culturagalega.org

Francisco Romero Blanco

Defensor da orientación filosófica na medicina e alternativa conservadora no Reitorado compostelán

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 14/08/2012

Extras de Francisco Romero Blanco: 

Extras sobre Francisco Romero Blanco:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Francisco Romero Blanco”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=337
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Vilar de Tállara, Lousame (A Coruña) 1838
  • Falecemento: Noia (A Coruña) 1918
Realizou estudos eclesiásticos no Seminario de Santiago de Compostela e de Medicina na Universidade da mesma cidade. Acabada a carreira, obtivo o doutorado en Madrid coa tese De la Medicina considerada como Ciencia y como arte(Romero Blanco, 1867). En 1871 acadou, por oposición, a cátedra de Anatomía Descritiva da Universidade de Santiago, na que permaneceu durante toda a súa actividade docente.

Decidiu non exercer a medicina privada e dedicouse en exclusiva á docencia. Como profesor tiña sona de disector salientable. Segundo Varela González (1986) foi autor dun compás anatómico, perfeccionou un método de conservación de cartílagos costais e os seus artellos co esternón e costelas, e publicou, en 1875, un traballo sobre preparacións anatómicas. Segundo os documentos que presentou á oposición de 1871 (Programa e Memoria) amosábase partidario dun ensino práctico, baseado no estudo do cadáver, na aprendizaxe das técnicas de disecar e no uso de láminas, gravados e figuras do Gabinete. Publicou o Programa de anatomía humana normal y fisiológica (general y descriptiva) (Romero Blanco, 1884).

O seu labor científico estivo centrado en Morfoloxía, concretamente en Anatomía. Esa especialidade, xunto coa Cirurxía e o ensino clínico, constituíron a cerna da modernización do modelo docente na Facultade de Medicina compostelá na metade do século XIX (García Guerra, 2001). A Anatomía acadaría un grande protagonismo, consolidándose unha escola. A pesar das súas pretensións de modernidade, a insistencia na orientación filosófica da medicina contribuíu a frear a incorporación de novidades médicas e a distanciar aos colegas do labor práctico.

Actividade social e política

Mantivo un salientable labor publicista e, xunto a temas médicos, escribiu textos de creación literaria, algúns no idioma propio do país. Académico correspondente da Academia de Medicina, foi un dos 40 fundadores da Real Academia Galega. Liberal durante a súa etapa como alumno universitario e nos primeiros anos de docencia, tivo enfrontamentos en 1873 cos estudantes republicanos pola defensa que realizou do rei Amadeo. Na Restauración evolucionou cara o tradicionalismo, aproximándose ao conservadorismo español e ao grupo compostelán da dereita rexionalista. Na universidade compostelá significouse como a alternativa conservadora aos liberais moderados, representados polo monterista e colega da Facultade de Medicina, Maximino Teijeiro. Segundo a cor política do Goberno de Madrid estes dous profesores eran nomeados para o posto de Reitor, cargo que Romero ostentou en tres ocasións, sendo, en 1896, senador pola Universidade. O enfrontamento non se limitaba ao eido político e/ou administrativo, senón que afectaba a todos os ámbitos da actividade universitaria, o que incluía os debates ideolóxicos, filosóficos e científicos e as liortas por axudar aos correlixionarios nas súas carreiras académicas.

Posición sobre os sistemas médicos

Na Medicina do século XIX desenvolveuse un amplo debate sobre os “sistemas médicos”. O dominio das posicións clásicas, hipocráticas, na medicina española, chocaba coas visións innovadoras que irrompían desde Europa, cualificadas como “materialistas”. Pedro Mata, catedrático da Universidade de Madrid, cuestionou o carácter científico das posicións hipocráticas, situando a Hipócrates e aos seus seguidores nunha liña “espiritualista”, máis metafísica ca científica, e animou aos colegas a dar un paso adíante cara a “medicina práctica”, ao estudo experimental dos fenómenos obxectivos (Mata, 1859). A intervención de Mata provocou unha grande controversia. O decano da Facultade de Medicina de Santiago, José Varela de Montes, publicou unha serie de artigos en El Siglo Médico, nos que defendeu o hipocratismo e rexeitou o denominado “materialismo positivista”. Pouco despois o catedrático de Obstetricia da universidade compostelá, José Andrey Sierra, retomou o tema e publicou uns Estudios de Filosofía Médica o Crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos considerados como elementos fundamentales de la Ciencia y base firme de sus certidumbres, reconstitución, progresos y perfeccionamiento (Andrey, 1861). O profesor compostelán defendía o hipocratismo e o denominado “eclecticismo”, a integración dos diversos sistemas.

