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1942): , Madrid: Gráfica Informaciones; 2ª edición correxida e aumentada, Santiago de Compostela: Imprenta Paredes, 1959.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1948): Fauna de Galicia: I, Cerambícidos de Galicia. II, Especies del género Carabus en Galicia, Boletín de la Universidad de Santiago, 51-52: 157-167.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1952): Fauna de Galicia III. Aves de Galicia existentes en el Museo Regional de Historia Natural de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: Universidad.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1956): Relación y descripción de los minerales de la colección Viqueira del Museo de Historia Natural dela Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago, Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 64: 449-507.

IGLESIAS IGLESIAS, L. (1968): Colección de minerales de Galicia existentes en el Museo de Historia Natural de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago de Compostela, Boletín de la Universidad Santiago de Compostela, 75-76: 23-39.

IGLESIAS IGLESIAS, L.; JORGE ECHEVERRI, A. & FRANCO BAHAMONDE, F. (1965): Recepción e investidura de S.E. el Jefe del Estado Don Francisco Franco Bahamonde como Doctor "Honoris Causa" por la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela: Universidad.


Bibliografía secundaria:

ANONIMO (1912): Memoria acerca del estado de la Universidad de Santiago en el curso de 1908 a 1909, Santiago: Tip. "Eco de Santiago".

BERMEJO MARTÍNEZ, F. (1984): Sesión conjunta de las Facultades de Química, Biología y Matemáticas con la Academia Galega de Ciencias en Memoria del Profesor Dr. D. Luis Iglesias Iglesias, Boletín Academia Galega de Ciencias, 3:125-130.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago, Santiago de Compostela: Universidade.

DÍAZ PARDO, I. (1987): Galicia hoy y el resto del mundo, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Madrid: CSIC.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago, Santiago: Universidade.

LLECHA-FERRER, A. (1965): Jubilación del Prof. Iglesias. Facultad de Ciencias. Memoria del curso 1964-65, Acta Científica Compostelana, 2 (4): 218-219.

MATO DOMÍNGUEZ, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

TORRE ENCISO, U. (1980): Don Luis Iglesias Iglesias, Boletín de la Real Academia Gallega, 33, 360: 506-509.

URGORRI, V. & DOBARRO, X. (1990): O Prof. Luis Iglesias e o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, Ingenium, 2: 37-54.