culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pío García Novoa

Especialista nas técnicas de laboratorio propias dos profesionais farmacéuticos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 09/09/2012

Extras sobre Pío García Novoa:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Pío García Novoa”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/09/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=340
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pontedeume (A Coruña) 1883
  • Falecemento: Pontedeume (A Coruña) 1932
Logo de obter o grao de bacharel no Instituto da Coruña en 1899, cursou a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, na que se licenciou en 1911. Exerceu profesionalmente en Pontedeume e chegou a ser Presidente do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña.

Dedicado ao estudo e ao laboratorio, amosou un perfecto coñecemento da misión que debe desenvolver un inspector farmacéutico municipal, e que plasmou nas tres cartillas publicadas na Coruña durante os anos 1928 e 1929 baixo os títulos Cartilla de análisis bromatológicos, Cartilla de desinfección e Cartilla de análisis clínicos. Nas dúas cartillas de análises expón as nocións xerais dos distintos tipos de análise, tratando posteriormente, polo miúdo, o modo de proceder en cada caso e acompañando, a Cartilla de análisis clínicos, cunhas nocións bacteriolóxicas de gran valor práctico. Na Cartilla de desinfección describe os procedementos de depuración de augas e os da desinfección da vivenda e dos materiais de uso doméstico. Tamén especifica as normas a seguir cos animais enfermos, completando o folleto cun cadro de enfermidades infecciosas no que se resumen os modos de propagación e as regras profilácticas á seguir en cada proceso. Exemplares destas tres publicacións poden atoparse na biblioteca da Real Academia de Farmacia.

Especial importancia teñen os seus traballos sobre a constante de Ambard, que relaciona a urea existente no sangue coa existente s ouriños. Na obra La constante de Ambard, publicada en Madrid en 1926, logo de concretar fórmulas para o cálculo do gasto ureico e de chegar á fórmula de Ambard, explica a determinación da devandita fórmula a partir dos datos experimentais, dando ao final do libro unhas táboas para facilitar a obtención dos mesmos. En 1929 publicará Ábaco para la constante de Ambard, chegando con el á simplificación máxima no campo matemático relacionado coa constante.

Cómpre salientar tamén a obra de divulgación Detalles que pueden prestar utilidad al farmacéutico rural, impresa en A Coruña en 1928, na que trata temas tan diversos como abastecemento, desinfección e depuración de augas, o saneamento -coa descrición pormenorizada dun pozo séptico-, ou as instrucións destinadas a prever e combater a propagación da rabia.

Roldán (1975) ten recollidos mais de setenta artigos de carácter científico publicados por García Novoa en revistas como El Monitor Farmacéutico, La Voz Farmacéutica ou La Farmacia Española na década de 1920. Destacan os relacionados cos labores de prevención, sanidade e hixiene no medio rural, e a serie sobre as análises rápidas de laboratorio do leite, a auga, o xugo gástrico, as sero-aglutinacións, a manteiga de vaca e a graxa de porco. Cómpre salientar tamén os traballos de divulgación publicados nas mesmas revistas sobre o emprego da colorimetría como técnica analítica. A eles habería que sumar outros seis artigos publicados na Revista de Farmacia, editada en Santiago por Antonio Eleizegui, sobre temas similares aos xa citados.

Para complementar a súa biografía, resulta de utilidade o traballo de David Castro (2007), Poder e parentesco en Pontedeume (1877-1936). O método da xenealoxía entrelazada, que sitúa a Pío García Nóvoa como presidente da Unión Republicana de Pontedeume en 1931, e como peza clave da reprodución económica e simbólica do poder local na súa vila natal.



Bibliografía:



Fontes impresas:

GARCÍA NOVOA, Pío (1923): “Colorimetría y colorímetro de Hellige”, El Monitor farmacéutico, XXIX: 17.

GARCÍA NOVOA, Pío (1926a): La constante de Ambard, Madrid: Imp. Maestre.

GARCÍA NOVOA, Pío (1926b): “Recogida y depuración de excretas en la población rural”, Revista de Farmacia, p. 225.

GARCÍA NOVOA, Pío (1927): Detalles que pueden prestar utilidad al farmacéutico rural , A Coruña: Imp. Moret.

GARCÍA NOVOA, Pío (1928a): Cartilla de análisis bromatológicos, A Coruña: Imp. Moret.

GARCÍA NOVOA, Pío (1928b): Cartilla de análisis clínicos, A Coruña: Imp. Moret.

GARCÍA NOVOA, Pío (1929): Cartilla de desinfección, A Coruña: Imp. Moret.

Bibliografía secundaria:

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la enseñanza de la Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la facultad. 1857-1957, A Coruña: Imp. Moret; pp.: 184-185.

ROLDAN GUERRERO, R. (1975). Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Imp. P.H.O.E.; II: 363-368.