Romero sumouse ao debate desde a súa primeira publicación, De la Medicina considerada como Ciencia y como arte(Romero Blanco, 1867). No escrito, no que salientan dúas características das súas publicacións, o estilo barroco e o gusto pola especulación filosófica, defende o “eclecticismo”: “lejos de decir que marchamos dentro de tal o cual sistema, diremos que marchamos con todos o con ninguno” (Romero Blanco, 1867: 15). Unha proposta que na súa versión identificábase menos co hipocratismo que noutros autores, e que contrapoñía cos condenables “exclusivismos”, os enfoques positivistas e/ou materialistas que “excluínan” elementos doutras doutrinas. Nas argumentacións recorre a dous significados médicos de visión tradicional, José Andrey y Sierra e Matias Nieto Serrano, editor de El Siglo Médico. A postura de Romero, hipoteticamente racional e aberta, na práctica supuña rexeitar os avances médicos, por exemplo, a mentalidade anatomoclínica. A principios do século XIX xurdira en Francia a que se denominou “escola orgánica”, tamén cualificada como “empirista” polo relevancia que lle outorgaba á experiencia directa fronte o método hipocrático, observacional. Os organicistas defendían a chamada “mentalidade anatomoclínica”, que concedía o máximo protagonismo á lesión estrutural. Desde esta perspectiva o labor clínico debía estar centrado no estudo dos órganos e as funcións, sendo o dos primeiros o máis relevante para o coñecemento da enfermidade.

Oposicións polémicas

Na primavera de 1871 formou parte do tribunal que resolveu a oposición á cátedra de Patoloxía xeral e Anatomía patolóxica da Universidade de Santiago (Fraga & García Caeiro, 1998). Os opositores eran Timoteo Sánchez Freire e Ramón Varela de la Iglesia. Freire expuxo unha visión superada da Patoloxía e Varela de la Iglesia, pola contra, presentou unha perspectiva da enfermidade próxima á nova "medicina de laboratorio", desde un enfoque dinámico e fisiopatolóxico, positivista. As “forzas vivas” da Facultade de Medicina, con Andrey á cabeza e Romero secundándoo apostaron pola tradición, ficando o innovador Varela de la Iglesia claramente derrotado. Romero interveu eloxiando o “ardiente entusiasmo” do opositor a quen cuestionou en dous temas. En primeiro lugar, criticou o que entendía como “exclusivismo”. En segundo lugar, afirmou que "el trabajo del Sr. Varela de la Iglesia no era acerca de las fuentes de conocimiento de la Patología general y de la Anatomía patológica”. O opositor respondería que non consideraba como fontes de coñecemento os medios de formación dunha ciencia senón, “todos datos por los que llegamos a la adquisición de los conocimientos actuales”. Unha confrontación lóxica, coherente con dúas formas diferentes de enfocar o estudo da enfermidade.

O desenvolvemento dos exercicios permite visualizar o dominio de trasnoitadas correntes “filosófico-médicas”, hipocratismo, vitalismo e “eclecticismo médico”, entre o profesorado da Facultade de Santiago da época, o que tiña, máis alá dos debates teóricos, evidentes consecuencias docentes, clínicas e experimentais. A mediados de século, con Varela de Montes como máxima autoridade científica, Compostela perdera o tren da “mentalidade anatomoclínica” (García Guerra, 1998). E na segunda parte do século, con Andrey como referencia académica e Romero iniciando a carreira académica, rexeitaba a medicina experimental que percorría as escolas de medicina europeas.

A mala relación con Varela de la Iglesia manteríase ao longo do tempo. Así, en 1878, formando ambos parte dun tribunal de Anatomía tivo lugar una discusión e Varela bateu cunha cadeira no brazo de Romero. Abriuse un expediente administrativo e Ramón Varela foi sancionado con “apercibimento”. Por outra parte, cando Varela se presentou, en 1890, á cátedra de Histoloxía da Universidade de Madrid, decidiu recusar a varios membros do tribunal, entre os que figuraba Romero Blanco, sobre o que comenta a Francisco Giner: “Estos bribonazos de por acá, que quisieron que yo no medrase y temen me lleve esa cátedra no sé como hicieron para meter en el Tribunal al más pícaro y canalla de todos ellos, al célebre Francisco Romero Blanco” (carta de 3 de novembro de 1890; Porto Ucha, 1986: 336). A mala relación explica que Varela se negara, enfadado, a aceptar o encargo de Romero para que redactara o discurso de inauguración do curso 1903-04. Os enfrontamentos tiveron importantes consecuencias. Varela de la Iglesia e outros innovadores próximos a el, como Manuel Varela Radío e Roberto Nóvoa Santos, deberon soportar certa marxinación por parte do poder académico. Varela Radío e Nóvoa Santos buscarían na marcha para a Universidade de Madrid (1919 e 1928, respectivamente), unha solución profesional á incómoda situación na que se atopaban no claustro (Gurriarán, 2006), o que se traduciu nunha relevante perda de excelencia científica para a Universidade de Santiago.

Romero ocupaba interinamente desde 1869 a cátedra de Anatomía descritiva, á que accedera en propiedade noutra singular oposición celebrada entre 1871 e 1872. O outro opositor era Francisco Arpal y Daina (1846-1917), encargado de Anatomía na Facultade de Medicina de Zaragoza, na que, máis tarde, ocuparía a cátedra de Anatomía topográfica e o decanato. O tribunal, do que formou parte Timoteo Sánchez Freire, resolcveu por un só voto, conceder, tras disputado debate e despois de varios meses de exercicios, a praza a Romero. O tema xerou un notable alboroto; a proclamación de Romero, o 27 de marzo de 1872, debeu realizarse coa presencia de varios gardas civís para preservar a orde. Arpal apelou nun escrito do día 29 ao Consejo universitario, afirmando que os Reitores eran os “verdaderos y únicos provistadores [sic] de las cátedras por el medio inmoral de los tribunales indignos”. Considerada desde outra perspectiva, a dos contidos científicos e docentes, José Rodríguez Carracido, que asistiu ao acontecemento, sinala que os opositores adicábanse á discusión sobre os problemas máis transcendentais do saber humano, "pero sin preocuparse del aprendizaje de los métodos de trabajo ni de como hacer pesquisa de los datos de la realidad" (Sánchez-Moscoso, 1980: 89).

Producción científica

Romero Blanco publicou un libro, Tratado de angiol-neurología o sistemas vascular y nervioso considerados paralelamente en su parte anatómico-filosófica (Romero, 1869), dous folletos, Ensayo de Angiología anormal casos de notable anomalía del sistema vascular (Romero, 1875) e La Mano (Romero, 1892), e diversos artigos en revistas médicas españolas. Afirmou que tiña redactada unha “Anatomía en general o Anatomía teórica”, obra inédita que ao parecer presentou ao Ministerio de Fomento, de onde decidiu retirala por considerar que “ha permanecido largamente en solicitud” (Romero, 1889: 325). Dese documento tamén se fai eco Matias Nieto Serrano (1892), denominándoo “Anatomía en general o filosófica”.

A obra científica de Romero caracterízase polo seu afán “filosófico”. Está moi condicionada polo interese en aplicar a defensa da súa postura ecléctica, con elementos de pretendida orixinalidade. O Tratado de angiol-neurología (Romero, 1869) é un extenso libro escrito ao remate dos estudos de Medicina, a xeito de notas. Sinala como xustificación da obra a súa oposición ao organicismo. Insiste así na crítica realizada na tese de doutoramento á “escola orgánica”, defensora da “mentalidade anatomoclínica”, que tiña como prioridade o estudo dos órganos.

Pretende presentar unha alternativa orixinal facendo fincapé en que todo no corpo humano é simultáneo, cuestión que exemplifica co caso dos vasos sanguíneos e os nervios. Repasa a circulación nos diversos grupos animais e vexetais, para pasar a unha exposición detallada e ordenada das distintas partes da morfoloxía vascular e nerviosa. Expón dun xeito pedagóxico, como a función determina a forma, mesmo con discusión de diferentes posibilidades orgánicas e o acertado e inevitable do resultado que indica. Polo tanto, a súa tese inicial de simultaneidade semella limitarse a un pronunciamento, pois, na práctica, amosa reiteradamente que a función determina o órgano, admitindo a adaptación perfecta, a perspectiva funcionalista tradicional (Fraga, 2005). O texto recolle esa visión harmónica do cuveirismo, mesturado de suposto sentido común e certa curiosidade e dotes de observación. A morfoloxía cuvierista era funcionalista porque situaba como fundamental para o estudo das estruturas orgánicas a función destas. Na segunda metade do século XIX esa visión harmónica dará paso a outra, adaptativa, moi influída polas teses darwinistas. Ernst Haeckel desempeñaría un notable papel no impulso dunha visión darwinista da morfoloxía baseada na filoxenia e na adaptación, que acadará en Karl Gegenbaur o seu máximo e respectado expoñente no período.

No Ensayo de Angiología anormal (Romero, 1875) tentou aplicar, como veremos, a súa persoal versión do transformismo (darwinismo). Pretende demostrar que as anomalías vasculares poden deberse ao predominio dun dos dous eixos da evolución, segundo el, herdanza e adaptación, unidade e diversidade. De todos os xeitos, o desenvolvemento do tema contrasta con tan interesante proxecto; nun ton especulativo, realiza unha exposición xeral pouco clara, con moi escasa bibliografía; comenta catro casos prácticos de anomalía e formula algunha suposta lei. Pero esta exposición faina desde o cuveirismo, o funcionalismo acaba por imporse e a pretensión inicial semella ficar nun intento de estar ao dia que non se concreta no labor científico.

Despois destes primeiros traballos, sería de esperar que o catedrático abordase novas pescudas. Mais, deixando á marxe proxectos inacabados, case podemos afirmar que a obra anatómica orixinal deste profesor remata aquí, ao pouco de iniciarse. Fican diversos traballos, en grande medida procedentes da inédita “Anatomía general o filosófica”, que irá publicando en diversas revistas. Romero pasa a dirixir os seus esforzos cara aos debates estritamente filosóficos, a carreira académica e política.

En El Siglo Médico publicou varios artigos, entre os que salienta Concepto del aparato circulatorio y del inervador (Romero, 1889). O punto de partida é a lectura da “Patología general” (1883-89) de José de Letamendi (1828-1897), catedrático de Patoloxía da Universidade de Madrid, autor singular con gusto pola especulación. Romero eloxia a súa obra e advirte que só intervén para discrepar nun punto, o relativo á negación de Letamendi de que o aparato circulatorio e inervador teñan un centro. Como é habitual, reitera o seu rexeitamento ás “posturas exclusivistas” e laiase da rotura da unidade do ser vivo que, segundo el, “la Anatomía y la Fisiología modernas han llevado a cabo”. A continuación transcribe a parte do seu texto inédito, “Anatomía en general o Anatomía teórica”, correspondente ao tema que aborda. Da mesma orixe xurdiron diversas cartas publicadas na mesma revista co título de “Ensayo de un programa de Filosofía de la Medicina”, en forma de epístolas a Nieto Serrano.

En 1895 publicou tres artigos na Revista da Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, publicación creada ese ano para servir de canle á produción da Facultade de Medicina. O primeiro levaba por título “Ley de transacción orgánica” (Romero, 1895b). Recolle, de novo, materiais procedentes da súa obra inédita, que presentara á Academia de Medicina solicitando o nomeamento como correspondente. De feito, Matias Nieto Serrano publicou un artigo con ese mesmo título en El Siglo médico (Nieto Serrano, 1892), no que analiza o texto de Romero, que eloxia, recomendando a súa designación como correspondente. Nieto Serrano, persoeiro da Medicina española, participara activamente na resposta dos sectores conservadores ao discurso de Pedro Mata contra o hipocratismo dominante.

Como vemos, Romero consideraba que esa suposta “Ley de transacción orgánica”, tiña unha especial relevancia. De feito, así o afirma no artigo: “Esta ley, a la que denomino así por la necesidad de darle un nombre, de representar de algún modo lo que ella significa, es de grandísima importancia” (Romero, 1895b: 65). No contido repite, nun plano especulativo, a súa vella idea da harmonía funcional e insiste na visión funcionalista tradicional, “el órgano se adapta a la función, se modela por ella” (Romero, 1895b: 67). O artigo, por outra banda, recolle unha curiosa nota: “El criterio que informa mi manera de concebir la Anatomía humana, y que hace muchos años lo aplico a la enseñanza de esta ciencia, es la que hoy inician en Alemania, Krause y Gëgenbauer” (Romero, 1895b: 66). Peculiar comentario porque se sitúa de precursor dun autor da excelencia de Karl Gegenbaur, quen desenvolveu o concepto darwinista da morfoloxía e que estaba nas antípodas científicas de Romero (Fraga, 2005).

A vocación filósofica e polemista. Posicións sobre o darwinismo

Se a obra científica de Romero está ateigada das súas propostas filosóficas, non nos debe sorprender que este catedrático realizara numerosas incursións nesta temática. Así, nunha coñecida publicación, a Revista Contemporánea, publicou un artigo, “La filosofía del señor Nieto Serrano” (Romero, 1876). Explicaba que “Hasta los momentos actuales, dos escuelas filosóficas de poderosa representación, el viejo escolasticismo y el krausismo, se disputaban en España, al lado de otras menos definidas, la supremacía en el libro, la academia, el ateneo, la cátedra, y en toda discusión: a dichas escuelas añádense hoy el positivismo y el neo-kantismo, con probabilidades de éxito en la lucha”. E toma posición a prol da corrente neokantiana, encarnada en Nieto Serrano. O recurso ao idealismo kantiano deste autor, que fai de Romero o principal receptor das posicións neokantianas en Galicia, encaixaba perfectamente na súa posición ecléctica e, sobre todo, supuña un fortalecemento da postura antipositivista do profesor compostelán.

Desde estas posicións, participou activamente nos principais debates filosóficos, ideolóxicos e científicos da época, en concreto nos relativos á relación entre a Ciencia e a Relixión e o darwinismo (Fraga, 2005). No Ensayo de Angiología anormal (Romero, 1875) realizou unha bastante correcta exposición do darwinismo, probablemente a primeira publicada en Galicia. Explica serias discrepancias co transformismo, sobre todo coa versión haeckeliana; fronte ao monismo do biólogo alemán, defende a filosofía dualista católica. De todos os xeitos, nese momento, admite a evolución das especies, a loita pola existencia e a Selección Natural. Porén, na liña conciliadora que o caracteriza, matiza que as especies en evolución non teñen que ser as convencionais, segundo a Bioloxía, senón as creadas por Deus; neste sentido, que posteriormente desenvolverá, coida que a evolución é posible en cada especie divina. O tema central do libro é, precisamente, o da aplicación da súa peculiar visión do darwinismo aos estudos morfolóxicos.

As máis coñecidas intervencións de Romero nos debates son as relacionadas coa polémica que mantivo co crego carlista Angel Nóvoa. Co nome de Franrobla, publica na Revista Compostelana o artigo "La Herencia del primer pecado según la ciencia" (Romero, Franrobla, 1876 b); nel relaciona o nacemento da ciencia co primeiro pecado, pois sen este o erro non existiría e a ciencia carecería de obxecto. A reacción do crego Nóvoa aparece no xornal católico pontevedrés El Anunciador. Nóvoa explica que as teorías e apreciacións do artigo de Franrobla non lle parecen satisfactorias nin dignas de circular sen un correctivo.

Romero resposta cun extenso folleto, La Herencia del primer pecado según la ciencia y la carta de un cura (Romero, Franrobla, 1877 a). Molesto polo artigo de Nóvoa, defende, en ton de superioridade, a conciliación entre as novidades científicas e os dogmas católicos, desde a preeminencia destes. Dun xeito secundario refírese á cuestión transformista, que non é o tema central da disputa. Apreciase, con relación ao Ensayo de Angiología anormal, unha menor receptividade co sistema de Darwin, que considera fundado nunha mala interpretación dos feitos, acentuando os elementos discrepantes que xa apuntara con anterioridade. Os razoamentos de Romero sitúanse no plano ideal, especulativo, non no ámbito das Ciencias Naturais, pero é interesante o seu xeito de situarse fronte ao transformismo, admitindo a posibilidade dunha evolución parcial, a partir da creación divina e identificándose cunha perspectiva ortodoxa, de “los que entendemos las Ciencias Naturales en sentido católico”.

Na polémica póñense de manifesto unhas contradicións no seo do grupo católico. As posicións integristas de Nóvoa foran asumidas pola xerarquía católica no sexenio, cando apoiaba ao carlismo como opción política (Barreiro Fernández, 1976). Coa Restauración monárquica hai un cambio de estratexia, a aparición dunha liña posibilista, de integración no sistema.

En 1877 publica o folleto La Herencia simia del hombre (Romero, 1877 b), no que propón unha unha suposta alternativa enxeñosa ao tema da evolución, desde a ortodoxia católica. Discute o rexeitamento acadado por Darwin por dicir que os seres humanos descenden dos monos e recorrendo á filosofía dualista, sobre a distinción entre obras humanas e divinas, entre realidade destas últimas e percepción humana delas, acude a xustificar a posibilidade de percibir na obra divina unha idea de proceso, de conexión entre os seres. Isto non debe levarnos a pensar que Romero defenda as teses de Darwin, trátase dun artificio intelectual e así é presentado explicitamente polo autor. Cómpre sinalar que ao longo de toda a argumentación é patente a ausencia de referencias a algún dato científico ou feito experimental; o catedrático de Anatomía móvese no terreo filosófico, entendido como especulativo. Pretende superar o antagonismo existente entre as posturas darwinistas e católicas, pero desde unha perspectiva que parte da superioridade da ortodoxia católica e nun terreo ideal, chegando a propoñer que Deus creou a Natureza seguindo un plan evolucionista. O mérito da proposta ecléctica de Romero pode residir na súa relativa orixinalidade e no momento en que a presenta; nesa época as teses concordistas tiñan escasa presencia entre os sectores católicos (Glick, 1982).

No inicio do curso universitario 1891-92, leu o Discurso inaugural correspondente, La vida en todas sus manifestaciones (Romero, 1891). Esténdese amplamente nas súas teses, aplicando criterios metafísicos de causalidade para discutir cuestións científicas. Realiza unha ampla especulación sobre a alma, a vida, a materia, o espírito, a forza, etc., con razoamentos propios dunha lóxica aristotélica e retórica metafísica, sen referencias a feitos experimentais. Extraendo as principais posicións do autor da abondosa prosa, vemos que admite a posibilidade da evolución das especies, agás o caso humano, negando o cambio cualitativo materia inanimada/vida e animais/seres humanos. A diferencia doutros antidarwinistas Romero, como vimos, coñece a teoría transformista e diferencia entre a proposta católica, que el defende, a de Darwin e a de Haeckel. Parte do texto do Discurso reproduciuse no limiar de Romero nun libro do frade Plácido Rey (Romero, 1902).

Romero, que nos primeiros anos setenta era cualificado de “darwinista” (Porto Ucha, 1986: 492) mudou a súa posición co paso do tempo. Tras unha rechamante discusión crítica, en 1875, con intento de aplicación, pasa, dous anos despois, a un rexeitamento xeral. En todo momento mantense un intento conciliador das ideas darwinistas e os principios católicos, desde a identidade e supremacía destes últimos, pero os termos desta concordancia varían. De feito, fronte á busca dun punto de acordo, pasa a unha total dependencia da visión católica. Non deixa de ser significativa, nesta evolución, a progresiva énfase nos elementos especulativos e retóricos dos seus razoamentos e no abandono da vía práctica, de aplicación das teorías darwinistas, enunciada en 1875.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Expediente de oposición a la cátedra de Anatomía. 1871-1872. Opositores Arpal y Romero Blanco, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Histórica, cartafol 407.

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, Universidade. Serie histórica. Cartafol 16.

Fontes impresas:

ROMERO BLANCO, F. (1867): De la Medicina considerada como Ciencia y como arte, Madrid: Imprenta Revista de Legislación.

ROMERO BLANCO, F. (1869): Tratado de angiol-neurología o sistemas vascular y nervioso considerados paralelamente en su parte anatómico-filosófica, Santiago: Establec. Tipog. Souto.

ROMERO BLANCO, F. (1874): Blanqueamiento de los huesos por la esencia de trementina, Anfiteatro Anatómico Español, 40: 197-198.

ROMERO BLANCO, F. (1875): Ensayo de Angiología anormal casos de notable anomalía del sistema vascular, Santiago: Establc. de El Diario.

ROMERO BLANCO, F. (1876a): La filosofía del señor Nieto Serrano. Bosquejo de la ciencia viviente. Ensayo de enciclopedia filosófica por Don Matías Nieto Serrano, Revista Contemporánea, 20, IV: 427-443.

ROMERO BLANCO, F. (1876b): La Herencia del primer pecado según la ciencia, Revista Compostelana , n. 11 (16 de Decembro de 1876).

ROMERO BLANCO, F. (Franrobla) (1877 a): La Herencia del primer pecado según la ciencia y la carta de un cura, Santiago: Est. Tip. El Diario.

ROMERO BLANCO, F. (Franrobla) (1877 b): La Herencia símia del hombre, Santiago: Establ. Tip. El Diario.

ROMERO BLANCO, F. (1884):Programa de anatomia humana normal y fisiológica (general y descriptiva), Santiago: Estab. tip. de la viuda e hijas de Mirás.

ROMERO BLANCO, F. (1889): Concepto del aparato circulatorio y del inervador con ocasión de la lectura de la “Patología General” del señor Letamenti, El Siglo Médico, 324-326; 340-342; 357-360; 374-376; 388-390.

ROMERO BLANCO, F. (1891): La vida en todas sus manifestaciones. Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago durante la inaguración del curso de 1891 a 1892, Santiago: Impr. Paredes.

ROMERO BLANCO, F. (1892): La Mano: resumen de dos conferencias dadas en el Remeo[sic]Artístico do Santiago, Madrid: Manuel Ginés Hernández.

ROMERO BLANCO, F. (1895a): Simbolismo geométrico ó esquema de la vida, El Siglo Médico, 41: 707; 738; 769; 42: 2; 82; 97.

ROMERO BLANCO, F. (1895b): Ley de transacción orgánica, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 5: 66-67; 6: 85-86.

ROMERO BLANCO, F. (1895c): Idea general del cuerpo humano, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 9: 130-131; 10: 146-148.

ROMERO BLANCO, F. (1895d): Forma de la cavidad del pecho y aplicaciones de su conocimiento al estudio de la Anatomía y Fisiología de esta parte del cuerpo. Conferencia dada por el Dr. D. Francisco Romero Blanco en la última sesión celebrada por la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 11: 162-163.

ROMERO BLANCO, F. (1899): Construcción arquitectónica de la calavera: sus bóvedas, pilastras, contrafuertes y arcos, Boletín de Medicina y Cirugía (órgano dos alunos internos do Hospital clínico de Santiago), 1: 5-8; 2: 25-28; 6: 121-123.

ROMERO BLANCO, F. (1902): Al P. Plácido-Angel R. Lemos, La vida orgánica en si misma y en sus manifestaciones, Rey Lemos, P., Madrid: Impr. G. del Amo; p. VII- XVIII.


Bibliografía secundaria:

BARCIA CABALLERO, J. (1919): Don Francisco Romero Blanco, Boletín da Real Academia Galega, n. 128: 203-204.

ANDREY Y DE SIERRA, J. (1861): , Santiago: Tip. De José Rodríguez Rubial.

BARREIRO FERNANDEZ, J.R. (1976): El carlismo gallego, Santiago: Pico Sacro.

FRAGA, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A.(1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

FRAGA, X. A. (2005): Influencias ideológicas en la recepción del darwinismo en Morfología biológica a finales del siglo XIX. Los casos de los médicos Francisco Romero Blanco y Juan Barcia Caballero, Llull, XXVII: 401-422.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, José Danón (coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española, Barcelona: Fundación Uriach; p. 129-147.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX, Santiago: Universidade.

GLICK, T.(1982): Darwin en España, Barcelona: Ediciones Península.

GÓMEZ VÁZQUEZ, F. (1896): Los Maestros de la medicina española: el doctor D. Francisco Romero Blanco, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 1: 2-3.

PORTO UCHA, A. (1986): La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

MARCO, A.(2000): Francisco Romero Blanco, Alameda (Sociedade Liceo de Noia-A Coruña), 0: 25-30.

NIETO SERRANO, M. (1892): Ley de transacción orgánica, El Siglo Médico, 2002: 289-292.

SANCHEZ-MOSCOSO HERMIDA. A. (1980): José Rodríguez Carracido ante la historia de la Ciencia Española: Actitud spenceriana, El científico español ante su Historia, I Congreso Soc. Esp. Ha. Cs., Madrid: AGISA; p. 85-95.

VARELA GONZALEZ, I. (1986): La Universidad de Santiago de Compostela, 1898-1936, Santiago: Universidade; tese de doutoramento.